O Grupo Popular reiterará no Pleno a solicitude de transferencia da AP-9 a Galicia, logo de que o PSOE pretenda frear este traspaso no Congreso

O Grupo Popular insistirá no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana na demanda ao Goberno central para que proceda á transferencia da AP-9 á Comunidade galega, logo de que o PSOE amosara a súa oposición a ese traspaso na emenda que rexistraron á proposición de lei que se tramita no Congreso. Así mesmo, o Grupo Popular solicitará aos concellos galegos que amplíen o seu compromiso na redución, reutilización e reciclaxe dos residuos municipais., instando ao Goberno de España a derrogar a obriga de establecer unha taxa que repercuta a totalidade do custo da xestión do lixo nos cidadáns.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira do Medio Rural para informar dos resultados do Pladiga 2025 e das propostas de futuro en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. “Unha comparecencia que ten lugar logo da vaga de lumes que sufrimos durante o pasado mes de agosto e nun momento no que a Xunta xa está a abonar as axudas anunciadas para todos os afectados e se están a facer importantes actuacións de acolchado de palla para protexer das erosións e as escorrentías”, indicou.

POUCA VERGOÑA DOS SOCIALISTAS GALEGOS

Dentro do apartado de proposicións non de lei, Alberto Pazos indicou que o Grupo Popular defenderá “a enésima solicitude de transferencia da titularidade e as competencias sobre a AP-9 para a Comunidade galega, así como a gratuidade desta autoestrada, tal e como prometeran na última campaña electoral para as eleccións galegas os socialistas”. Neste sentido, considerou “lamentable a pouca vergoña dos socialistas galegos, capaces de votar no Parlamento de Galicia a favor da transferencia e a gratuidade da AP-9 e ao mesmo tempo apoiar as emendas presentadas polos socialistas no Congreso á proposición de lei freando o traspaso desta autoestrada”.

“Despois de 60 prórrogas á presentación de emendas a esta proposición de lei, enviada polo Parlamento galego co apoio unánime de todos os grupos, os socialistas volveron amosar a súa verdadeira faciana presentando unhas emendas nas que deixan ben claro as súas intencións: non queren traspasar esta autoestrada a Galicia e só deixan que a Xunta poida participar na xestión da AP-9 e propoñer cambios nas condicións do contrato da concesión, a cambio de que realice as aportacións económicas oportunas para cubrir o custo que supoñan a rebaixa das peaxes ou a gratuidade do uso desta autoestrada”, lamentou o portavoz popular.

Alberto Pazos destacou “o momento idóneo” para levar adiante a transferencia da AP-9 a Galicia “logo de que a Comisión Europea declarara ilegal as prórrogas da concesión desta autoestrada e tendo presente que os custos do rescate e das bonificacións ata o final da concesión son moi similares: 2.356 millóns de euros de rescate fronte aos 2.331 millóns de euros das bonificacións”.

XERACIÓN E XESTIÓN DOS RESIDUOS URBANOS

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular ten que ver co tratamento do lixo e o fomento da reciclaxe, para o que se demanda aos concellos que sigan ampliando o compromiso na redución, reutilización e reciclaxe dos residuos municipais, para o que contan co apoio e respaldo económico da Xunta. “Os concellos viven neste momento unha situación moi complicada en relación coa xeración e xestión dos seus residuos urbanos, logo de que o Goberno de Pedro Sánchez implantara a nova Lei de residuos e solos contaminados que os obriga a establecer unha taxa diferenciada, específica e non deficitaria para gravar os servizos de xestión de residuos”, explicou o portavoz popular.

Diante desta situación, Pazos subliñou que “a Xunta foi a única administración que demostrou estar ao carón dos concellos para a xestión dos seus residuos, adoptando decisións solidarias, como é asumir o 60 por cento da suba prevista do canon de SOGAMA para 2025 a consecuencia do cumprimento da lei estatal”. Ademais, os concellos poden reducir considerablemente a súa factura de tratamento do lixo levando a cabo unha correcta separación dos residuos, así como procedendo á redución, reutilización ou reciclaxe dos mesmos.

