O Parlamento galego demanda aumentar a idade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil aos 18 anos e crear un programa de transición á idade adulta para os pacientes psiquiátricos adolescentes

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita aumentar a idade de atención da psiquiatría infanto-xuvenil aos 18 anos e crear un programa de transición á idade adulta para os pacientes psiquiátricos adolescentes.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, afirmou que “compartimos a idea de que un mozo de 16 anos non debería estar nunha unidade co resto de adultos, posto que continúa sendo un adolescente e o cambio podería dificultar a súa recuperación e tratamento”.

Así, afirmou que “o aumento da idade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil, xunto co programa de transición á idade adulta, van mellorar a calidade asistencial que estes pacientes reciben”. “Consideramos que, unha vez cumprida a maioría de idade, os rapaces ingresados nas unidades infanto-xuvenís deben ter unha transición ordenada e amable cara as unidades de psiquiatría de adultos”, apuntou.

MATERIA ESQUECIDA

Encarna Amigo salientou que “nos últimos anos a saúde mental descubriuse como unha materia esquecida que aflorou bastantes casos, entre os que hai moita xente moza”. Entre as medidas adoptadas, destacou a posta en marcha de hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil nas sete áreas sanitarias; as unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil nos hospitais de Santiago e Vigo; e o aumento da ratio de profesionais da psicoloxía clínica desde 3,4 profesionais por 100.000 habitantes e 5,2 na actualidade.

“Foron moitas as medidas adoptadas, pero queda moito por facer, e o desenvolvemento da rede mental infanto-xuvenil en Galicia é, sen dúbida, a prioridade dentro do ámbito da saúde mental, porque unha parte importante dos trastornos mentais graves iníciase nesta etapa”, indicou.

O Parlamento galego pide ao Goberno central fondos económicos para a posta en marcha de programas específicos para emprendemento

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclaman ao Goberno de España os fondos necesarios para a posta en marcha de programas específicos en materia de emprendemento, logo de que Galicia fora recoñecida como Rexión Emprendedora Europea.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, sinalou que este premio “recoñece o traballo feito pola Xunta de Galicia e supón unha oportunidade para continuar potenciando o talento, a creatividade e a capacidade emprendedora dos galegos”. “A estratexia que levou a Galicia a conseguir este recoñecemento está dirixida a fomentar o crecemento e a competitividade das áreas rurais, buscando ao mesmo tempo combater retos tan importantes como o envellecemento da poboación e o despoboamento”, apuntou.

CENTROS DE EMPRENDEMENTO SEN AXUDAS

“O talento, os recursos locais e tamén a estabilidade política son factores clave que sitúan a Galicia como unha terra destacada para investir e para emprender”, indicou a portavoz popular.

Noelia Pérez referiuse aos centros de orientación ao emprendemento, impulsados a nivel estatal con fondos europeos e destinados a ofrecer acompañamento personalizado, recursos e formación para impulsar proxectos emprendedores. “Foron entidades que o Goberno de Pedro Sánchez obrigou a crear a todas as comunidades autónomas, transferindo os fondos tanto para a súa construción, a posta en marcha e a realización de actividades ao longo de 2024”, explicou.

Porén, lamentou que “agora o Goberno central desenténdese do mantemento destes centros de emprendemento, xa que se descoñece como ten pensado financialos ao longo deste ano 2025”. Por este motivo, considerou “inaceptable que Galicia, a única comunidade española que recibiu o premio de Rexión Emprendedora Europea sexa abandonada polo Goberno de Pedro Sánchez, máis interesado en regar con cartos a outras comunidades que en apoiar ás que compren e destacan polo seu esforzo”.

