O Parlamento galego insta ao Goberno central a protexer os intereses do sector porcino de Galicia para minimizar as posibles consecuencias do peche da fronteiras de China a este produto

O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados socialistas, a través da que se insta ao Goberno de España a protexer os intereses do sector porcino de Galicia de cara a minimizar os potenciais danos que poidan resultar da investigación antidumping iniciada pola República Popular China, aplicando para elo as medidas recollidas no Regulamento sobre a organización común de mercados agrícolas para minimizar o impacto nun sector estratéxico en Galicia.

O deputado popular Enrique Barreiro explicou que “España mantense, desde hai anos, como o primeiro exportador mundial de produtos de porcino a China, por diante de Estados Unidos e Brasil”. No caso concreto de Galicia, existen 2.500 explotacións con arredor de un millón de animais, nas que están empregadas máis de 4.000 persoas.

Recentemente, China anunciou o inicio dunha investigación antidumping sobre as exportacións de carne de porco da Unión Europea, que continúa a liña de investigación xa aberta a un produto como o brandy. “Estas actuacións foron desencadeadas polo anuncio, a mediados do mes de xuño, de que a Unión Europea imporía aranceis ás importacións de vehículos eléctricos de batería de China, á que se acusa de beneficiarse de subvencións inxustas”, indicou o deputado popular.

“Esta situación desencadeou decisións por ambas partes, onde os sectores agroalimentarios afectados, sen ter culpa da situación, vense abocados a unha crise ao pechárselle a porta das exportacións a China”, lamentou.

Enrique Barreiro engadiu que “a demanda chinesa de carne porcina supón unha parte moi importante da nosa produción a pesar de que se reduciu de forma considerable nos últimos dous anos a medida que o xigante asiático foi recuperando a produción perdida tras a entrada da peste porcina africana no seu territorio”.

O Parlamento de Galicia esixe ao Goberno central o cofinanciamento do 50% da dependencia e que abone os 2.500 millóns de euros que debe a Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se esixe ao Goberno de España o cumprimento do cofinanciamento do 50 por cento da Lei de dependencia; que faga efectiva a débeda acumulada a favor da Comunidade galega pola prestación da dependencia, achegando unha cantidade que ascende aos 2.500 millóns de euros; e que renuncie á imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñen o incremento de custos nas prestacións de servizos públicos de carácter social, sempre que non veñan aparelladas das transferencias de recursos económicos estatais suficientes.

A portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, lembrou que a Lei de dependencia “establece claramente que na financiación da mesma as comunidades autónomas e o Goberno do Estado han de aportar a mesma cantidade: 0 50 por cento cada un”. “Pero isto nunca se cumpriu”, lamentou, para concretar que, “se o Goberno de Pedro Sánchez cumprise, en vez dos 655 millóns de euros que Galicia dedica á dependencia esta cifra ascendería a 900 millóns de euros”.

SOBRECUSTO DE 80 MILLÓNS

“Pero, lonxe de mellorar esta situación, o Goberno de Pedro Sánchez está a agravala coa aprobación no mes de xullo de 2023 dun Real Decreto que introduciu moitos cambios no acceso á dependencia, un Real Decreto que o propio Goberno central está a incumprir, que redactou sen consensualo coas comunidades autónomas e sen achegar financiamento algún, cando esta norma supón para Galicia un sobrecusto de 80 millóns de euros anuais, que asume a Xunta para que non recaia nos propios dependentes”, sinalou.

Raquel Arias salientou que a Xunta incrementa cada ano o orzamento destinado á dependencia, chegando este ano aos 655 millóns de euros. Neste sentido, afirmou que “mellorar a atención aos dependentes e as políticas sociais en xeral é un dos obxectivos dos orzamentos que neste momento está elaborando a Xunta para o ano 2025”.

Ademais, lembrou que Galicia puxo en marcha en 2023 un conxunto de medidas para reducir os tempos de espera para as valoracións. Así, a persoa que solicita a valoración agora so ten que presentar dous documentos e fai unha única petición para que se lle resolva o grao de dependencia e o programa de atención. “Como consecuencia destas melloras, e pese a que as solicitudes nos últimos anos aumentaron un 60 por cento, estase conseguindo rebaixar os tempos de espera nas valoracións”, apuntou.