Polo que respecta ao apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular pedirá a súa valoración sobre o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno de Pedro Sánchez contra a normativa autonómica que regula a homologación da discapacidade ás persoas con dependencia recoñecida, unha suspensión que se aplica en Galicia desde comezos deste ano, que xa beneficiou a máis de 10.000 galegos e que vai provocar paralizacións e retrasos nas valoracións que se fan na Comunidade galega, obrigando aos solicitantes a ter que ser valorados unha segunda vez.

A segunda das preguntas vai dirixida a coñecer as vivendas supostamente entregadas polo Ministerio de Vivenda en Galicia, “unha vez que a ministra asegurou que xa se entregaran arredor de 100.000 vivendas das máis de 180.000 prometidas por Pedro Sánchez durante a campaña electoral, pero que descoñecemos onde están emprazadas esas supostas vivendas entregadas en Galicia, cal é o número deses inmobles postos a disposición dos galegos e cando se fixeron efectivas as entregas das chaves aos seus propietarios ou beneficiarios”, sinalou Pazos.

E, en terceiro lugar, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego polas repercusións que ten para Galicia a non presentación dos orzamentos xerais do Estado, porque “estamos convencidos de que esta situación sume ás comunidades autónomas nunha incerteza, falta de estabilidade e merma de recursos que, finalmente, padecen todos os seus cidadáns ao repercutir directamente na prestación dos servizos públicos”.

ACOSO E AMEDRENTAMENTO

Por último, Alberto Pazos amosou “a nosa preocupación pola deriva totalitaria de acoso e tentativa de amedrentamento que está a protagonizar nos últimos meses o BNG, e as súas organizacións satélites, contra cargos públicos do Partido Popular e do Goberno galego, enfocándose sobre todo nas mulleres, nunha clara mostra do seu machismo repugnante”.

“Atendendo ás chamadas públicas realizadas polos coroneis da UPG, militantes e simpatizantes do BNG están a levar adiante unha campaña de acoso que comezou coa viñeta na que a CIG atacaba directamente á conselleira de Política Social pola súa condición de muller, pero que continuou coa conselleira de Medio Ambiente, a nova alcaldesa de Ribeira; a alcaldesa e unha concelleira de Ponteareas; a deputada e portavoz do PP en Cangas, Loli Hermelo; ou o ataque máis recente sufrido pola secretaria xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, por quen foi o número 4 da candidatura do BNG nas últimas eleccións europeas”, relatou.

Neste sentido, afirmou que “non se pode lanzar a pedra, seguindo as consignas de mobilizacións e alboroto propugnadas pola UPG nos seus manifestos, e despois esconder a man, como está a facer o BNG diante de todos estes casos de acoso que están a sufrir, principalmente, destacadas mulleres do PP”, polo que asegurou que “non imos consentir esta situación e a imos denunciar unha e outra vez, para que os galegos coñezan a verdadeira faciana dos nacionalistas galegos, máis preocupados por importar a Galicia as algaradas e a kale borroka do País Vasco que en poñer enriba da mesa medidas sensatas en beneficio dos galegos”. “Esperamos unha reflexión por parte dos responsables do BNG e se depuren as responsabilidades necesarias para que estas situacións non se volvan a repetir”, avogou.

O PPdeG destaca que a Xunta incrementará en 2026 un 9% o investimento en I+D+i e pon de exemplo o traballo desenvolvido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro salientaron hoxe o incremento nun 9 por cento dos orzamentos que a Xunta destinará o vindeiro ano a politicas de I+D+i e puxeron como exemplo do importante traballo que se desenvolve en Galicia neste ámbito a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que o vindeiro 5 de novembro cumprirá 40 anos desde a súa inauguración no concello ourensán de Leiro.