O Parlamento de Galicia pide ao Ministerio de Interior a construción dun novo cuartel da Garda Civil en Vilagarcía ou a rehabilitación do actual

 

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se solicita ao Ministerio do Interior a construción dun novo Cuartel da Garda Civil en Vilagarcía de Arousa ou, na súa falta, realice unha rehabilitación integral do actual. Así mesmo, pídese que reconsidere a súa decisión de trasladar a dependencia da Capitanía da Garda Civil a Cambados e manteña no acuartelamento de Vilagarcía os servizos de Atención ao Cidadán en materia de Intervención de Armas, Servizo de Protección da Natureza e Servizo Fiscal e Fronteiras, ao tempo que cubra a taxa de reposición dos axentes adscritos a Vilagarcía de Arousa.

O deputado popular Raúl Santamaría lembrou que o cuartel da Garda Civil de Vilagarcía conta con máis de 60 anos de antigüidade sen que se levaran a cabo reformas de calado no mesmo neste tempo, “polo que a día de hoxe presenta unha grave deterioración”.

RECTIFICACIÓN

“Diante desta situación, o Goberno de España tiña previsto unha partida de 2,8 millóns de euros en 2019 para a construción dun novo cuartel da Garda Civil en Vilagarcía, dato que sorprendentemente coincidía co anuncio, dentro do Plan de Infraestruturas para a seguridade do Estado 2019-2025, da unificación dos cuarteis da Garda Civil de Vilagarcía e Cambados nunha nova edificación neste último concello”, sinalou.

Raúl Santamaría manifestou que “o Goberno de Pedro Sánchez rectificou esta decisión e no ano 2020 indicaba que non estaba previsto reducir as capacidades operativas das unidades situadas nos acuartelamentos de Vilagarcía e Cambados, nin existía proposta ou proxecto para unificar ambos acuartelamentos”.

“A día de hoxe, o cuartel da Garda Civil de Vilagarcía segue á espera dun proxecto do Goberno de España para que leve a cabo a súa rehabilitación integral ou a construción dunhas novas instalacións”, lamentou o deputado popular.

Así mesmo, criticou que o Goberno de Pedro Sánchez “incumpriu a súa palabra e modificou as capacidades operativas das unidades situadas no cuartel de Vilagarcía, tendo en conta que o pasado ano 2024 cambiou a adscrición da Capitanía, pasando a depender da Compañía de Cambados, a pesar de que fisicamente se emprazan en Vilagarcía”.

O Parlamento galego demanda a creación dun grupo operativo da unidade de prevención e reacción da Policía Nacional na cidade de Ourense

 

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central a creación dun Grupo Operativo completo da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Policía Nacional na cidade de Ourense, así como dunha Brigada Móbil de Policía no Transporte na Comisaría de Ourense. “Mentres non se cree este Grupo Operativo da UPR en Ourense, pedimos que se dote, con carácter urxente, as vacantes conforme ao previsto no Catálogo de postos de traballo, completando así o Subgrupo Operativo cos medios necesarios para poder exercer as súas funcións en condicións de seguridade”, sinalou a deputada popular Noelia Pérez.

“Estamos a falar de incrementar o número de efectivos na Comisaría de Ourense, porque a demanda de novo persoal operativo do UPR non pode supoñer a transformación de postos existentes de persoal operativo policial ou persoal operativo de seguridade cidadá”, sinalou Noelia Pérez.

INCREMENTO DA INSEGURIDADE

Respecto da creación dunha Brigada Móbil de Policía no Transporte, a deputada popular lembrou que “a estación do tren de Ourense é n estes momentos o aeroporto terrestre de Galicia, rexistrando maior número de viaxeiros que os aeroportos de Alvedro e Peinador xuntos”. Neste sentido, dixo que “non compartimos a visión que ten o Ministerio do Interior de que os viaxeiros permanecen na estación o tempo mínimo imprescindible, para deste xeito descargar na área de seguridade cidadá da Comisaría de Ourense os labores de seguridade”.

Noelia Pérez xustificou a demanda destes novos corpos policiais para Ourense no incremento da inseguridade nesta cidade, cun incremento dos homicidios dolosos e asasinatos en grao de tentativa nun 300 por cento, o aumento dos delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias; ou a suba das agresións sexuais nun 12,5 por cento.

