O Grupo Popular pide ao Goberno central que mova ficha e aprobe a declaración de zona catastrófica para as rías galegas

A deputada do Grupo Popular Paula Mouzo esixiu hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno central “mova ficha e aprobe a declaración de zona catastrófica par as rías galegas, tal e como xa llo solicitou o Senado por maioría”.

No debate dunha proposición non de lei sobre a perda de produción marisqueira na ría de Arousa, Paula Mouzo explicou que a Xunta xa ten en marcha un estudo sobre as causas desta situación, cun seguimento continuo das zonas de marisqueo a través dos técnicos da Consellería do Mar e das asistencias técnicos das propias confrarías.

En concreto, indicou que a Xunta, a través do Centro de Investigacións Mariñas, “está realizando o seguimento e monitorización dos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa, propoñendo actuacións para a súa recuperación ademais de diversas accións de investigación relacionadas co marisqueo e a súa problemática”.

RECUPERACIÓN DA PRODUCIÓN

Respecto das medidas impulsadas para a recuperación da produción marisqueira, a deputada popular subliñou que a Xunta xa ten en execución varias iniciativas neste eido apoiadas con axudas, como os 1,7 millóns de euros para proxectos colectivos de conservación e restauración da biodiversidade e dos sistemas ecomariños; os 4,5 millóns en apoio ás confrarías para a vixilancia dos bancos marisqueiros e a contratación de biólogos; ou os 300.000 euros para proxectos de mellora da produtividade dos bancos marisqueiros afectados por perdas de produción.

Por último, Paula Mouzo incidiu que “a Xunta carece de competencias para dragar a ría de Arousa, unha actuación que corresponde en exclusiva á Administración Xeral do Estado”, e puxo como exemplo a actuación que a Dirección Xeral de Costas está a realizar na ría do Burgo en A Coruña.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea unha normativa de protección dos cetáceos compatible coa práctica pesqueira

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea a posta en marcha dunha normativa de protección dos cetáceos que sexa compatible coa práctica pesqueira, equilibrando riscos e afectacións, e integrando aquelas medidas de disuasión de interacción que eviten a paralización da frota pesqueira.

O portavoz de Pesca do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, lembrou que o Goberno de España publicou unha orde en 2020 na que se establecían unha serie de mecanismos para facer máis sinxelo o control das capturas, normativa que a solicitude da Comisión Europea tivo que modificar para reducir as capturas accidentais de cetáceos. Segundo esta nova orde, os buques pesqueiros cunha eslora total superior a 8 metros, que utilicen artes de arrastre de fondo á parella, cerco, artes menores de enmalle ou enredo, volanta e rasco non poderán faenar entre o 22 de xaneiro e o 20 de febreiro de 2024.

41 BARCOS ESPAÑOIS AFECTADOS

“Son 41 barcos españois, dos que 18 son galegos, os directamente afectados por esta normativa, que tiveron que cambiar de caladoiro ou amarrar pola veda para protexer aos golfiños”, sinalou o portavoz popular.

Neste sentido, lembrou que o ministro de Pesca “anunciou compensacións adecuadas e xustas a quen se vira prexudicado, ben con axudas a cargo do Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura ou ben con outro tipo de mecanismos”. “Lamentablemente, de momento deste diñeiro non se sabe nada, pero o que é verdade é que os armadores están sen actividade e os tripulantes, no paro”, dixo.

O Grupo Popular pedirá no Pleno un compromiso real e efectivo do Goberno central para a realización de infraestruturas viarias vitais para Galicia

O Grupo Popular solicitará no Pleno da vindeira semana un compromiso real e efectivo do Goberno central para a realización de infraestruturas vitais para Galicia, ante a falta de avances en actuacións comprometidas e o agravio comparativo respecto a outras comunidades. Así mesmo, solicitará que o Goberno do Estado complete a dotación de 15 millóns de euros solicitada por Galicia, no marco do PERTE Nova Economía da Lingua, para a execución do Proxecto Nós de impulso do galego nos ámbitos tecnolóxicos.

