O Parlamento galego demanda a finalización do proceso de dixitalización dos quirófanos das sete áreas sanitarias de Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que a Xunta finalice o proceso de dixitalización dos quirófanos nas sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, ao tempo que se aborda unha dixitalización homoxénea dos consentimentos informados dos pacientes en todo o Sergas, có fin de facilitar a accesibilidade e información.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, explicou que a dixitalización dos quirófanos “é un avance fundamental na medicina moderna que beneficia tanto aos pacientes como aos cirurxiáns, mellorando a precisión, a seguridade e a eficiencia nas intervencións cirúrxicas”.

PRECISIÓN

“A precisión lograda mediante ferramentas dixitais permite realizar cirurxías minimamente invasivas, o que ten como beneficios para o paciente menos dor, menos risco de complicacións e unha recuperación máis rápida”, apuntou Encarna Amigo, quen apuntou que, “cunha maior precisión e menor tempo de exposición cirúrxica, os resultados finais tenden a ser mellores, o que contribúe a unha maior satisfacción do paciente e menos reintervencións”.

En definitiva, Amigo asegurou que a dixitalización dos quirófanos “representa unha evolución significativa cara a unha cirurxía máis precisa, segura e eficiente, e é unha das innovacións que impulsan a medicina cara a un futuro no que os riscos se minimizan e os resultados melloran para todos”.

A portavoz popular apuntou que “tamén se abordará a homoxeneización e dixitalización do consentimento informado, que non só facilita a accesibilidade e comprensión dos pacientes, senón que ofrece importantes beneficios para o sistema sanitario en termos de eficiencia e seguridade xurídica”.

 

O Parlamento galego demanda que a nova Lei de familias estatal atenda as demandas de Galicia e incorpore o concepto de familia numerosa

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que, ante o importante retraso que sofre a tramitación da Lei de Familias polas sucesivas prórrogas para a presentación de emendas, teña en conta as aportacións feitas pola Xunta de Galicia en relación ao concepto de familia numerosas e non bote por terra todo do traballo e o consenso social acadado neste eido ao longo dos anos.

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, lembrou que esta lei, que iniciou a súa tramitación no Congreso en 2021, “márcase como obxectivo recoñecer as diferentes situacións familiares que existen en España, mellorar a protección social das familias e garantir o dereito a conciliar a vida familiar coa laboral”.

Porén, criticou que este proxecto de lei “está bloqueado nestes momentos e a Mesa do Congreso leva aprobadas 27 prórrogas do prazo de emendas, ao que se engade que o diálogo coas comunidades autónomas non existe, a pesar de que a lei invade competencias das autonomías e ten consecuencia en normas que xa se están aplicando”.

AFECTACIÓN Á NORMATIVA GALEGA

No caso da Comunidade galega, Raquel Arias concretou que a nova lei estatal “pode afectar á normativa existente respecto das familias monoparentais, dándose o caso de que lle quiten o título a centos de familias no caso de que, tal e como se recolle no texto da nova normativa estatal, os requisitos que estableza o Estado sexan máis estritos dos que agora se recollen en Galicia”.

“Tamén chama a atención que entre os 16 tipos de familia dos que fala a lei estatal ningún aluda ás familias numerosas, un concepto que desaparece para integrarse nun grupo máis amplo de familias con maiores necesidades de apoio á crianza”, sinalou a portavoz popular. Diante desta situación, Arias subliñou que “o Goberno galego considera un erro non escoitar ás familias numerosas e, por iso, segue a impulsar medidas que lle permitan facer fronte ás súas necesidades diarias, como anova dedución fiscal no IRPF ou a posta en marcha do novo título dixital”.

En definitiva, Raquel Arias criticou que “estamos ante unha nova lei estatal ideolóxica, que prexudica ás familias galegas máis vulnerables, como as numerosas ou as monoparentais; decepcionante, porque non inclúe as medidas que o propio Goberno de Pedro Sánchez prometera, como a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade ou a renda universal para a crianza de fillos ata tres anos; e okupa, porque invade competencias das comunidades autónomas ás que lles impón cargas pero sen cartos”.

