O Parlamento galego demanda ao Goberno central que transfira a Galicia fondos Next Generation para financiar as necesidades do comercio

O Parlamento galego aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España para que transfira a Galicia os recursos procedentes dos fondos europeos Next Generation co obxecto de financiar as necesidades do comercio galego e das súas asociacións e federacións. “Todas as axudas en apoio ao noso comercio repartidas neste ano 2024 teñen a súa orixe exclusiva en fondos propios da Xunta, aos que non se lle engadiron recursos procedentes de fondos europeos que deberían ser xestionados polas comunidades autónomas”, sinalou a portavoz popular de Comercio, Felisa Rodríguez.

Na súa intervención, cualificou esta iniciativa aprobada hoxe como “importante, necesaria e xusta”. Así, considerou que é “importante para o noso comercio, para mellorar a economía local e para axudar e dinamizar o territorio onde se asenta, porque as axudas convocadas para o comercio galego foron financiadas na súa totalidade con fondos propios da Xunta”.

“Tamén é unha iniciativa necesaria, porque consideramos unha inxustiza que a Galicia non lle foran transferidos neste ano 2024 os fondos europeos Next Generation para o beneficio do comercio galego, das súas asociacións e federacións”, indicou a portavoz popular, quen lamentou que “ese fondo que o Goberno central ten sen gastar”.

Por último, Felisa Rodríguez considerou que é unha proposta “xusta, fronte á desinformación que amosaron os grupos da oposición ao vetar que o pasado 19 de setembro se aprobara neste Parlamento unha iniciativa neste sentido, mentindo ao dicir que os fondos europeos xa foran transferidos ao Goberno galego”.

 

O Grupo Popular salienta que a Xunta xa executou o 83 por cento dos 130 millóns de fondos Next Generation para a sostibilidade turística

O portavoz de Turismo do Grupo Popular, Borja Verea, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta “xa ten mobilizados, a día de hoxe, máis do 83 por cento dos máis de 130 millóns de euros de Fondos Next Generation que xestiona para avanzar na sostibilidade turística do destino”.

Borja Verea explicou que o Goberno galego “deseñou distintas actuacións de cohesión en destino que se traduciron en ambiciosas liñas de axuda para beneficiar a concellos e tamén ás empresas, que, ademais, están a dar os seus froitos á hora de diversificar a oferta turística galega e facela cada vez máis sostible”.

En concreto, o portavoz popular referiuse ás liñas de axuda para a rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral, ás destinadas ao embelecemento e actualización das adegas ou ás que se deseñarán proximamente para modernizar e mellorar as instalacións termais galegas, “sen esquecernos do Plan Nacional Xacobeo Next Generation, que está permitindo dinamizar e diversificar o Camiño de Santiago, ampliar a súa capacidade aloxativa e mellorar o seu patrimonio”.

Verea lembrou que desde a Axencia de Turismo de Galicia “se presta asesoramento a aqueles concellos que o solicitan e fan consultas para acollerse a estas axudas, ao tempo que os propios plans teñen reunións de seguimento onde cada concello pode formular as dúbidas que vexa necesarias”.

 

O Grupo Popular afirma que o galego “ten que ser unha ponte e algo que nos une, que non podemos utilizar como arma arroxadiza”

O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, afirmou hoxe porque “a nosa lingua non debe ser un problema, senón unha ponte e algo que nos une e que non podemos utilizar como arma arroxadiza”. Neste sentido, avogou por “chegar non só a un pacto político, senón a un pacto social polo futuro da nosa lingua, porque os galegos non entendería que os políticos vaiamos por un camiño e a sociedade por outro”.

Ao remate da xuntanza celebrada co conselleiro de Cultura e o secretario xeral da Lingua, á que tamén asistiron o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, e a voceira popular de Cultura, Carmen Pomar, José Luís Ferro salientou que os responsables da Consellería “amosaron toda a súa disposición para levar adiante actuacións para conseguir que a nosa lingua se implante moito máis na nosa sociedade”, para o que considerou fundamental que “todas as forzas políticas poidamos chegar a un entendemento facendo as aportacións que consideremos oportunas a ese novo pacto polo galego”.

“A nosa sociedade é unha realidade cambiante, e así o ten demostrado ao longo dos máis de 20 anos desde que se aprobou o Plan de normalización lingüística, polo que este paso do tempo créanos unha serie de novos desafíos e retos respecto do galego, sobre todo coa xente nova, onde as novas tecnoloxías estanse implantando con moita forza e fan que a nosa mocidade se relacione e comunique dun xeito moi diferente”, manifestou.

Así mesmo, Ferro referiuse a “eses novos neofalantes, que temos que tratar de que acollan a nosa lingua e facerlla amigable para que se acheguen a ela e comecen a utilizala”.

