O Parlamento galego demanda ao Goberno central que dea maior flexibilidade ás comunidades autónomas para adaptar os fondos para políticas activas de emprego ás súas necesidades

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que modifique, de acordo coas comunidades autónomas, as condicións de asignación e utilización de fondos finalistas en materia de políticas activas de emprego, outorgándolle ás autonomías unha maior flexibilidade para adaptalos ás necesidades e particularidades dos seus mercados laborais.

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, demandou “unha acción coordinada” de todas as administracións para facilitar a incorporación e formación continua dos traballadores no mercado laboral, lamentando “a rixidez nas directrices de aplicación dos fondos finalistas que o Goberno de España envía ás comunidades autónomas para mellorar as competencias e a empregabilidade dos traballadores”.

En concreto, indicou que esta rixidez “limita a capacidade da Xunta para adaptalos ás necesidades propias de Galicia e ás circunstancias cambiantes do mercado laboral coa axilidade que se require”.

PARTICULARIDADES E SINGULARIDADE DE GALICIA

Diante desta situación, a portavoz popular solicitou “unha maior flexibilidade neses fondos e que o Goberno central escoite ás comunidades autónomas, porque a súa maior proximidade ás persoas traballadoras e ás empresas permite coñecer e atender dun modo máis áxil e directo as súas necesidades”. En concreto, pediu que “se teñan en conta as particularidades e singularidade de Galicia á hora de fixar os criterios de reparto deses fondos finalistas estatais”.

Noelia Pérez cuestionou “por que España, liderando o paro da Unión Europea, ten postos sen cubrir no mercado laboral?”, ante o que respondeu como “causas deste desaxuste os cambios sociais, a burocracia para a incorporación de persoal, os desincentivos á incorporación ao mercado laboral, o envellecemento da poboación e a falta de remuda xeracional, e a importante desconexión existente entre a oferta e a demanda de traballo”.

Así, explicou que “este problema para atopar traballadores está a alcanzar a practicamente todas as ramas de actividade e todos os sectores económicos, porque xa existen vacantes sen cubrir en actividades profesionais científicas e técnicas, máis tamén no comercio, na construción ou na hostalería”.

“Este desequilibrio está a ameazar a produtividade das empresas, afectando de maneira significativa ás pequenas e medianas empresas, e aos autónomos, que levan moito tempo denunciando a falta de consonancia entre as habilidades e competencias da poboación activa e as necesidades reais das empresas”, indicou.

Neste sentido, a portavoz popular considerou necesario “promover a formación continuada, para que tanto persoas empregadas como desempregadas poidan adquirir novas habilidades adaptadas aos cambios no mercado laboral, porque neste momento a aprendizaxe constante converteuse nunha necesidade vital para manterse competitivo en termos laborais”.

“O Goberno galego é consciente desta situación e por este motivo destinará o vindeiro ano 72 millóns de euros para abordar este problema estrutural”, salientou Noelia Pérez.

 

O PPdeG pide a BNG e PSdeG que abandonen o seu discurso catastrofista e pesimista sobre o sector agrogandeiro galego

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, pediu hoxe no Pleno do Parlamento galego a BNG e PSdeG que “abandonen o seu discurso catastrofista e pesimista sobre o sector agrogandeiro galego” e animounos “a defender e promover o noso rural, e construír un futuro no que a súa xente se sinta valorada, apoiada e, sobre todo, orgullosa de vivir e traballar na súa terra”.

No debate dunha iniciativa sobre a política de control da transmisión da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) no gando galego, Miguel Viso subliñou que “Galicia foi pioneira ao habilitar, a comezos de 2024, un sistema de indemnizacións por animais falecidos, calculándose os baremos en función do Real Decreto 389/2011 que establece as compensacións por sacrificio en programas nacionais para enfermidades como a lingua azul, tuberculose e outras patoloxías”.

“A Xunta ampliará estas subvencións para 2024 e as explotacións que xa recibiran indemnizacións recibirán agora a diferenza con respecto aos novos importes establecidos, onde a compensación por morte de bovinos poderá alcanzar os 1.500 euros por animal”, apuntou. Así mesmo, Viso engadiu que ofreceranse axudas para tratamentos veterinarios e desinsectantes a todas as explotacións afectadas.

