O PPdeG avoga por incentivar a participación voluntaria nas comunidades enerxéticas para impulsar o autoconsumo compartido

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por incentivar a participación voluntaria da cidadanía nas comunidades enerxéticas para impulsar as vantaxes do autoconsumo compartido, ao tempo que demandou ao Goberno de España a creación, de xeito coordinado coas comunidades autónomas, un marco lexislativo común e un rexistro de comunidades enerxéticas para coñecer a súa natureza e o impacto positivo de cada unha delas onde operan.

Rubén Lorenzo asegurou que “compartimos plenamente os beneficios e vantaxes das comunidades enerxéticas e, por este motivo, o PPdeG levaba no seu programa electoral o impulso destas figuras que permiten acadar un aforro enerxético á cidadanía”. “Debemos seguir avanzando na transición enerxética cara un modelo descarbonizado e dixitalizado”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “cómpre seguir avanzando nunha maior presenza de enerxías renovables no mix enerxético, e facer un maior esforzo neses obxectivos de descarbonización a través tanto da autosuficiencia enerxética como no aforro enerxético”.

DOUS ANOS ESPERANDO POLO REAL-DECRETO

Porén, criticou que o Goberno central “ten pendente desde hai case dous anos aprobar un proxecto de Real-Decreto polo que se desenvolvan as figuras das comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadáns de enerxía”.

“Resulta fundamental dotar dun marco lexislativo claro ás comunidades enerxéticas, pero sempre tendo en conta as aportacións que se fagan desde as comunidades autónomas”, indicou Rubén Lorenzo. En concreto, esta norma aportaría un marco lexislativo común, ao tempo que contemplaría un rexistro de comunidades enerxéticas compartido para todo o territorio español. “Se falamos das comunidades enerxéticas, a normativa ten que evolucionar e atender a clara evolución na normativa relacionada co autoconsumo, democratizando a súa implantación”, dixo.

Rubén Lorenzo salientou o apoio da Xunta de Galicia ás comunidades enerxéticas e “xa vai pola terceira convocatoria de axudas” para estas iniciativas, a través da que se complementa as liñas de axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) cos programas CE Implementa e CE Oficinas.

O Parlamento galego demanda por unanimidade ao Goberno central que axilice os trámites para construír a Biblioteca Pública do Estado en Vigo

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que axilice todos os trámites necesarios para poñer en marcha o Proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo.

O deputado popular Miguel Fidalgo lembrou “a historia do proxecto de Biblioteca do Estado en Vigo comeza no mes de agosto de 2007, cando o entón ministro de cultura galego César Antonio Molina comprometeu unha gran biblioteca nesta cidade, despois da negativa da súa antecesora no cargo, Carmen Calvo a quen non lle facía gracia este proxecto para Vigo”.

“A partir dese momento comeza o baile porque o alcalde de Vigo propuxo neste tempo ata nove localizacións para a Biblioteca do Estado: o antigo Colexio Cluny; a Praza do Rei, xunto á Casa Consistorial; a Escola de Artes e Oficios; o Auditorio Mar de Vigo; o polígono de Navia; a Panificadora, en dúas ocasións; a rúa Lalín, ao lado dos antigos xulgados; e, finalmente, os terreos que o Concello expropiara para ampliar a Cidade da Xustiza”, lembrou.

“Nove posibles localizacións, con nove ministros á fronte de Cultura no Goberno de España e 18 anos esperando”, criticou.

ACORDO DEFINITIVO

As negociacións mantidas o longo de todos estes anos entre o Concello de Vigo (que cede o terreo), o Goberno de España (que se encargaría de financiar a construción) e a Xunta de Galicia (que xestionaría o edificio e os futuros servizos bibliotecarios) frutificaron finalmente en 2022 nun acordo polo que o Ministerio de Cultura aceptaba o programa de necesidades enviado pola Xunta en 2020, que establecía que a futura biblioteca tería unha dimensión de máis de 8.000 metros cadrados para cumprir coas necesidades da cidade máis grande de Galicia.

