Os deputados do PPdeG esixen a comparecencia do ministro Óscar Puente no Congreso ante os “escandalosos” atrasos e incumprimentos na chegada dos trens Avril a Galicia

Os deputados do PPdeG rexistraron hoxe no Congreso a solicitude de comparecencia do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, e do presidente de Renfe para informar sobre os “escandalosos anuncios incumpridos” relativos á chegada dos trens Avril de Alta Velocidade a Galicia e o “notorio incumprimento contractual” por parte de Talgo nesta cuestión.

Denuncian os populares que o atraso na entrada en operación comercial destes trens está causando un grave prexuízo aos usuarios dos servizos ferroviarios de Alta Velocidade no que a tempos de viaxes e prazas ofertadas se refire. De aí a súa esixencia de “responsabilidades e explicacións” por parte do Goberno central ante esta “aldraxe” á nosa Comunidade por parte de Pedro Sánchez.

“Os trens Avril foron adxudicados por Renfe a Talgo en 2017 coa previsión de que as primeiras unidades serían entregadas no ano 2020”, recorda o vicepresidente da Comisión de Transportes do Congreso e deputado por Ourense, Celso Delgado, ao tempo que subliña os posteriores adiamentos desta data ata 2021, 2022, 2023 e, finalmente, o primeiro trimestre de 2024.

O parlamentario ourensán acusa ao ministro Óscar Puente de mentir cando o 5 de xaneiro, nun “bochornoso” acto electoral en Vigo, chegando a estación cos Reis Magos,  asegurou que “sen dúbida algunha os usuarios xa poderían comprar os billetes para viaxar nos trens Avril a partir do 1 de marzo e que sería nese mes cando comezaran os servicios comerciais”.

E lamenta que agora o Goberno de Pedro Sánchez non só incumpre novamente o prazo previsto, senón que “aínda non sabemos nin cando entrarán en servizo estes trens nin cantas unidades chegarán a Galicia”.

Lembra así mesmo que en decembro de 2021 chegou a Alta Velocidade a Ourense pero, aínda a día de hoxe, outras cidades galegas como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Pontevedra seguen esperando o cumprimento dos tempos de viaxe con Madrid que foron comprometidos polo Goberno

Uns tempos que só poderán alcanzarse coa posta en servizo dos novos trens Avril  de rodadura desprazable que permitirán circular por toda a rede ferroviaria galega, integrada tanto por vías de Alta Velocidade de ancho estándar europeo como polas convencionais de ancho ibérico.

Barreiro: “O PP defende Galicia e a súa industria a pesar da intención de Sánchez de discriminala”

Hoxe, no pleno do Senado

  • O portavoz adxunto do PP e senador por Lugo, José Manuel Barreiro, defende a moción para que o Goberno transfira fondos europeos a Galicia para a súa xestión directa que se aprobará hoxe no Senado

O Goberno terá que transferir os fondos europeos a Galicia para a súa xestión directa para dar cumprimento á moción consecuencia de interpelación defendida polo portavoz adxunto do Grupo Parlamentario Popular e senador por Lugo, José Manuel Barreiro, que será aprobada hoxe no Pleno do Senado.

En palabras de Barreiro, a moción nace da preocupación e a indignación do uso dos fondos europeos por parte do Goberno e ten por obxecto defender Galicia e a súa industria “aínda que sexa intención de Pedro Sánchez seguir discriminando esta terra. Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”, incide o senador.

Barreiro explica que cando o Goberno decidiu xestionar os Fondos Next Generation para fortalecer a industria, “fixérono como adoitan: cun deseño errático, sen unha coordinación coas administracións autonómicas, nin na súa formulación, nin na súa xestión”, o que, en palabras do senador lucense, tradúcese nunha falta de encaixe nas convocatorias.

Así, dos 33.556 millóns de euros incluídos nos fondos adicionais do Plan de Recuperación, o Goberno resolveu 9.758 millóns –parte deles por transferencias directas—dos que 194 millóns foron asignados a Galicia, un 0,58% do total. “Non me vaian a dicir que isto non é unha clara discriminación para os galegos”, afirma o dirixente popular.

No caso concreto dos PERTES, dos sete proxectos estratéxicos que presentou o Goberno de Galicia, con 2.000 millóns de investimento previsto e a creación de preto de 3.700 empregos, “só recibiron apoio por importe de 30 millóns de euros”, destaca.

Barreiro afea a “soberbia” do PSOE ante a proposta do Grupo Popular e engade que quedan tres anos para a aplicación dos fondos, pero o Goberno demostrou ser “absolutamente incapaz” e denuncia que “o máis grave é que non teñen intención nin vontade de corrixir a situación”.

Lamenta que “pecamos de inxenuos” ao presentar diferentes iniciativas, todas aprobadas no Senado, “pero o PSOE non respecta a vontade desta Cámara, non respecta nada. E claro, o que pasa é que xa non son cribles, por iso o pobo galego déronlles unha boa lección o pasado domingo”.

DISCRIMINACIÓN A GALICIA

O senador Barreiro chama a atención na baixa eficacia na execución dos fondos e a desigualdade de oportunidades entre proxectos e, por tanto, entre territorios, polo modo de actuar do Executivo. Pon o foco nos PERTES VEC: as entidades galegas foron beneficiarias do algo menos do 2% de total resolvido, cando Extremadura figura como a primeira beneficiaria, con 300 millóns de euros só para un proxecto.

Mentres, Galicia segue esperando que o Goberno se pronuncie acerca de varios proxectos, como o de Altri para a implantación dunha fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa, con máis de 900 millóns de investimento e 2.500 empregos.

O portavoz adxunto do PP mostra a súa indignación, porque mentres Sánchez comprometeuse en xullo de 2022 co presidente da Xunta, “o ministro do ramo decatouse diso en decembro, e a vicepresidenta afirmou en Vigo que non ‘tocaba’ falar do tema. Como non imos estar preocupados se isto lles da igual?”, pregunta o senador galego á bancada socialista.

Barreiro insiste en que o PP expón unha fórmula que “axilice a xestión de fondos e sexa eficaz” e aclara que é imprescindible a coparticipación das CC.AA. “pola proximidade e o coñecemento da realidade de cada territorio”.

Advirte que pola súa falta de eficacia “imos perder unha gran oportunidade de desenvolvemento e modernización industrial” e pídelles “humildade e compromiso para o resto de comunidades autónomas e tamén para Galicia”.

Conclúe sinalando que a discriminación de Sánchez a Galicia é manifesta e lembra que o sector naval, “piar fundamental” para Galicia, recibe menos do 4% do investimento do Goberno central e ao sector do vehículo eléctrico conectado, o 7%.