 

O Grupo Popular critica a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de eliminar as peaxes en 1.000 quilómetros de autoestradas, o triplo de lonxitude dunha AP-9 que se nega a rescatar e quitar os pagos

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, criticou hoxe no Parlamento galego que a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de iniciar os trámites para eliminar as peaxes en 1.000 quilómetros de autoestradas “supoñen o triplo da lonxitude que ten a AP-9, que se nega a rescatar e quitar os pagos polo seu uso”. “Desde o PPdeG imos seguir demandando que se cumpra o prometido aos galegos polos socialistas nas últimas campañas electorais: unha AP-9 100 por cento galega e 100 por cento gratuíta”, indicou.

Roberto Rodríguez lembrou que “hai exactamente un mes o ministro de Transportes dixo no Congreso non á transferencia da AP-9, non á súa gratuidade e non ao seu rescate, o que supón que Pedro Sánchez díxolle, unha vez máis, non a Galicia”.

NOVAS NEGATIVAS PARA GALICIA

“Pero nestes días, as novas negativas para Galicia procedentes do Goberno central incrementáronse ao coñecer que o Congreso paraliza por duodécima vez o proceso para transferir a AP-9 a Galicia”, sinalou o portavoz popular, quen anotou que, “cando os socialistas en xuño racharon en Madrid a unanimidade das forzas políticas do Parlamento galego para reclamar a transferencia da AP-9, xa preguntamos se era o anticipo de 15 novas prórrogas, pero agora xa vemos que o que realmente tiñan os socialistas en mente era bater ese récord”.

Así mesmo, onte coñeceuse que o Goberno de Pedro Sánchez planifica como liberar de peaxes a autoestrada de acceso a Madrid desde Galicia, unha autoestrada que, como o caso da AP-9, tamén abriu por tramos e viu aumentado o seu prazo de concesión orixinal. “Pero é que a Xustiza europea determinou en 2010 que a prórroga outorgada á AP-6 vulneraba as directivas comunitarias sobre contratación pública e reduciu o prazo de concesión en sete anos, pero, de acontecer unha situación semellante coa AP-9, o ministro de Transporte xa anunciou que litigará no caso dunha hipotética declaración de ilegalidade da prórroga e en ningún caso valorará o seu rescate”, explicou.

Roberto Rodríguez referiuse á decisión do Goberno galego de rescatar catro autovías autonómicas con peaxe na sombra, xerando un aforro de 330 millóns de euros aos galegos, que permitirá dispoñer de 30 millóns de euros adicionais para as arcas públicas. “Non entendo por que lles parece mal o rescate destas catro autoestradas galegas por parte da Xunta”, cuestionou aos socialistas galegos, “porque o Goberno de Pedro Sánchez tamén prepara nestes momentos a recuperación de tres autoestradas e dez tramos de autovías con peaxes na sombra”.

“En Galicia temos 334 quilómetros de autoestradas de pago, o que nos sitúa como líderes nacionais, das que apenas 60 quilómetros corresponden a autoestradas de titularidade autonómica”, indicou o portavoz popular, quen criticou que o Goberno central manteña a AP-9 como a autoestrada máis cara de España e Europa e a AP-53 como a única autoestrada de España sen bonificación ningunha”.

 

O Grupo Popular asegura que calquera persoa ten dereito a escoller ante os órganos xudiciais a lingua na que se realizar os procedementos e intervencións

O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez asegurou hoxe no Parlamento galego que “calquera persoa ten dereito a escoller ante os órganos xudiciais de calquera xurisdición a lingua na que se desenvolverá o procedemento e a lingua na que fará as súas intervencións orais ou escritas, de xeito que a elección dunha ou outra lingua non conleva prexuízo de ningún tipo para el administrado”.