“Ademais, nos últimos orzamentos xerais do Estado aprobados en 2023 había unha partida específica de 100.000 euros, máis outros 9,3 millóns de euros nos exercicios seguintes, a pesar de que o investimento total no proxecto se estima en 22 millóns de euros”, sinalou o deputado popular.

Deste xeito, Miguel Fidalgo manifestou que “a día de hoxe a pelota está no tellado no Concello de Vigo e do Goberno central”, polo que urxiu ao Goberno de Pedro Sánchez que “axilice os trámites necesarios para que a Biblioteca Pública do Estado sexa unha realidade o máis pronto posible na cidade viguesa”.

O deputado popular lamentou que Vigo “careza na actualidade dunha rede de bibliotecas municipais, xa que so conta con dúas bibliotecas públicas que prestan os seus servizos bibliotecarios completos”. Segundo os estándares de bibliotecas públicas de Galicia, o concello de Vigo, con cerca de 300.000 habitantes, debería contar cunha gran biblioteca central, cunha superficie de entre 5.000 e 8.000 metros cadrados, e 9 ou 10 bibliotecas de proximidade, cunha superficie por centro de 1.200 metros cadrados.

O Parlamento galego reitera a solicitude ao Goberno central para que cumpra a Lei de dependencia e salde a débeda de máis de 2.500 millóns con Galicia

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se reitera a solicitude ao Goberno de España que cumpra a Lei de dependencia que lle obriga a cofinanciar o 50 por cento da atención aos dependentes e salde a débeda de máis de 2.500 millóns de euros acumulada con Galicia.

A portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, criticou que “o Goberno central estea pagando pouco máis do 30 por cento do que lle corresponde coa Lei da dependencia, o que supón unha débeda anual de 200 millóns de euros”.

“Ata que o Goberno central non pague o que debe para a dependencia, a atención que se lle pode prestar aos dependentes non será o que por lei lles corresponde, por moito que a Xunta se esforce”, sinalou a portavoz popular, que salientou que na actualidade a Xunta destina tres veces máis orzamento á dependencia que cando gobernaban o PSdeG e o BNG.

NOVA REFORMA DA LEI SEN FINANCIAMENTO

Raquel Arias criticou que o Goberno de Pedro Sánchez aprobara onte unha nova reforma da Lei de dependencia “con normas desprovistas de financiamento e sen consultar con ninguén”. “Do mesmo xeito que fixo en 2023, cando obrigou aos concellos a dar máis horas de axuda no fogar a cada dependente, provocando serios problemas económicos nos municipios e incrementando en 80 millóns de euros a débeda anual que xa arrastraba con Galicia”, lembrou.

Na súa intervención, referiuse ao recente informe publicado pola Asociación de directores e xerentes de servizos sociais, no que se pon de manifesto que “o Goberno propón unha reforma da lei engadindo novos dereitos cando aínda están moi lonxe de garantir os que recoñece a actual norma”. E engade que “sen incremento de financiamento, os novos dereitos que esta reforma da lei propón recoñecer quedan en papel mollado, pura cosmética do sistema, que so servirá para xerar falsas expectativas ás persoas en situación de dependencia e aos seus familiares”.

Este informe tamén sinala que Galicia está entre as comunidades autónomas cunha maior valoración na prestación da dependencia, cunha puntuación de 6,4 sobre 10 cando a media estatal non chega ao 5; e recoñece que Galicia é unha das comunidades que máis reduciu as listas de agarda, a pesar de que no último ano o número de solicitudes se incrementou o 40 por cento.