Acompañados do tenente de Alcalde de Leiro, Ramón Álvarez, os deputados populares puxeron en valor a actividade investigadora, de formación e de transferencia de coñecementos que ao longo destas catro décadas leva realizando a Evega. “A aposta do actual Goberno galego pola investigación e o desenvolvemento visualízase ano tras ano, como acontecerá o vindeiro ano cos máis de 400 millóns de euros que destinará ao desenvolvemento de iniciativas no eido do I+D+i”, concretaron.

SEGUNDA MÁIS NOVA, PERO A MÁIS COMPLETA

A Evega é a segunda estación enolóxica máis nova de España, pero a máis completa en atribucións, xa que asume como misión esencial fomentar o desenvolvemento tecnolóxico do sector vitivinícola galego. Ao logo dos seus 40 anos, esta entidade desenvolveu unha ampla actividade investigadora e de I+D+i, mediante a captación de proxectos con participación tanto pública como privada encamiñados a mellorar as condicións e as capacidades do sector vitivinícola galego.

José Luís Ferro destacou que, “independentemente das colaboracións en publicacións técnicas e científicas, a Evega desenvolveu unha difusión directa do coñecemento en cursos, xornadas e talleres, contribuíndo á formación dos futuros profesionais a través de convenios con centros de formación profesional, desenvolvemento das prácticas curriculares e o adestramento de bolseiros”.

“Nestes 40 anos, a Evega serviu dun xeito eficiente ao sector do viño galego e contribuíu a revitalizar o noso rural, erixíndose nun núcleo xerador de oportunidades para a vitivinicultura galega a través da súa actividade investigadora e de I+D+i, da que derivaron coñecementos que adoptaron os profesionais”, manifestou Juan Casares.

O PPdeG destaca que a Xunta investirá 7 millóns de euros no 2026 no remate das obras de ampliación e modernización da EDAR de Sada

A deputada do Grupo Popular Ethel Vázquez, acompañada da portavoz do PP en Sada, Esperanza Arias, visitaron esta mañá as instalacións da depuradora de augas residuais deste concello, na que a Xunta ten previsto investir o vindeiro ano 7 millóns de euros para rematar os traballos de ampliación e modernización destas instalacións. “A auga é un recurso esencial para a saúde pública, o benestar social e o desenvolvemento económico, e garantir a súa dispoñibilidade en cantidade e calidade adecuadas é clave para a vida diaria dos cidadáns”, manifestaron.

Ethel Vázquez e Esperanza Arias lembraron que, aínda que as competencias en abastecemento, abastecemento e depuración de augas son municipais, a Xunta investirá un total de 12,6 millóns de euros na ampliación e modernización da EDAR de Sada, co obxectivo de dotar a este concello dun equipamento máis eficiente, sostible e adaptado ás necesidades actuais e futuras da poboación. Así, esta actuación permitirá que este concello coruñés conte cunha depuradora dotada de novas tecnoloxías de depuración e cunha capacidade de tratamento para dar servizo a máis de 30.000 habitantes.

COMPROMISO DA XUNTA

“Esta actuación é un exemplo do compromiso firme do Goberno galego coa mellora das infraestruturas hidráulicas, co obxectivo de garantir un saneamento eficaz, protexer os recursos hídricos e mellora a calidade de vida de todos os veciños e visitantes de Sada”, sinalaron.

Neste sentido, destacaron que esta obra “demostra a implicación e esforzo da Xunta para asegurar un futuro máis limpo e sostible para Galicia, apostando por unha calidade das augas e pola modernización das infraestruturas municipais”.

O PPdeG destaca que a Xunta reserve un millón de euros nos orzamentos de 2026 para as obras de reforma da residencia de A Milagrosa en Lugo

As deputadas do Grupo Popular Katy Varela e Encarna Amigo visitaron esta mañá as obras de reforma que a Xunta está a levar a cabo na residencia de maiores de A Milagrosa en Lugo, para as que reservou nos orzamentos de 2026 unha partida de un millón de euros. Ao remate do percorrido, criticaron a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o recoñecemento simultáneo da dependencia e a discapacidade, que en dez meses xa beneficiou a máis de 10.200 dependentes e provocará un atraso na percepción das axudas por parte dos afectados.