Roberto Rodríguez explicou que a Xunta “está a impulsar o emprego do galego na Xustiza mediante distintas iniciativas, mais non pode impoñer o uso do galego nin promover iniciativas para eliminar o uso do castelán”. En concreto, puxo de manifesto a existencia de equipos lingüísticos, aplicacións de tradución automática e cursos de capacitación lingüística para todo o persoal da Administración de Xustiza.

IMPULSO DO GALEGO

Así mesmo, apuntou que estanse a desenvolver outras medidas, como a creación de Lex.gal, o maior portal de lexislación e xurisprudencia en galego; os cursos de linguaxe xurídica exclusivos para fiscais; a colaboración coa Irmandade Xurídica Galega; ou a utilización de documentos en galego dentro do entorno Omnibus.

“Na actualidade, hai órganos xudiciais e letrados da Administración de Xustiza que ditan as súas resolucións en galego; fiscais que redactan as súas resolucións, ditames e escritos en galego; e profesionais da avogacía e da procuradoría, forenses e equipos psicosociais que empregan o galego no día a día”, destacou o deputado popular, quen engadiu que “os órganos xudiciais, en calquera xurisdición, teñen as ferramentas precisas para o desenvolvemento do procedemento xudicial na lingua escollida polas partes”.

 

O Grupo Popular salienta a profesionalidade e compromiso co cumprimento da lei da Fiscalía de Galicia fronte ao desprestixio que vive a Fiscalía Xeral do Estado pola súa situación xudicial

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Parlamento de Galicia “a profesionalidade e o compromiso co cumprimento da lei de todos os compoñen o sistema xudicial na Comunidade galega, nuns momentos nos que a Fiscalía está desprestixiada pola situación xudicial do fiscal xeral do Estado”. “Esta situación abochorna á carreira fiscal, aos xuristas e a todos os demócratas, porque nin as institucións do Estado nin os fiscais profesionais e honrados merecen que se dane así á Fiscalía Xeral”, indicou.

Na comparecencia do fiscal superior de Galicia para presentar a Memoria desta institución correspondente a 2024, Paula Prado criticou a “indisimulada dependencia funcional e ideolóxica do fiscal xeral do Estado respecto do Goberno de Pedro Sánchez, situación que está a xerar un inmerecido desprestixio da carreira fiscal que ningún Estado democrático pode permitir”.

COLONIZACIÓN DE INSTITUCIÓNS

“Lamento ter que dicir isto, do que o fiscal superior de Galicia non é responsable, pero a situación de colonización das institucións do Goberno de Pedro Sánchez está afectando tamén á Fiscalía”, apuntou.

Respecto da memoria da Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia, Paula Prado salientou a “colaboración total” existente entre esta entidade e a Xunta, todo ilo acordado a través da Comisión Mixta entre Xunta e Fiscalía.

A viceportavoz popular centrouse nos casos de violencia de xénero recollidos na memoria da Fiscalía e lembrou que o número total de mulleres vítimas ao longo de 2023 foi de 7.438, o que representa o 3,79 por cento do total de vítimas rexistradas en España. Así mesmo, lamentou as tres mulleres asesinadas por violencia de xénero nese ano e aproveitou a intervención para condenar o último caso de violencia de xénero vivido en Galicia, concretamente en Baiona.

Respecto aos procedementos incoados, Prado explicou que pasaron de 7.631 en 2022 a 8.643 en 2023, o que representa un incremento do 13,2 por cento. “Iso quere dicir que as vítimas denuncian cada vez máis, pero estes datos demostran que aínda queda moito por facer para erradicar por completo a violencia de xénero da nosa sociedade”, dixo.

Neste sentido, destacou a aprobación pola Xunta o pasado ano do protocolo autonómico de actuación na asistencia integral ás vítimas de delitos, con especial consideración ás vítimas de violencia de xénero e outras vítimas especialmente vulnerables. Este protocolo outorga un maior recoñecemento ás oficinas de atención ás vítimas, que agora prestarán unha protección integral, coordinada e especializada ás vítimas dunha maneira máis adecuada, gracias á harmonización e unificación das funcións do persoal adscrito a estes servizos e ao reforzo da coordinación entre os diferentes organismos públicos implicados.

