O Grupo Popular asegura que calquera persoa ten dereito a escoller ante os órganos xudiciais a lingua na que se realizar os procedementos e intervencións

O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez asegurou hoxe no Parlamento galego que “calquera persoa ten dereito a escoller ante os órganos xudiciais de calquera xurisdición a lingua na que se desenvolverá o procedemento e a lingua na que fará as súas intervencións orais ou escritas, de xeito que a elección dunha ou outra lingua non conleva prexuízo de ningún tipo para el administrado”.

Roberto Rodríguez explicou que a Xunta “está a impulsar o emprego do galego na Xustiza mediante distintas iniciativas, mais non pode impoñer o uso do galego nin promover iniciativas para eliminar o uso do castelán”. En concreto, puxo de manifesto a existencia de equipos lingüísticos, aplicacións de tradución automática e cursos de capacitación lingüística para todo o persoal da Administración de Xustiza.

IMPULSO DO GALEGO

Así mesmo, apuntou que estanse a desenvolver outras medidas, como a creación de Lex.gal, o maior portal de lexislación e xurisprudencia en galego; os cursos de linguaxe xurídica exclusivos para fiscais; a colaboración coa Irmandade Xurídica Galega; ou a utilización de documentos en galego dentro do entorno Omnibus.

“Na actualidade, hai órganos xudiciais e letrados da Administración de Xustiza que ditan as súas resolucións en galego; fiscais que redactan as súas resolucións, ditames e escritos en galego; e profesionais da avogacía e da procuradoría, forenses e equipos psicosociais que empregan o galego no día a día”, destacou o deputado popular, quen engadiu que “os órganos xudiciais, en calquera xurisdición, teñen as ferramentas precisas para o desenvolvemento do procedemento xudicial na lingua escollida polas partes”.

O Grupo Popular salienta a profesionalidade e compromiso co cumprimento da lei da Fiscalía de Galicia fronte ao desprestixio que vive a Fiscalía Xeral do Estado pola súa situación xudicial

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Parlamento de Galicia “a profesionalidade e o compromiso co cumprimento da lei de todos os compoñen o sistema xudicial na Comunidade galega, nuns momentos nos que a Fiscalía está desprestixiada pola situación xudicial do fiscal xeral do Estado”. “Esta situación abochorna á carreira fiscal, aos xuristas e a todos os demócratas, porque nin as institucións do Estado nin os fiscais profesionais e honrados merecen que se dane así á Fiscalía Xeral”, indicou.

Na comparecencia do fiscal superior de Galicia para presentar a Memoria desta institución correspondente a 2024, Paula Prado criticou a “indisimulada dependencia funcional e ideolóxica do fiscal xeral do Estado respecto do Goberno de Pedro Sánchez, situación que está a xerar un inmerecido desprestixio da carreira fiscal que ningún Estado democrático pode permitir”.

COLONIZACIÓN DE INSTITUCIÓNS

“Lamento ter que dicir isto, do que o fiscal superior de Galicia non é responsable, pero a situación de colonización das institucións do Goberno de Pedro Sánchez está afectando tamén á Fiscalía”, apuntou.

Respecto da memoria da Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia, Paula Prado salientou a “colaboración total” existente entre esta entidade e a Xunta, todo ilo acordado a través da Comisión Mixta entre Xunta e Fiscalía.

A viceportavoz popular centrouse nos casos de violencia de xénero recollidos na memoria da Fiscalía e lembrou que o número total de mulleres vítimas ao longo de 2023 foi de 7.438, o que representa o 3,79 por cento do total de vítimas rexistradas en España. Así mesmo, lamentou as tres mulleres asesinadas por violencia de xénero nese ano e aproveitou a intervención para condenar o último caso de violencia de xénero vivido en Galicia, concretamente en Baiona.

Respecto aos procedementos incoados, Prado explicou que pasaron de 7.631 en 2022 a 8.643 en 2023, o que representa un incremento do 13,2 por cento. “Iso quere dicir que as vítimas denuncian cada vez máis, pero estes datos demostran que aínda queda moito por facer para erradicar por completo a violencia de xénero da nosa sociedade”, dixo.