O portavoz popular manifestou que “esta é a axuda máis ambiciosa das convocadas polas comunidades autónomas, xa que cubrirá o censo completo de bovinos de cada explotación e non só os afectados pola enfermidade”.

 

 

O Grupo Popular critica que a Fegamp estea a dilatar o proceso de integración das unidades municipais de drogodependencias no Sergas

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) estea a dilatar o proceso para a integración no Servizo Galego de Saúde das unidades asistenciais de atención á drogodependencia xestionadas polos concellos. Neste sentido, avogou por intensificar o traballo da comisión mixta creada para levar adiante este proceso, de xeito que se materialice ao longo desde ano 2024 a plena integración orgánica e funcional destes servizos.

Encarna Amigo explicou que en Galicia existen 13 unidades asistenciais de drogodependencias de titularidade municipal, situadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía.

MÁIS DE 4 MILLÓNS DE EUROS PARA O FINANCIAMENTO

“A Xunta traballa no obxectivo de facer efectivo o traspaso destas unidades no menor tempo posible e cumprir a folla de ruta acordada no seo da comisión mixta de traspaso, integrada por representantes da Administración autonómica e municipal”, sinalou a portavoz popular, quen afirmou que para iso “resulta imprescindible que se cumpran os prazos establecidos e se poidan constituír as ponencias técnicas especializadas no seo da comisión”.

Respecto do financiamento destes servizos, Encarna Amigo subliñou que a Xunta lévao facendo desde o ano 2014 e nos orzamentos para 2025 figura unha partida de máis de catro millóns de euros para o financiamento destas unidades de adiccións e drogodependencias.

Ademais, Amigo dixo que “o Sergas está a reemprazar as xubilacións e vacantes dos profesionais destas unidades con persoal propio, polo que tamén está financiando desta maneira o seu correcto funcionamento, a pesar das dificultades que existen para atopar e contratar profesionais”.

 

O Grupo Popular salienta que os orzamentos da Xunta para 2025 achegarán aos concellos galegos a cifra récord de 641 millóns de euros

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que os concellos galegos recibirán no 2025 a cantidade récord de 641 millóns de euros dos orzamentos da Xunta. “Ao mesmo tempo, o Goberno de Pedro Sánchez impón aos concellos máis cargas, como a suba da taxa do lixo, a xestión da retirada do amianto ou a Lei de benestar animal”, apuntou.

Paula Prado cuestionou que o BNG “estea a pedir máis fondos para os concellos galegos cando alí onde gobernan son incapaces de executar os seus propios orzamentos e de levar a cabo os investimentos previstos”. En concreto, sinalou que na Deputación de A Coruña o nivel de execución orzamentaria é de apenas un 9 por cento; na Deputación de Lugo, o nivel de execución é de pouco máis dun 27 por cento; e nos concellos do BNG o nivel de execución orzamentaria apenas supera o 50 por cento e, incluso, deixan cartos sen gastar, como acontece no caso de Ribeira ou Santiago.

INCREMENTO DOS FONDOS DUN 38%

Diante desta situación, a viceportavoz popular subliñou que o Goberno galego “apoia aos 313 concellos galegos na súa demanda dun financiamento municipal máis xusto e acorde cos servizos que prestan. “Proba disto é que desde 2009 os fondos autonómicos para os concellos se incrementaron un 38 por cento e no 2023 os concellos recibiron máis de 600 millóns de euros do Goberno galego, unha cifra que se incrementará ata os 641 millóns en 2025”, explicou.

Para rematar, Prado considerou “curioso que BNG e PSdeG critiquen ao Goberno galego por apoiar economicamente aos concellos, ao mesmo tempo que calan cando o Goberno de Pedro Sánchez lles impón máis cargas, como a suba da taxa do lixo ou os novos gastos derivados da xestión da retirada do amianto ou a aplicación da Lei do benestar animal”.

