O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que manteña a cidade de Vigo como sede para a realización dos exames de MIR en Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central o mantemento da cidade de Vigo, xunto con Santiago de Compostela, como sede para a realización dos exames de formación sanitaria especializada (MIR) na Comunidade galega. “É unha demanda que nace do sentido común, da evidencia técnica e do recoñecemento á realidade sanitaria e universitaria galega”, indicou a deputada popular Patricia García.

“Eliminar Vigo como sede dos exames MIR non ten sentido e non só é un erro político, senón que é unha decisión incomprensible, sen criterios técnicos coñecidos e tomada sen diálogo coas comunidades autónomas”, manifestou a deputada popular, quen saudou que a ministra de Sanidade se comprometera co conselleiro de Sanidade a revisar esta decisión e estudar a recuperación da sede en Vigo.

PROPOSTA POSITIVA, LEAL E CENTRADA EN VIGO

Patricia García defendeu “unha proposta positiva, leal institucionalmente e centrada no que de verdade importa: a cidade de Vigo, os aspirantes e o sistema sanitario galego”. Porén, lamentou que, “mentres desde o PPdeG propoñemos sumar, os socialistas galegos optan por dividir e buscar un titular contra a Xunta”.

A deputada popular lamentou que os deputados socialistas “non se sumaran á maioría que aprobou esta iniciativa no Parlamento galego, a través da que enviarmos unha mensaxe clara ao Ministerio de Sanidade: que Galicia está unida na defensa de Vigo como sede dos exames MIR”.

O Grupo Popular incide en que a Xunta impulsará a construción do novo centro de saúde de Fisterra cando o Concello poña a disposición os terreos

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, incidiu hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta impulsará as xestións necesarias para a construción dun novo centro de saúde en Fisterra no momento que desde o Concello se poña á súa disposición os terreos necesarios. “Confiamos que o novo alcalde teña unha actitude máis conciliadora que o anterior grupo de goberno e facilite que os veciños poidan gozar do novo centro de saúde”, manifestou.

“Sen parcela non hai centro de saúde posible”, asegurou Encarna Amigo, quen apuntou que “cando ese terreo se poña a disposición da Xunta haberá un novo centro de saúde, que triplicará o espazo do actual, pasando de 345 a máis de 1.000 metros cadrados, con cinco consultas para adultos, unha de pediatría e unha sala de xuntas para o persoal”.

RETICENCIAS MUNICIPAIS

A deputada popular lamentou que, “a pesar da vontade amosada pola Xunta para construír o novo centro de saúde en Fisterra moderno, accesible, amplo, dotado con equipamento renovado e preparado para albergar novos servizos sanitarios, o Concello non foi quen de poñer a disposición do Sergas unha parcela axeitada”.

Así, lembrou “as reticencias municipais a emprazar o centro de saúde novo nun entorno diferente ao do actual, en pleno núcleo urbano”. Neste sentido, recordou que o Concello pediu estudar a opción de reformar o centro actual, proposta que os técnicos do Sergas concluíron que iso non era viable nin técnica nin economicamente.

Aprobado o plan de traballo da Comisión sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia

A Comisión especial de estudo sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia aprobou o seu plan de traballo, sen ningún voto en contra, que, ademais de incorporar toda a documentación reunida pola ponencia constituída xa na X lexislatura, inclúe a elaboración de informes e comparecencias da Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ademais da presenza do catedrático Manuel Ferreiro Fernández.

O deputado popular José Luís Ferro manifestou que “o plan de traballo ten un valor engadido moi importante porque da protagonismo á cultura e á ciencia galega, non á improvisación nin á polémica, respectando o legado de Pondal pero abrindo tamén unha xanela para pensar no futuro”.

“Non se pode afirmar que é urxente tomar unha decisión definitiva e formular unha proposta cun horizonte temporal de, como mínimo, un ano vista; nin se pode afirmar que buscamos o consenso e propoñer organizacións de parte, cando xa hai antecedentes de consultas ás principais institucións académicas de Galicia; nin se pode afirmar que a modificación dun símbolo de Galicia require unanimidade política e consenso social e pretender impoñela cun articulado pechado; nin podemos afirmar que o himno como símbolo de Galicia ten un enorme valor simbólico e abordar o debate da súa posible modificación só desde un punto de vista do seu rigor filolóxico”, indicou José Luís Ferro respecto das propostas realizadas polos demais grupos parlamentarios.

