O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe o apoio do BNG e do PSdeG á solicitude para que o Goberno central retire de inmediato o recurso de inconstitucionalidade que presentou contra os preceptos que regulan o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como as medidas referidas á repotenciación dos parques eólicos e a obriga de ofertar e vender en Galicia parte da electricidade xerada en beneficio da cidadanía e da industria galegas. “Terán oportunidade no Pleno da vindeira semana de posicionarse sobre esta cuestión e demostrar que están do lado do autogoberno de Galicia e dos galegos, defendendo os seus intereses fronte a un Pedro Sánchez máis preocupado por garantir a súa permanencia no Goberno de España a toda costa e polo tempo que sexa”, apuntou.
Alberto Pazos sinalou que o recurso presentado contra o recoñecemento de xeito automático da dependencia e da discapacidade “paralizou inmediatamente o proceso aberto pola Xunta o pasado ano, que xa permitira a máis de 12.600 persoas con dependencia obter de xeito automático o recoñecemento da discapacidade, avanzando na axilización das listas de espera, situando a Galicia como a comunidade que máis baixou o tempo de espera; e reducindo os tempos de tramitación, que só no primeiro semestre do pasado ano foi de 25 días menos”.
Ademais de apoiar a carta que a conselleira remitiu este mércores ao ministro de Dereitos Sociais, na que insta ao Goberno central a retirar o recurso e manter un encontro para debater sobre esta cuestión e outras relacionadas coa atención á dependencia, Alberto Pazos amosou a sospeita de que “o principal motivo do Goberno de Pedro Sánchez para opoñerse a esta medida da Xunta é que este recoñecemento automático supón unha merma dos seus ingresos”. En concreto, lembrou que a homologación automática da discapacidade a persoas con dependencia permitiu un aforro a estas persoas de 114 millóns de euros só durante o pasado ano, “cartos que a Administración central deixou de ingresar e que tanta falta lle fan a un Goberno tan preocupado en dar cumprimento ás esixencias monetarias dos seus socios independentistas cataláns”.
Pazos contrapuxo esta situación “coa firme disposición da Xunta a colaborar cos concellos galegos na prestación do servizo de axuda no fogar”, que se puxo de manifesto no día de onte co acordo asinado polo Presidente da Xunta e o Presidente da Fegamp no que se recolle o incremento dun 50 por cento ata o remate da lexislatura da aportación da Xunta para a prestación do SAF nos concellos galegos, unha suba que se traduce, directamente, en 150 millóns de euros máis do orzamento que a Xunta vai achegar aos concellos.
NOVO GOLPE AO SECTOR EÓLICO GALEGO
Respecto da outra parte do recurso presentado polo Goberno central referido á paralización do proceso de repotenciación do sector eólico impulsado pola Xunta, o portavoz popular explicou que se trata “dun novo golpe para a expansión deste sector en Galicia e un freo á descarbonización da Comunidade galega, xa que se limita a capacidade de redución das afeccións ambientais e paisaxistas dos parques eólicos; se limita a capacidade de xerar máis enerxía renovable e se reduce tamén a capacidade de baixar a factura da luz para todos os galegos; e tamén se limita o interese das industrias por crecer ou implantar os seus proxectos na Comunidade galega, xa que veranse privadas de acceder a unha enerxía máis limpa e máis barata”.
Relacionado con este sector, Alberto Pazos referiuse á decisión do Goberno central de abrir a consulta pública para a primeira poxa neste sector a nivel estatal. Neste sentido, avanzou que o Grupo Popular demandará no Parlamento galego que Galicia
teña un trato preferente por parte do Goberno de España nesta primeira poxa, de xeito que se poida impulsar unha industria na que as empresas galegas se están a especializar e despuntar a nivel internacional.
“Pero, á marxe de que se impulse dunha vez esta poxa da eólica mariña, que tanto tempo levamos esperando, non imos permitir que este avance prexudique ao noso sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola”, asegurou Alberto Pazos, quen insistiu en que “calquera desenvolvemento da eólica mariña deberá garantir a súa convivencia coa actividade pesqueira e marisqueira, asegurando unha planificación rigorosa que teña en conta os usos tradicionais e a sustentabilidade dos recursos mariños”. “Sempre defendemos e seguiremos defendendo un modelo de desenvolvemento industrial e enerxético que combine a diversificación económica coa protección das actividades tradicionais do mar, garantindo ao mesmo tempo emprego, riqueza e sustentabilidade para as futuras xeracións”, concluíu.