“Ademais, mentres o Goberno galego, a pesar de ser unha competencia municipal, fai unha aportación ao servizo de axuda no fogar de 12 euros por hora, o Goberno central pon só 2,5 euros cada hora”, rematou.

 

O Grupo Popular tende a man á oposición para chegar a un pacto e a procura de consenso na nova Lei dos medios públicos de comunicación de Galicia

A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar amosou hoxe “a nosa man tendida aos grupos da oposición para chegar a un pacto e a procura de consenso na tramitación da nova lei de servizo de medios públicos de comunicación de Galicia, unha vez inicie a súa tramitación democrática neste Parlamento galego”.

Carmen Pomar lembrou que a Xunta está a tramitar o anteproxecto de Lei de Servizos de Medios Públicos de comunicación audiovisual de Galicia, “unha lei que xurde para axustarse á nova lexislación estatal e europea, así como aos cambios tecnolóxicos e ás mudanzas no patrón de consumo audiovisual”. En concreto, dixo que esta iniciativa lexislativa é “transparente, participativo, plural e con sincera vocación de consenso na elección do director ou directora xeral da Corporación”.

BLÍNDASE A PLURALIDADE

Así mesmo, apuntou que esta Lei “mantén a elección dos integrantes do Consello de Administración, propostos polos grupos parlamentarios, por maioría cualificada de dous terzos do Parlamento de Galicia”. De non acadarse esa maioría, a votación repetirase nun prazo dun mes e abondará a elección por maioría de tres quintos, co que “blíndase a pluralidade do Consello de Administración e a súa elección por maioría reforzada”.

“Mentres en Galicia vese blindada a pluralidade e a elección do Consello de Administración por maioría reforzada, o Consello de Administración de RTVE poderá elixirse só por maioría absoluta das Cortes, cun reparto que prima ao PSOE e aos seus apoios no Congreso, de onde sairán 11 membros fronte aos 4 do Senado”, concretou a deputada popular.

Por último, Carmen Pomar incidiu en que “queremos, buscamos e alentamos o consenso na tramitación desta nova Lei galega, e está por ver que tanto BNG como PSdeG compartan este mesmo obxectivo, porque teñen convertido á CRTVG nunha ferramenta de confrontación permanente coa que atizar á Xunta”.

 

O Grupo Popular salienta que o Plan de Transporte Público de Galicia é un referente para as demais comunidades autónomas

O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Plan de Transporte Público de Galicia “é un referente entre o resto de comunidades autónomas como pioneiro na renovación do transporte público interurbano, polo volume de recursos públicos que se dedica a financialo e polo marcado carácter social co que se aborda a mobilidade”.

Gonzalo Trenor afirmou que o Plan de Transporte Público de Galicia “supón máis cobertura territorial e un servizo de máis calidade, mellora continua, máis recursos, tarifas únicas e bonificadas, melloras tecnolóxicas para a información dos usuarios e o seguimento do servizo, e novas ferramentas de planificación”.

“Nun territorio tan disperso como o noso, o esforzo loxístico e orzamentario da Xunta para garantir a mobilidade dos galegos é o maior do Estado das Autonomías, con máis de 100 millóns de euros de orzamento anual”, indicou.

EVOLUCIÓN

Ademais, salientou a evolución vivida nos últimos anos polo Plan de Transporte Público de Galicia, pasando de 900 a máis de 3.600 rutas; de 20.000 a máis de 56.000 paradas; e de 1,5 millóns a máis de 2,5 millóns de servizos, con máis de 20 millóns de horarios.

Gonzalo Trenor rematou pedindo unha fronte contra a decisión do goberno central que pretende illar a 22 municipios con mais de 130.000 veciños das rutas de bus estatais co novo mapa concesional do transporte de estrada de competencia do ministerio.