“Desde o PPdeG queremos trasladar a preocupación existente entre os veciños e veciñas polo incremento da inseguridade en toda a cidade de Ourense, de xeito especial nos barrios de A Ponte e o Vinteún, así como no casco histórico coa proliferación de altercados, polo que pedimos que se poñan todos os medios necesarios enriba da mesa para darlle solución a este problema”, indicou a deputada popular.

O Grupo Popular insiste na necesidade de que o Goberno central rectifique a súa decisión de incluír o lobo no Lespre

 

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Cristina Campero, nunha reunión mantida con gandeiros da comarca de Castro Caldelas, insistiron na necesidade de que o Goberno central rectifique a súa decisión de incluír o lobo no Lespre, algo que “responde unicamente a criterios culturais e razóns ideolóxicas e non a aspectos obxectivos”, segundo o portavoz de Medio Rural.

Miguel Viso indicou que desde a inclusión do lobo no Lespre en setembro de 2021, os avisos por ataques incrementáronse en Galicia nun 72 por cento e o número de reses afectadas aumentou un 57 por cento. Así mesmo, os datos do censo elaborado pola Xunta estiman que a poboación desta especie se mantén estable na Comunidade galega, con arredor de 93 mandas.

Os deputados populares, que estiveron acompañados no seu encontro en San Xoán de Río, polo alcalde, Miguel Pérez Blecua, e o voceiro do PP en Castro Caldelas, César Enríquez Diéguez, lembraron que os gandeiros teñen de prazo ata o vindeiro 23 de xaneiro para solicitar as axudas da Xunta para previr os ataques do logo ao sector gandeiro.

En concreto, os propietarios de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún, porcino de raza celta e equino, que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (Rega) poderán solicitar axudas para a instalación de valados fixos por un importe de ata 400.000 euros.

Ademais, e por unha contía de 570.000 euros, a Xunta dispón de axudas para o sector gandeiro en extensivo para a contratación de persoal que desenvolva tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.

Miguel Viso insistiu na necesidade de que o Goberno central rectifique a decisión de incluír o lobo na listaxe de especies silvestres de réxime de protección especial (Lespre) “porque responde unicamente a criterios culturais e a razóns ideolóxicas, pero non obedece a aspectos obxectivos nin ao seu estado favorable ao norte do río Douro”.

O Grupo Popular salienta “os avances e o compromiso real” da Xunta coa construción do novo edificio administrativo en Ourense

O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes destacou hoxe no Parlamento de Galicia “os avances e o compromiso real” da Xunta coa construción do novo edificio administrativo en Ourense e criticou ao BNG por “sementar dúbidas permanentemente sobre o traballo feito, ao tempo que esixe resultados inmediatos”.

Argimiro Marnotes incidiu que “o edificio administrativo da Xunta en Ourense é unha prioridade para o Goberno galego, e así está demostrado desde o primeiro momento”. En concreto, lembrou que a Xunta decidiu no segundo semestre de 2021 adquirir os terreos necesarios no barrio das Lagoas por un importe próximo aos 8,5 millóns de euros”.

INFRAESTRUTURA CLAVE

Posteriormente, convocouse un concurso de ideas para o novo edificio, que foi resolto en febreiro de 2023. Estas novas instalacións, que suporán un investimento total de 25 millóns de euros, contarán con oito plantas e catro sotos, con capacidade para preto de 900 empregados públicos e centralizará dez departamentos autonómicos. Ademais, inclúe unha praza pública de 5.000 metros cadrados, converténdose nunha infraestrutura clave para mellorar a eficiencia administrativa e a atención á cidadanía.

“Neste momento, a Xunta está a traballar con todos os sectores afectados para rematar o proxecto de construción do edificio administrativo de Ourense e poder comezar a construción do mesmo, para o que os orzamentos da Xunta para o presente ano xa incorporan unha partida económica específica”, indicou.