Respecto das obras que se acometen na residencia de A Milagrosa, Katy Varela e Encarna Amigo destacaron que a remodelación enmárcase no modelo implantado pola Xunta para optimizar a atención que reciben os maiores nestes centros. En concreto, procederase á mellora tanto da envolvente térmica e a cuberta como dos espazos interiores, buscando mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o confort dos residentes.

DEMAGOXIA DO GOBERNO CENTRAL

As deputadas populares avanzaron as graves consecuencias que para os dependentes e discapacitados galegos terá o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra o plan de choque posto en marcha pola Xunta para axilizar a tramitación das prestacións de dependencia e discapacidade. “Con esta decisión, o que está a provocar o Goberno de Pedro Sánchez é que todos estes galegos teñan que pasar por unha dobre valoración e atrasar a chegada das prestacións que precisan e merecen, cando o Goberno central sabe que esas equivalencias están demostradas”, sinalaron.

“É máis, resulta demagóxico que o Goberno de Sánchez considere inconstitucional esta convalidación directa das prestacións de dependencia e discapacidade en Galicia e ao mesmo tempo incorpore este mesmo procedemento no anteproxecto de modificación da Lei de dependencia estatal”, apuntaron.

Para rematar, criticaron “o constante boicot ao que o Goberno de Pedro Sánchez somete as decisións que se adoptan en Galicia, como aconteceu recentemente coa Lei do litoral, cando no que debería de centrarse é en buscar os fondos necesarios para abonar os máis de 2.500 millóns de euros que debe a Galicia pola prestación da dependencia”. “A pesar desta situación, a Xunta segue cumprindo coa atención aos nosos maiores e dependentes, como o demostra esta obra de rehabilitación que se está a realizar na residencia lucense de A Milagrosa”, dixeron.

O Grupo Popular salienta que a través do Plan Camiña Rural xa se melloraron máis de 6.000 camiños e 5.000 quilómetros de vías municipais

A deputada do Grupo Popular Nicole Grueira destacou hoxe no Parlamento de Galicia que a través do Plan Camiña Rural da Xunta “xa se melloraron máis de 6.000 camiños rurais, o que supón preto de 5.000 quilómetros de vías municipais”. Así mesmo, apuntou que esta iniciativa conta para o período 2025-2026 cunha dotación orzamentaria de case 20 millóns de euros, todos eles fondos propios da Administración galega.

Nicole Grueira manifestou que este plan “supón un apoio directo aos concellos, que son que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños e veciñas”. “A través desta iniciativa, os gobernos municipais contan cun instrumento eficaz para mellorar as infraestruturas do rural, garantindo a accesibilidade e a vertebración do territorio”, anotou.

“O sistema de reparto do Plan Camiña Rural é transparente e equilibrado”, defendeu a deputada popular, quen explicou que “todos os concellos reciben unha asignación fixa, en base a criterios obxectivos e transparentes coñecidos con anterioridade, que logo se incrementa en función do número de habitantes e das entidades de poboación de cada municipio, aplicando tamén factores de corrección vinculados coa agrariedade, a superficie e a localización”.

CASTIGO AO RURAL GALEGO DO GOBERNO CENTRAL

Para rematar, Grueira demandou a BNG e PSdeG que “centren os seus esforzos en pedirlle ao Goberno central que non castigue ao rural galego, porque, mentres a Xunta inviste fondos propios en plans como este, o Goberno de Pedro Sánchez fai xusto o contrario: recorta servizos e abandona o rural”.