DELITOS NA CONTORNA DIXITAL

Paula Prado criticou que o Goberno central “segue sen dar cumprimento ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, pero ten no seu haber unha lei con consecuencias absolutamente monstruosas como a do ‘só si é si’”. “Unha lei, aprobada co apoio e a complicidade do BNG, coa que prometían protexer ás vítimas pero unicamente acabaron beneficiando a máis de 1.400 agresores sexuais, violadores e pederastas”, apuntou.

Para rematar, a viceportavoz popular sinalou que “compartimos coa Fiscalía a súa preocupación polo aumento dos delitos na contorna dixital, especialmente daqueles nos que se ven envoltos menores debido a un mal uso das redes sociais”. Así, destacou que Galicia foi pioneira ao restrinxir hai dez meses o uso dos teléfonos móbiles durante a xornada escolar, “unha medida ambiciosa e arriscada cuxos resultados xa son apreciables cun descenso da conflitividade, a erradicación de situacións de ciberacoso e o aumento da interacción entre os alumnos”.

 

O Grupo Popular pedirá no Pleno a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que se revise os defectos detectados no sistema VIOGEN e se promulgue unha lei contra a trata de persoas

A celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller marcará a orde do día do Pleno ordinario da vindeira semana, coa comparecencia da conselleira de Política Social e Igualdade, e o debate dunha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a revisión dos defectos que se están a detectar no sistema VIOGEN e a promulgación dunha lei estatal contra a trata de persoas. Así mesmo, o Grupo Popular insistirá na necesidade de que o Goberno central traspase a Galicia os medios materiais e persoais necesarios para que a Xunta poida xestionar o litoral galego, cando xa pasaron sete meses desde a sentenza do Tribunal Constitucional que daba a razón a Galicia na defensa do seu autogoberno.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou da celebración do vindeiro luns, 18 de novembro, do pleno específico para o debate de totalidade dos orzamentos da Xunta para 2025, “as contas máis altas da historia de Galicia, ao acadar os 13.954 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,6 por cento respecto ao 2024”.

“Falamos duns orzamentos que, como obxectivos principais, buscan crear máis benestar, prosperidade e futuro para todos os galegos, con medidas específicas para impulsar a oferta de vivenda; sentar as bases da Galicia futura, con máis innovación; reforzar os servizos públicos; e apostar polos sectores produtivos e a transición verde”, concretou o portavoz popular, quen destacou que “tres de cada 4 euros destes orzamentos destinaranse a gasto social, superando por primeira vez a cifra de 10.000 millóns de euros”.

Pasando xa á orde do día do Pleno ordinario, Alberto Pazos explicou que, como novidade, dará comezo coas habituais preguntas ao Presidente por parte dos grupos da oposición, un cambio motivado pola viaxe que o Presidente Rueda fará ao Brasil a vindeira semana, que no seu día tivera que aprazar pola reunión á convocado polo Presidente do Goberno de España para abordar asuntos relacionados co financiamento autonómico.

APROBACIÓN DA LEI DE CULTURA INCLUSIVA

A sesión plenaria continuará co debate, para a súa aprobación, do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “unha norma pioneira que ofrece un amplo marco a partir do que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión”, lembrou Pazos.

A continuación, e con motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Pleno inclúe a comparecencia, a petición propia, da conselleira de Política Social e Igualdade, para informar sobre as medidas impulsadas polo Goberno galego na loita contra a desigualdade entre homes e mulleres e contra a violencia de xénero.

Tamén relacionada coa loita contra a violencia de xénero é a primeira das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular. Neste caso, solicítase ao Goberno central que renove, canto antes, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que leva conxelado desde 2022, coa incorporación de medidas específicas contra a violencia vicaria ou a violencia dixital.

