O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe ao BNG que “abandone a pancarta, volva ao rego e traballemos todos xuntos na elaboración dun gran Pacto pola Lingua, que garanta o futuro dunha lingua que pertence a todos os galegos e que entre todos imos garantir a súa expansión”.
Alberto Pazos manifestou que “celebramos mañá o Día das Letras Galegas nun momento que creo especial para o futuro do galego, xa que está aberto un proceso para a formalización dun gran Pacto pola Lingua e para a renovación do Plan Xeral de Normalización Lingüística”.
Porén, lamentou que “neste proceso, como en todo o que ten que ver co futuro de Galicia e que supoña algún beneficio para os galegos, o BNG decidira botarse fóra de xeito unilateral, chegando incluso a intentar boikotear a primeira das reunións celebradas deste Pacto pola Lingua incitando aos presentes a abandonar este proxecto”. “Felizmente, o éxito deste boikot traduciuse no abandono das dúas únicas persoas que promovían esta acción, como se confirmou posteriormente moi relacionadas co círculo máis próximo ao BNG e ás súas organizacións satélites”, dixo.
ACHEGAS EN TOTAL LIBERDADE
“Estamos a falar dun pacto no que están a participar máis de 130 expertos, representando ás máis diferentes entidades, institucións ou organismos relacionados coa nosa lingua, que traballan en total liberdade facendo as súas achegas para que o galego teña un futuro firme e de expansión”, explicou o portavoz popular, quen criticou que os nacionalistas “se creen os amos e señores de todo o relacionado coa nosa lingua, algo totalmente equivocado xa que o galego é propiedade de todos os galegos e forma parte substancial do patrimonio da nosa sociedade”.
Alberto Pazos sinalou que “debemos amosar o noso orgullo porque o galego sexa o idioma cos niveis de competencia máis elevados entre todas as linguas cooficiais existentes en España, pero sendo conscientes da necesidade de impulsar o seu uso e prestixio, para o que é fundamental avanzar na elaboración dese gran Pacto pola Lingua”.
Deste xeito, subliñou que “o BNG e as súas organizacións satélites continuarán tendo as portas abertas, sempre que a súa participación sexa de boa fe e para traballar conxuntamente no beneficio da nosa lingua”, pero afirmou que “o que estamos a comprobar é que dirixen todas as súas forzas a intentar impoñer a súa doutrina respecto da nosa lingua, pero desde fóra do foro que está a traballar polo futuro do galego”.
Por outra banda, e logo da celebración da Comisión de control da Corporación de Radio e Televisión de Galicia na que se designou a María Concepción Pombo Romero como candidata á Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, Alberto Pazos avanzou que o seguinte paso para a súa elección será a comparecencia na mesma Comisión o vindeiro 27 de maio para examinar a súa idoneidade para o cargo.
COMPARECENCIA EN COMISIÓN E ELECCIÓN EN PLENO
Unha vez cumprido este trámite, a candidata quedará pendente da súa elección no Pleno: ben por unha maioría de dous terzos, nunha primeira votación; unha maioría de tres quintos, nunha segunda votación noutro Pleno; e, finalmente, no caso de non chegar a acadar estes apoios, procederase a unha nova votación na que a elección se realizará por maioría absoluta nun terceiro Pleno.
Alberto Pazos lembrou que “o Grupo Popular amosou desde o primeiro momento a mellor intención para consensuar con todos os grupos políticos o perfil idóneo da persoa que debería asumir a Dirección Xeral da nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, pero, a pesar de compartir tanto co BNG como co PSdeG a gran maioría dos condicionantes que puxeron enriba da mesa para escoller á persoa que se faría cargo da Dirección Xeral da Corporación, nin nacionalistas nin socialistas foron capaces de propoñer candidato ou candidata algún para este posto”.
Diante desta situación, considerou que existen dúas posibles xustificacións para que BNG e PSdeG non presentaran candidato algún: “que non teñan a ninguén disposto a ocupar este posto de tanta responsabilidade na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, a pesar de levar máis dunha década pedindo o cese ou dimisión do actual director xeral do ente; ou que están moito máis cómodos na crítica que na realización de propostas viables polo ben de Galicia e dos galegos”.
“Será que os grandes coroneis da UPG prefiren por enriba de todo trasladar a súa negra visión da radio e televisión públicas galegas, que en poñer enriba da mesa posibles solucións ou propostas alternativas ás do Partido Popular; ou que aos socialistas se lles van todas as forzas e posibles candidatos na súa labor de okupación e desprestixio continuado da radio e televisión españolas, conseguindo os niveis máis baixos de audiencia de toda a súa historia e que agora está volcada na recuperación do prestixioso Salvame que tantas tardes de gloria rosa deu noutras canles privadas”, manifestou o portavoz popular.
TRANSPARENCIA SOBRE ALTRI
Para rematar, Alberto Pazos demandou unha rectificación pública ao viceportavoz do BNG, Luis Bará, porque “foi capaz de denunciar a bombo e prato nunha rolda de prensa que a Xunta non facilitara toda a documentación que solicitaran os nacionalistas respecto da aprobación da declaración de impacto ambiental para o proxecto de Altri en Palas de Rei e, ao día seguinte, retirar esta mesma solicitude de documentación”. “Debeu ser que revisou ben os papeis que xa lle enviara a Consellería, porque entre eles xa figuraban todos os documentos que un día antes aseguraba que non lle fixeran chegar”, apuntou.
Deste xeito, pediu “un pouco de responsabilidade e menos demagoxia e terxiversación co proxecto de Altri, porque está demostrado que a Xunta non ten nada que esconder e está traballando con total transparencia, facilitando toda a información que se lle solicita por parte dos grupos da oposición”.