Deste xeito, cualificou o plan de traballo aprobado como “serio, obxectivo e que solicita os informes pertinentes das institucións que son de todos, non de ningunha cor política”. “Orientar os traballos desta comisión cara unha conclusión predeterminada sería un grave erro, porque o que debemos permitir é un debate aberto e obxectivo sobre se é conveniente ou non modificar o noso himno”, indicou.

O Grupo Popular pide ao Goberno central que cese coa conxelación do Fondo de Compensación Interterritorial e incremente as achegas ata acadar as contías realizadas en 2009

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, pediu hoxe ao Goberno central que cese coa conxelación das achegas do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) que Galicia recibe do Estado, de tal xeito que os recursos adicionais que reciba poidan ser destinados ao financiamento de obras ou actuacións que favorezan o reequilibrio e o desenvolvemento de todos os territorios, dea cumprimento ao compromiso asumido por Pedro Sánchez de incrementar as achegas e retome a contía equivalente á realizada en 2009.

Tomando como referencia o informe do Consello de Contas, Cristina Sanz lembrou que a dotación do FCI nos orzamentos do Estado para o ano 2023 era de 432 millóns de euros, o que representa unha caída do 67,68 por cento desde o ano 2008 e un importe conxelado desde 2014.

Ademais, a participación de Galicia nese fondo experimentou unha caída do 81,02 por cento desde 2008, sendo a comunidade máis afectada e recibindo en 2023 a porcentaxe máis baixa de todos os exercicios analizados (8,92 por cento). En concreto, o Estado pasou de destinar a Galicia a través deste fondo 197 millóns de euros en 2009 a 38,6 millóns na actualidade.

NOVO DESEÑO

Diante desta situación, e recollendo o manifestado polo Consello de Contas, a viceportavoz popular demandou “un novo deseño do fondo de compensación interterritorial que garanta o financiamento suficiente dos investimentos produtivos das comunidades autónomas e reduza os desequilibrios territoriais, velando polo establecemento dun equilibrio económico adecuado e xusto, e unha mellor aplicación do principio de solidariedade”.

Cristina Sanz criticou que “a promesa de Pedro Sánchez de duplicar os recursos dos fondos de cohesión territorial segue pendente de concretarse”, pero, a pesar de que eses recursos non experimentaron variacións desde o ano 2014, o gasto licitado pola Comunidade galega pasou de 580 millóns de euros naquel ano a 1.404 millóns no 2023. “A pesar da conxelación dos fondos estatais, Galicia case triplicou o seu gasto en investimentos, tendo que financialos con cargo aos seus propios recursos”, salientou.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que a creación dos novos xulgados de violencia contra a muller en Vigo e A Coruña non supoña a eliminación de xulgados de instrución

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central a creación de novos xulgados de violencia sobre a muller nas cidades de A Coruña e Vigo, como órganos adicionais e específicos, sen que iso supoña a transformación nin eliminación de xulgados de instrución. Así mesmo, pídese que planifique a planta xudicial de Galicia de forma rigorosa, transparente e dialogada coa Xunta, atendendo a informes técnicos, datos de carga de traballo e criterios de equilibrio territorial.

A deputada popular Katy Varela lembrou que “a Xunta leva tempo reivindicando ao Goberno central a creación de novas unidades xudiciais e máis prazas de xuíces e maxistrados”. Ante esta demanda, o Goberno de Pedro Sánchez decidiu este ano ampliar as prazas en Galicia pero, das catro novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller aprobadas para Galicia, só dúas, as de Santiago e Ourense, son de nova creación.

IMPACTO NEGATIVO NA CALIDADE DO SERVIZO

“Lamentamos a decisión do Goberno central de que en A Coruña e en Vigo se creen estas unidades xudiciais a costa de suprimir outros tantos xulgados de instrución, unha decisión que causa preocupación nos axentes xudiciais porque terá un impacto negativo na calidade do servizo que se presta aos cidadáns”, sinalou.

Katy Varela explicou que “a supresión destes órganos instrutores suporá unha sobrecarga inmediata e directa para os restantes xulgados de instrución, afectando negativamente á tramitación de dilixencias previas, medidas cautelares e causas complexas que requiren especial atención”. Ademais, tanto Vigo como de A Coruña presentan características demográficas, sociais e xurisdicionais  que as fan especialmente sensibles á perda de recursos: ambas son cabeceiras de partido xudicial e sedes de órganos especializados e provinciais, atendendo tamén á poboación doutros municipios da contorna.

