O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, nas vésperas de iniciar un novo ano, fixo hoxe balance dun 2025 que, segundo asegurou, serviu para deixar claro que fronte á Galicia “estable e unida” pola que traballan o seu partido e o seu Goberno, o único que ofrecen os partidos da oposición son a parálise dos socialistas e o ‘non a todo’ dos nacionalistas.
“Neste ano demostramos con feitos que somos a única alternativa fiable de goberno: un Goberno estable asentado sobre un partido unido”, explicou na súa intervención no pincho de Nadal organizado polo PP da provincia de Pontevedra no concello de Cangas. Unha intervención na que destacou a “excepción” que supón para os galegos contar cun Executivo capaz de aprobar os seus Orzamentos ano tras a ano e facelo ademais pensando só en Galicia e nos galegos.
Unha prioridade que contrasta coa dun Goberno central que, segundo denunciou o líder dos populares galegos poñendo o exemplo da AP-9, despreza a Galicia día si e día tamén. Aí está o feito de que Pedro Sánchez condene aos usuarios desta autoestrada a asumir cada ano a suba das peaxes e, ademais, se negue a rescatala cando noutros territorios si procede á súa liberación.
Para Rueda, pouco máis pode dun Goberno “en descomposición” que prefire facer “house tour” da Moncloa antes que solucionar o problema da vivenda ou que prefire facer anuncios baleiros de bonos de transporte antes que poñer remedio ao mal funcionamento dos servizos ferroviarios.
Fronte a todo isto, subliñou, o Partido Popular é “a única alternativa para facer ben as cousas” e por iso animou aos seus a facelo valer en todos os ámbitos, empezando por un 2026 no que o partido comezará a traballar por unhas eleccións municipais nas que se o resultado das urnas será o resultado do traballo diario, do talante e do compromiso dos candidatos cos seus veciños.
“Imos polo bo camiño e temos que seguir nesa liña”, concluíu, louvando o traballo realizado polo partido provincial, tamén á fronte da Deputación de Pontevedra, e igualmente polo PP de Cangas, demostrando desde a oposición que está preparado para gobernar e dar un necesario pulo ao concello.
LUIS LÓPEZ: “CANDO UN ESTÁ COA XENTE, A XENTE RESPONDE”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, agradeceu a asistencia ao pincho provincial aos máis de 100 persoas que integran a Xunta Directiva da provincia de Pontevedra: “Grazas por asistir a este pincho logo de tantos aos que levades asistido nas últimas semanas. Grazas por aparcar por un intre as obrigas políticas, e tamén as familiares, para estar con esta outra familia do Partido Popular. Grazas á agrupación de Cangas que hoxe exerce de anfitrioa, e sobre todo grazas por todo o traballo realizado neste 2025, porque non será máis que un prólogo do que virá en 2026 e 2027”.
Na mesma liña, fixo especial fincapé en que “cando un está coa xente, a xente responde”. En 2025, segundo indicou, houbo moitos exemplos disto: “Demostramos que somos especialistas en arranxar os problemas que nos deixan outros, como en Forcarei e Mondariz; e que onde outros poñían moito sectarismo nós poñemos moito investimento”. Por todo iso agradeceu ao partido a súa contribución a que 2025 fóra “un ano de grandes resultados para a provincia”.
Luís López animou así a todos a seguir nesta liña e a traballar para facer posible que o 2026 sexa un ano “transcendental” na traxectoria do partido: “Plantemos a semente das vitorias de 2027”.