Por último, o portavoz popular salientou os altos niveis competencias do galego e asegurou que “xa lles gustaría a outras comunidades españolas con idioma propio ter os datos que temos nos: entendemos nun 93 por cento o galego, o falamos máis dun 96 por cento, o lemos arredor do 96 por cento e o escribimos nun 85 por cento”.

 

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno de España que garanta o acceso de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que garanta o acceso das cidades de Lugo e de Ferrol á alta velocidade ferroviaria, en condicións de igualdade co resto do territorio, para o que é imprescindible a execución das actuacións precisas para adaptar a infraestrutura ferroviaria actual e que permita a chegada do AVE, entre as que se inclúen as variantes de Canabal-Os Peares, Rubián e Betanzos. A deputada popular Elena Candia afirmou que “lucenses e ferroláns temos un reto en común: vencer unha inxustiza que deixa a estas dúas cidades galegas sen conexión coa alta velocidade ferroviaria”. “Non podemos aceptar que unha sectaria planificación de infraestruturas afonde nas desigualdades dos territorios, porque é afondar en cidadáns de primeira e de segunda”, indicou. Candia asegurou que “discrepo co ministro de Transportes cando di que o tren vive en España o mellor momento da súa historia, porque Lugo e Ferrol están peor que nunca e aínda non recuperaron sequera as frecuencias que se suprimiron con motivo da pandemia”. “Avanzamos, froito da colaboración entre as administracións, na construción da intermodal de Lugo, pero nin temos trens nin temos previsión de telos”, lamentou. Por iso, solicitou “alzar a voz, como lucenses e como ferroláns, pero tamén como galegos, para que o Goberno de España garanta, dunha vez, o acceso destas dúas cidades á alta velocidade ferroviaria”.

O Parlamento solicita ao Goberno central un reparto máis xusto e consecuente das axudas para o fomento da industria cinematográfica e audiovisual

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que garanta un reparto máis xusto e máis consecuente das axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual, co obxectivo do fomento das linguas cooficiais distintas do castelán. A portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar, explicou que estas axudas estatais “constitúen unha importante liña de apoio ao sector audiovisual, xa que poden utilizarse para todo tipo de accións, desde a creación de proxectos audiovisuais en galego, ata a dobraxe, a promoción ou a difusión, entre outros”. DO 70% PARA CATALUÑA AO 5% PARA GALICIA Pomar lembrou que “o Goberno de Pedro Sánchez recuperou estas axudas en 2022 como unha das contrapartidas para votar a favor da súa investidura como Presidente do Goberno e, desde ese ano, beneficiaron descaradamente a Cataluña”. En concreto, indicou que en 2022 Cataluña levouse o 71,60 por cento do fondo, en 2023, o 67,93 por cento; e en 2024, volveuse achegar ao 70 por cento. En contraposición, Galicia pasou de recibir o 11,5 por cento do fondo en 2022, ao 8,3 por cento en 2023 e, finalmente, ver reducida a súa participación a un 5,11 por cento este ano. “Isto non é admisible para Galicia, non xa polo Goberno galego senón polo noso sector audiovisual”, sinalou a portavoz popular, que manifestou que “é fundamental opoñerse frontalmente aos criterios de reparto que manexa o Ministerio ou, no caso de que os manteñan, é importante que se poñan uns contrapesos que non beneficien sempre so aos máis fortes”. Carmen Pomar salientou que “o apoio do Goberno galego ao sector audiovisual queda demostrado coa aposta decidida pola produción feita na Comunidade galega e en galego”, ante o que apuntou que “hoxe máis do 60 por cento da produción que se realiza en Galicia faise en galego”.  

Este é o encabezado

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit. Ut elit tellus, luctus nec ullamcorper mattis, pulvinar dapibus leo.

O Grupo Popular salienta o “rotundo éxito” da xestión das axudas ao alugueiro para xente moza, esgotando o crédito de 22,8 millóns e concedendo máis de 5.200 axudas

A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, María Deza, cualificou hoxe no Pleno do Parlamento galego de “rotundo éxito” a xestión das axudas ao alugueiro para xente moza do Plan de Vivenda 2022-2025, esgotando o crédito de 22,8 millóns de euros en dous meses e concedendo máis de 5.200 axudas.

María Deza sinalou que “a pesar dos atrasos, da falta de comunicación e dos erros detectados na convocatoria realizada polo Goberno central, que mesmo foron recoñecidos polo propio Ministerio, o Goberno galego foi quen de executar con éxito esta liña de axudas ao alugueiro para xente moza”.