O Parlamento esixe ao Goberno central que dea marcha atrás e suprima os impostos que gravan o tratamento de residuos, así como que recupere a retribución á planta termoeléctrica de SOGAMA

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno central que dea marcha atrás e suprima todos os impostos que gravan a actividade do tratamento de residuo, así como que recupere a retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama, ao que tiña dereito ato o final da súa vida útil en 2026. Unha vez que o Goberno central atenda estas peticións, demándase a Sogama que non aplique a suba das taxas prevista para o 2025.

O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, explicou que a Lei estatal 7/2022 de residuos e chans contaminados para unha economía circular introduce un novo tributo que grava a vertedura e a valorización coa escusa de fomentar a prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos. “Este imposto supón un agravio para comunidades como Galicia, que reduciron o envío ao verterdoiro, chegando a situarse como a quinta autonomía que menos refugallos envía ao vertedoiro, un 31 por cento, e se temos en conta so aos concellos de SOGAMA esta porcentaxe mellora ata o 21 por cento, moi lonxe do 50 por cento de media estatal”, indicou.

A Xunta opúxose á creación deste novo imposto á vertedura e á valorización, xa que suporá un incremento dos custes de 12 euros por tonelada, e presentou alegacións á súa implantación. Trenor sinalou que “incluso pediu á Federación Galega de Municipios e Provincias o seu apoio a estas alegacións, algo que esta entidade municipal non chegou a facer ao rexeitar a solicitude trasladada polo Goberno autonómico”.

DECISIÓNS QUE INFLÚEN NO INCREMENTO DE CUSTES

“Pero no incremento dos custes para os concellos non so influíu este novo imposto, senón tamén outras decisións unilaterais impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez, como a orde ministerial que elimina a retribución que recibía SOGAMA pola planta termoeléctrica de Cerceda, que suporá unha suba de 24 euros por tonelada, e o imposto estatal de produción da enerxía, que serán outros 3 euros por tonelada.

Gonzalo Trenor manifestou que, “fronte a un sistema colectivo de xestión como SOGAMA, que demostrou o seu bo funcionamento, o Goberno central alterou as regras do xogo encarecendo a xestión en 39 euros por tonelada, penalizando a Galicia fronte a modelos menos eficientes e respectuosos, nos que se valoriza todo o material recibido ou se envía todo ao vertedoiro”.

Así mesmo, o portavoz popular cualificou de “sorprendente e hipócrita escoitar a crítica por parte da oposición ao sistema de SOGAMA, ao que gobernos municipais tanto do BNG como do PSdeG levan décadas adheridos voluntariamente, cando poderían terse saído e optar por outros modelos de xestión”. En concreto, lembrou que o sistema de Nostián-Consorcio das Mariñas envía so vertedoiro arredor dun 70 por cento dos residuos, mentres que o sistema da Mancomunidade do Barbanza envía a vertedoiro en torno ao 85 por cento, ademais de ser moito máis custosos para os concellos adheridos, ao ter unhas taxas de 119 e 150 euros por tonelada, respectivamente.

O Parlamento galego demanda ao Goberno de España a elaboración dun estudo sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9

O Pleno Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que elabore un estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9, dando traslado do seu resultado ás forzas políticas con representación nesta Cámara. O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou que o estudo realizado pola Xunta estipula a transferencia sen rescate en 528 millóns de euros e a transferencia con rescate nun importe entre os 1.612 e 2.355 millóns de euros en función das distintas opcións para o cálculo do lucro cesante.

Roberto Rodríguez afirmou que “Galicia aspira desde hai 15 anos a xestionar a súa autoestrada e por iso esiximos e imos a seguir esixindo ao Goberno de España que atenda o acordo unánime deste Parlamento, referendado no Congreso hai apenas tres meses, para transferir a Galicia a competencia sobre a xestión da AP-9”.

DESCONFIANZA

“Pero, por desgraza, crece a desconfianza sobre a posibilidade de que esta lexítima demanda vaia a ser unha realidade no curto prazo pola falta de vontade expresada polo propio Goberno de España, primeiro polo ministro de Transportes e, máis recentemente, polo propio Presidente Sánchez, ao non responder á pregunta que lle trasladou o Presidente Rueda sobre se vai apoiar ou non a transferencia da autoestrada”, manifestou.

O portavoz popular tamén criticou “a frivolidade coa que o Goberno de Pedro Sánchez aborda o custo deste compromiso”, logo de que o ministro de Transportes “mesture custo de transferencia e custo do rescate e oscile o importe entre 1.260, 2.600, 4.000 ou 6.000 millóns de euros”.

Diante desta situación, Roberto Rodríguez esixiu “rigor e unidade: rigor, a través da elaboración por parte do Goberno de España dun estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9; e seriedade, para que se cumpra a que foi unha demanda unánime das forzas políticas galegas”.