 

O Grupo Popular critica que o BNG pretenda fixar no 25% o gasto sanitario para atención primaria cando nos orzamentos da Xunta de 2025 xa se supera o 30%

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que o BNG pretenda fixar por lei que se dedique o 25 por cento do orzamento de sanidade a atención primaria, “cando os orzamentos da Xunta para o 2025 xa destinan máis do 30 por cento do gasto sanitario á atención primaria”. Ademais, cualificou de “modelo caduco” a proposta nacionalista de incrementar ata 14 as áreas sanitarias, replicando as estruturas e altos cargos en cada unha delas, unha idea que “só se pode entender polo interese do BNG por converter o mapa sanitario de Galicia nun reino de taifas”.

Encarna Amigo lembrou que a Lei 8/2008 de saúde de Galicia, que o BNG pretende reformar agora, foi aprobada polo Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas, polo que cuestionou aos nacionalistas se naquel momento “non lle importaba a sanidade pública galega o suficiente como para engadir que se lle dedicara a atención primaria o 25 por cento do gasto sanitario? ou está dicindo que o Servizo Galego de Saúde funcionaba mal coas 11 áreas sanitarias existentes?”.

CORTIÑA DE FUME

Amigo considerou que esta proposición de lei do BNG “é unha cortiña de fume para evitar que se fale de que a Xunta vai ter no 2025 o orzamento máis alto da historia para a sanidade publica galega: 5.458 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,1 por cento e representa o 40 por cento do presuposto total da Administración galega”.

Máis en concreto, a portavoz popular apuntou que a atención primaria recibirá o vindeiro ano 1.668 millóns de euros, o que representa o 30,56 por cento do orzamento destinado a sanidade “dirixido especialmente a aumentar o persoal, renovar infraestruturas e equipamento, e potenciar a enfermería para garantir coidados personalizados no rural”.

Encarna Amigo asegurou que a Organización Mundial da Saúde sinala, en contra do criterio defendido polo BNG, que o gasto farmacéutico debe incluírse na atención primaria, recollido tanto na Declaración Alma-Ata de 1978 ou na Declaración de Astaná de 2018. “Pero é que tamén a propia Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública sinala que España dedica máis do 30 por cento do orzamento sanitario á atención primaria e que Galicia atópase por enriba desa media”, salientou.

DUPLICAR DIRECTIVOS

Respecto da petición do BNG de incrementar as áreas sanitarias, a portavoz popular cualificou como “un modelo caduco replicar estruturas e altos cargos en cada unha das 14 áreas que queren crear, duplicando os directivos que actualmente existen”.

Neste sentido, explicou que dentro das sete áreas sanitarias existentes na actualidade en Galicia existen 14 distritos sanitarios que teñen como referencia o seu hospital correspondente, construíndo un marco de referencia dentro de cada área sanitaria. “Isto permitiu consolidar o modelo de integración para facilitar o achegamento dos profesionais aos pacientes, evitando desprazamentos innecesarios porque os pacientes son atendidos nos hospitais máis próximos ao seu domicilio”, engadiu.

Encarna Amigo afirmou que “a clave é blindar os hospitais comarcais para que haxa accesibilidade, independentemente de onde viva o paciente, ao tempo que se amplían os recursos de asistencia dos hospitais galegos e se protexe e garante a calidade do servizo”.

c

O PPdeG pide á Deputación de Lugo que aumente en 10 millóns o orzamento para estradas provinciais e incremente ata os 32 millóns o plan de cooperación

O deputado do Grupo Popular Enrique Barreiro demandou hoxe no Parlamento de Galicia que a Deputación de Lugo aumente en 10 millóns de euros o orzamento destinado ás estradas provinciais, ao tempo que incremente ata os 32 millóns de euros o plan de cooperación. Así mesmo, solicitou a posta en funcionamento de nove centros de día, así como a residencia comarcal de Becerreá, ademais de axilizar e finalizar as obras de construción dos centros de Guitiriz, A Pontenova, A Pobra de Brollón, Folgoso do Courel e Portomarín.

Enrique Barreiro explicou que estas demandas “foron recollidas nas xuntanzas que o Partido Popular de Lugo celebrou con alcaldes, voceiros e veciños de todos os concellos lucenses, que presentaron propostas para dar resposta ás necesidades reais da provincia”. Neste sentido, criticou que o presidente da Deputación “intente esconder, ata o último momento, o orzamento deste organismo para o vindeiro 2025, para o que non recibiu nin escoitou aos 67 alcaldes e alcaldesas da provincia para coñecer as necesidades de cada municipio”.