INCONGRUENCIAS DA OPOSICIÓN

“O Goberno da Xunta, nunha absoluta lealdade cos galegos, pon 8 de cada 10 euros dos seus orzamentos para políticas sociais e 700 millóns de euros para a dependencia, incrementando nun 23 por cento a axuda aos concellos para esta prestación”, indicou Raquel Arias. Ademais, subliñou que “o Goberno galego puxo en marcha o pasado mes de xaneiro un novo plan de choque da dependencia, que xa beneficiou a máis de 5.000 persoas”.

Para rematar, a portavoz popular puxo de manifesto as incongruencias de BNG e PSdeG cando falan de atención á dependencia, porque “critican que a Xunta externalice algúns servizos de atención aos dependentes, pero eles privatizan todas as residencias que xestionan ou o servizo de axuda no fogar nas administracións e os concellos que gobernan; e tamén piden máis cartos para a atención aos maiores, pero o Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, é o terceiro de España con menor investimento en políticas sociais”.

O Grupo Popular lamenta que España sexa líder en Europa en desemprego xuvenil, con un de cada catro menores de 25 anos en paro

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, lamentou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “un de cada catro españois menores de 25 anos estaba en situación de desemprego ao pechar o ano 2024, o que sitúa a España como líder de Europa en desemprego xuvenil”. Por este motivo, asegurou que “se hai un lugar onde fai falta un cambio de rumbo en materia laboral non é en Galicia, é no Goberno de Pedro Sánchez”.

Nicole Grueira sinalou que “mentres o Goberno de Pedro Sánchez bate récords en paro e precariedade, en Galicia estanse a facer as cousas ben, como amosa a Enquisa de Poboación Activa do último trimestre de 2024”. En concreto, lembrou que o número de mozos ocupados en Galicia incrementouse o pasado ano en 7.100 persoas e a taxa de paro xuvenil situouse por baixo da media estatal. “Galicia é a comunidade que máis incrementou o número de mozos traballando nos últimos dez anos”, salientou.

Entre as medidas postas en marcha polo Goberno galego, a portavoz popular destacou a Estratexia Mocidade Activa, “dotada con 20 millóns de euros e que nace para mellorar a situación vital das persoas mozas e a súa empregabilidade a través de iniciativas de fomento da contratación, como o programa Cooperas, o programa de primeira experiencia profesional, o programa Investigo ou o programa Galicia Emprega Mozos”.

Para rematar, e referíndose ás criticas realizadas no día de onte polas Xuventudes Socialistas sobre a desconexión dos socialistas galegos coa mocidade, Nicole Grueira manifestou que “se nin os seus propios mozos creen no que fan, eu pregúntome como pretenden que os creamos os demais?”. “Galicia ten políticas que funcionan e a xuventude sábeo, por iso o PPdeG é o partido máis votado entre as mozas e o mozos galegos”, concluíu.

O Grupo Popular salienta o incremento do 2,34% da produción láctea en Galicia en 2024 fronte ao 1% do resto de España

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “mentres en 2024 aumentou en Galicia a produción de leite nun 2,34 por cento, superando os tres millóns de toneladas, no resto de España o incremento reduciuse ao 1 por cento”. “Este incremento prodúcese a pesar da redución no número de explotacións, o que evidencia unha maior eficiencia e profesionalización das nosas granxas”, indicou.

Miguel Viso destacou o traballo que realiza a Xunta respecto do sector lácteo galego, “activando mecanismos para garantir a súa estabilidade e a sustentabilidade, con medidas concretas, datos verificables, orzamentos e resultados”.

En concreto, o portavoz popular referiuse ao Observatorio do Sector Lácteo de Galicia; á unidade específica de inspección, que funciona desde o ano 2022; o respecto ao cumprimento da lei para que haxa equidade e que os contratos se formalicen con condicións claras e xustas; e a obriga de que os prezos se establezan en base a criterios obxectivos e verificables a través da Lei da cadea alimentaria.