DOUS POSIBLES ESCENARIOS

Respecto do estudo realizado por unha empresa para a Xunta de Galicia, Rodríguez explicou que aborda dous posibles escenarios. Un primeiro, que analiza o custo que suporía a transferencia da AP-9 sen rescate e que ascendería a máis de 526 millóns de euros. “É practicamente o mesmo importe que lle vai custar ao Goberno de Pedro Sánchez a anunciada liberación da AP-7 en Alacante, unha autoestrada que xa conta cunha alternativa sen peaxes”, sinalou.

E, en segundo lugar, analízase o suposto dunha transferencia con rescate da concesión. Neste caso, o custe oscila entre os 1.612 e os 2.355 millóns de euros, en función das distintas opcións para o cálculo do lucro cesante.

O Grupo Popular esixe ao BNG que “deixe de xerar un clima de desconfianza inxustificado cara ao sector gandeiro galego”

O portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, demandou hoxe ao BNG no Pleno do Parlamento galego que “deixe de xerar un clima de desconfianza inxustificado cara o sector gandeiro galego, porque a reconversión levada a cabo no sector lácteo nas últimas décadas levounos a un aumento significativo no tamaño das explotacións, o que non privou para que Galicia siga sendo a comunidade que máis leite produce en todo o Estado español”.

Miguel Viso explicou que “existen mecanismos, como o Plan galego de control do sector lácteo no ámbito da cadea alimentaria que realiza inspeccións rigorosas para garantir que os prezos acordados cubran os custos de produción”, polo que rexeitou “as insinuacións dos nacionalistas galegos sobre que existe un abuso masivo e desproporcionado por parte das grandes industrias”.

Respecto da trazabilidade e transparencia nas transaccións, o portavoz popular lembrou que “o Observatorio Lácteo de Galicia leva anos funcionando”, un organismo que nas próximas semanas reforzará a súa estrutura e mellorará o seu funcionamento co fin de garantir aínda máis transparencia e mellorar a comunicación entre todos os actores da cadea de valor.

O Grupo Popular considera “paradóxico” que o PSdeG pida un incremento do profesorado asociado a unha previsible supresión da taxa de reposición prevista nos orzamentos do Estado para 2025

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, considerou “paradóxico” que o PSdeG “pida no Parlamento de Galicia un incremento do profesorado no ensino galego asociado á previsible supresión da taxa de reposición, cando a previsión é que esta taxa se elimine nos orzamentos do Estado de 2025 e hoxe o Goberno de Pedro Sánchez pospuxo a tramitación do teito de gasto para o vindeiro ano ao non contar cos apoios necesarios para sacalo adiante no Congreso”.

“Queren vendernos fume porque os socialistas galegos non teñen propostas para Galicia, e limítanse a ser os altofaltantes do Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou Cecilia Vázquez, quen apuntou que “esta iniciativa é a mellor maneira de demostralo”.

Vázquez asegurou que “Galicia traballa con certezas, con feitos, e foi quen de anticiparse a todo isto, e hoxe temos unha das taxas de interinidade máis baixas de España no ensino logo da convocatoria de 18.500 prazas de oposición desde o ano 2009 que permitiron renovar un terzo da plantilla docente”.

Ademais, lembrou que “as clases arrincaron este curso cunha caída de 3.289 alumnos respecto ao curso pasado, pero cun aumento do profesorado ata os 31.603 docentes, a cifra máis elevada da historia de Galicia”. “Hai máis profesores que cando gobernaba o goberno bipartito, a pesar da enorme caída do alumnado, o que demostra que o cadro de persoal é suficiente para atender correctamente as necesidades de todo o alumnado”, apuntou.

O Grupo Popular salienta que Galicia é a comunidade máis inclusiva de España, co 94% dos alumnos con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia é a comunidade autónoma máis inclusiva de toda España”, xa que no ano 2023 o 94 por cento dos alumnos con necesidades educativas especiais está integrado en centros ordinarios e so o 6 por cento nos de educación especial, co apoio da rede de 4.000 profesionais de atención á diversidade.

Cecilia Vázquez explicou que a atención á diversidade “é todo ese conxunto de medidas e accións deseñadas coa finalidade de adecuar a resposta educativa ás diferentes características, potencialidades, ritmos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado”.

“A diversidade non so significa valorar as diferenzas, senón velas como unha oportunidade para aproveitar as potencialidades de cada persoa, que se sintan incluídas e conten con espazos de participación e de desenvolvemento en liberdade”, apuntou.

