Santiago, 5 de marzo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o PPdeG aborda o Pleno desta semana “procurando consensos e acordos” en materia de igualdade entre homes e mulleres, co obxectivo de trasladar á sociedade “unha imaxe de unidade e responsabilidade para avanzar ante un problema que afecta a máis da metade de toda a poboación galega”.
Respecto da sesión plenaria, Puy destacou a comparecencia do Vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, a petición propia e acumulada coas solicitudes dos tres grupos da oposición, para informar das propostas que a Xunta ten realizado aos representantes sindicais dos traballadores da Administración de Xustiza para a mellora das súas condicións laborais.
PASOS E AVANCES
Neste ámbito, salientou que “a Xunta deu pasos e avances, amosando flexibilidade e plena disposición para negociar”, polo que avogou pola “responsabilidade para chegar a un acordo”.
O portavoz popular tamén se referiu á comparecencia da consellería de Infraestruturas e Vivenda para abordar os obxectivos e desenvolvemento do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020, xusto cando 2017 rematou como o ano con menor número de falecidos nas estradas galegas da historia (76 mortos), en contraposición co incremento de vítimas nas estradas españolas. ”Aínda son moitas vítimas nas estradas galegas”, sinalou Puy, polo que manifestou que “cómpre traballar nun Plan de seguridade para acortar, aínda máis, esta cifra que sempre é excesiva”.
Unha das cuestións que terá maior relevancia na sesión plenaria é a igualdade de xénero, xa que será o tema de seis das oito proposicións non de lei, ademais de dúas preguntas ao Presidente, outras dúas interpelacións e varias preguntas ao Goberno. Neste sentido, Pedro Puy avanzou que o Grupo Popular “quere abordar estas iniciativas na procura de consensos, poñendo énfase en trasladar á sociedade galega unha imaxe de traballo conxunto para acadar o obxectivo de igualdade real e efectiva entre homes e mulleres”.
TRANSFORMACIÓN DE VALORES
En concreto, Puy lembrou que o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se demanda afondar na transformación dos valores que reproducen a desigualdade de xénero, promover unha comunicación libre de mensaxes e imaxes que reproduzan estereotipos de xénero, impulsar a implantación de medidas de conciliación e de flexibilización do tempo de traballo nas empresas e outras organizacións públicas e privadas, e intensificar a labor da Inspección de Traballo e demais accións de promoción contra a fenda salarial pola igualdade efectiva no traballo, ao abeiro do Plan de Emprego Feminino.
Pedro Puy recoñeceu que a discriminación por razón de xénero é “un problema grave”, aínda que subliñou que “Galicia está menos mal que o resto das comunidades autónomas españolas”. En concreto, e tomando datos de informes universitarios, dixo que Galicia é a sexta comunidade con menor diferencia na ocupación entre homes e mulleres, situándose ao mesmo tempo no segundo lugar con menor diferencia na taxa de actividade (nove puntos en Galicia fronte a 11 en España).
“Só en Galicia, Cantabria, País Vasco e Baleares existen máis parados homes que mulleres: 90.500 mulleres fronte a 91.700 homes”, indicou, para apuntar que Galicia figura entre as catro comunidades españolas con menor diferencia de taxa de paro entre homes e mulleres.