O Grupo Popular avoga por “seguir traballando polos temas que realmente importan aos galegos e cumprir cos compromisos adquiridos nas urnas”

 

O Grupo Popular avoga neste primeiro período de sesións do ano por “seguir traballando polos temas que realmente importan aos galegos e cumprir cos compromisos adquiridos nas urnas o pasado 18 de febreiro, e que continúan a ser o noso obxectivo político prioritario”.

Así o manifestou o portavoz parlamentario Alberto Pazos nunha rolda de prensa na que sinalou que en Galicia “comezamos o ano cos deberes ben feitos: cos Orzamentos máis altos da historia en vigor e sendo a comunidade que rexistra un maior crecemento do PIB per cápita nos últimos 15 anos”.

“Iniciamos coa satisfacción do deber cumprido, orgullosos de crecer por riba da media e cun Goberno capaz de cumprir coa palabra dada e que goberna pensando nos problemas e na política útil para a xente” explicou Alberto Pazos, contrapoñendo o estilo de gobernar en Galicia con estabilidade, rigor e xestión “fronte ao peor Goberno central da historia, cunha xestión caótica e irresponsable”.

GOBERNO GALEGO SERIO E SOLVENTE

“Seguiremos exercendo o respaldo apoio parlamentario que nos deron as urnas para apoiar un Goberno serio e solvente á altura do que demandan o conxunto dos galegos” indicou Alberto Pazos sinalando como prioridades políticas “a defensa dos nosos servizos públicos fundamentais, como son a educación, a sanidade ou as políticas sociais, apoio xa efectivo desde o primeiro momento polo investimento prevista nuns Orzamentos xa en vigor para este ano”.

A defensa das nosas competencias para que Galicia adquira o máximo nivel de autogoberno constitucionalmente posible foi outra das prioridades nomeadas polo portavoz popular para o presente período de sesións “na que insistiremos no traspaso inmediato dos medios para exercer a xestión do noso litoral ou das competencias en meteoroloxía, co fin de optimizar a efectividade das alertas e aproveitar os nosos recursos punteiros”.

A apertura a todos os investimentos industriais que queiran vir a Galicia, cumprindo sempre a normativa medioambiental, que ofrezan oportunidades aos galegos ou a promoción de Galicia a través da extensión dos beneficios fiscais polo Xacobeo 2027, foron outras das medidas nomeadas por Alberto Pazos.

O portavoz popular sinalou como obxectivos claros que “Galicia continúe pola senda dun crecemento sostible con compromiso e visión de futuro” e manifestou as súas dúbidas ao respecto de que “os partidos da oposición se incorporen a traballar en serio por Galicia e os galegos e vez de argallar cortinas de fume na procura exclusiva duns intereses electorais que cada vez lle son menos favorables”.

“E se xa somos pouco optimistas ao respecto da oposición, menos aínda no que se refire ao Goberno de España que prefire mirar ao pasado que afrontar as súas responsabilidades presentes e botar balóns fóra antes que asegurar infraestruturas precisas para hoxe e para o futuro de Galicia”.

APOIO AO POBO VENEZOLANO

Alberto Pazos finalizou a súa intervención amosando o apoio do PPdeG “ao pobo venezolano, que pide respecto ao que decidiron as urnas e que lle devolvan o país que lles roubaron” e fixo referencia á asistencia no día de onte dos deputados e deputadas do PPdeG ás concentracións en apoio á democracia, a liberdade e aos dereitos de Venezuela.

O portavoz parlamentario tamén amosou a súa “solidariedade coa situación incerta do activista e xornalista fillo de galegos, Carlos Correa, e esiximos ao Goberno central que mova ficha para lograr a súa liberdade e a dos presos que o son exclusivamente por non ser afíns ao réxime ditatorial que goberna na actualidade Venezuela”.