Ao remate da Xunta de Portavoces, a viceportavoz Paula Prado informou que a Mesa do Parlamento aceptou a solicitude do Grupo Popular para a creación dunha Comisión de Estudo para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento autonómico, co obxectivo de elaborar o seu ditame logo das comparecencias de expertos que tiveron lugar na pasada lexislatura e a extensa documentación que se solicitou e que agora servirá de base para a elaboración das conclusións.

BNG PARAGÓXICO

Neste sentido, Paula Prado considerou “paragóxico que desde o BNG se nos pida ambición nesta Comisión de estudo e ao mesmo tempo insistan nas súas teimas defendendo un cupo para Galicia e unha negociación bilateral co Goberno central”. “Non hai máis cego que o que non quere ver, porque só hai que lembrar que a práctica totalidade dos expertos que compareceron na pasada lexislatura nesta Comisión, coa única excepción da persoa que propuxeron os nacionalistas galegos, incidiron no prexudicial que sería para Galicia a extensión do cupo foral ou a cesión de máis porcentaxe de imposto sobre a renda a todas as comunidades autónomas”, lembrou.

“Pero é que tamén nos insisten na solicitude dunha negociación bilateral para o financiamento autonómico de Galicia, co único obxectivo de seguir os pasos que lle marcan os seus aliados independentistas cataláns, máis preocupados de espremer a Pedro Sánchez no seu beneficio propio, sen preocuparse en absoluto de tratar en igualdade de condicións ás demais comunidades autónomas”, apuntou Paula Prado. Así, insistiu que “imos seguir defendendo unha negociación multilateral xusta e equitativa do financiamento autonómico, de xeito que se atendan as necesidades específicas de cada comunidade autónoma para que poidan atender a prestación dos servizos públicos en igualdade de condicións para todos os españois”.

Respecto da orde do día da sesión plenaria, a viceportavoz popular informou que está prevista a comparecencia dos conselleiros de Sanidade e de Facenda e Administración Pública.

INFRAESTRUTURAS E PROXECTO NÓS

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará, en primeiro lugar, que o Goberno central complete a dotación de 15 millóns de euros que se lle solicitaron por Galicia, no marco do PERTE Nova Economía da Lingua, para o desenvolvemento do Proxecto Nós. Esta iniciativa, que prevé unha mobilización de máis de  45 millóns de euros e a creación de 450 empregos, ten por obxectivo favorecer a creación de ferramentas que permitan que o galego estea presente en todos os ámbitos, especialmente no tecnolóxico con sintetizadores de voz, recoñecedores de fala ou xeradores de lingua natural.

Para levar adiante esta iniciativa, a Xunta solicitou ao Goberno central, con cargo ao PERTE Nova Economía da Lingua, que está dotado cun orzamento global de 1.100 millóns de euros, unha partida de 15 millóns de euros, pero a día de hoxe o Goberno de Pedro Sánchez so achegou 2 millóns de euros, unha cantidade absolutamente insuficiente para un proxecto que aspira a situar o galego na sociedade e na economía dixital.

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular incide nunha das demandas máis insistentes desde Galicia e menos atendidas por parte do Goberno central: a realización e mellora de infraestruturas viarias vitais na Comunidade galega, ante a falta de avances na planificación de traballos. “O Goberno central leva anos acumulando incumprimentos en relación á execución das novas infraestruturas viarias comprometidas en Galicia, especialmente aquelas que resultan vitais para a comunicación coa meseta e para a vertebración interna do territorio, como son as autovías de competencia estatal A-56, A-52 no acceso a Vigo, A-74 ou a A-76, por poñer algún exemplos”, concretou a viceportavoz popular.

“Galicia non pode permitir o agravio comparativo que está a sufrir respecto das atencións que presta o Goberno central a outras comunidades autónomas, polo que consideramos necesario que o Parlamento galego se pronuncie nesta cuestión unha vez máis e insista na demanda dun compromiso real e efectivo do Goberno de Pedro Sánchez para a realización de infraestruturas vitais para a Comunidade galega”, dixo.