DEPARTAMENTOS DE ORIENTACIÓN

A portavoz popular lembrou que “desde o ano 1998 foise dotando aos centros educativos de departamentos de orientación, polo que a día de hoxe todos os integrantes da comunidade escolar teñen acceso aos recursos da orientación educativa e, polo tanto, poden realizar unha escolarización sen exclusións e en equidade”.

Así mesmo, Cecilia Vázquez manifestou que os orientadores “contan co apoio do Goberno galego a través de diversas medidas como é a formación tanto sobre orientación, para o conxunto do profesorado, como específica para os orientadores”. En concreto, dixo que a formación céntrase en ofrecer competencias que permitan aos profesionais estar capacitados nas competencias das áreas pedagóxicas e sociais para desenvolver a atención á diversidade e á inclusión do alumnado, a orientación educativa e profesional deste, e o asesoramento á comunidade educativa nos procesos de ensinanza e aprendizaxe.

Respecto da atención pediátrica en centros de saúde, salientou que “o 90 por cento dos casos son atendidos por pediatras, grandes profesionais perfectamente formados para identificar as necesidades especiais que lle poidan remitir os informes de orientación”. “Estamos de acordo na importancia de realizar diagnoses áxiles nos especialistas e, por este motivo, Galicia é un exemplo de como facer ben as cousas ao situarse como a quinta comunidade con mellores tempos de espera para conseguir consulta co especialista”, engadiu.

O Grupo Popular pide ao BNG que deixe de mentir tan descaradamente porque o Hospital Álvaro Cunqueiro é un centro público e todos os servizos sanitarios que presta son públicos”

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, pediu hoxe no Pleno ao BNG que “deixe de mentir tan descaradamente sobre un tema tan sensible e capital como é a sanidade”, porque incidiu que “o Hospital Álvaro Cunqueiro é un centro público e todos os servizos sanitarios que presta son públicos”.

Encarna Amigo lembrou que “cando o PPdeG chegou ao Goberno da Xunta considerou que a área sanitaria de Vigo non podía agardar máis para ter un hospital de primeiro nivel e executou un hospital público de vangarda e punteiro nos peores anos da crise económica”. Así, subliñou que “o propio Consello de Contas recoñece que a fórmula elixida era a única maneira viable para construír un centro hospitalario, sen comprometer a estabilidade orzamentaria da Xunta, nin a prestación de servizos esenciais”.

RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL E LUCRO CESANTE

De seguido, criticou que o BNG pida rescatar a concesión do Álvaro Cunqueiro e que a Xunta pague dunha tacada centos de millóns de euros á concesionaria en concepto de responsabilidade patrimonial e lucro cesante. “A referencia dos nacionalistas galegos é o modelo de xestión e goberno de Venezuela, pero en España vivimos nun Estado de Dereito no que os contratos públicos se compren e os asinantes deben respectar o que se recolle nos mesmos”, afirmou. Ademais, indicou que o rescate da concesión suporía “asumir a limpeza, a vixilancia, o mantemento, a xardinería, a desinfección e todos os servizos que actualmente están incluídos na concesión”.

A portavoz popular lembrou que a área sanitaria de Vigo ten un concerto singular pola existencia dun centro que colabora na prestación destes servizos, “sen custo algún para o cidadán”. Neste sentido, considerou “curioso que o BNG pida agora que a totalidade da poboación deste área sanitaria teña atención hospitalaria en centros públicos, cando foron vostedes, baixo o seu goberno bipartito na Xunta, quen lles aseguraron o negocio a POVISA por moitos anos”.

“E que fixo o goberno do PPdeG co novo concerto asinado en 2014?”, cuestionou Encarna Amigo, para responder que “estableceuse que este centro sexa de adscrición voluntaria, polo que POVISA so atende a aqueles pacientes que libremente elixan recibir a súa asistencia sanitaria neste centro”.

O Grupo Popular asegura que a nova Lei de cultura inclusiva e accesible “suporá un impulso á creación e o acceso á mesma, con independencia das súas condicións persoais, sociais ou territoriais”

A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Carmen Pomar, asegurou hoxe no Pleno que o proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que continuará a súa tramitación no Parlamento galego logo de rexeitar as emendas á totalidade de BNG e PSdeG, “suporá un impulso á creación e ao acceso á cultura de todas as galegas e galegos, con independencia das súas condicións persoais, sociais ou territoriais, especialmente aquelas con maiores dificultades de acceso e aquelas máis vulnerables”.