A través desta iniciativa parlamentaria pídese, ademais, que o Goberno central revise os erros que se están a detectar no sistema VIOGEN, para mellorar a protección das vítimas de violencia de xénero que denunciaron ao seu agresor, así como que promulgue unha lei contra a trata de persoas, onde Galicia xa foi pioneira e conta desde o ano 2022 cun plan anti-trata.

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular pide ao Goberno de Pedro Sánchez que constitúa, coa máxima celeridade posible, a Comisión Mixta de Transferencias para, entre outras cuestións, facer efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Xunta poida xestionar o litoral galego, respectando deste xeito o seu autogoberno sobre os máis de 2.500 quilómetros de costa galega.

“Pasaron xa sete meses desde que o Tribunal Constitucional avalara a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, pero seguimos sen ter noticias sobre a disposición do Goberno central de cumprir esta sentenza, o que constitúe unha nova e evidente mostra de deslealdade institucional do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia, nun asunto que consideramos esencial para o ordenamento, desenvolvemento e o impulso económico e social da nosa costa”, criticou Pazos.

AGRADECEMENTO AO OPERATIVO DESPRAZADO A VALENCIA

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola valoración do continxente de emerxencias que mobilizou Galicia en apoio ás persoas afectadas pola DANA en Valencia. Neste punto, o portavoz popular agradeceu “a plena disposición dos milleiros de galegos e galegas anónimos, xunto cos profesionais das emerxencias que traballan neste tipo de situacións, que voluntariamente se ofreceron para botar unha man nos concellos afectados pola DANA en Valencia, colaborando naquilo que resultaba máis urxente e de necesidade para atender ás familias afectadas pola catástrofe”.

Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará polas medidas que o Goberno galego puxo en marcha para o fomento do alugueiro accesible, ao carón do Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025; e interesarase polas repercusións que, para as arcas da Comunidade galega e dos concellos, terá a imposición da nova Lei estatal de residuos, a través da que se impoñen novos impostos ao vertido e á incineración, ademais dunha taxa diferenciada aos concellos pola xestión e tratamento dos residuos que reflicta os custes reais do servizo, incluíndo o das campañas de concienciación social.

 

Aprobado o ditame do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, paso previo á súa aprobación definitiva en Pleno

A Comisión de Cultura do Parlamento galego aprobou esta tarde o ditame do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria. “Estamos a falar dunha lei pioneira que ofrece un amplo marco a partir do que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión”, manifestou a deputada popular Carmen Pomar.

Na súa intervención, Pomar indicou que “a diversidade, lonxe de ser un elemento inhibidor ou obstaculizador, debe ser un elemento facilitador e multiplicador para a cultura”. “Por este motivo, o Goberno galego decidiu elaborar unha norma que facilitase o acceso e participación efectiva á cultura de todas as persoas, ao temo que se puxeran en valor todas as manifestacións culturais procedentes de calquera comunidade, grupo ou persoa en situación de desvantaxe”, lembrou.

APOIAR ÁS PERSOAS E COLECTIVOS MÁIS VULNERABLES

“O obxectivo é promover as condicións e remover os obstáculos que impidan ou dificulten que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas, con especial atención ás que presentan algún factor de risco ou exclusión cultural”, sinalou.

Esta nova lei pretende, ademais, visibilizar e apoiar os talentos das persoas e colectivos que presentan condicións de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión, ao tempo que as programacións culturais estarán pensadas e adaptadas a todo tipo de públicos, facilitando, de ser preciso, recursos e ferramentas que permitan o pleno acceso e gozo da actividade”.

Carmen Pomar afirmou que nesta nova lei “tamén aparece contemplado o desenvolvemento de ferramentas dixitais e tecnolóxicas para garantir que os contidos culturais cheguen a todas as persoas, especialmente ás que estean en risco de exclusión social, favorecendo, ademais, a alfabetización dixital ao longo da vida”.