APOIO Á RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO MUNDIAL

En concreto, o deputado popular urxiu a elaboración e desenvolvemento dun plan de conservación, mantemento e mellora das estradas provinciais, reforzando tamén o desbroce. Para isto, pediu que se duplique o orzamento destinado a vías provinciais, aumentándoo en 10 millóns de euros.

Respecto á cooperación cos concellos, Enrique Barreiro considerou “necesario incrementar a achega provincial en 10 millóns de euros, chegando aos 32 millóns, así como incluír nas bases da vindeira anualidade a posibilidade de solicitar a aplicación de parte da achega provincial deste plan a gastos correntes dos concellos”.

No eido da cultura, Barreiro pediu que a Deputación garanta a seguridade naqueles tramos do Camiño de Santiago que discorren por estradas provinciais, construíndo sendas paralelas onde non existan e eliminando os puntos detectados como perigosos.

O deputado popular fixo unha especial mención ao apoio ao turismo, onde cualificou de “obriga da Deputación a elaboración dun plan estratéxico para a provincia, que teña en conta as necesidades e peticións das asociacións e entidades que forman parte do Consello Provincial de Turismo, apostando por un modelo máis sostible”. Ademais, solicitou “colaborar de xeito decidido no impulso da candidatura para que a Ribeira Sacra consiga en 2026 o recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Mundial”.

Un dos aspectos no que máis incidiu Enrique Barreiro foi o benestar social, onde solicitou a posta en funcionamento dos centros de día de Trabada, Pol, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia, Ribadeo, A Fonsagrada e Ribas do Sil. Ademais, demandou que se consignen as partidas orzamentarias específicas que aseguren a apertura inminente do centro de día e residencia comarcal de Becerreá, ademais de axilizar ou finalizar as obras de construción dos centros de Guitiriz, A Pontenova, A Pobra de Brollón, Folgoso do Caurel, Portomarín, Ourol, Pantón e O Saviñao.

 

O Grupo Popular demanda maior eficacia na xestión do seu orzamento á Deputación de A Coruña, xa que o grao de execución non supera o 40%

O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor demandou hoxe ao presidente da Deputación de A Coruña unha maior eficacia á hora de xestionar o orzamento desta institución, xa que o grao de execución do seu presuposto rolda anualmente só o 40 por cento. “Danse situacións vergoñentas como que a Deputación de A Coruña, cun orzamento de 220 millóns de euros, acumula en bancos máis de 300 millóns”, sinalou.

Gonzalo Trenor criticou que a Deputación de A Coruña “consigna anualmente unha cantidade importante de diñeiro cuxa transformación en bens e servizos para os cidadáns queda en menos da metade, porque son incapaces de executar o orzamento ano tras ano”.

Na súa intervención, o deputado popular puxo de manifesto a incongruencia do presidente da Deputación coruñesa “ao pedir, por una banda, que a Xunta lle libere de competencias impropias, pero, por outro lado, pretende construír residencias de maiores sen un encaixe desde o punto de vista das competencias da Deputación”.

CONVERXENCIA EN INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS

“Axustaríanse máis ao marco competencial da Deputación se priorizase as infraestruturas nos concellos da súa provincia e, especialmente, se promovese a converxencia en materia de infraestruturas e servizos básicos, como por exemplo os servizos de abastecemento ou o saneamento”, concretou.

Neste sentido, Trenor avogou porque desde a entidade provincial se faga compatible un POS flexible cuns plans específicos dirixidos, sobre todo, a pequenos concellos de menor capacidade económica, co fin de que vaian converxendo nas infraestruturas básicas”.

Por último, Gonzalo Trenor lamentou que a Deputación de A Coruña aprobara no pleno do pasado 27 de setembro o novo Plan Estratéxico de Subvencións 2025-2027, sen sometelo ao informe preceptivo e vinculante da Xunta de Galicia, como establece a Lei 5/2014 para os efectos de garantir unha coordinación e unha eficiencia no gasto público, así como un respecto ao marco competencial.