Así mesmo, Viso citou “outras medidas postas en marcha e que están funcionando, como a Lei de recuperación da terra agraria; os plans de axuda á remuda xeracional, que facilitou a incorporación de máis de 5.200 mozos nos últimos 15 anos; os incentivos para os novos gandeiros; o banco de explotacións, para garantir a continuidade das granxas; o proxecto Smartz4milk, para impulsar a transformación do sector lácteo; a ferramenta Conta Láctea, para facilitar ás explotacións de vacún de leite o cálculo dos seus custos de produción; a aplicación Enerlácteo, para optimizar os custos enerxéticos das explotacións; ou os plans de titorización, con asesores públicos para acompañar aos mozos que se incorporen ás explotacións.

O Grupo Popular salienta que máis do 70% dos galegos teñen cita en menos de catro días para o seu médico de cabeceira

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, subliñou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “máis do 70 por cento dos galegos teñen cita en menos de catro días no seu médico de cabeceira” e criticou que no BNG “sigan instalados no seu catastrofismo respecto á situación da sanidade galega, cando a realidade é teimuda e unha vez máis mostra que temos un Goberno sólido que planifica e pensa na saúde dos e das galegas”.

Encarna Amigo manifestou que, “nun contexto de déficit de profesionais médicos en toda España, conseguiuse atender o incremento da demanda deste inverno, garantindo unha prestación sanitaria de calidade no conxunto de toda a Comunidade galega”.

“Gracias á mobilización de 8 millóns de euros, a Xunta foi quen de reforzar os recursos humanos e materiais nos centros sanitarios, garantindo en todo momento a atención sanitaria a todos os galegos”, salientou.

MÁIS DE 40.000 PROFESIONAIS

A portavoz popular explicou que o Servizo Galego de Saúde conta con máis de 40.000 profesionais, así como 463 centros de saúde e dous CIS, ao que se sumará proximamente o Olimpia Valencia de Vigo, “que garanten a atención sanitaria as 24 horas do día os sete días da semana aos galegos, tanto ordinaria como urxente nos PACs”.

“Somos conscientes de que os sistemas sanitarios se enfrontan a novos retos e son precisas reformas estruturais para garantir un sistema sanitario sostible”, indicou Encarna Amigo, quen destacou que “por iso en Galicia temos un Goberno responsable que pensa en dar as respostas necesarias á saúde dos galegos: unha sanidade punteira, que está en constante crecemento, pensando sempre nas necesidades que precisa a sociedade e coas nosas peculiaridades específicas”.

O Grupo Popular salienta que o patrimonio natural de Galicia é un dos motivos polo que cada vez máis persoas nos visitan e queren vivir aquí

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia “seguirá sendo un referente no patrimonio natural e destacando pola súa natureza, a súa biodiversidade e pola riqueza das súas paisaxes, e esa imaxe é un dos motivos polo que cada vez máis persoas nos visitan e polo que moitos queren vivir aquí”.

Gonzalo Trenor lembrou que “a nosa identidade, a nosa cultura e o noso patrimonio está entrelazado, de forma indisoluble, co noso medio ambiente, e por iso non é estraño que o medio ambiente estea na axenda de prioridades do Partido Popular de Galicia e do Goberno galego”.

ALTO NIVEL DE PROTECCIÓN

“A nosa máxima é conservar o patrimonio natural e tamén garantir a sustentabilidade tendo en conta as necesidades económicas, sociais, culturais e a nosa especial relación co medio ambiente, en liña, ademais, co que marcou no seu día Europa coa creación da Rede Natura”, indicou.

Neste sentido, salientou que “temos un nivel de protección da biodiversidade tan alto que case a metade de Galicia está protexida por algún dos instrumentos de conservación”. “Pero non nos conformamos, e a Xunta impulsará a candidatura dunha oitava reserva da biosfera, que terá o seu núcleo central no Parque Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e que suporá que Galicia acade 1,2 millóns de hectáreas protexidas”, concluíu.