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular solicitará unha valoración da xuntanza celebrada a semana pasada co secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible e co comisionado do Goberno central para o Corredor Atlántico, “unha reunión sobre a que non entendemos o ocultismo a que a quixo someter o Goberno central, negando información algunha sobre os asuntos e o contido da mesma”.

A segunda pregunta do Grupo Popular ao Goberno galego ten que ver coa repercusión na cidadanía galega que está a ter o programa EBICI, que a Xunta puxo en marcha para favorecer modos de transporte máis sustentables e saudables, a través de vehículos non motorizados e diminuíndo o uso do vehículo particular, coa conseguinte redución de emisións e de contaminación acústica.

NOVA ABAU

E, en terceiro lugar, desde o Grupo Popular cuestionará sobre a situación das negociacións sobre os exames de avaliación para acceder á universidade. Neste sentido, Paula Prado asegurou “non entender como desde o Goberno central se deixa liberdade a cada comunidade para elaborar os seus exames de ABAU, con estándares metodolóxicos, de esixencia e de avaliación diferentes en cada autonomía, que deriva en 17 portas de acceso diferentes á universidade para unha mesma praza”.

Deste xeito, reiterou que “avogamos por desenvolver un modelo de avaliación homologable a todas as comunidades autónomas para acceder á universidade, como quedou de manifesto no día de onte no acordo asinado en Salamanca por responsables de todas as comunidades autónomas gobernadas polo PP, un acordo axustado á lei e que, ao mesmo tempo, blinda as singularidades de Galicia, especialmente en todo o que respecta á nosa lingua propia”.

O Grupo Popular rexistra a solicitude para a creación dunha Comisión de Estudo sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico

O Grupo Popular rexistrou esta mañá a solicitude para a creación dunha Comisión de Estudo para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento autonómico, co obxectivo de rematar o traballo iniciado durante a pasada lexislatura, elaborando un ditame que recolla unha visión de conxunto das necesidades específicas de Galicia de cara á futura negociación do novo sistema de financiamento autonómico.

O portavoz popular, Alberto Pazos, informou da designación dos distintos portavoces por Comisións e áreas políticas do grupo parlamentario, unha vez quedou constituído definitivamente logo de que varios conselleiros deixaran a súa acta de deputado. En concreto, dixo que Paula Prado ocuparase da portavocía de Institucional, Administración Xeral, Xustiza e Interior; María Deza encargarase de vivenda; Gonzalo Trenor, de medio ambiente; Roberto Rodríguez, de infraestruturas; Cristina Sanz, de economía, facenda e orzamentos, Cecilia Vázquez, de educación; Carmen Pomar, de cultura e de asuntos relacionados coa CRTVG; Encarna Amigo, de sanidade; Raquel Arias, de política social; Noelia Pérez, de emprego; Rubén Lorenzo, de industria; Miguel Viso, de Medio Rural; e Miguel Fidalgo, de pesca.

“A asunción destas portavocías non supón que calquera deputado poida intervir en calquera asunto que considere do seu interese ou afecte directamente á súa área xeográfica de referencia, xa que son os representantes dos seus veciños neste Parlamento galego e os que mellor coñecen as súas necesidades e problemas”, apuntou Pazos.

Respecto da solicitude de creación da Comisión de Estudo sobre o modelo de financiamento autonómico, o portavoz popular explicou que a previsión é que esta demanda sexa aprobada pola Mesa do Parlamento galego e que a Xunta de Portavoces do vindeiro martes a tome en consideración, de xeito que esta Comisión de Estudo poida constituírse no prazo de tempo máis breve posible.

Así mesmo, Alberto Pazos lembrou que nas sesións desta Comisión de Estudo celebradas a pasada lexislatura xa compareceron expertos en materia de financiamento como Santiago Lago, María Cadaval, Xosé Díaz, Xoaquín Fernández Leiceaga, Bernardo Valdés, Juan Alberto Turnes ou Alberto Vaquero, ademais do propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; ao tempo que se incorporou unha inxente documentación, que será analizada e estudada para a elaboración do correspondente ditame.