Neste sentido, explicou que estas axudas, “que o Goberno de Pedro Sánchez vendeu como unha liña da que se podería beneficiar practicamente todo o mundo, estaban limitadas a apenas 4.000 persoas, pero a boa xestión do Instituto Galego da Vivenda e Solo fixo posible aumentar o número de beneficiarios un 25 por cento, chegando ata un total de 5.253 axudas”.

CONDICIÓNS RÍXIDAS

Ademais, a portavoz popular criticou “as ríxidas condicións para a concesión da axuda establecidas polo Ministerio, que impediron acceder ás mesmas incluso a persoas que cumprían os requisitos, como é o caso dun solicitante que comparte vivenda con outras persoas que non compren os requisitos, aínda que cada unha faga fronte ao pago da parte que lle corresponde do alugueiro”.

Respecto das nova edición da axudas ao alugueiro, María Deza considerou que “está abocada ao fracaso” porque, entre outros motivos, a oferta de vivendas en alugueiro por prezos mensuais inferiores a 600 euros é de tan so o 6 por cento do total de España, ao tempo que os alugueiros que non superan os 900 euros ao mes supoñen tan so o 31 por cento da oferta total no mercado. “Se o que se persegue é que o novo bono chegue a quen máis o necesita, sería necesario revisar e ampliar o límite da cota mensual, xa que o prezo do alugueiro medio en España xa supera os 1.000 euros de media”, concretou.

Ademais, este novo bono resultará insuficiente xa que so chegou ao 0,8 por cento dos mozos españois. “En Galicia, segundo o orzamento previsto, apenas cubriría un 1 por cento dos mozos, existindo máis de 360.000 mozos con idade comprendida entre os 24 e os 36 anos”, dixo.

O Grupo Popular pide a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes para que as comunidades poidan trasladar as súas preocupación, inquietudes e propostas

O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes, na que as comunidades autónomas poidan trasladar as súas preocupacións, inquietudes e propostas sobre a situación actual do transporte público en toda España, en especial o caos que vive o transporte ferroviario.

Gonzalo Trenor lembrou “o grave dano que vai ocasionar o novo mapa concesional do transporte por estrada de competencia estatal provocará que 22 municipios galegos, con máis de 130.000 veciños, van quedar illados das rutas estatais, xa que pretenden eliminar 90 rutas”. “Esta decisión deixará a concellos como Monterroso, Lalín, Tui, Melide ou Palas de Rei sen parada, obrigando aos usuarios a facer transbordos e supoñendo unha perda de servizos e de conectividade letal para o rural galego”, apuntou.

PLAN REFERENTE E PIONEIRO

Así mesmo, Trenor lembrou que o ministro de Transportes “foi reprobado por este Parlamento, sen ningún voto en contra, un exemplo que máis tarde seguiron tanto o Congreso como o Senado, iso si, co voto en contra do PSOE e sen o apoio do BNG”. “Que valentes aquí e que covardes en Madrid”, dixo.

“A norma no transporte interurbano de competencia autonómica non son os retrasos, a falta de prazas ou as avarías, a pesar da dimensión do servizo: máis de 3.700 rutas, máis de 56.000 paradas, máis de 20 millóns de horarios e máis de 2,3 millóns de servizos ao ano”, indicou o deputado popular.

Gonzalo Trenor destacou, finalmente, que o Plan de transporte público de Galicia “é un referente entre o resto de comunidades autónomas como pioneiro na renovación do transporte público interurbano, polo volume de recursos públicos que dedica a financialo e polo marcado carácter social co que abordamos a mobilidade”.

“Nun territorio tan disperso como o noso, o esforzo loxístico e orzamentario para garantir a mobilidade dos galegos é enorme, chegando aos 140 millóns de euros anuais, aplicando tarifas máis económicas e uniformes para todo o territorio e cunha ampla gama de bonificacións, entre as que destaca o servizo gratuíto para a mocidade ou para os maiores de 65 anos”, rematou.

O Grupo Popular afirma que o futuro Plan de saúde mental de Galicia incorporará psicólogos clínicos nos centros de saúde

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o futuro Plan de saúde mental de Galicia incorporará psicólogos clínicos nos centros de saúde dependentes dos servizos de pediatría.

Encarna Amigo lembrou que Galicia foi pioneira na implantación en 2017 dun Plan de prevención do suicidio, que incorporaba 37 medidas en sete liñas estratéxicas. Posteriormente, aprobouse en 2020 o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, “que nos converteu novamente nunha comunidade pioneira ao definir unha folla de ruta tan ambiciosa na saúde mental, logo de que a pandemia evidenciou a súa necesidade”.

“Este plan sigue vixente a día de hoxe e darase conta do mesmo cando remate”, afirmou a portavoz popular, quen avanzou que “en base a ese análise redactarase o próximo plan de saúde mental de maneira máis ambiciosa e axeitada á realidade da saúde mental galega”.

