Santiago, 7 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención de En Marea, PSOE e BNG, a través da que se demanda á Xunta diversas actuacións para avanzar na igualdade de xénero. Porén, a viceportavoz Paula Prado criticou que “a oposición rexeitaran a proposta realizada polo PPdeG, que recollía as liñas xerais das catro proposicións non de lei dos grupos parlamentarios, para acadar un acordo conxunto sobre políticas de igualdade entre homes e mulleres”.
O Parlamento demanda mellorar e ampliar o Programa galego de pacientes polimedicados
Santiago, 7 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a mellorar e ampliar o programa galego de pacientes polimedicados para garantir unha prevención, detección e resolución dos problemas cos medicamentos de forma proactiva, integral e máis efectiva, a través da posta en marcha de estratexias de xestión, da mellora da formación dos profesionais e da implicación dun maior número deles para darlle continuidade asistencial a este tipo de pacientes.
Rodríguez-Vispo indicou que “nas últimas décadas estamos asistindo a un envellecemento progresivo da poboación e unha das consecuencias inmediatas é o rápido aumento de pacientes con múltiples enfermidades crónicas e o aumento do uso dos medicamentos”. “Esta situación é particularmente importante en Galicia, xa que presenta unha poboación máis envellecida e con maior prevalencia de enfermidades crónicas que a media nacional”, apuntou.
“A polimedicación ten importantes implicacións non só na eficacia terapéutica, senón tamén na propia seguridade do paciente”, afirmou a deputada popular. Por este motivo, considerou “importante levar a cabo unha revisión sistemática e periódica da medicación neste tipo de pacientes”, polo que avogou pola “elaboración dun protocolo para esta revisión sistemática e periódica, que paliaría en parte o problema da conciliación que coloca ao paciente nunha situación de risco, tanto no proceso da alta hospitalaria como no tránsito asistencial”.
ESTUDOS DOS PACIENTES
Así mesmo, Marta Rodríguez-Vispo considerou necesario “o estudo do pacientes susceptibles de presentar problemas de seguridade, establecendo a poboación diana non só polo número de medicamentos prescritos aos pacientes crónicos como ata agora, senón aos que teñan prescritos medicamentos que poidan dar lugar a problemas de seguridade e erros de medicación”.
“Entendemos que a ampliación e mellora na atención farmacolóxica a pacientes crónicos e polimedicados en Galicia conseguiría mellorar a calidade e seguridade asistencial, así como un uso máis responsable da prestación farmaceútica”, manifestou.
O GPP avoga porque o fomento da igualdade ten que facerse desde a educación
Santiago, 7 de marzo de 2018.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, avogou hoxe porque “o fomento da igualdade ten que facerse desde a educación, desde un punto de vista amplo e que abrangue ás familias, os medios de comunicación, o sistema sanitario, a xustiza ou as administracións”.
O GPP reitera que o proxecto mineiro de Touro-O Pino so recibirá autorización cando cumpra as normas urbanísticas, medioambientais e técnicas
Santiago, 6 de marzo de 2018.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco reiterou hoxe no Parlamento que o proxecto mineiro de Touro-O Pino “só recibirá autorización da Xunta cando quede totalmente garantido o cumprimento das normativas urbanísticas, medioambientais e técnicas”. Así mesmo, “e para absoluta tranquilidade dos grupos da oposición, o Goberno galego tramitará este proxecto conforme á Lei de minería de Galicia do ano 2008, a lei que PSOE e BNG promoveron, aprobaron e utilizaron cando gobernaban en Galicia”.
O Parlamento apoia a demanda da Xunta para que Fomento avance nas obras da A-55,A-74,A-56,A-57,A-59 e A-76
Santiago, 6 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha moción a través da que se insta á Xunta a continuar demandando ao Ministerio de Fomento que execute a licitación, a través do Plan extraordinario de investimentos en estradas ou pola vía orzamentaria, das obras do novo trazado na A-55 entre Porriño e Vigo, que conectaría coa A-52; da A–74 ou autovía da Mariña, conectando San Cibrao e Barreiros, para enlazar coa A-8; da A-56, que conectaría Ourense coa A-54 para acadar a cidade de Lugo; da A-57, que transcorrería nunha primeira fase dende Ponteareas a Pontevedra; da A-59, que conectaría coa A-57 e transcorrería dende Vilaboa ata Peinador; e da A-76, que conectaría Ourense vía central de Galicia ata Ponferrada.