SORPRENDE E PREOCUPA QUE O BNG SIGA PEDINDO O CUPO

O portavoz popular considerou “sorprendente, e ao mesmo tempo preocupante, que o BNG siga a insistir na súa solicitude dun cupo para Galicia, semellante ao do País Vasco ou Navarra, e unha facenda propia, cando a práctica totalidade dos expertos que compareceron na Comisión, a excepción do que propuxeron eles mesmos, se posicionaron en contra do cupo foral e da cesión significativa de máis porcentaxe do imposto sobre a renda”.

“Segundo puxeron de manifesto, estas medidas porían en risco a capacidade de redistribución do Estado de Benestar en España e serían especialmente prexudiciais para Galicia por ter unha renda inferior á media e, por tanto, taxas fiscais máis reducidas, ao tempo que maiores necesidades de gasto dada a dispersión e o maior envellecemento da súa poboación”, lembrou.

Alberto Pazos referiuse a informes elaborados por diversas entidades económicas (como, por exemplo FEDEA ou o propio Ministerio de Facenda) nos que se pon de manifesto que “Galicia é das comunidades autónomas que máis recibe da caixa común do Estado, cun saldo favorable próximo aos 2.500 millóns de euros anuais respecto do que os galegos aportamos á Facenda estatal”.

“Que as contas da leiteira dos nacionalistas galegos non nos leven a engano, porque unha cousa é as necesidades de mellora do financiamento de Galicia para a prestación dos servizos básicos, que o Consello de Contas cifra en máis de mil millóns de euros anuais; e outra, ben diferente, é que o Estado faga caixa con Galicia, como din desde o BNG, xa que é patente que recibimos moito máis do que aportamos á caixa común de todos os españois”, manifestou.

Deste xeito, insistiu que “desde o Grupo Popular imos seguir reclamando unha reforma do sistema de financiamento autonómico, pero non unha reforma bilateral, senón un novo sistema que saia dunha negociación multilateral acordado entre todas as comunidades autónomas, para que sexa xusto e equitativo”. “Unha reforma que non sexa a escusa para ceder á chantaxe e que os socialistas presidan a Generalitat de Cataluña ou que Pedro Sánchez se asegure os votos do independentismo catalán para seguir na Moncloa”, engadiu.

En definitiva, Pazos demandou “unha reforma que saia dun acordo no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, e que teña moi presente o sobrecusto que supón para Galicia a prestación dos servizos básicos dado o envellecemento e a dispersión da súa poboación”.

CONSTITUCIÓN DA COMISIÓN PARA A REFORMA DO HIMNO

Por último, o portavoz popular avanzou que o vindeiro mércores, 3 de xullo, está prevista a constitución da Comisión de estudo sobre a posible modificación do himno. “A partir desa data, quedará pendente a aprobación das normas de funcionamento e do plan de traballo desta comisión, de xeito que, á volta do verán, podamos comezar a traballar e recibir información e aos comparecentes que se consideren oportuno que nos permitan elaborar un ditame sobre o posible cambio da letra dun dos símbolos esenciais de Galicia, como é o noso himno”, apuntou.

Portavocías do Grupo Popular no Parlamento de Galicia

Estes son o deputados e deputadas que ocuparán as nosas portavocías na XII Lexislatura no Parlamento de Galicia:

  • Alberto Pazos Couñago, portavoz do Grupo Popular
  • Paula Prado del Rio, viceportavoz 1ª do Grupo Popular
  • Julio García Comesaña, viceportavoz 2ª do Grupo Popular
  • Cristina Sanz Arias, viceportavoz 3ª do Grupo Popular

1.- Portavocía Comisión 1ª: Paula Prado del Río

  • Área de Administración Local: Argimiro Marnotes
  • Área de Exteriores e Coop: Katy Varela
  • Área de Emigración: Victor Baladrón
  • Área de Deportes: Pablo Prieto