Por último, a deputada popular subliñou que “a Xunta xa anunciou que procederá ao reforzo do persoal destes catro novos xulgados de violencia contra a muller, co obxectivo de paliar o aumento da carga de traballo derivada das novas funcións, e tamén das fiscalías”.

O Parlamento galego reitera ao Goberno de España a urxente necesidade de completar o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita a Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG e PSdeG, a través da que se reitera ao Goberno de España a urxente necesidade de completar o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) para que poida seguir prestando as súas funcións en termos de seguridade e eficiencia, en ámbitos como na protección das vítimas de violencia de xénero ou na prevención e investigación dos incendios forestais. En concreto, a viceportavoz popular, Paula Prado, lembrou que este corpo “perdeu unha media de nove axentes cada ano desde que goberna Pedro Sánchez, a pesar de que o ministro Marlaska adquiriu o compromiso de reforzalo cun mínimo de 50 axentes”.

Paula Prado lamentou que a Unidade de Policía Adscrita a Galicia “seguiu batendo récords á baixa no número de axentes e tocou fondo este ano: actualmente afronta o día a día cunha plantilla aínda máis mermada e reducida a 341 axentes, tres menos que o pasado ano e a cifra máis baixa desde que comezou a operar en 1991”.

RECORTE DO 28% DESDE O GOBERNO DE MARIANO RAJOY

“A UPA vive unha situación dramática, porque se continúa sen reforzos vaise ver irremediablemente obrigada a deixar de prestar algúns dos seus servizos”, lamentou a viceportavoz popular. En concreto, referiuse á protección da vítimas de violencia de xénero, xa que hoxe so hei un axente por cada sete vítimas incluídas no sistema Viogen; ou á prevención e investigación dos incendios forestais.

Neste sentido, explicou que “estamos a falar dun recorte de plantilla de máis dun 28 % desde que en 2013 o Goberno de Mariano Rajoy realizara a última cobertura de prazas, que permitiu acadar a cifra récord de 474 axentes”, e lamentou que “a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa agudizou aínda máis o recorte, xa que nestes últimos anos perdemos un total de 63 axentes”.

Deste xeito, Prado concretou que “temos un corpo policial con 3 de cada 10 postos vacantes e ao 68 % da súa capacidade total; con dificultades organizativas pola falta de mandos; con cada vez máis axentes preto de pasar á segunda actividade; e que só coa súa vocación de servizo público e a duras penas é quen de facer máis con menos”.

O Parlamento de Galicia rexeita de forma unánime calquera proposta que implique unha redución dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se rexeita calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Neste sentido, demándase unha posición común entre os Estados membros da Unión Europea con maior peso pesqueiro para rexeitar a devandita redución e propoñer un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Pesqueira Común, a sustentabilidade do medio mariño e o mantemento da competitividade e resiliencia do tecido socioeconómico do litoral europeo.

O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, lamentou “as noticias fondamente preocupantes coñecidas recentemente sobre a intención de propoñer un recorte do 67 por cento dos fondos europeos destinados ao sector pesqueiro no próximo marco orzamentario, unha redución que comprometería gravemente a viabilidade da adaptación de moitas explotacións pesqueiras e das comunidades que dependen directa ou indirectamente desta actividade, ao tempo que suporía un retroceso na capacidade de adecuación e consecución dos obxectivos comúns en materia de sustentabilidade, competitividade e seguridade alimentaria”.

“Para Galicia resulta irrenunciable contar cun fondo específico e cunha dotación suficiente para que o sector poida afrontar os desafíos que ten por diante e garantir así a sostenibilidade do sector marítimo-pesqueiro”, sinalou o portavoz popular, quen asegurou que “non imos permitir ser moeda de cambio para aplicar outras políticas, quedando o sector da pesca discriminado e prexudicado”.

Miguel Fidalgo afirmou que esta proposta orzamentaria “non é definitiva, xa que se abre un proceso longo de negociación que permitirá presionar para poder reverter ou suavizar os recortes”, porque coa proposta avanzada “Galicia será a comunidade máis prexudicada, como comunidade altamente dependente da actividade pesqueira”.

