Santiago, 28 de xuño de 2022.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe a nova Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, co obxectivo de avanzar nunha correcta explotación das infraestruturas e ofrecer apoio aos concellos que así o soliciten, baixo o principio de coordinación das administracións establecendo instrumentos de cooperación, corresponsabilidade, cofinanciamento e solidariedade interterritorial.
Unha norma que nace “para a xestión dos recursos naturais co obxectivo de que sigamos desfrutando do azul da auga e do verde do medio ambiente, novos retos onde o ecoloxismo debe impregnar as conciencias e os corazóns das novas xeracións”, manifestou o deputado popular José Manuel Rey Varela.
Na súa intervención, Rey Varela manifestou que “a auga afecta ás nosas vidas e ao medio ambiente, pero tamén á saúde e a actividades económicas como a pesca e a agricultura”. Por este motivo, considerou “importante completar a normativa existente, poñendo a disposición da sociedade un novo instrumento de xestión do seu ciclo integral”.
O deputado popular lembrou que Galicia, en base á súa autonomía e competencias estatutarias, ten aprobado unha Lei de augas en 2010 e unha Lei de garantía de abastecemento en 2019, ás que seguiron os regulamentos de planificación de 2015, do servizo de depuración de 2012 e de colaboración económica e financeira de 2013. Neste ámbito, o Consello da Xunta aprobou o pasado 19 de maio o Plan hidrolóxico Galicia-Costa, o primeiro de España, xunto con Baleares, deste terceiro ciclo que se somete ao Consello Nacional do Auga para a súa aprobación por Real-Decreto do Goberno de España.
NOVOS INSTRUMENTOS DE XESTIÓN
“É neste contexto de evolución normativa e do reto da sostibilidade onde se enmarca esta nova Lei de mellora de xestión do ciclo integral da auga, constatada a necesidade de dotar de novos instrumentos de xestión ás administracións competentes e a especial dificultade de cubrir o ciclo integral nos concellos de 2.000 a 10.000 habitantes”, apuntou.
Esta nova lei establece controis analíticos e de caudais, a revisión das instalacións, plans de control de vertidos, instalación de caudalímetros para determinar o consumo por concellos e medidas para a xestión das augas brancas e pluviais. “Todas estas medidas, xunto ás revisións técnicas, a eficiencia enerxética e a formación e transparencia, contribuirán a unha maior eficacia medioambiental e unha maior eficiencia económica”, asegurou.
TRES CARACTERÍSTICAS
José Manuel Rey Varela enumerou tres características principais desta nova lei. A primeira delas é “a voluntariedade dos concellos para adherirse a este novo instrumento no que se configura Augas de Galicia para prestarlles os servizos de abastecemento, saneamento e depuración de auga, unha filosofía que naceu en 2013 coa firma entre a Xunta e a Fegamp do Pacto local da auga”.
En segundo lugar, salientou o “levado valor técnico” desta nova lei, agradecendo o traballo realizado polos técnicos de Augas de Galicia, que “acudiron ao dereito comparado e ás fórmulas de xestión doutras comunidades autónomas, onde atoparon diferentes modelos públicos, privados e mixtos”.
Por último, Rey Varela destacou como terceira característica desta lei a participación pública e a transparencia na súa elaboración. Así, concretou que a tramitación parlamentaria rematou coa aceptación de 14 emendas e 6 transaccións, coas que se modifican parte dos 80 artigos que compoñen este texto lexislativo. Seguindo esta filosofía, o deputado popular explicou que decidiuse retirar finalmente a disposición transitoria primeira bis, “co obxectivo de acadar un maior consenso, porque queremos lexislar cos intereses da xente”.