Carmen Pomar salientou que “é a primeira vez que unha lei regula o dereito de acceso á cultura desde unha perspectiva da inclusión e da accesibilidade, na busca de propiciar a máxima participación na vida cultural nun diagrama de dobre fluxo: desde o punto de vista do acceso e desfrute dos produtos e servizos culturais, e, o que aínda é máis importante, desde o punto de vista da produción e creación”.

PARTICIPACIÓN EFECTIVA, AFECTIVA E PRODUTIVA

Neste sentido, puxo como destinatarias deste lei “todas as persoas que configuramos a sociedade galega”, aínda que “presta especial atención a aquelas persoas cuxa situación de desvantaxe impide ou dificulta os procesos de creación cultural”. “A regulación ofrece un amplo marco a partir de que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión”, apuntou.

“O Goberno galego asume o papel de fomentar a creación cultural e de promocionar e visibilizar o talento dos creadores e creadoras que poidan resultar case invisibles á sociedade, e faino baixo a convicción de que todas as diferenzas e todas as capacidades a enriquecen”, manifestou a portavoz popular. Ademais, anotou que “as programacións culturais públicas estarán pensadas e adaptadas a todo tipo de públicos, facilitando, de ser preciso, recursos e ferramentas que permitan o pleno acceso e gozo da actividade”.

Así mesmo, nesta lei aparece contemplado o desenvolvemento de ferramentas dixitais e tecnolóxicas para garantir que os contidos culturais cheguen a todas as persoas, especialmente ás que estean en risco de exclusión social, favorecendo, ademais, a alfabetización dixital ao longo da vida.

FROITO DO DIÁLOGO

A viceportavoz popular lembrou que este proxecto lexislativo “foi concibido pola Consellería de Cultura e froito do diálogo con máis de 50 asociacións e colectivos” e destacou que a norma incorpora “mecanismos de seguimento, como é o Observatorio da Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, e compromete prazos concretos para cuestións importantes como a posta en marcha deste observatorio ou a elaboración do plan de accesibilidade e inclusión cultural”.

Para rematar, Pomar criticou que, coas súas emendas á totalidade, BNG e PSdeG “estean votando en contra de que Galicia teña unha lei que garanta o acceso universal á cultura e que garanta a oportunidade para que todos os galegos e galegas formen parte dela como suxeitos activos e creadores”. “Non cabe en ningún caso cuestionar unha lei que, sen excluír a ninguén nin a ningún ámbito cultural, ten como obxecto regular o acceso á cultura a todas as persoas, cun articulado que se redacta coas lentes dos que teñen máis problemas neste acceso”, concluíu.

O Pleno do Parlamento galego aproba a Conta Xeral da Comunidade galega do ano 2021, que recoñece que Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e débeda pública recollidos no orzamento

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente a 2021, na que se pon de manifesto que “Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e de débeda pública recollidos no orzamento”, subliñou a viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz. Ademais, a proposta do Grupo Popular, o Consello de Contas fiscalizará a todos os concellos que non renderon as súas contas no prazo que marca a lei, neste caso os de Verín, Redondela e A Rúa.

Cristina Sanz concretou que a Conta Xeral recoñece “que Galicia pechou o ano cun déficit do 0,15 por cento, a pesar da situación excepcional derivada da pandemia; que Galicia foi capaz de reducir a súa ratio débeda/PIB, sendo a terceira comunidade de réxime común con medio ratio de débeda; que Galicia acadou unha execución do seu orzamento por enriba do 95 por cento, acadando unha porcentaxe aínda maior no que se refire ao gasto corrente, que superou o 105 por cento; que Galicia acadou un aforro bruto de 864 millóns de euros, o que permitiu incrementar o volume de investimento sen recorrer ao endebedamento; e que Galicia foi unha das comunidades que liderou o tempo de pago a provedores: 15 días, fronte aos 25 días de media nacional”.

Respecto das propostas de resolución, a viceportavoz popular lamentou que “non puidemos aceptar a gran maioría das feitas pola oposición porque o 90 por cento eran corta e pega das rexistradas en anos anteriores ou demandaban cuestións imposibles de realizar”.

Porén, Cristina Sanz indicou que se aprobaron propostas relativas ao control das fundacións de investigacións sanitarias e á delimitación de competencias municipais, “ademais da solicitude para que o Consello de Contas fiscalice a todos os concellos que non renderon as súas contas no prazo que marca a lei, neste caso os de Verín, Redondela e A Rúa”.