 

O Parlamento galego demanda ao Ministerio do Interior un concurso de méritos na Policía Nacional para cubrir as vacantes da unidade adscrita a Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG nin do PSdeG, a través da que se pide ao Goberno de España, e nomeadamente ao Ministerio do Interior, que articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Comunidade Autónoma de Galicia ata os 500 efectivos que lle corresponden.

A viceportavoz popular, Paula Prado, comezou a súa intervención amosando “o sentimento de admiración e recoñecemento polos integrantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, así como nos profesionais de emerxencias, que desde hai días traballan nas zonas da Comunidade Valenciana afectadas pola dana, especialmente aos 200 profesionais de emerxencias que, baixo a coordinación da Xunta, se trasladaron ata alí nestes últimos días para apoiar ás persoas afectadas por esta terrible catástrofe”.

Respecto da unidade de policía adscrita a Galicia, a viceportavoz popular considerou “lamentable que foi perdendo efectivos ao longo dos últimos anos ata situarse nos mínimos históricos que rexistra na actualidade”. En concreto, apuntou que dos 500 axentes que corresponden a esta unidade de policía adscrita por catálogo, a día de hoxe só están operativos 344 efectivos, o que supón un déficit do 30 por cento e sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma coa taxa de cobertura de prazas máis baixa.

Paula Prado engadiu que cada unha das sedes da UPA “deberían ter un número adecuado de policías e nunca por debaixo dos 60, polo que na actualidade só a sede de Santiago cumpre este criterio: Ourense e Pontevedra teñen 40 efectivos, mentres que Vigo e Lugo teñen 38 e A Coruña, 37”.

“Nunca antes a plantilla deste corpo policial estivera tan mermada”, sinalou a viceportavoz popular, quen incidiu que “o grave non é so este novo desprezo a Galicia e a este corpo policial, senón as consecuencias que derivan del”. Neste sentido, afirmou que esta redución de efectivos “supón unha inasumible carga de traballo para os efectivos activos, que os obriga a priorizar o máis importante e, polo tanto, tamén a renunciar a atender coa suficiente calidade algunhas das súas funcións”.

Prado asegurou que “non estamos dispostos a asumir que cada vez haxa nas rúas galegas menos efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado, e menos cando os datos do propio Ministerio do Interior falan dun incremento da criminalidade no que vai de ano e dun aumento dos delitos, especialmente os relativos á liberdade sexual, á ciberdelincuencia e aos homicidios”.

Por outra banda, respecto do convenio asinado entre o Goberno central e a Xunta para o mantemento desta unidade de policía adscrita, a viceportavoz popular amosou a disposición do Goberno galego para renovar este acordo, “pero nas mesmas condicións que había e non cunhas novas condicións que son abusivas e lesivas para Galicia”.

Paula Prado lembrou que no convenio anterior o Ministerio era quen pagaba o 100 por cento do salario base dos policías e a Xunta asumía os complementos e os custos das dotacións materiais e de infraestruturas. “Agora, o Ministerio quere que, ademais deses custes complementarios, a Xunta asuma o 50 por cento do salario dos policías, o que suporía un incremento de 10,5 millóns aos 3,5 millóns de euros que asume na actualidade”, concretou.

“O que queremos é un convenio como o último que asinou o Ministerio de Interior cunha comunidade autónoma con policía adscrita, o mesmo que tiña Galicia desde hai anos e o mesmo que lle ofreceu o ministro á Comunidade Valenciana cando o presidente era un socialista”, rematou.

 

O Parlamento galego demanda ao Goberno central que dea maior flexibilidade ás comunidades autónomas para adaptar os fondos para políticas activas de emprego ás súas necesidades

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que modifique, de acordo coas comunidades autónomas, as condicións de asignación e utilización de fondos finalistas en materia de políticas activas de emprego, outorgándolle ás autonomías unha maior flexibilidade para adaptalos ás necesidades e particularidades dos seus mercados laborais.

