O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica aos sete “magníficos candidatos e candidatas” á Alcaldía das cidades galegas, nun acto na Cidade da Cultura que converteu a Santiago de Compostela en capital do municipalismo nacional, baixo o lema “Máis cerca”, xa que ademais das apostas galegas, tamén se presentaron os candidatos das 50 capitais de provincia de toda España. Dirixíndose aos líderes das urbes galegas, o presidente autonómico lembroulles aos candidatos que contan detrás cun partido “potente, unido e orgulloso”. Asegurou tamén que os aspirantes populares “están a anos luz de calquera candidato dos demais partidos”.
Así o manifestou o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, durante a clausura do acto de presentación de candidatos, onde aproveitou para desexarlles “Bo camiño” de cara ás eleccións municipais de 2027, facendo un guiño ao Xacobeo do ano que vén, que volverá a converter á capital galega no gran destino do mundo.
Rueda agradeceu a elección de Santiago de Compostela para este arranque do reto electoral, xa que “aquí demostramos que se pode gobernar, con estabilidade e sentidiño”, cunha “identidade” que define tamén ao Partido Popular. “Temos máis identidade que ninguén, pero tamén estamos orgullosos de formar parte do país ao que pertencemos”, reivindicou Rueda, fronte a existencia do nacionalismo en Galicia. “Temos o peor nacionalismo que hai, o independentista”, engadiu.
AMBICIÓN PARA IR A POR MÁIS GOBERNOS POPULARES
Falando xa do reto electoral, o presidente autonómico puxo sobre a mesa a “ambición” do PPdeG, lembrando que se goberna con maioría absoluta en Galicia e se goberna na maioría de concellos. Sen embargo, subliñou, “aínda que gañamos en case todas, aínda non gobernamos na maioría das grandes cidades”, polo que animou aos equipos populares a “ir a por máis” de cara ao importante reto das municipais de 2027.
Referíndose a cada candidato das cidades galegas, comezou por reivindicar o papel de José Manuel Rey Varela en Ferrol, que “colleu unha cidade que necesitaba volver acender o motor e ilusionarse”.
En Lugo, puxo en valor a “valentía” de Elena Candia por asumir o reto de non esperar a que chegaran as eleccións de 2027 para tomar as rendas da cidade, “facendo que Lugo reviva, cun ano por diante para demostrar o seu liderado”.
A Rafa Domínguez, candidato en Pontevedra, agradeceulle que volva a intentar ser o próximo alcalde da cidade, a pesar de haberse quedado a pouca distancia nas últimas eleccións. “Esta vez si serás alcalde”, aseguroulle.
En Ourense, referiuse ao “difícil reto” de Ana Méndez por decidir que Ourense “ten que saír do surrealismo no que está instalado”, para o que lidera un equipo “con gran impulso, que nos dará unha alegría en 2027”.
Rueda animou a Miguel Lorenzo, da Coruña, a “seguir loitando” pola súa cidade, agradecéndolle tamén que “non se desanimase por quedar a pouca distancia, collendo impulso”, asegurando que será o próximo alcalde.
De Luisa Sánchez, en Vigo, valorou a súa “valentía e determinación” por asumir o reto “nunha cidade onde todo é moito máis complicado politicamente”, pero “non renunciamos a nada” e aseguroulle un “magnífico resultado”.
Por último, a Borja Verea, na capital galega, agradeceulle o seu liderado na oposición, fronte a unha lexislatura do BNG que ten “un goberno en descomposición, con política de dogmas, ideoloxía elevada ao infinito e xestión no subsuelo”.
Por outra banda, o presidente do PPdeG puxo en valor o papel de Alberto Núñez Feijóo para que España “recupere o tempo perdido e o maltrato constante de gobernos socialistas, con vontade de división”. Para iso, reivindicou o PP como un partido “reformista, de xestión e eficacia”, para o que o líder nacional dos populares conta con candidatos dispostos “a gañar todas as batallas”.
BORJA VEREA: “ESTAMOS PREPARADOS PARA UNHA NOVA ETAPA”
O candidato do PP en Santiago de Compostela exerceu de anfitrión do acto, asegurando que a capital de Galicia “está preparada para abrir unha nova etapa, volver a crer en si mesma e mirar ao futuro”. En palabras de Verea, “Santiago pode máis, Santiago quere máis e Santiago merece máis e estará en boas mans”.
O candidato popular sinalou que como santiagués, o reto de acadar a Alcaldía da súa cidade é “o máis ilusionante que existe, pero tamén unha gran responsabilidade”, polo que, dixo, “vou seguir deixándome a pel para axudar a abrir esa nova etapa”. Do mesmo xeito, agradeceu o apoio do presidente autonómico, Alfonso Rueda, e do resto de compañeiros e compañeiras, por apoiar a súa candidatura á Alcaldía da capital de Galicia.
MIGUEL LORENZO: “A CIDADE RECUPERARÁ O SEU LIDERADO”
O candidato do PP de A Coruña, Miguel Lorenzo, augurou que en dez meses será o alcalde “que fará que A Coruña recupere o seu liderado”, reto para o que conta “cun gran equipo, coa enerxía, a forza e a ilusión para conseguilo”.
Lorenzo destacou que o seu proxecto “unirá a todos os coruñeses arredor do obxectivo común de volver a ser unha cidade referente, con outra forma de gobernar, escoitando aos veciños e cumprindo a palabra dada”. Como futuro alcalde, o popular coruñés asegurou que terá a honra de recibir en A Coruña ao presidente do Goberno de España, Alberto Núñez Feijóo.