O Grupo Popular pecha o período de sesións no Parlamento galego “coa satisfacción do deber feito e listos para seguir levando adiante os compromisos adquiridos cos galegos”

 

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe que “pechamos o período de sesións no Parlamento de Galicia coa satisfacción do deber feito e listos afrontaremos o novo período de actividade parlamentaria con todo o ánimo para seguir levando adiante os compromisos adquiridos con todos os galegos e defendendo a un Goberno galego, presidido por Alfonso Rueda, que seguirá traballando na defensa do conxunto da sociedade galega”.

Nunha comparecencia para facer balance da actividade parlamentaria, na que estivo acompañado dos viceportavoces do Grupo Popular Paula Prado, Julio García Comesaña e Cristina Sanz, Alberto Pazos indicou que afrontamos “un momento no que o debate do novo modelo de financiamento e a consecución de novos traspasos de competencias á Galicia, como a definitiva sobre o noso litoral, a AP-9 ou as relativas á meteoroloxía, serán ámbitos de debate político; sen esquecer a toma de novas decisións para mellorar os servizos públicos que se prestan a todos os galegos, tanto no ámbito sanitario, como no educativo ou na atención aos nosos maiores e máis novos”.

OPOSICIÓN LEAL E DEFENSORA DOS INTERESES DE GALICIA

“Estaremos listos e dispostos para todo iso e esperamos atopar enfronte a unha oposición leal a Galicia e defensora dos seus intereses, pero, lamentablemente, a súa estreita relación co Goberno socialista de Pedro Sánchez prívalles de mirar exclusivamente cara Galicia, converténdose en tontos útiles dun Goberno central extorsionado polo independentismo catalán e vasco”, manifestou o portavoz popular, quen lamentou que “estamos vivindo un dos momentos máis caóticos da historia de España polos incontables casos de corrupción que asolan ao propio Goberno, ao Partido Socialista e, directamente, ao entorno do Presidente Sánchez”.

Diante desta situación, subliñou que “desde o PPdeG, desde o Grupo Popular e, estamos seguros que tamén desde o Goberno galego, imos continuar facendo todo o posible para que Galicia se manteña afastada deste barullo mesetario e continúe pola senda de estabilidade e prosperidade da que, felizmente, gozamos todos os galegos nestes últimos anos gracias aos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda”.

INTENSA ACTIVIDADE LEXISLATIVA

Respecto da actividade desenvolvida no Parlamento galego, Alberto Pazos destacou tres cuestións principais. En primeiro lugar, a aprobación de cinco novos textos lexislativos neste período de sesións que se pecha: a Lei dos orzamentos da Administración galega para 2025, coa que os galegos volven ter, por décimo sexto ano consecutivo, unha contas en tempo e forma; a Lei de medidas fiscais e administrativas, coa que se pon a disposición dos concellos a posibilidade de habilitar unha taxa turística e se da un novo impulso ao sector eólico galego; a nova Lei de estatística, aprobada por unanimidade; a Lei de cultura inclusiva e accesible, que contou coa abstención dos tres grupos da oposición; e, finalmente, a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

Respecto desta última norma, Pazos lembrou a súa importancia ao garantir que “calquera proxecto que se desenvolva na nosa terra relacionado coa produción de enerxía redunde en beneficios directos e medibles para o conxunto da poboación, e, o que é máis importante, respectando totalmente o noso medio natural e sen mermar nin unha soa garantía ambiental”. Neste sentido, lamentou que esta Lei non contara co apoio dos grupos da oposición, “amosando, unha vez máis, a súa incoherencia política, e incidindo nas súas teimas dunha industria eólica sen muíños, unha minería sen minas, unha industria sen factorías, un turismo sen turistas, emprego sen empresas, e queren a colleita pero non están dispostos a traballar a terra”.

Unha segunda cuestión destacada polo portavoz popular foi a relativa á “obsesión que teñen os grupos da oposición respecto do suposto uso abusivo da maioría que ten o Partido Popular neste Parlamento”. Neste punto, Alberto Pazos negou este feito usando datos como que o 75 por cento das iniciativas que integran as ordes do día dos Plenos son a proposta dos grupos da oposición; que a aprobación por unanimidade das proposicións non de lei supera o 45 por cento en Pleno e o 55 por cento en Comisión; ou que máis do 37 por cento das iniciativas aprobadas en Comisión son a proposta dos grupos da oposición.