Neste sentido, destacou a aprobación pola Xunta o pasado ano do protocolo autonómico de actuación na asistencia integral ás vítimas de delitos, con especial consideración ás vítimas de violencia de xénero e outras vítimas especialmente vulnerables. Este protocolo outorga un maior recoñecemento ás oficinas de atención ás vítimas, que agora prestarán unha protección integral, coordinada e especializada ás vítimas dunha maneira máis adecuada, gracias á harmonización e unificación das funcións do persoal adscrito a estes servizos e ao reforzo da coordinación entre os diferentes organismos públicos implicados.

DELITOS NA CONTORNA DIXITAL

Paula Prado criticou que o Goberno central “segue sen dar cumprimento ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, pero ten no seu haber unha lei con consecuencias absolutamente monstruosas como a do ‘só si é si’”. “Unha lei, aprobada co apoio e a complicidade do BNG, coa que prometían protexer ás vítimas pero unicamente acabaron beneficiando a máis de 1.400 agresores sexuais, violadores e pederastas”, apuntou.

Para rematar, a viceportavoz popular sinalou que “compartimos coa Fiscalía a súa preocupación polo aumento dos delitos na contorna dixital, especialmente daqueles nos que se ven envoltos menores debido a un mal uso das redes sociais”. Así, destacou que Galicia foi pioneira ao restrinxir hai dez meses o uso dos teléfonos móbiles durante a xornada escolar, “unha medida ambiciosa e arriscada cuxos resultados xa son apreciables cun descenso da conflitividade, a erradicación de situacións de ciberacoso e o aumento da interacción entre os alumnos”.

O Grupo Popular pedirá no Pleno a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que se revise os defectos detectados no sistema VIOGEN e se promulgue unha lei contra a trata de persoas

A celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller marcará a orde do día do Pleno ordinario da vindeira semana, coa comparecencia da conselleira de Política Social e Igualdade, e o debate dunha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a revisión dos defectos que se están a detectar no sistema VIOGEN e a promulgación dunha lei estatal contra a trata de persoas. Así mesmo, o Grupo Popular insistirá na necesidade de que o Goberno central traspase a Galicia os medios materiais e persoais necesarios para que a Xunta poida xestionar o litoral galego, cando xa pasaron sete meses desde a sentenza do Tribunal Constitucional que daba a razón a Galicia na defensa do seu autogoberno.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou da celebración do vindeiro luns, 18 de novembro, do pleno específico para o debate de totalidade dos orzamentos da Xunta para 2025, “as contas máis altas da historia de Galicia, ao acadar os 13.954 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,6 por cento respecto ao 2024”.

“Falamos duns orzamentos que, como obxectivos principais, buscan crear máis benestar, prosperidade e futuro para todos os galegos, con medidas específicas para impulsar a oferta de vivenda; sentar as bases da Galicia futura, con máis innovación; reforzar os servizos públicos; e apostar polos sectores produtivos e a transición verde”, concretou o portavoz popular, quen destacou que “tres de cada 4 euros destes orzamentos destinaranse a gasto social, superando por primeira vez a cifra de 10.000 millóns de euros”.

Pasando xa á orde do día do Pleno ordinario, Alberto Pazos explicou que, como novidade, dará comezo coas habituais preguntas ao Presidente por parte dos grupos da oposición, un cambio motivado pola viaxe que o Presidente Rueda fará ao Brasil a vindeira semana, que no seu día tivera que aprazar pola reunión á convocado polo Presidente do Goberno de España para abordar asuntos relacionados co financiamento autonómico.

APROBACIÓN DA LEI DE CULTURA INCLUSIVA

A sesión plenaria continuará co debate, para a súa aprobación, do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “unha norma pioneira que ofrece un amplo marco a partir do que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión”, lembrou Pazos.