O Parlamento de Galicia esixe ao Goberno central que rebaixe o IVE e adopte outras medidas que permitan incentivar a compra e consumo de peixe

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España que tome medidas para impedir que o consumo do peixe siga en caída histórica, adoptando iniciativas de tipo económico como a rebaixa do IVE ou outras medidas análogas que permitan incentivar a compra destes produtos. Así mesmo, pídese a realización de campañas de fomento do consumo entre a xente moza, escolares e familias en xeral para contribuír a frear esta tendencia na redución do consumo tan prexudicial para o sector.

O deputado popular Raúl Santamaría lembrou que un estudo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación puxo de manifesto un descenso do consumo de produtos da pesca do 2,68 por cento durante o pasado ano. No caso de Galicia, o consumo per cápita baixou ata os 22,9 quilogramos ao ano, un mínimo histórico dos últimos 25 anos.

CREACIÓN DE 5.500 EMPREGOS

“Diante desta situación, o Goberno de España non fixo nada, negándose reiteradamente a rebaixar o IVE do peixe, malia a multitude de acordos por unanimidade aprobados neste Parlamento galego”, lamentou o deputado popular, quen subliñou que estudos da Universidade de Santiago demostraron que reducir o IVE do peixe ao 5 por cento suporía un incremento de 28,5 millóns de euros no valor engadido bruto e máis de 5.500 empregos.

Pola contra, Raúl Santamaría salientou as medidas postas en marcha pola Xunta para incentivar o consumo de peixe, como a máis recente Bono Peixe. “Esta iniciativa, a través da que o Goberno galego puxo a disposición das familias galegas 2,5 millóns de euros a través dun sistema de descontos progresivos, tivo unha acollida extraordinaria e demostrou que cando se baixan as barreiras económicas, as familias responden aumentando o consumo de peixe”, indicou.

O Grupo Popular pedirá no Pleno que o Goberno central abandone a súa política de imposición no reparto de menores non acompañados e aporte o financiamento necesario para a súa atención

O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno do Parlamento galego da vindeira semana que abandone a súa política de imposición sobre o reparto de menores non acompañados e aporte o financiamento necesario para a súa atención; ao tempo que pide un plan estratéxico para os aeroportos galegos, co obxectivo de asegurar a súa operatividade, viabilidade económica e oferta adecuada logo do anuncio feito por Ryanair de xeito importante as súas operacións en Galicia.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que o Pleno da vindeira semana inclúe o debate de toma en consideración da proposición de lei de modificación da actual Lei do Deporte, “unha norma que data do ano 2012 e que precisa ser actualizada para atender as necesidades da sociedade actual”.

A través desta reforma lexislativa se establece a posibilidade de que a Administración galega poida comparecer como acusación popular nos procedementos que se sigan por delitos e actos de violencia perpetrados no ámbito deportivo; se clarifica o réxime de prescricións das infraccións e sancións, para o que se propón unha remisión ao réxime xeral establecido no artigo 30 da Lei de réxime xurídico do sector público; e se fixa expresamente a práctica a seguir na concorrencia de procedementos penais e administrativos nun caso de actuación pública na represión da violencia e de condutas contrarias á boa orde deportiva.

Ademais, esta modificación da Lei do deporte impulsa o bo goberno nas organizacións e federacións deportivas, que deberán respectar estritamente os principios de democracia interna, transparencia, integridade, solidariedade, igualdade de xénero, apertura, rendición de contas e responsabilidade social. “Consideramos esencial que as federacións deportivas eleven o nivel de esixencia das súas normas de bo goberno, con principios que garantan a xestión irreprochable dos seus recursos financeiros, os controis para previr os conflitos de interese ou a duración limitada dos seus cargos electos”, explicou Alberto Pazos.

O Pleno continuará coa comparecencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para informar do desenvolvemento do inicio do curso escolar, “que se caracteriza, principalmente, polo incremento do número de profesores a pesar do descenso do número de alumnos co obxectivo de que Galicia siga como unha das comunidades autónomas españolas cunha das ratio máis baixas tanto de alumnos por profesor como de alumnos por aula”, dixo o portavoz popular.

REPARTO DE MENORES E IMPULSO AEROPORTOS

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno central que abandone o reparto autoritario establecido de máis de 4.000 menores non acompañados polas distintas comunidades autónomas españolas, excepto Cataluña e o País Vasco, e dos que 317 virán para Galicia. Alberto Pazos sinalou que “a inminente chegada destes menores a Galicia obrigou á Xunta a buscar solucións de urxencia para ofrecerlles as mellores condicións de acollida e atencións, poñendo en marcha centros específicos como o habilitado en Monforte, no que se adecuará o inmoble dunha entidade social, actualmente sen uso, para acoller a 80 menores”.

