Hoxe, nun mitin en Lalín ao que asistiron 2.000 persoas e no que tamén participou o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo
Alfonso Rueda comprométese a defender o dereito de galegas e galegos “a vivir tranquilos lonxe das imposicións”
- Contrapón o retroceso que supón o nacionalismo co avance que propón o PPdeG: “Quero que Galicia siga funcionando e que todo o que temos por diante sexamos capaces de facelo xuntos”
- Fronte aos que non teñen nada máis que ofrecer que a ruptura con España e as imposicións lingüísticas, o presidente defende o inconformismo do seu partido: “Temos a imaxinación, as ganas e a valentía para ofrecer cousas novas para que Galicia sexa cada día mellor”
9 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda asegurou hoxe que o nacionalismo é sinónimo de retroceso para Galicia e que a única forma de seguir avanzando é facelo xuntos e desde a unidade, apelando á oportunidade que se presenta o 18 de febreiro para “librarnos das matracas da nacionalismo votando unha maioría do PPdeG”.
Sostivo neste sentido que esta campaña electoral está evidenciando que por unha banda están os que “non teñen nada que ofrecer a Galicia e dedican o seu día a día á descualificación” e, por outra, o PPdeG. “Nós si temos un programa e por iso empregamos cada día para facer propostas para todos: os mozos, as familias, os que están fora e queremos que volvan e a xente do agro e do mar”, engadiu.
Fronte a esta actitude propositiva dos populares galegos, Rueda afirma que o que hai en fronte é “a mesma matraca de sempre”. Unha visión negativa de Galicia e que nada mudou nestes anos: “Tiveron tempo para pensar cousas novas, pero seguen coas súas mesmas pretensións: a independencia, a ruptura con España e coa Constitución, e a imposición de falar só na lingua na que eles queren falar”.
“Nós temos a imaxinación, as ganas e a valentía para ofrecer as cousas novas. Porque somos inconformistas e queremos que as cousas sexan cada día mellor. Pero, sobre todo, porque sabemos o que é gobernar e por iso podemos seguir facendo propostas”, contrapuxo.
Alfonso Rueda reivindicou que o seu obxectivo “non vai ser impoñer unha ideoloxía aos demais, nin pretender que a algúns lle vaia ben a costa de que lle vaia mal a Galicia”, senón “seguir traballando polos galegos e as galegas”. De aí o seu compromiso de continuar defendendo “o dereito de Galicia a vivir tranquila lonxe das imposicións” para que “sigamos sendo unha terra tranquila e amable afastada dos problemas que nos queren traer”.
Apostou así por unha Galicia que “se supere a si mesma” e continúe o camiño de avance experimentado nestes anos no que se refire ao apoio ás familias, a aposta pola educación pública, a potenciación da excelencia entre a mocidade, a defensa do medio rural e o continuo incremento do investimento na sanidade pública.
“Eu non quero que Galicia se atasque en follóns. Quero que Galicia funcione con sentidiño e que todo o que temos por diante sexamos capaces de facelo xuntos”, concluíu animando aos seus a seguir traballando con convencemento para que o día seguinte das eleccións poidan “seguir traballando por Galicia durante catro anos coa maioría necesaria para poder facelo” e pedíndolles a todos a súa confianza asegurando que el, a cambio, fará “todo o posible por responder a ela”.