A continuación, e con motivo da celebración o 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Pleno inclúe a comparecencia, a petición propia, da conselleira de Política Social e Igualdade, para informar sobre as medidas impulsadas polo Goberno galego na loita contra a desigualdade entre homes e mulleres e contra a violencia de xénero.

Tamén relacionada coa loita contra a violencia de xénero é a primeira das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular. Neste caso, solicítase ao Goberno central que renove, canto antes, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que leva conxelado desde 2022, coa incorporación de medidas específicas contra a violencia vicaria ou a violencia dixital.

A través desta iniciativa parlamentaria pídese, ademais, que o Goberno central revise os erros que se están a detectar no sistema VIOGEN, para mellorar a protección das vítimas de violencia de xénero que denunciaron ao seu agresor, así como que promulgue unha lei contra a trata de persoas, onde Galicia xa foi pioneira e conta desde o ano 2022 cun plan anti-trata.

A segunda das proposicións non de lei do Grupo Popular pide ao Goberno de Pedro Sánchez que constitúa, coa máxima celeridade posible, a Comisión Mixta de Transferencias para, entre outras cuestións, facer efectivo o traspaso dos medios materiais e persoais necesarios para que a Xunta poida xestionar o litoral galego, respectando deste xeito o seu autogoberno sobre os máis de 2.500 quilómetros de costa galega.

“Pasaron xa sete meses desde que o Tribunal Constitucional avalara a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, pero seguimos sen ter noticias sobre a disposición do Goberno central de cumprir esta sentenza, o que constitúe unha nova e evidente mostra de deslealdade institucional do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia, nun asunto que consideramos esencial para o ordenamento, desenvolvemento e o impulso económico e social da nosa costa”, criticou Pazos.

AGRADECEMENTO AO OPERATIVO DESPRAZADO A VALENCIA

Por último, dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola valoración do continxente de emerxencias que mobilizou Galicia en apoio ás persoas afectadas pola DANA en Valencia. Neste punto, o portavoz popular agradeceu “a plena disposición dos milleiros de galegos e galegas anónimos, xunto cos profesionais das emerxencias que traballan neste tipo de situacións, que voluntariamente se ofreceron para botar unha man nos concellos afectados pola DANA en Valencia, colaborando naquilo que resultaba máis urxente e de necesidade para atender ás familias afectadas pola catástrofe”.

Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará polas medidas que o Goberno galego puxo en marcha para o fomento do alugueiro accesible, ao carón do Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025; e interesarase polas repercusións que, para as arcas da Comunidade galega e dos concellos, terá a imposición da nova Lei estatal de residuos, a través da que se impoñen novos impostos ao vertido e á incineración, ademais dunha taxa diferenciada aos concellos pola xestión e tratamento dos residuos que reflicta os custes reais do servizo, incluíndo o das campañas de concienciación social.

Aprobado o ditame do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, paso previo á súa aprobación definitiva en Pleno

A Comisión de Cultura do Parlamento galego aprobou esta tarde o ditame do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria. “Estamos a falar dunha lei pioneira que ofrece un amplo marco a partir do que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión”, manifestou a deputada popular Carmen Pomar.

Na súa intervención, Pomar indicou que “a diversidade, lonxe de ser un elemento inhibidor ou obstaculizador, debe ser un elemento facilitador e multiplicador para a cultura”. “Por este motivo, o Goberno galego decidiu elaborar unha norma que facilitase o acceso e participación efectiva á cultura de todas as persoas, ao temo que se puxeran en valor todas as manifestacións culturais procedentes de calquera comunidade, grupo ou persoa en situación de desvantaxe”, lembrou.

APOIAR ÁS PERSOAS E COLECTIVOS MÁIS VULNERABLES

“O obxectivo é promover as condicións e remover os obstáculos que impidan ou dificulten que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas, con especial atención ás que presentan algún factor de risco ou exclusión cultural”, sinalou.