Diante desta situación, a proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno central que abandone este “reparto inxusto e arbitrario de menores non acompañados, que so beneficia aos seus socios parlamentarios cataláns e vascos, ao tempo que lle pedimos que este envío veña acompañado do financiamento necesario para atender como se merecen a estes menores, de xeito que non recaia nas comunidades autónomas todo o gasto que suporá a prestación de atencións educativas, sanitarias e sociais que precisan e que van recibir todos estes menores”.

A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno está relacionada coa situación que están a vivir os aeroportos galegos, sobre todo os de Santiago e Vigo, logo da decisión adoptada pola aeroliña Ryanair de reducir dun xeito importante as súas operacións en Galicia. Deste xeito, solicítase ao Goberno de España que convoque con urxencia o Comité de Coordinación Aeroportuaria, para analizar a repercusión da decisión de Ryanair de reducir a súa actividade en Galicia e buscar solucións ao prexuízo que esta situación causará aos galegos; e que elabore un plan estratéxico dos aeroportos galegos, co obxectivo de asegurar a súa operatividade, a súa viabilidade económica e unha oferta de servizos axeitada ás necesidades de mobilidade dos usuarios.

“Por último, e non menos importante porque consideramos que é a principal causa da marcha de Ryanair dos nosos aeroportos, pedimos ao Goberno de Pedro Sánchez que revise as taxas aeroportuarias aplicadas por Aena, co fin de favorecer a competitividade dos aeroportos galegos”, apuntou Alberto Pazos.

Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola a información que o Goberno central trasladou á Xunta en relación cos preto de 60 proxectos que presentou no mes de maio ao Plan Social polo Clima, que suporían un investimento próximo aos 2.000 millóns de euros; a situación na que se atopa a construción do novo centro de saúde para o barrio do Sagrado Corazón de Lugo; e a súa valoración ante o caos ferroviario ocasionado pola vaga de lumes que sufrimos en Galicia este verán, que afectou a máis de 30.000 viaxeiros, abandonados á súa sorte nas estacións pola interrupción do servizo, a falta de información e sen que se lles proporcionase unha alternativa que lles permitise realizar os seus desprazamentos previstos”.

O PPdeG anima aos concellos a sumarse ao programa de oferta de solo residencial dos concellos para a construción de vivenda protexida

Os deputados populares María Deza e Raúl Santamaría animaron hoxe aos concellos galegos a sumarse ao programa de oferta de solo residencial das entidades locais posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través do que se pon a disposición de promotores e cooperativas espazos de titularidade municipal a través dun concurso para a súa adxudicación co obxectivo de destinalo á construción de vivenda protexida.

María Deza e Raúl Santamaría visitaron o concello de Porriño, un dos municipios galegos que amosaron o seu interese por participar neste programa de vivenda da Xunta, onde mantiveron un encontro co seu alcalde, Alejandro Lorenzo, e varios concelleiros desta corporación, quen lle trasladaron a súa vontade de poñer en marcha medidas que faciliten o acceso á vivenda dos seus veciños.

VIABILIDADE PARA A CONSTRUCIÓN

“O Goberno galego pretende facilitar marcos de colaboración estable e con recursos para que os concellos, en función das súas necesidades e capacidades, podan participar activamente nas políticas de vivenda”, manifestou a deputada popular, quen concretou que nesta liña enmárcase este programa de oferta de solo residencial das entidades locais para a construción de vivenda protexida.

En concreto, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a Xunta asumirá os traballos de elaborar os pregos de bases que rexerán a adxudicación das parcelas e tramitar os correspondentes procedementos; publicar os anuncios da licitación na páxina web do IGVS; designar aos membros das Mesas de licitación, entre os que se pode incluír un representante da entidade local; efectuar a valoración técnica das ofertas presentadas polas persoas licitadoras; e elaborar as propostas de adxudicacións dos contratos. Pola súa parte, os concellos ditarán as correspondentes resolucións de adxudicación dos contratos.

María Deza apuntou que, como complemento a este programa, o IGVS ten articuladas axudas a promotores e cooperativas para a construción de vivenda protexida, “o que sen dubida axudará a conseguir a viabilidade da construción de vivendas nestes solo públicos ofertados polos concellos, como pode ser o exemplo de Porriño”.