“Sen ir máis lonxe, co recente proxecto de Lei de mobilidade sostible o Goberno de Sánchez vai suprimir 22 liñas de autobús no rural, prexudicando a máis de 130.000 galegos e galegas”, rematou.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central a creación dunha nova Brigada de Reforzo contra Incendios Forestais en Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a creación dunha nova Brigada de Reforzo contra Incendios Forestais (BRIF) con base en Galicia, para mellorar o dispositivo de prevención e loita conxunta contra os lumes e poñer fin á situación de discriminación que se produce coa actual distribución das bases polo territorio.

O deputado popular Ángel Rodríguez explicou que as brigadas de reforzo en incendios forestais son unidades helitransportadas compostas por persoal altamente especializado na extinción de incendios. Estas unidades foron creadas en 1992 logo dos grandes incendios ocorridos en España ocorridos naqueles anos e que puxeron de manifesto a necesidade de crear unidades especializadas que actuaran como reforzo das comunidades autónomas en situacións de especial complexidade provocadas polo lume.

XUSTIFICACIÓN

Rodríguez xustificou a creación desta nova BRIF en Galicia logo do último análise decenal publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no que se pon de manifesto que a rexión noroeste é a máis afectada, tanto en número de sinistros como en superficie afectada. “E neste ano 2025 o vimos claramente cos 673 lumes rexistrados no mes de agosto, dos que máis do 70 por cento foron intencionados”, apuntou.

Ademais, o deputado popular puxo de manifesto as especiais condicións da Comunidade galega para albergar esta nova BRIF, como os períodos con circunstancias meteorolóxicas extremas; as moi altas intensidades e velocidades de propagación dos incendios; a dispersión da poboación galega; a simultaneidade de moitos dos lumes forestais; ou a alta probabilidade de que os incendios se reproduzan en períodos de seca debido á textura e estrutura do solo.

O Parlamento de Galicia rexeita calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinado ao sector agrícola e gandeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se manifesta o rexeitamento a calquera proposta que implique unha redución substancial dos fondos europeos destinados ao sector agrícola e gandeiro no próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Así, pídese ao Goberno de España que impulse unha posición común entre os Estados membros da Unión Europea para rexeitar a devandita redución e propoñer un financiamento adecuado que garanta os obxectivos da Política Agraria Común, ao tempo que defend no seo do Consello da Unión Europea o mantemento dun orzamento específico e suficiente con recursos equivalentes e homologables á actual Política Agrícola Común (PAC) e aos fondos FEAGA e FEADER.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, lembrou que a Comisión Europea presentou o pasado 16 de xullo a proposta de novo Marco Financeiro 2028-2034, que “suporá un cambio de modelo que afecta á esencia mesma da PAC porque propón diluír a política agraria nun fondo único, no que agricultura, pesca e cohesión territorial competirían polos mesmos recursos”.

80 MILLÓNS DE EUROS CADA ANO PARA GALICIA

“Esta reforma fai que a PAC deixe de ser política, porque pasaría a ser só un programa dentro dun plan único por Estado; deixe de ser agraria, porque outras materias poderán ter prioridade na repartición de fondos; e deixe de ser común, permitindo que cada Estado defina a súa propia orientación e intensidade, rompendo o principio de igualdade entre territorios”, manifestou.

En concreto, Viso indicou que se anuncia un recorte do 20 por cento nos fondos agrícolas de gandeiros, “o que en termos reais suporía para Galicia 80 millóns de euros menos cada ano, é dicir, 480 millóns menos no período 2028-2034 para investir en relevo xeracional, modernización, prevención do abandono, servizos no rural e transición sostible”.

Miguel Ángel Viso subliñou que “Galicia non se pode permitir a debilidade que está a amosar o Goberno de España na negociación desta nova PAC”, ante o que incidiu “en cinco puntos irrenunciables: rexeitamento absoluto a calquera recorte nos fondos agrícolas e gandeiros; mantemento da estrutura das axudas directas e o desenvolvemento rural; fronte común cos Estados con forte peso rural, para defender unha PAC autónoma e ben dotada; compromiso do Goberno central cun plan nacional específico, con fondos suficientes e certezas para o medio rural; e interlución permanente coas comunidades autónomas e co sector, porque esta batalla só se pode dar con transparencia, unidade e información compartida”.

