6 de xullo de 2023. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, considera que as eleccións xerais serán unha gran oportunidade para darlle todo o apoio, a confianza e o respaldo a quen durante 13 anos presidiu a nosa Comunidade. “É o momento de que Galicia volva ensinar un camiño de política útil para todos os españois e de que en Madrid se faga política á galega da man de Alberto Núñez Feijóo”.
Explicou que é o momento de que en España volva reinar a unidade e a serenidade tras moita división e barullo, así como de que se restaure a confianza e volva o compromiso coa palabra dada tras moitas mentiras e promesas incumpridas. Unha idea que resumiu en que “tras moitos menosprezos a Galicia, é o momento dun galego e, tras moito sanchismo, é o momento da maioría dos españois e Feijóo”.
Neste sentido, Alfonso Rueda, afirmou que unha España forte sempre contribúe a unha Galicia forte. E que, polo tanto, están equivocados tanto os nacionalistas que cren que máis Galicia é menos España como os socialistas que obedecen a Ferraz antes que aos intereses dos galegos.
Do mesmo xeito que os galegos non quere “nin nacionalismos nin sucursalismos”, amosouse convencido de que son maioría os españois que están desexando unha política que se pareza máis á que triunfa en Galicia.
O líder do PPdeG remarcou a importancia de contar, a partir do 23 de xullo e en contraposición a un Goberno que durante anos “utilizou Galicia para castigar a Feijóo”, cun Executivo que se comprometa e cumpra no reparto dos fondos europeos, na transferencia da AP-9, nos fondos para o Corredor Atlántico, na chegada dos trens Avril de alta velocidade e no déficit de médicos.
Aproveitando o acto celebrado en Ferrol, Rueda reivindicou a vitoria acadada nesta cidade o 28 de maio e afirmou que, do mesmo xeito que José Manuel Rey converteu Ferrol na referencia do sentidiño a nivel urbano, é o momento de que Alberto Núñez Feijóo devolva o sentidiño a España. “Onde triunfamos co Opa Ferrol!, agora dicimos Opa Feijóo! para que triunfe o cambio o 23 de xullo”, engadía.
Alfonso Rueda concluíu facendo referencia ao acto central de campaña que os populares celebrarán este domingo na Praza de Touros de Pontevedra, no que se prevé a asistencia de 12.000 persoas: “Enviaremos un mensaxe de ilusión, de forza e de esperanza polo cambio”.
MIGUEL TELLADO: “É O MOMENTO DE VOLVER TER UN GOBERNO DO QUE SENTIRNOS ORGULLOSOS”
Pola súa banda, o vicesecretario nacional de Organización do PP e cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Tellado, lamentou que, a pesar de que “Ferrol naceu para servir ao Estado”, hoxe é unha cidade “maltratada e abandonada polo Estado”. De aí que apostase por reverter esta situación a partir do 23 de xullo da man de Alberto Núñez Feijóo.
Remarcou que “É o momento de recuperar a dignidade no Goberno de España, o sentido común, o respecto pola lei, pola política e polas institucións”. Pero, sobre todo, o momento de “volver ter un Goberno do que sentirnos orgullosos”.
“En 17 días todos os españois teremos a oportunidade de poñer fin a un dos capítulos máis escuros da historia democrática de España”, explicaba en referencia aos “cinco anos de manipulacións, mentiras e maldades” do sanchismo.
“Se Pedro Sánchez foi unha lacra para España, foi unha maldición bíblica para Galicia”, engadía ao tempo que falaba do “abandono absoluto” de infraestruturas como a Alta Velocidade ou o viaduto da A-6, do “ataque permanente a través do BOE e dos orzamentos”, da “manipulación” no reparto dos fondos europeos e da financiación autonómica “sempre para prexudicar aos galegos” e dos ataques á industria con nome propio: Alcoa, Alu Ibérica, Vestas, Navantia, Ence ou a central das Pontes.
Concluíu pedindo a todos os presentes que “fagan o que mellor saben facer”: gañar as eleccións e dar a Alberto Núñez Feijóo a súa quinta maioría absoluta. Porque “este momento é moi importante para toda España, pero aínda máis para Galicia”.
JOSÉ MANUEL REY: “É O MOMENTO DUN GOBERNO DE MAIORÍA COMO O QUE TEMOS EN FERROL E EN GALICIA
O alcalde de Ferrol, que exerceu de anfitrión deste acto, pediu para Alberto Núñez Feijóo o mesmo apoio que el recibiu nas municipais porque “España merece un cambio como o que xa conseguimos en Ferrol” e porque a cidade “necesita un presidente que a escoite e cumpra os seus compromisos con ela e non só faga visitas relámpago cando toca cita coas urnas”.
“É o momento dun goberno de maioría en España como o que agora temos en Ferrol e en Galicia. Un goberno, como caracterizou sempre a Feijóo, que ofreza estabilidade, experiencia e capacidade de xestión e que dependa só dos cidadáns, non de pactos con Bildu nin con independentes”, engadiu.
José Manuel Rey apuntou que catro anos máis de Goberno de Sánchez serían algo “inasumible”, recordando que os ferroláns seguen agardando polo dique “que permitiría traballar e ser máis competitivos no sector naval”, pola licenza para o taller de subbloques “tras máis de dous anos de espera” e polos investimentos para a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña.
“Ferrol ten unha gran dependencia do Estado e por iso necesitamos un goberno que pense nos ferroláns”, concluíu ao tempo que reivindicaba que Feijóo e a súa candidatura constitúen unha esperanza para a cidade: “Contaremos con dous ferroláns como Miguel Tellado e Verónica Casal defendendo os intereses de Ferrol nas Cortes Xerais, mentres que PSOE, BNG e Podemos pedirán o voto aos ferroláns para persoas que non son de aquí”.