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, demandou “unha acción coordinada” de todas as administracións para facilitar a incorporación e formación continua dos traballadores no mercado laboral, lamentando “a rixidez nas directrices de aplicación dos fondos finalistas que o Goberno de España envía ás comunidades autónomas para mellorar as competencias e a empregabilidade dos traballadores”.

En concreto, indicou que esta rixidez “limita a capacidade da Xunta para adaptalos ás necesidades propias de Galicia e ás circunstancias cambiantes do mercado laboral coa axilidade que se require”.

PARTICULARIDADES E SINGULARIDADE DE GALICIA

Diante desta situación, a portavoz popular solicitou “unha maior flexibilidade neses fondos e que o Goberno central escoite ás comunidades autónomas, porque a súa maior proximidade ás persoas traballadoras e ás empresas permite coñecer e atender dun modo máis áxil e directo as súas necesidades”. En concreto, pediu que “se teñan en conta as particularidades e singularidade de Galicia á hora de fixar os criterios de reparto deses fondos finalistas estatais”.

Noelia Pérez cuestionou “por que España, liderando o paro da Unión Europea, ten postos sen cubrir no mercado laboral?”, ante o que respondeu como “causas deste desaxuste os cambios sociais, a burocracia para a incorporación de persoal, os desincentivos á incorporación ao mercado laboral, o envellecemento da poboación e a falta de remuda xeracional, e a importante desconexión existente entre a oferta e a demanda de traballo”.

Así, explicou que “este problema para atopar traballadores está a alcanzar a practicamente todas as ramas de actividade e todos os sectores económicos, porque xa existen vacantes sen cubrir en actividades profesionais científicas e técnicas, máis tamén no comercio, na construción ou na hostalería”.

“Este desequilibrio está a ameazar a produtividade das empresas, afectando de maneira significativa ás pequenas e medianas empresas, e aos autónomos, que levan moito tempo denunciando a falta de consonancia entre as habilidades e competencias da poboación activa e as necesidades reais das empresas”, indicou.

Neste sentido, a portavoz popular considerou necesario “promover a formación continuada, para que tanto persoas empregadas como desempregadas poidan adquirir novas habilidades adaptadas aos cambios no mercado laboral, porque neste momento a aprendizaxe constante converteuse nunha necesidade vital para manterse competitivo en termos laborais”.

“O Goberno galego é consciente desta situación e por este motivo destinará o vindeiro ano 72 millóns de euros para abordar este problema estrutural”, salientou Noelia Pérez.

 

O PPdeG pide a BNG e PSdeG que abandonen o seu discurso catastrofista e pesimista sobre o sector agrogandeiro galego

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, pediu hoxe no Pleno do Parlamento galego a BNG e PSdeG que “abandonen o seu discurso catastrofista e pesimista sobre o sector agrogandeiro galego” e animounos “a defender e promover o noso rural, e construír un futuro no que a súa xente se sinta valorada, apoiada e, sobre todo, orgullosa de vivir e traballar na súa terra”.

No debate dunha iniciativa sobre a política de control da transmisión da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) no gando galego, Miguel Viso subliñou que “Galicia foi pioneira ao habilitar, a comezos de 2024, un sistema de indemnizacións por animais falecidos, calculándose os baremos en función do Real Decreto 389/2011 que establece as compensacións por sacrificio en programas nacionais para enfermidades como a lingua azul, tuberculose e outras patoloxías”.

“A Xunta ampliará estas subvencións para 2024 e as explotacións que xa recibiran indemnizacións recibirán agora a diferenza con respecto aos novos importes establecidos, onde a compensación por morte de bovinos poderá alcanzar os 1.500 euros por animal”, apuntou. Así mesmo, Viso engadiu que ofreceranse axudas para tratamentos veterinarios e desinsectantes a todas as explotacións afectadas.

O portavoz popular manifestou que “esta é a axuda máis ambiciosa das convocadas polas comunidades autónomas, xa que cubrirá o censo completo de bovinos de cada explotación e non só os afectados pola enfermidade”.