 

2.- Portavocía Comisión 2ª:  María Deza

  • Área de Vivenda e Urbanismo: María Deza
  • Área de Medio Ambiente e Mob. Sostible: Gonzalo Trenor
  • Área de Infraestruturas: Roberto Rodríguez

 

3.- Portavocía Comisión 3ª: Cristina Sanz

  • Área de Facenda: Cristina Sanz
  • Área de AMTEGA: Julio García Comesaña
  • Área de Función Pública: Juan Casares

 

4.- Portavocía Comisión 4ª: Carmen Pomar

  • Área de Educación: Cecilia Vázquez
  • Área de Formación Profesional: Patricia García
  • Área de Cultura: Carmen Pomar
  • Área de Patrimonio e Lingua: José Luis Ferro
  • Área de Ciencia e Innovación: Julio García Comesaña

 

5.- Portavocía Comisión 5ª: Encarna Amigo

  • Área de Sanidade: Encarna Amigo
  • Área de Emprego: Noelia Pérez López
  • Área de Política Social e Igualdade: Raquel Arias
  • Área de Saúde Pública: Dolores Hermelo
  • Área de Xuventude: Nicole Grueira

 

6.- Portavocía Comisión 6ª: Rubén Lorenzo

  • Área de Industria: Rubén Lorenzo
  • Área de Fondos Europeos e Igape: Cristina Sanz
  • Área de Comercio: Felisa Carrera
  • Área de Turismo: Borja Verea

 

7.- Portavocía Comisión 7ª: Miguel Viso

  • Área de Gandería: Enrique Barreiro
  • Área de Incendios: Ángel Conde
  • Área de Forestal: Cristina Campero
  • Área de Viticultura: Juan Casares

 

8.- Portavocía Comisión 8: Miguel Fidalgo

  • Área de Marisqueo: Paula Mouzo
  • Área de Portos: Manuel Santos

 

9.- Portavocía CRTVG: Carmen Pomar Tojo

 

 

10.- Portavocía Consello de Contas: Cristina Sanz

 

O Parlamento de Galicia solicita que Xunta, deputacións e concellos colaboren na posta en marcha do Plan de pistas abertas

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que, en colaboración con concellos e deputacións, desenvolva o Plan de Pistas Abertas a fin de poñer a disposición de clubs e familias as instalacións deportivas escolares e así contribuír a fomentar a práctica de exercicio físico, así como a un aproveitamento máis eficiente dos recursos e instalacións das administracións públicas.

O portavoz de Deportes do Grupo Popular, Pablo Prieto, sinalou que “o Partido Popular sempre tivo claro os beneficios que o deporte ten na sociedade e por iso sempre apostou desde a Xunta por favorecer a práctica deportiva desde as idades máis temperás ata as máis avanzadas”.

UN PASO MÁIS

En concreto, citou iniciativas postas en marcha pola Xunta, como o Bono Deporte, o Bono Actívate ou o Plan Xogade, ao tempo que se mantén a mellora das dotacións de equipamentos e a creación e mellora de infraestruturas deportivas. “Ademais, un ano máis, se publicarán as subvencións, por un importe de case 6 millóns de euros, para crear e mellorar infraestruturas deportivas de titularidade municipal e dotalas de equipamento”, engadiu Pablo Prieto.

“Agora queremos dar un paso máis creando as condicións para que a poboación galega goce dunha vida máis activa desde a infancia ata a vellez, ao tempo que se fai un aproveitamento efectivo de todo ese gran potencial que representan as infraestruturas e instalacións deportivas dos nosos centros educativos”, sinalou.

Deste xeito, subliñou que “un dos compromisos do PPdeG asumidos nas pasadas eleccións autonómicas foi o Plan de Pistas Abertas, co que se pretende poñer a disposición de clubs e familias as instalacións deportivas escolares”.

