O presidente do PPdeG fixo un chamamento aos seus a seguir loitando contra as mentiras do sanchismo, recordando que o propio Pedro Sánchez dixo que non implantaría peaxes nas autovías e que agora é o propio director da DXT o que recoñeceu que pasarán a implantarse no 2024.
Francisco Conde incide na importancia de “votar de corazón e con cabeza” porque “Lugo e Galicia nos necesitan para poñer fin a cinco anos de sanchismo nos que o Goberno pasou da nosa provincia”
Elena Candia: “Lugo coñece de primeira man que Feijóo é unha persoa de palabra e que sempre tivo na nosa provincia e na súa capital unha prioridade, e así llo recoñeceron os lucenses con catro maiorías absolutas”
Alfonso Rueda pediu a Sánchez que explique aos condutores que empregan a A-6 cada día que van ter que pagar por usala cando leva máis dun ano cun viaduto caído e aos condutores da A-8 que van ter que pagar por usar unha vía con problemas de néboa sen solucionar
Subliñou a este respecto que circular pola A-6 e pola A-8 non é un capricho para os lucenses, senón unha necesidade; polo que o presidente do Goberno debe aclarar dunha vez o que vai suceder coas peaxes
Sobre a suposta visita de Pedro Sánchez a Lugo este xoves para participar nun mitin, o líder dos populares galegos ironizou con que o candidato socialista xa ía vir a Galicia a pechar a campaña das últimas autonómicas e ía ir a Lugo para pechar a campaña das municipais e tamén a semana pasada
“¿Que chegará antes a Galicia, o escorregadizo mitin de Pedro Sánchez en Lugo ou os trens Avril?”, preguntouse recordando que a chegada dos trens de Alta Velocidade estaba prevista primeiro no verán do 2022, logo no primeiro trimestre deste ano, despois en verán e, segundo as últimas noticias, no mes de novembro
En calquera caso, insistiu en que o que habería que pedirlle a Sánchez cando veña a Galicia é que cumpra algunha das promesas que lle fixo a Galicia e que están todas pendentes: nin certezas para Altri, nin noticias sobre a comisaría do Barrio da Residencia, nin un avance en infraestruturas fundamentais como as autovías a Santiago e a Ourense
En clave local, Rueda reivindicou que o PP foi capaz nas pasadas eleccións municipais de conseguir a confianza da maioría dos veciños da cidade e da provincia e de aglutinar os votos dos lucenses que querían un cambio, pedindo esa mesma confianza maioritaria para loitar agora pola provincia tamén desde a política nacional
Neste sentido apelou a que o próximo 23 de xullo en Lugo se siga votando sentidiño, se siga votando cambio e se siga apostando pola única opción que representa os intereses desta provincia
Sobre Francisco Conde, o líder dos populares galegos destacou del a súa capacidade inesgotable de traballo, a súa minuciosidade e a súa rigorosidade, así como o seu enorme coñecemento e capacidade de defensa tanto do tecido empresarial galego coma dos intereses da súa provincia
Amosouse convencido de que tanto o cabeza da lista ao Congreso pola provincia como o resto dos candidatos vanse pelexar con uñas e dentes por Lugo, ao igual que o fará Alberto Núñez Feijóo cando sexa presidente a partir do 23 de xullo
Por iso concluíu pedindo a súa confianza tanto aos galegos que xa lle deron a Feijóo catro maiorías absolutas na súa terra, como aos centrados que confiaron nas falsas promesas de Sánchez e incluso aos que non votaron ao PP nas municipais pero queren unha Galicia forte e relevante
A todos aqueles galegos que sexan esixentes cos seus gobernantes dirixiuse especialmente para subliñar que votar ao PP merece a pena porque ninguén mellor que Alberto Núñez Feijóo para que o Goberno de España cumpra cos seus votantes e co seu país
FRANCISCO CONDE: “SE GOBERNA FEIJÓO, CUMPRIRÁ CON LUGO”
O cabeza de lista pola provincia de Lugo avogou por “un cambio de ciclo” e para iso pediu “concentrar o voto” para alcanzar unha “maioría suficiente” que permita que “neste país se volva gobernar para todos”
Conde subliñou que “España necesita o modelo galego, o modelo Alberto Núñez Feijóo que tivemos a sorte de vivir en Galicia e ao que agora lle dá continuidade o presidente Alfonso Rueda”
“Se goberna Feijóo e o Partido Popular en España, cumprirá con Lugo: rematará as grandes infraestruturas viarias e ferroviarias pendentes, aprobará as medidas precisas para contar cun prezo eléctrico competitivo e garantir o futuro de Alcoa, establecerá un diálogo aberto e sincero coa Xunta para que Galicia poida optar aos fondos europeos en igualdade de condicións, escoitaremos a empresas como Altri para que os seus proxectos sexan unha realidade”, sinalou
Apuntou que “a próxima lexislatura será a das familias, a das mulleres, dos mozos e mozas e a dos maiores” e tamén a do rural e a das pemes e autónomos
Incidiu tamén na importancia de “votar de corazón e con cabeza” porque “Lugo e Galicia nos necesitan para poñer fin a cinco anos de sanchismo nos que o Goberno pasou de Lugo”
Citou neste sentido que “nin proxectou nin un quilómetro novo de autovía, nin reconstruíu os dous viadutos do Castro na A-6 á vez por non escoitar a Galicia e, aínda por riba, intentou ocultar que a partir do ano que vén imos ter que pagar peaxes por utilizar as autovías”
Ao que engadiu que “é unha mágoa que a campaña non dure dúas ou tres semanas máis porque cada vez que visitamos un concello e denunciamos os agravios e incumprimentos, sae o PSdeG para dicir que todo estará arranxado na próxima lexislatura”
O candidato contrapuxo un sanchismo que “quere gobernar por riba de todo” e uns partidos da esquerda e independentistas que “poderían usar como slogan conxunto ‘gobernar a calquera prezo’ fronte a un PP que só pacta coa xente.
“Nos só pactamos medidas como poden ser a calidade da nosa democracia, o estado do benestar, o saneamento económico, a conciliación ou a España das autonomía. Non pactamos cargos”, explicou
ELENA CANDIA: “LUGO COÑECE DE PRIMEIRA MAN QUE FEIJÓO É UNHA PERSOA DE PALABRA E QUE SEMPRE TIVO EN NÓS UNHA PRIORIDADE”
A presidenta provincial quixo poñer en valor a campaña en positivo do PP, destacando os feitos fronte as mensaxes electoralistas: “Lugo coñece de primeira man que Feijóo é unha persoa de palabra e que sempre tivo na nosa provincia e na súa capital unha prioridade, e así llo recoñeceron os lucenses con catro maiorías absolutas”
Pola contra, afeou aos cargos do Goberno central que nestes anos tan só visitasen a cidade “para facer turismo e tirar fotos” e aos socialistas na Deputación e no Concello que foran incapaces de defender aos seus veciños para reverter o illamento de Lugo, a cidade peor comunicada de España, e no seu lugar “aplaudiran os incumprimentos do sanchismo”
Candia recordou neste sentido algunhas das cuestións que o Goberno central sigue sen resolver en Lugo, especialmente en materia de infraestruturas: o remate da autovía A-54, a paralización da autovía A-56, a non recuperación das frecuencias de tren suspendidas pola pandemia ou a mellora da conexión do polígono das Gándaras coa A-6