O Grupo Popular avoga por aproveitar o prestixio dos produtos galegos para afrontar as novas posibilidades de cooperación que xorden co acordo de libre comercio entre a UE e Mercosur

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, asegurou hoxe que a Xunta “manterase vixiante”, especialmente na vertente agrogandeira, no cumprimento do acordo de libre comercio entre Mercosur e a Unión Europea, pero avogou por “aproveitar o prestixio dos nosos produtos para afrontar as novas posibilidades de cooperación con estes países ao outro lado do Atlántico”.

“O acordo entre a UE e Mercosur é un importantísimo paso para que Europa comece a mirar cara a América do sur como un socio prioritario, asegurando non só a apertura de novos mercados para os nosos produtos e o acceso a materias primas clave para o desenvolvemento dunha industria sostible, senón tamén abrir novas posibilidades de cooperación con estas países e de crecemento e expansión para os nosos socios americanos”, sinalou.

MEDIDAS DE CONTROL ESTRITAS

Miguel Viso recoñeceu que “existen preocupacións lexítimas no sector agrogandeiro sobre a competencia de produtos procedentes de países con estándares produtivos diferentes aos europeos”, pero asegurou que “desde a Xunta non se vai permitir que os nosos gandeiros e agricultores compitan en condicións desiguais”. Así, avanzou que “dentro das nosas competencias, impoñeremos medidas de control estritas para garantir que todos os produtos que entren en Galicia cumpran coa normativa europea, ao tempo que esixiremos ao Goberno de España que reclame a implantación das chamadas cláusulas espello, para que ningún alimento importado desde Mercosur poida venderse aquí sen respectar os mesmos estándares de calidade, seguridade e benestar animal que se lles esixen aos nosos”.

En concreto, o portavoz popular indicou que “poremos especial atención ao control da sanidade animal e vexetal, implementando probas específicas para detectar patóxenos, residuos de fármacos e fitosanitarios prohibidos na Unión Europa”. “E tamén seremos esixentes no etiquetado, garantindo que os consumidores poidan identificar con claridade a procedencia dos alimentos e os seus compoñentes”, anotou.

“O noso punto forte é o prestixio dos nosos produtos, porque conseguimos que o consumidor identifique con calidade todas as materias primas e alimentos que saen de Galicia”, salientou Viso.

Ademais, referiuse á cláusula de salvagarda existente no acordo da UE con Mercosur, en virtude da cal poderase suspender temporalmente a concesión de forma unilateral en caso de que estas importacións provoquen, ou simplemente ameacen, cun dano grave aos sectores agrogandeiros europeos.

 

 

 

O Grupo Popular asegura que a nova Lei de intelixencia artificial asegura os beneficios que obterán os cidadáns e o tecido produtivo, e garante os seus dereitos na súa relación coa Administración

O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, asegurou hoxe que a nova Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que continuará a súa tramitación parlamentaria logo de superar o debate de totalidade no Pleno, “asegura os beneficios que os cidadáns e o tecido produtivo poderán obter con esta nova tecnoloxía, ao tempo que garante os dereitos aos galegos e galegas cando na súa relación coa Administración galega interveña a intelixencia artificial”.

García Comesaña concretou que con esta nova lei “ofrécese á cidadanía un marco xurídico estable que lle dea confianza e certeza nas súas relacións coa administración pública galega e que blinde os seus dereitos”. “Este proxecto impulsa e fai seguro, dentro das nosas competencias, o uso desta tecnoloxía para ofrecer mellores servizos á cidadanía e ás empresas”, apuntou.

GARANTÍAS

En concreto, o viceportavoz popular subliñou que esta nova Lei de desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia “ofrece unha serie de garantías para os cidadáns, como asegurar a supervisión humana daqueles procedementos que así o esixan; a existencia dun rexistro público de todos os sistemas de intelixencia artificial que use a administración; créase a figura do Comisionado en Intelixencia Artificial, para velar polos intereses da cidadanía e os valores éticos, ou a Oficina de Intelixencia Artificial de Galicia; obriga a que calquera implantación estea precedida dun informe de avaliación de riscos; e se aposta pola formación e capacitación dos empregados públicos e os cidadáns”.