Neste sentido, lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez non está á altura no momento” e criticou que “non está informando ás comunidades autónomas nin do avance das negociacións que manteñen en Bruxelas nin das posicións doutros estados membros”.

“O agro galego leva anos demostrando que é capaz de modernizarse, innovar, exportar e crear valor, pero tamén necesita estabilidade normativa, certezas orzamentarias e unha PAC forte como columna vertebral”, rematou.

O Grupo Popular salienta que Galicia ofrece o maior esforzo económico feito nunca para axudar aos afectados polos incendios e asegura novas ordes complementarias se a situación o require

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia ofrece o maior esforzo económico feito nunca para axudar aos afectados pola vaga de incendios forestais, cun salto enorme respecto a convocatorias anteriores: agora asígnanse máis cartos e por máis tempo, garantindo unha resposta rápida ás necesidades urxentes”. “E cando remate a tramitación e teñamos avaliación completa, se a situación o require haberá novas ordes complementarias”, apuntou.

Miguel Ángel Viso concretou que neste momento a Xunta xa ten concedidas 42 axudas por vivendas afectadas, por valor de 2,9 millóns de euros; 10 axudas a empresas, por 280.000 euros; 24 axudas a tecores, por 180.000 euros; e máis de 1.600 solicitudes agrícolas e forestais que se atopan en tramitación, co compromiso de pagar o 80 por cento das axudas antes de que remate o presente ano. A isto súmase a ampliación da rede de videovixilancia, cun investimento de 2,2 millóns de euros, ata chegar ás 237 cámaras.

“Os socialistas galegos están tan desesperados por atopar cortinas de fume que tapen a corrupción que os envolve, que agora recorren ao único fume que lles queda: o dos incendios”, sinalou o portavoz popular, quen lamentou que “Pedro Sánchez e os ministros Marlaska e Planas viñeron a Galicia a falar moito, a prometer de todo, a anunciar fondos e medidas urxentes, pero a verdade é que os galegos afectados polos incendios seguen sen ver un euro do Goberno central”.

Deste xeito, Viso subliñou que “a Xunta responde e seguirá ao lado dos que traballan a terra, coidan o monte e manteñen viva esta terra”, e criticou “o descaro dos socialistas galegos para vir a este Parlamento a pedir responsabilidades e correccións nas liñas de axuda da Xunta mentres o Goberno de Pedro Sánchez maltrata, esquece e despreza a Galicia”.

O Grupo Popular volve demandar no Pleno a creación de novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller en Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Santiago

A deputada do Grupo Popular Katy Varela volveu demandar no Pleno ao Goberno central a creación de novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller nos xulgados de Ourense, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Santiago, sen que esta decisión conleve a supresión das seccións de instrución existentes na actualidade, como fixo recentemente nos xulgados de A Coruña e Vigo. “A Xunta xa anunciou a súa disposición a reforzar tanto as infraestruturas como o persoal necesario nestas novas seccións de violencia de xénero, pero falta a decisión política do Goberno central para poder poñelos en funcionamento”, indicou.

Katy Varela lembrou que “a Comisión de Xustiza de Galicia leva moito tempo reclamando a creación de novas unidades de violencia sobre a muller, pero sen ser a costa da destrución doutras seccións de instrución”. Neste sentido, saudou que o Goberno central “decidira este ano ampliar catro novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller en Galicia, pero só as de Santiago e Ourense son de nova creación, mentres as de Vigo e A Coruña se crean a costa de suprimir outras seccións de instrución”.

MÁIS CARGA DE TRABALLO

“Esta decisión suporá un aumento nos asuntos das restantes prazas de instrución de Vigo e A Coruña, que na actualidade xa asumen nalgúns casos un volume de causas que supera o 98 por cento do limiar obxectivo fixado polo Ministerio de Xustiza”, manifestou.

