O PPdeG pediu esta semana á Comisión de Transición Ecolóxica do Senado que inste ao Goberno de Sánchez a realizar o traspaso inmediato á Xunta de Galicia dos medios materiais e humanos, incluídos os expedientes, para xestionar o seu litoral e, deste xeito, estar en disposición de poder outorgar as concesións administrativas necesarias para dar seguridade xurídica ás actividades que se poidan realizar na costa.
Fíxoo a través dunha moción asinada polos 14 populares galegos presentes na Cámara Alta, na que deixan claro que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia xa está en vigor e, polo tanto, a Xunta de Galicia debe exercer as competencias nela contempladas.
O PPdeG, na iniciativa liderada polo senador Manolo Ruiz, lembra que a norma autonómica naceu “co obxectivo de impulsar unha xestión que integre as actividades humanas no litoral e co fin de garantir un aproveitamento sostible dos seus recursos e o bo estado dos ecosistemas costeiros desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica; algo que non estaba facendo o Estado”.
Así mesmo, sinalan que o 23 de abril cumprirase un ano desde que o Tribunal Constitucional avalou a lei, despois de rexeitar o recurso de inconstitucionalidade que interpuxera o Goberno de Sánchez co único fin de poñer impedimentos á súa tramitación, polo que inciden en que o traspaso dos medios materiais e humanos se faga antes desa data.
“PLENAS COMPETENCIAS” DE GALICIA
Neste sentido, explican, están ratificadas as “plenas competencias” de Galicia para
xestionar o litoral sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía, tal e como
tamén ditaminara, no seu día, o Consello Consultivo de Galicia.
Os populares galegos denuncian que o Goberno central “quixo tratar de forma diferente” á nosa Comunidade respecto a outras como o País Vasco, á que simultaneamente lle estaba transferindo esas competencias, pero o Tribunal Constitucional quitoulle a razón.
De aí que conclúan amosando o seu convencemento de que “agora o Estado, lonxe de cumprir e sen atender ao que dixo a Xustiza, o que está facendo é atrasar a transferencia dos medios materiais e humanos, entorpecendo o exercicio das nosas competencias dunha forma arbitraria e poñendo en perigo a actividade”.
“A transferencia ten que levarse a cabo antes do próximo 23 de abril. Galicia non só é a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa, senón a máis necesitada dunha conservación ambiental axeitada e da supervivencia da actividade no litoral, tan relevante”, engade Manolo Ruiz.