FALTA DE RESPECTO AOS PROFESIONAIS

Por outra parte, Encarna Amigo pediu ao BNG “desculpas públicas ao afirmar que ‘se un home entra nunha consulta cunha sintomatoloxía semellante á dunha muller, o home sae cunha batería de peticións de probas complementarias e a muller cunha rea de psicofármacos”. “Xa non é que nos falten ao respecto aos militantes do Partido Popular, porque agora tamén faltan ao respecto aos galegos, ás mulleres e aos profesionais sanitarios”, sinalou.

“Son conscientes da acusación e falta de respecto que os nacionalistas galegos fai contra os profesionais que se deixan a pel cada día na atención de pacientes no Servizo Galego de Saúde?”, cuestionou a portavoz popular, quen asegurou que “nós confiamos no bo facer dos profesionais do sistema sanitario galego, que están centrados en traballar e resolver problemas de saúde”. “No único no que os nacionalistas galegos son especialistas é en alporizar a xente, terxiversar informacións e en enredar e xerar problemas onde non os hai”, rematou.

O Grupo Popular anima ao Concello de Ourense a participar na Estratexia de infraestrutura verde e de conectividade e restauración ecolóxicas da Xunta

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, animou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Concello de Ourense a participar na Estratexia de infraestrutura verde e de conectividade e restauración ecolóxicas aprobada pola Xunta e a través da que se investirán tres millóns de euros para renaturalizar as cidades galegas.

Gonzalo Trenor afirmou que Galicia será a primeira comunidade autónoma en contar cunha estratexia deste tipo, cuxo obxectivo principal é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, que contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións das contornas.

REFERENTE

Neste sentido, o portavoz popular considerou “fundamental dotar ás cidades de espazos verdes urbanos como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas que repercutan na redución das emisións á atmosfera, considerando que as áreas urbanas son esenciais xa que nelas xéranse entre un 40 e un 70 por cento das emisións de gases de efecto invernadoiro”.

“Por iso a estratexia de infraestrutura verde fai especial fincapé nas urbes, e impulsa iniciativas como a creación de rúas verdes coa plantación de especies autóctonas que, xunto co uso de pavimentos naturais, a atenuar o efecto illa de calor”, apuntou.

Trenor avogou por “facer de Ourense un referente das infraestruturas verdes”, polo que solicitou a colaboración do Concello para mellorar a ordenación do seu territorio e previr os efectos adversos do cambio climático e os seus riscos principais.

O PPdeG critica que BNG e PSdeG son culpables do maior dano que nunca se lle ten feito ás mulleres vítimas de violencia, apoiando ao Goberno de Pedro Sánchez e a aprobación da Lei do só si é si

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “nacionalistas e socialistas son culpables do maior dano que nunca se lle ten feito ás mulleres vítimas de violencia, apoiando ao Goberno de Pedro Sánchez e a aprobación da Lei do só si é , que permitiu que 1.450 violadores e agresores sexuais viran reducidas as súas penas e 126 saíran antes do cárcere”.

Raquel Arias insistiu que “cada agresión que se produce contra os dereitos e contra a liberdade das mulleres é un fracaso da sociedade no seu conxunto, e so se poderá combater se o facemos da man todas as institucións, todos os partidos políticos e o conxunto da sociedade”.

RACHARON O CONSENSO EN GALICIA

Por este motivo, salientou que “a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, e lembrou que “somos a primeira comunidade cunha dirección xeral específica, que permite atender mellor ás vítimas e traballar aínda máis na prevención; cunha axuda mensual ininterrompida para as vítimas; en poñer en marcha a quenda de garda para mulleres vítimas de violencia de xénero e tamén para os seus fillos menores; en ofrecer asistencia integral aos nenos orfos por violencia machista; e en facilitar vivendas tuteladas para vítimas de violencia con enfermidades mentais, que proximamente se ampliará a vítimas con problemas de adición”.

A portavoz popular sinalou que “moitos deses avances aprobáronse neste Parlamento por unanimidade de todos os grupos”, pero lamentou que “o pasado mes de decembro BNG e PSdeG racharon o consenso e non votaron a favor da nova Lei de igualdade, a pesar de que foron aceptadas a maioría das súas propostas”.

“É moito o que se está facendo, pero temos que seguir traballando e por iso é imprescindible que o Goberno central faga tamén os seus deberes, renovando canto antes o Pacto de Estado, que leva conxelado desde 2022 e o que so cumpriu o 60 por cento das medidas recollidas; revisando os erros do sistema Viogen á hora de valorar o risco das vítimas de violencia de xénero que denunciaran ao seu agresor; e promulgando dunha vez por todas unha lei contra a trata de persoas, ámbito no que Galicia xa vai por diante cun plan antitrata desde o ano 2022”, manifestou.