“A oposición é quen de poñer enriba da mesa a práctica totalidade dos asuntos que se van a tratar en cada Pleno, facendo de escaparate ás súas ideoloxías e, no caso das iniciativas de control ao Goberno, tendo diante aos responsables da Xunta para contrastar as súas opinións”, lembrou o portavoz popular, quen incidiu que “felizmente os galegos poden comprobar como Pleno tras Pleno e comisión tras comisión as propostas dos grupos da oposición acaban totalmente diluídas ao contrastar as súas demagóxicas demandas coa realidade da acción do propio Goberno galego, das propostas do PPdeG ou da mesma realidade social galega”.

OBXECTIVOS CUMPRIDOS

Por último, Alberto Pazos referiuse á Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración galega e recoñeceu “a nosa satisfacción por un traballo ben feito e que permitiu cumprir os obxectivos que nos marcamos ao comezo desta Comisión: poñer en valor a boa xestión dos Gobernos do PPdeG tanto na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo como en todas as contratacións públicas realizadas ao longo dos últimos anos”.

“Foron 38 comparecencias e milleiros de folios de documentación oficial os que respaldaron o bo facer dos Gobernos do PP e botaron abaixo as pretensións de BNG e PSdeG de poñer en dúbida a xestión dos Gobernos de Alberto Núñez Feijóo e de Alfonso Rueda, porque nin houbo sobrecusto na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, como ben clarexaron tanto o actual conselleiro maior do Consello de Contas como o anterior; nin se puido constatar a máis mínima sombra de ilegalidade nas contratacións realizadas pola Xunta desde o 2009 ata a actualidade”, asegurou.

Alberto Pazos afirma que a Comisión de Investigación chega ao seu fin demostrando o bo facer dos gobernos do PPdeG

 

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, manifestou hoxe que a Comisión de Investigación sobre a contratación da Administración galega “está chegando ao seu fin cumprindo os obxectivos que desde o Grupo Popular nos marcamos desde o primeiro momento: demostrar, con extensa documentación e en palabras dos comparecentes, o bo facer dos gobernos do PPdeG ao longo de todos estes anos.

E, deste xeito, “botar abaixo todas e cada unha das falacias coas que, principalmente o BNG, pero co apoio incondicional do PSdeG, quixeron desprestixiar o traballo e o compromiso do Goberno do PPdeG para levantar en Vigo un dos mellores hospitais públicos de España e, se me apuran, de Europa, así como as contratacións públicas levadas a cabo nos últimos anos”.

Alberto Pazos lembrou que BNG e PSdeG “pretendían coa difamación botar abaixo a boa imaxe de xestión e transparencia dos gobernos do PPdeG, pero viron como, día a día, se lles viñan abaixo todas as súas esperanzas, chegando incluso a ter que recoñecer que eles mesmos son protagonistas de chanchullos alí onde gobernan, beneficiando a empresas e amigos con contratos menores, a imaxe e semellanza do que tanto están a criticar acusando falsamente ao Goberno do Partido Popular”.

NON HOUBO SOBRECUSTO

Porén, o portavoz popular recoñeceu que este tipo de contratos menores “son, como ben dixeron os dous representantes nacionalistas que compareceron na Comisión, totalmente legais e útiles para unha administración pública, polo que o seu uso é perfectamente lexítimo por parte de todas as administracións, e non só cando se utilizan desde os gobernos nacionalistas ou socialistas”.

