O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pechou hoxe a campaña electoral facendo un chamamento ao voto para que Galicia sexa oída en Europa e para que a nosa pesca, o noso agro e as nosas infraestruturas sexan defendidas por eurodeputados que representen o traballo, a moderación e o rigor que os galegos merecen e necesitan.
No multitudinario mitin celebrado esta tarde na cidade da Coruña, o líder dos populares galegos apelou á maioría absoluta acadada nas autonómicas asegurando que as vitorias do partido radican na súa xente, nos votantes e na militancia. Un gran equipo que nunca falla e ao que animou a ser partícipe dunha nova vitoria nas eleccións ao Parlamento Europeo deste domingo.
Consciente dos esforzos realizados nas sucesivas convocatorias electorais, Rueda pediu un novo reiterando que pagará a pena porque o Partido Popular é sempre a mellor resposta fronte aos incumprimentos, os partidismos e as desigualdades que promoven outros partidos.
Este domingo, concluíu, a resposta dos galegos é o seu voto. De aí a importancia de que todos vaian votar. Xa que, do contrario, despois haberá moitas preguntas probablemente tamén moitos arrepentimento. “Temos que responder nas urnas, con contundencia e con democracia”, remarcou o presidente.
MILLÁN MON: “A CORUÑA TEN MOITO QUE DICIR EN EUROPA”
Pola súa banda, o candidato Francisco Millán Mon quixo agradecer ao Partido Popular de Coruña o traballo realizado durante esta campaña: “Grazas, Miguel. Grazas, Diego. Sei que Coruña, tanto cidade como provincia, deron o 100% durante estes quince días de campaña”.
Reiterou que estas eleccións son moi importantes para a Unión Europea, pero tamén para Galicia e para España subliñando aspectos cruciais para o seu benestar como a pesca, a industria, os fondos europeos, as infraestruturas, a agricultura e gandería, o transporte, a enerxía ou o comercio exterior.
Sinalou que a provincia de Coruña é a quinta exportadora en España. Unha provincia que ten moito que dicir en España e en Europa: “Esta fermosa cidade, na que ninguén é forasteiro, e toda a provincia poden estar tranquilas, xa que seguirei defendendo os seus intereses en Bruxelas o próximos cinco anos, como levo facendo todos estes anos”.
Por último, Millán Mon pediu unha alta participación o próximo 9 de xuño, “que ninguén quede en casa” e sinalou que espera que o Partido Popular volva ser a opción preferida polos galegos nas urnas como nas autonómicas deste ano con Alfonso Rueda, as xerais de xullo do ano pasado con Alberto Núñez Feijóo e tamén nas municipais de maio de 2023 con Miguel Lorenzo.
“É unha oportunidade para todos os coruñeses e galegos e tamén para todos os españois de responder as políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa”, concluíu.
ADRIÁN VÁZQUEZ: “SE QUERES QUE EUROPA AVANCE, VOTA PP”
O candidato Adrián Vázquez incidiu tamén no moito que Galicia se xoga en Europa e en España e pediu o voto dirixíndose a cada galego: “Se queres que Europa avance, vota PP. Se estás canso das mentiras, das frivolidades e da corrupción de Sánchez, vota PP. Se queres que Galicia siga rodando e exportar o noso modelo de éxito a Europa, vota PP”.
Fixo balance dunha campaña na que recorreu Galicia “de punta a punta” e “alá onde fixo falta poñer a orella e atender os problemas dos galegos que imos levar a Europa”. Un contacto directo con alcaldes, concelleiros, gandeiros, agricultores e empresarios da que se mostrou orgulloso: “A política que funciona é a de responder cando te precisan e pelexar por aportar solucións aos problemas”.