JOSÉ MANUEL REY VARELA: “SEGUIREMOS GOBERNANDO CON FEITOS”
José Manuel Rey Varela lembrou que hai catro anos decidiu presentarse para volver ser alcalde de todos os ferroláns e superar anos de leas e inestabilidade cun proxecto que unise a todos. Para gañar o presente e o futuro e para facer realidade un soño de mocidade: “Que Ferrol fose máis grande e que os nosos fillos non tivesen que abandonar Ferrol en busca de oportunidades. Que perder non fose o normal.”
“Hoxe podemos dicir con orgullo que ese cambio está en marcha: Ferrol crece en poboación, crece en emprego, crece en investimento e, sobre todo, crece en orgullo de cidade. Hoxe máis que nunca podemos dicir máis forte “Opa Ferrol!”, exclamou. Así mesmo, anunciou que se presenta cun compromiso moi claro: “seguir escoitando aos veciños, seguir traballando sen descanso e seguir gobernando con feitos.”
ELENA CANDIA: “ENTENDO A POLÍTICA COMO SERVIZO PÚBLICO”
Elena Candia ratificou o seu compromiso de cara a traballar con “determinación” para seguir sendo a alcaldesa de Lugo no ano 2027 asegurando que entende a política como servizo público “para servir e non para servirse” e “para seguir mellorando a cidade de Lugo, traballando para os lucenses, pensando nas persoas, nos nosos maiores, nas nosas parroquias, nas persoas que teñen necesidades e nos nenos e nenas con necesidades educativas especiais “.
Candia asegurou que ese obxectivo non o poderá acadar soa, polo que quixo agradecer o apoio dos seus compañeiros, do Grupo de Goberno, dos trece concelleiros que forman parte da Corporación, dos afiliados do Partido Popular de Lugo, e de todos os que a precederon, así como da Presidencia local do partido. Tamén trasladou o seu agradecemento ao Goberno da Xunta, ao seu presidente e aos conselleiros “porque nos están axudando”, así como a Alberto Núñez Feijóo.
ANA MÉNDEZ: “PRESÉNTOME PARA ABRIR UNHA NOVA ETAPA NA CIDADE”
Ana Méndez asegurou que non se presenta como candidata só a optar a Alcaldía de Ourense, senón “cunha convicción firme: abrir unha nova etapa para a miña cidade. Porque Ourense merece moito máis”.
Para Méndez, Ourense “merece un goberno que planifique e non improvise, que fale claro e non se esconda, que resolva problemas en lugar de instalarse nas escusas, no ruído e no espectáculo”. Sinalou que a cidade “merece tamén recuperar a ilusión, a ambición e a certeza de que pode volver ocupar o lugar que lle correspond”, polo que hoxe “empezamos a construír xuntos e xuntas o futuro de Ourense”.
RAFA DOMÍNGUEZ: “PREPARADO PARA FACER UNHA CIDADE MODERNA”
Rafa Domínguez asegurou que afronta este reto convencido de que a cidade necesita un cambio para resolver os problemas que levan anos padecendo os veciños e veciñas. Tras a vitoria electoral de 2023 e a experiencia adquirida na xestión como vicepresidente da Deputación, afirmou estar preparado para liderar un proxecto que faga de Pontevedra unha cidade “moderna, áxil e ambiciosa”.
Entre as súas prioridades, citou a mellora do tráfico e o aparcamento, a limpeza viaria e o mantemento dos espazos públicos, o reforzo da seguridade fronte á crecente preocupación cidadá, o incremento do apoio aos clubs deportivos e a apertura de Pontevedra á ría cun “gran proxecto transformador”. Por último, avanzou o seu plan de recuperar a Alameda, poñer fin ao abandono que sofren os barrios e as parroquias e incrementar o investimento en servizos sociais.
LUISA SÁNCHEZ: “UN VIGO QUE LIDERE E NON SE ILLE”
Luisa Sánchez expresou a súa vontade de liderar unha nova etapa para Vigo. “Son Luisa Sánchez e quero ser alcaldesa de Vigo”, afirmou ao inicio dun discurso no que apelou ao emocional, “porque amo a miña cidade”, pero tamén á razón, “porque queda moito por facer en Vigo”. Sostivo que “queda moito por facer en Vigo” e ofreceu o seu liderado para iniciar un cambio de ciclo que permita á cidade “aproveitar todo o potencial que ten”. Así, apostou por “un Vigo que mire ao futuro sen límites, que lidere e que non se ille”.
Avogou por avanzar da man do resto da provincia, de Galicia e de España a partir de 2027, ano que “representa unha oportunidade histórica para Vigo”, engadiu tras agradecer o papel do seu equipo, así como de militancia e simpatizantes. “Estou preparada. Sei que Vigo tamén o está. Chegou a hora de crer no Vigo por vir”, dixo.
GALICIA, EPICENTRO DA POLÍTICA NACIONAL
A Cidade da Cultura, no Monte Gaiás, foi o lugar elixido como epicentro da política nacional, nun acto no que, ademais da intervención dos sete candidatos galegos á Alcaldía das cidades, tamén se incluíu a participación dos candidatos a liderar as capitais de provincia de España. O presidente nacional dos populares, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado da proclamación oficial dos candidatos, os que interviron por orde alfabética despois da tradicional foto de familia.
A presentación dos candidatos, na que tamén interveu o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, prodúcese un día despois do Comité Electoral Nacional do PP, celebrado na Coruña, no que se aprobaron os nomes dos candidatos das capitais para as eleccións municipais de 2027, tras unha reunión na que participaron o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, e o presidente do Comité Electoral Nacional, Diego Calvo.
Actualmente, das 50 capitais de provincia, o PP goberna en 30. E, das 20 capitais de provincia nas que non goberna, renóvanse para as próximas eleccións municipais 11 candidaturas, o que supón o 55% do total. Ademais, 21 das 50 candidaturas están encabezadas por mulleres, o que representa o 42% do total.