“O que deixaron claro, tanto os comparecentes que pasaron pola Comisión de Investigación como a extensa documentación que se puxo a disposición dos deputados, é que é totalmente falso que exista un sobrecusto na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro”, asegurou o portavoz popular. En concreto, explicou que “o Consello de Contas fai no seu informe unha comparación teórica sobre dúas alternativas para a construción deste hospital público: unha, a través de financiamento exclusivamente público, que naquel momento era totalmente imposible pola situación de crise económica que se vivía, pero que, como é normal, sairía máis barata; e outra, a través da colaboración público-privada, unha fórmula que, quedou constatado na Comisión a través dos informes elaborados por dúas importantes auditoras, xa fora barallada polo Goberno de bipartito de socialistas e nacionalistas porque era a única viable naquel momento de fonda crise económica”.

Pazos afirmou que “tampouco existe tacha algunha de legalidade nos procesos de contratación menor da Xunta, ao constatar que todos compren a normativa vixente, ademais de estar sometidos aos exhaustivos controis internos, tanto por parte da Asesoría Xurídica como pola Intervención Xeral, e externos, por parte do propio Consello de Contas”.

“O mesmo se pode dicir dos contratos de emerxencia asinados durante a pandemia da Covid-19, auditados tamén polo Consello de Contas e fiscalizados polo Goberno do Estado, ademais de quedar constatado na Comisión de Investigación que as contratacións de emerxencia foron marxinais e plenamente xustificadas para facer fronte á crise socio-sanitaria”, dixo.

TRAER A GALICIA O BARULLO DA CORRUPCIÓN

O portavoz popular criticou que BNG e PSdeG “quixeron trasladar aos galegos “unha sombra de dúbida respecto das contratacións levadas a cabo nestes últimos anos, pretendendo traer a Galicia o barullo dos escándalos de corrupción que están a asolar a Pedro Sánchez, o seu Goberno e ao Partido Socialista”. “O seu obxectivo era lavarlle a cara ao actual Goberno de España, ao que lamentablemente tan unido se senten os nacionalistas galegos”, indicou.

“Desde o Grupo Popular imos seguir traballando para que esta Comisión de Investigación remate como se merece, cun ditame de conclusións completo e exhaustivo para que quede constancia de que o que comezou sendo unha Comisión da difamación acabou sendo unha Comisión de respaldo absoluto á boa xestión e o bo facer dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda”, rematou.

O PPdeG demanda ao Goberno central un plan integral de abordaxe da obesidade dirixido á sociedade en xeral, como o que ten en marcha a Xunta

 

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, demandou hoxe no Parlamento de Galicia que “o Goberno central, do mesmo que xa está a facer a Xunta de Galicia, poña en marcha un plan integral de abordaxe da obesidade con recursos económicos e humanos suficientes para levalo a cabo”.

Encarna Amigo lembrou que o Goberno galego puxo en marcha hai dous anos o Plan Obesidade Zero, dirixido a promover hábitos saudables para frear esta tendencia e desta maneira mellorar o benestar e a saúde da poboación galega. Este plan abarca un período de execución de oito anos centrándose na prevención do sobrepeso e a obesidade, tendo como meta reducir a prevalencia do sobrepeso nun 15 por cento neste tempo.

“A diferencia do plan vixente a nivel estatal, que fixa como poboación diana a infantil, o plan galego está destinado a toda a poboación”, salientou a portavoz popular. En concreto, explicou que nestes dous anos de vixencia do plan galego puxéronse en marcha a Rede galega de promoción da saúde, con representantes nas sete áreas sanitarias; e a web do Observatorio de saúde pública de Galicia, que inclúe o mapa Actúa saúde no que está identificado preto dun milleiro de recursos e actividades que promoven hábitos de vida saudable.

Así mesmo, habilitouse a plataforma dixital Sanidade mediaverso para o fomento de factores protectores do sobrepeso e a obesidade, como son a actividade física, a alimentación saudable, a hixiene do sono, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.

“Pola contra, o Plan estratéxico nacional para a redución da obesidade infantil 2022-2030 é un documento do Goberno central pouco ambicioso e cunha poboación obxectivo moi limitada, excluíndo a gran maioría da sociedade”, indicou Encarna Amigo, quen lamentou que nos dous anos que leva operativo “non conseguiron poñer en marcha moitas das medidas do plan”.