 

O Grupo Popular pedirá ao Goberno central no Pleno que permita cubrir as vacantes da Policía Autonómica e adaptar os fondos para políticas activas de emprego ao mercado laboral galego

O Grupo Popular demandará ao Goberno de España no Pleno da vindeira semana a convocatoria dun concurso de méritos para cubrir todas as prazas vacantes na Unidade de Policía Adscrita á Comunidade galega, así como unha maior flexibilidade nas condicións de asignación dos fondos para políticas activas de emprego, de xeito que a Xunta poida adaptalos ás necesidades e particularidades do mercado laboral galego.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira de Economía e Industria, para dar conta das liñas xerais de actuación do seu departamento.

A continuación, dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular insistirá na demanda ao Goberno central, concretamente ao Ministerio do Interior, para que articule un concurso de méritos na Policía Nacional de xeito que se poidan cubrir as vacantes existentes na Unidade de Policía Adscrita á Comunidade galega, de xeito que se poidan incorporar os efectivos necesarios para cubrir as 500 prazas existentes.

MÁIS DE 10 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS

Alberto Pazos apuntou na “plena actualidade” desta iniciativa “logo de que o Goberno de Pedro Sánchez pretenda impor a Galicia un novo convenio para o mantemento da coñecida como Policía Autonómica, que representa un custo totalmente inasubmible para as arcas da Xunta”. En concreto, o Goberno central pretende que Galicia asuma agora a metade dos custos das nóminas dos efectivos desta unidade policial, así como outros gastos e complementos que implica o funcionamento dos seus efectivos.

Neste momento, a Unidade da Policía Adscrita a Galicia conta cun total de 345 efectivos, o que supón un custo de persoal cada ano de 7,6 millóns de euros, ao que se suma outros 3,1 millóns por custe de funcionamento e produtividade.

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver coa necesaria adecuación entre a oferta e a demanda de emprego, “para o que consideramos imprescindible que o Goberno central modifique, de acordo coas comunidades autónomas, as condicións de asignación e utilización dos fondos finalistas en materia de políticas activas de emprego, outorgándolles ás comunidades autónomas unha maior flexibilidade para adaptalos ás necesidades e particularidades dos seus mercados laborais”.

“Somos conscientes da falta de man de obra existente en moitos ámbitos laborais e a necesaria mellora que precisa o Servizo Público de Emprego, retos que temos que afrontar para seguir mellorando a inserción laboral dos galegos e galegas”, sinalou o portavoz popular, quen se referiu expresamente aos colectivos con máis dificultades para atopar emprego: a mocidade, as mulleres e os parados de longa duración”.

APLICACIÓN MOI ESTRITA

Pazos explicou que “unha das cuestións importantes na adecuación da oferta á demanda de emprego son os fondos finalistas que o Goberno central distribúe entre as comunidades autónomas en materia de políticas activas de emprego”, pero lamentou que “estes fondos concédense cunhas directrices de aplicación moi estritas que limitan a capacidade das comunidades autónomas para adecuar estes cartos ás necesidades específicas do seu mercado laboral”.

Dentro do apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as posibilidades que existen de facer realidade un Pacto pola Lingua, que permita seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos, logo das xuntanzas celebradas a pasada semana polo conselleiro de Cultura cos grupos parlamentarios.

Así mesmo, e logo de coñecer que a prioridade do actual Goberno de España é a conexión ferroviaria entre Lisboa e Madrid, deixando nun segundo plano a liña Lisboa-Porto-Vigo, o Grupo Popular pedirá unha valoración do Goberno galego sobre a falta de compromiso do Goberno central co impulso do AVE entre Galicia e a fronteira portuguesa.

Por último, preguntarase sobre as novas campañas de vacinación fronte aos virus respiratorios sincitial, o virus do papiloma e a vacina intranasal contra a gripe, “medidas que consolidan a Galicia como referente no ámbito da prevención ao contar co programa de vacinación máis completo do mundo”, sinalou Alberto Pazos.