“Para iso, pedimos á Xunta que lidere este programa para o que é imprescindible a colaboración doutras administracións, nomeadamente os concellos”, dixo o portavoz popular. Así, explicou que a disposición da Xunta debe ser ceder o uso das instalacións deportivas dos centros educativos da súa competencia e encargarse da súa conservación e mantemento ante o incremento de uso das instalacións que este plan implica, polo que pediu “un esforzo para negociar coa Fegamp un convenio marco no que se establezan as condicións a cumprir polas partes e para que desde a propia federación de municipios se inste aos concellos a sumarse a este acordo que redundará en beneficio de toda a cidadanía”.

PROMOCIÓN DO DEPORTE FEMININO

Por outra banda, o Pleno do Parlamento galego tamén aprobou por unanimidade unha proposición non de lei relacionada coa promoción do deporte feminino logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista. En concreto, pídese que a Xunta dea cumprimento aos artigos 71 e 72 da Lei 7/2023, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, ao tempo que atribúa regulamentariamente ao Observatorio da Imaxe da Muller a obriga de potenciar a imaxe da muller e o deporte e a participación das mulleres en actividades físico deportivas.

Ademais, pídese que o ente público de Corporación Radio e Televisión de Galicia, dentro da Comisión de Igualdade, impulse unha maior visibilidade das competicións e o deporte feminino na programación e nos informativos; reforce a formación de todos os profesionais da corporación en materia de igualdade co obxecto de incluír unha perspectiva de xénero nas informacións; e promova a adscrición interna do persoal con formación ou experiencia acreditada no campo do deporte feminino aos servizos de deportes, respectando a selección normativa laboral vixente.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que a Xunta participe nos órganos de goberno da AESIA de A Coruña

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España, unha vez constituída a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) na súa sede de A Coruña, que conte coa participación de Galicia e do resto de comunidades autónomas nos seus órganos de goberno. Así mesmo, pídese á Xunta que proceda a reformular a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, previsto para o ano 2025, e os programas sectoriais e proxectos de IA en Galicia, de forma que nos permita aproveitar a oportunidade da localización da AESIA en A Coruña para consolidar un ecosistema que facilite a implantación de empresas tecnolóxicas e retención e atracción de talento na Comunidade galega.

O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, lamentou o atraso co que o Goberno de Pedro Sánchez está a proceder para a implantación da AESIA en A Coruña, xa que o decreto que aprobaba o estatuto desta axencia publicado o pasado mes de setembro se establecía que a constitución do seu Consello Reitor tería lugar no prazo de tres meses. “Curiosamente, a semana pasada, coincidindo co anuncio de debate desta proposición non de lei, o ministro para a Transformación Dixital visitou A Coruña para anunciar as funcións, o logo e o inicio da confección da plantilla de persoal da AESIA, un anuncio realizado sen ningún tipo de representación da Xunta, a pesar de que leva meses reiterando o seu ofrecemento de colaboración e amosando a súa posición a favor de que as diferentes comunidades participen de forma activa ou directa na xestión da axencia”, sinalou.

García Comesaña lembrou que a Xunta, a través da Amtega, xa expresara no mes de marzo de 2023 a súa firme convicción de que as comunidades autónomas formaran parte dos órganos de goberno da futura AESIA. “Consideraba, e segue a considerar, que a participación das comunidades autónomas é crucial, dadas as súas competencias en áreas fundamentais como a saúde, educación, emprego ou política social, entre outras”, dixo.

A maiores, o conselleiro de Facenda do Goberno galego tamén defendeu o pasado 14 de xuño na Conferencia Sectorial sobre transformación dixital que as comunidades autónomas teñan unha participación directa e activa na cogobernanza da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial de A Coruña, do mesmo xeito que acontece na Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Axencia Española do Medicamento, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición ou na Axencia Española de Protección de Datos, entre outras. Nesta mesma reunión, a maior parte dos representantes autonómicos trasladaron ao ministro o seu malestar polo feito de que as comunidades autónomas non foran consultadas para a elaboración da nova Estratexia de Intelixencia Artificial do Estado.