Respecto das emendas presentadas polos grupos da oposición, Julio García Comesaña considerou “decepcionante” que os socialistas critiquen que esta nova lei “se presentou con moita presa e pouco traballo detrás, cando este texto lexislativo se fixo público no mes de xullo do pasado ano e recolle as conclusións e recomendacións recollidas nun estudo realizado por un grupo de expertos das tres universidades galegas en marzo de 2023”.

Para rematar, García Comesaña destacou que esta nova Lei recolle, no seu artigo 2, “a garantía do uso normal da lingua galega nos procesos de desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial, así como potenciar o desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial de uso xeral en galego, previsión destinada a dar respaldo á continuidade das liñas de traballo iniciadas pola Xunta para a creación de modelos de IA de uso xeral adestrados con datos en galego”.

NOVA FUNDACIÓN PARA ATRAER TALENTO INVESTIGADOR

Por outra banda, sobre a proposta de creación por parte do BNG dunha Fundación Galega para a Ciencia, Julio García Comesaña cualificou de “resesa e carente de sentido” esta iniciativa parlamentaria nacionalista porque se rexistrou xusto despois de que o Presidente da Xunta anunciara no Parlamento galego, o pasado 8 de outubro, a posta en marcha dunha Fundación para a Investigación; e agora se trae para o seu debate no Pleno despois de que o Consello da Xunta xa aprobara o pasado día 3 de febreiro o Plan de I+D+i para o período 2025-2027, no que está recollido a creación dunha Fundación para a atracción de talento de alto nivel investigador.

“Ademais, o modelo do BNG non achega novidades reais ao que xa existe, xa que Galicia conta cunha ampla oferta de programas de medidas para atraer e consolidar talento investigador en todas as etapas da carreira científica”, manifestou o viceportavoz popular, quen anotou que “a Fundación que propón a Xunta se presentou con dous aspectos fundamentais que non contempla a proposta nacionalista: é unha institución deseñada para captar profesionais altamente cualificados a nivel internacional e responde ás necesidades do ecosistema galego de I+D+i en áreas estratéxicas”.

O Grupo Popular salienta a importancia das comunidades de montes en man común na prevención e loita contra os incendios forestais

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso, Ángel Rodríguez e Raúl Santamaría veñen de celebrar reunións coas comunidades de montes en man común de Couselo e San Mamede de Piñeiro, pertencentes ao distrito forestal Caldas-O Salnés e destacaron a importancia destas entidades na prevención e loita contra os incendios forestais.

Os deputados populares recolleron as demandas dos representantes destas comunidades de montes relacionadas coa prevención dos incendios forestais, entre as que figuran medidas dirixidas á xestión da biomasa en zonas estratéxicas e a creación e mellora das infraestruturas preventivas, como devasas, pistas forestais ou puntos de auga, entre outros.

Ademais, Miguel Viso, Ángel Rodríguez e Raúl Santamaría recoñeceron a importancia do monte veciñal na creación de emprego a nivel local a través do traballo que supón a transformación industrial dos recursos que ofrece o bosque galego. “O obxectivo non é so mellorar a explotación forestal e a da biomasa, senón compatibilizar estas accións cos outros usos, como o aproveitamento gandeiro, a produción de froitos do bosque ou a potenciación de zonas recreativas e rutas de sendeirismo que afonden no coñecemento da nosa contorna”, manifestaron.

Máis de 700.000 hectáreas da superficie de Galicia corresponden a monte veciñal en man común, xestionadas por 2.800 comunidades de montes. “Esta situación revela a importancia que esta figura ten non só como sinal de identidade e da cultura da Comunidade galega, senón tamén como un claro indicador económico e produtivo”, salientaron.