O portavoz de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, subliñou que “a Xunta xa lle ten solicitado ao Goberno central investimentos en materia de estradas por un importe superior aos 600 millóns de euros”. Neste sentido, indicou que, “por respecto institucional, considera axeitado deixar ao criterio do propio Ministerio aquelas actuacións que se adaptan a ser financiadas polo mecanismo do Plan extraordinario de investimentos en estradas ou aquelas que consideran que deben ser executadas por vía orzamentaria”.
Deste xeito, Fernández Prado manifestou que “a moción que hoxe trouxo ao debate no Pleno o Grupo Socialista inclúe as mesmas actuacións que a Xunta xa ten demandado ante o Ministerio de Fomento”.
En concreto, sinalou que o Goberno galego ten solicitado que se valore a priorización de infraestruturas como a autovía de novo trazado entre Vigo e o Porriño, que suporá dar unha alternativa funcional á actual autovía que soporta tráficos moi elevados e presenta un índice alto de sinistralidade; a inclusión de dous treitos da A-74: Barreiros-Foz e Foz-Burela; a Variante Norte de Ourense e do treito ata Cambeo da autovía A-56, que unirá a A-52 en Ourense coa A-54 en Guntín, xa preto de Lugo; a A-57, coa priorización do treito A Ermida-Pilarteiros, da circunvalación de Pontevedra; e do treito A Veiga-O Barco da A-76, a autovía que unirá Ponferrada e Ourense.
O Parlamento aproba unha moción que fixa puntos esenciais de interese para Galicia de cara á negociación do novo modelo de financiamento autonómico
Santiago, 6 de marzo de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha moción, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, a través da que se fixan puntos esenciais de interese para Galicia de cara á negociación do novo modelo de financiamento autonómico. En concreto, demándase que o novo modelo garanta que a Comunidade galega non perda recursos en termos absolutos; reforce o principio de solidariedade interterritorial mediante a aplicación da nivelación en termos de habitantes axustados e do custo real da prestación dos servizos; e evite a discriminación entre comunidades pola aplicación dos mecanismos extraordinarios de financiamento.
César Fernández:” a Estratexia Educonvives.gal ofrece un marco efectivo para conseguir espazos de relación coeducativos nos centros de ensino”
Santiago, 6 de marzo de 2018.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, asegurou hoxe no Parlamento que “o plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 e a Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020 Educonvives.gal ofrecen un marco efectivo e claro de actuación para conseguir espazos de relación coeducativos, nos que se promova a igualdade”.
O GPP salienta o compromiso da Xunta de rematar antes de 2020 as 128 zonas vivas de concentración parcelaria existentes na actualidade en Galicia
Santiago, 6 de marzo de 2018.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, reiterou esta tarde no Parlamento o compromiso da Xunta de Galicia de rematar administrativamente antes de 2020 as 128 zonas vivas de concentración parcelaria existentes na Comunidade galega. “O obxectivo é dotar aos nosos agricultores e gandeiros de explotacións con base territorial suficiente para garantir a súa rendibilidade”, apuntou.
Pedro Puy avanza a disposición do GPP de “procurar consensos e acordos” na sesión plenaria en materia de desigualdade entre homes e mulleres
Santiago, 5 de marzo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o PPdeG aborda o Pleno desta semana “procurando consensos e acordos” en materia de igualdade entre homes e mulleres, co obxectivo de trasladar á sociedade “unha imaxe de unidade e responsabilidade para avanzar ante un problema que afecta a máis da metade de toda a poboación galega”.
Feijóo defende impulsar a igualdade con propostas fronte aos que só o fan con protestas
A Coruña, 3 de marzo de 2018.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou esta mañá no encontro “As mulleres facendo Galicia” onde salientou que é necesario que a igualdade non sexa unha trincheira política, senón unha misión compartida entre todos. “Espero que este Día da Muller marque un cambio na dinámica política e que a igualdade non se vexa como un campo de xogo para gañar votos, senón como unha prioridade nacional que require grandes acordos”, salientou.