O viceportavoz popular salientou o compromiso da Xunta coa regulación responsable da intelixencia artificial e mostra disto é a elaboración dunha lexislación propia sobre o uso da intelixencia artificial no sector público autonómico, co obxectivo de garantir un uso ético e seguro da IA en todas as esferas da administración autonómica.

O Grupo Popular avoga no Pleno por finalizar os traballos da comisión parlamentaria de estudo sobre a reforma do financiamento das CCAA

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “compartimos co BNG a necesidade de finalizar os traballos da comisión parlamentaria de estudo para abordar a proposta de Galicia ante a reforma do sistema de financiamento das comunidades autónomas, co fin de alcanzar un posicionamento coherente coas achegas realizadas polos expertos que alí compareceron”.

“Para traballar nun ditame que responda ás necesidades reais de Galicia e coherente cos traballos técnicos realizados polos expertos designados polas comunidades autónomas, conten do Partido Popular de Galicia; pero para iniciar unha sucesión de reunións bilaterais que so retrasarían alcanzar o consenso que estamos reivindicando, non conten con nós”, indicou Pazos.

NIN CONCERTO PARA GALICIA, NIN TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

Neste sentido, lembrou que “ninguén dos que participaron nesta Comisión de Estudo respaldou a reivindicación nacionalista dun concerto económico galego, que sería ruinoso para Galicia, ao igual que ninguén apoia a súa fantasmagórica tarifa eléctrica galega”.

Alberto Pazos sinalou que “Galicia precisa dun novo modelo de financiamento que atenda de forma axeitada as peculiaridades na Comunidade galega e o sobrecusto que supoñen envellecemento e dispersión á hora de prestar servizos básicos”. Así, lembrou que “este infrafinanciamento de Galicia vén causado por un sistema inxusto e ineficiente, que ten a súa orixe nunha negociación bilateral entre o Goberno de Zapatero e o seu socio de goberno en Cataluña: ERC”.

“Aquel acordo non contou co apoio do PP nin coa aquiescencia da Xunta, ata o punto que fomos ameazados, xunto con outras comunidades autónomas rebeldes, con seguir recibindo o previsto no anterior sistema, comparativamente, aínda máis lesivo”, recordou.

O portavoz popular criticou que, “15 anos despois, os mesmos actores tentan convencernos das bondades dunha negociación bilateral con Cataluña cos mesmos argumentos maniqueos que nos condenaron á inxusta situación actual”. Pero, subliñou que “hoxe en España non se está a negociar un novo modelo de financiamento, senón un pacto de investidura que leve ao señor Illa á Presidencia da Generalitat, aínda que sexa a costa dos demais territorios do Estado”.

O Grupo Popular cualifica de “chapuza” a proposición de lei do BNG de crear unha empresa pública de enerxía renovable en Galicia

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposición de Lei do BNG para a creación dunha empresa pública de enerxía renovable en Galicia “é unha chapuza porque na súa maior parte é unha norma en branco, baleira de contido e con simples remisións á normativa de aplicación”.

“No BNG son especialistas en discursos simplistas, facendo ver á cidadanía que todo se arranxa co soberanismo independentista e o autogoberno, indo a contracorrente nun mundo que cada vez máis debe ser pensado dun xeito global”, sinalou Rubén Lorenzo.

En concreto, cuestionou aos nacionalistas “como pretenden poder optar a participar ou desenvolver proxectos enerxéticos propoñendo que o capital social da empresa pública sexa de 50.000 euros”. Neste sentido, lembrou que a participación da Xunta na sociedade mercantil Recursos de Galicia, que ten 15 millóns de euros de capital social, é do 30 por cento actualmente, e ten unha capacidade de financiar proxectos mediante pancas financeiras cun importante investimento.

APROVEITAMENTO DOS RECURSOS NATURAIS

En canto ao obxecto e finalidade da suposta empresa pública de enerxía, Rubén Lorenzo indicou que “son obxectivos aliñados co que promove a futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia”, polo que considerou “contraditorio criticar este proxecto de lei e inmediatamente despois defender unha empresa que persegue o mesmo fin”.