A deputada popular afirmou que “a Xunta xa leva anos defendendo a necesidade de reforzar a resposta institucional fronte á violencia de xénero, unha prioridade absoluta que require recursos suficientes e unha planificación rigorosa, ante o que o Goberno galego sempre estivo listo para activar estas novas estruturas xudiciais”.

O Parlamento galego amosa a satisfacción pola concesión do Premio Nobel da Paz a Corina Machado e condena o réxime de Nicolás Maduro, esixindo a liberación de prisioneiros políticos

O Pleno do Parlamento de Galicia amosou hoxe a súa satisfacción pola concesión do Premio Nobel da Paz 2025 a María Corina Machado, expresando a confianza de que este galardón contribúa a abrir para Venezuela un horizonte de democracia, reconciliación e paz duradeira. A través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, á que o BNG votou en contra e o PSdeG se abstivo, tamén se condena enerxicamente o réxime de Nicolás Maduro, esixindo a liberación inmediata e incondicional de todos os prisioneiros políticos e das persoas detidas arbitrariamente en Venezuela, e ínstase a que poña fin á súa política de represión e ataques contra a sociedade civil e a oposición.

A iniciativa inclúe, ademais, a solicitude para que o Goberno de España recoñeza a Edmundo González Urrutia como lexítimo gañador das eleccións presidenciais do pasado 28 de xullo de 2024 en Venezuela; apoie as medidas de presión e as sancións impostas pola Unión Europea contra o réxime venezolano; e axude de forma decidida, responsable e prioritaria aos cidadáns españois, en particular aos galegos residentes en Venezuela, a través dunha dotación inmediata e suficiente de crédito para o programa Prestación por razón de necesidade para emigrantes españois no exterior.

O portavoz popular, Alberto Pazos, subliñou que esta iniciativa “reafirma o compromiso deste Parlamento cos principios democráticos e a solidariedade do pobo galego co pobo irmán de Venezuela, que continúa a padecer o terror e a opresión baixo o brutal réxime ditatorial presidido por Nicolás Maduro”. “Un réxime corrupto e torturador responsable do asasinato de opositores, responsable da detención en condicións inhumanas de centenares de presos políticos, responsable do maior éxodo da historia da humanidade e responsable de sumir a inmensa maioría do país nun inferno de fame, miseria e penuria sen precedentes”, apuntou.

REALIDADE MIGRATORIA DRAMÁTICA

Neste sentido, referiuse ao informe de ACNUR sobre a situación humanitaria neste país, “que describe unha realidade migratoria dramática: preto de 7,9 millóns de persoas, dun censo de 28,1 millóns, saíron de Venezuela buscando protección e unha vida mellor; máis de 1,3 millóns de solicitantes de asilo de Venezuela no mundo; e a propia poboación galega no país reduciuse de 46.000 a 30.000 galegos en apenas cinco anos”.

Alberto Pazos lembrou que “a oposición foi quen de gañar as eleccións e forzar a Maduro a autoproclamarse Presidente por decreto, ilexitimamente, sen ofrecer resultados desglosados e sen amosar actas do reconto electoral”. “Unhas actas que si foron recabadas por un grupo de demócratas valentes, que con risco da súa vida as recompilaron e fixeron públicas para amosar que o presidente elixido nas urnas polos venezolanos chámase Edmundo González Urrutia”, destacou.

Ademais, anotou que “o triunfo da oposición venezolana non tería sido posible sen o liderado dunha muller valente, galardoada co Nobel da Paz polo seu incansable labor en pro dos dereitos democráticos do pobo venezolano e pola súa loita para lograr unha transición xusta e pacífica da ditadura á democracia”. “Esa muller chámase María Corina Machado e foi gravemente insultada polo BNG neste Parlamento polos que prefiren estar do lado dun ditador que do lado da democracia, unha mancha que o Parlamento de todos os galegos non pode aceptar”, rematou.