“Non imos pechar a porta da participación nos proxectos de aproveitamento dos recursos naturais aos grandes empresarios de Galicia, nin ás pemes, nin aos pequenos investidores, nin aos mariñeiros, nin ás comunidades de montes, nin ás agrupacións veciñais, entre outros moitos “, sinalou.

O Grupo Popular salienta que a nova lei de promoción dos beneficios sociais polo uso dos recursos naturais impulsa o aproveitamento sostible, racional e ordenado dos mesmos

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o proxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que continuará a súa tramitación parlamentaria logo de superar as emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG, “plantexa un novo e mellor modelo de participación social nos beneficios que pode xerar un aproveitamento sostible, racional e ordenado dos recursos naturais do país”.

Alberto Pazos apuntou que este novo texto lexislativo “contempla beneficios relacionados coa cohesión social e territorial, coa mellora da calidade de vida da poboación, coa neutralidade climática, co mantemento e a creación de emprego, co desenvolvemento da economía local, coa redución do prezo da enerxía para consumidores e industrias locais, ou coa recuperación de zonas afectadas por incendios forestais, entre outros”.

“O texto senta as bases dun novo mercado voluntario de créditos de carbono, pioneiro en España, que permite a monetización das boas prácticas medioambientais e que democratiza estes beneficios para que alcancen a comunidades de montes ou aos nosos agricultores e gandeiros”, sinalou.

Na súa intervención, Pazos agradeceu “o traballo e a xenerosidade das máis de 70 organizacións de todo tipo que participaron, dunha ou doutra maneira, na elaboración desta normativa, que a enriqueceron coa incorporación de 67 alegacións ou permitindo a clarificación de conceptos ou interpretacións”. Entre as entidades que participaron na elaboración deste proxecto lexislativo, citou as tres universidades galegas, a Fegamp, os sindicatos, distintas asociacións de ámbito forestal ou os seis colexios galegos de enxeñeiros.

Respecto do Consello Económico e Social, o portavoz popular subliñou que “emitiu un informe positivo aprobado por 30 votos a favor e 5 abstencións, un documento que superou o prazo previsto para a súa emisión pero que a Xunta esperou na súa vontade de transparencia na tramitación deste proxecto lexislativo”.

ENFOQUE ERRADO

Sobre as emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG, Alberto Pazos manifestou que parten dun “enfoque errado, no que o partidismo prima sobre o interese do país e o curtoplacismo prevalece sobre a visión de futuro que debería guiar calquera actividade lexislativa”. “Estas emendas son unha mixtura de arcaicos tópicos e de burdas manipulacións, e nalgún caso dun preocupante descoñecemento da lexislación vixente e, incluso, dos principios básicos de calquera democracia”, apuntou.

O portavoz popular afirmou que “xa perdemos a conta dos proxectos lexislativos que mereceron os calificativos de espoliador e depredador” por parte do BNG, “pero o problema da súa crítica permanente é que ninguén sabe cal é esa suposta alternativa que levan pregoando décadas”. “Están en contra da enerxía nuclear, das centrais hidroeléctricas, das térmicas, das de ciclo combinado, das instalacións fotovoltaicas, da eólica mariña e, por suposto, de todas e cada unha das estruturas eólicas do noso pais, agás das que se instalaron durante o seu goberno; e tamén están pola eliminación dos combustible fósiles, pero o certo é que traballan para eliminar calquera alternativa que lles poida facer competencia”, explicou.

Para rematar, Alberto Pazos asegurou que esta nova lei “non reduce nin unha soa esixencia para a instalación de calquera industria en Galicia” e engadiu que “ningún proxecto se instalará en Galicia se non cumpre as condicións medioambientais, e ningún proxecto será aprobado sen un informe socioeconómico favorable”. “Ningún deses informes prevalece sobre o outro e, polo tanto, establécese unha dobre esixencia e, consecuentemente, unha dobre garantía”, concretou.