Esta nova lei pretende, ademais, visibilizar e apoiar os talentos das persoas e colectivos que presentan condicións de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión, ao tempo que as programacións culturais estarán pensadas e adaptadas a todo tipo de públicos, facilitando, de ser preciso, recursos e ferramentas que permitan o pleno acceso e gozo da actividade”.

Carmen Pomar afirmou que nesta nova lei “tamén aparece contemplado o desenvolvemento de ferramentas dixitais e tecnolóxicas para garantir que os contidos culturais cheguen a todas as persoas, especialmente ás que estean en risco de exclusión social, favorecendo, ademais, a alfabetización dixital ao longo da vida”.

O Parlamento galego demanda ao Ministerio do Interior un concurso de méritos na Policía Nacional para cubrir as vacantes da unidade adscrita a Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG nin do PSdeG, a través da que se pide ao Goberno de España, e nomeadamente ao Ministerio do Interior, que articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Comunidade Autónoma de Galicia ata os 500 efectivos que lle corresponden.

A viceportavoz popular, Paula Prado, comezou a súa intervención amosando “o sentimento de admiración e recoñecemento polos integrantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, así como nos profesionais de emerxencias, que desde hai días traballan nas zonas da Comunidade Valenciana afectadas pola dana, especialmente aos 200 profesionais de emerxencias que, baixo a coordinación da Xunta, se trasladaron ata alí nestes últimos días para apoiar ás persoas afectadas por esta terrible catástrofe”.

Respecto da unidade de policía adscrita a Galicia, a viceportavoz popular considerou “lamentable que foi perdendo efectivos ao longo dos últimos anos ata situarse nos mínimos históricos que rexistra na actualidade”. En concreto, apuntou que dos 500 axentes que corresponden a esta unidade de policía adscrita por catálogo, a día de hoxe só están operativos 344 efectivos, o que supón un déficit do 30 por cento e sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma coa taxa de cobertura de prazas máis baixa.

Paula Prado engadiu que cada unha das sedes da UPA “deberían ter un número adecuado de policías e nunca por debaixo dos 60, polo que na actualidade só a sede de Santiago cumpre este criterio: Ourense e Pontevedra teñen 40 efectivos, mentres que Vigo e Lugo teñen 38 e A Coruña, 37”.

“Nunca antes a plantilla deste corpo policial estivera tan mermada”, sinalou a viceportavoz popular, quen incidiu que “o grave non é so este novo desprezo a Galicia e a este corpo policial, senón as consecuencias que derivan del”. Neste sentido, afirmou que esta redución de efectivos “supón unha inasumible carga de traballo para os efectivos activos, que os obriga a priorizar o máis importante e, polo tanto, tamén a renunciar a atender coa suficiente calidade algunhas das súas funcións”.

Prado asegurou que “non estamos dispostos a asumir que cada vez haxa nas rúas galegas menos efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado, e menos cando os datos do propio Ministerio do Interior falan dun incremento da criminalidade no que vai de ano e dun aumento dos delitos, especialmente os relativos á liberdade sexual, á ciberdelincuencia e aos homicidios”.

Por outra banda, respecto do convenio asinado entre o Goberno central e a Xunta para o mantemento desta unidade de policía adscrita, a viceportavoz popular amosou a disposición do Goberno galego para renovar este acordo, “pero nas mesmas condicións que había e non cunhas novas condicións que son abusivas e lesivas para Galicia”.

Paula Prado lembrou que no convenio anterior o Ministerio era quen pagaba o 100 por cento do salario base dos policías e a Xunta asumía os complementos e os custos das dotacións materiais e de infraestruturas. “Agora, o Ministerio quere que, ademais deses custes complementarios, a Xunta asuma o 50 por cento do salario dos policías, o que suporía un incremento de 10,5 millóns aos 3,5 millóns de euros que asume na actualidade”, concretou.

“O que queremos é un convenio como o último que asinou o Ministerio de Interior cunha comunidade autónoma con policía adscrita, o mesmo que tiña Galicia desde hai anos e o mesmo que lle ofreceu o ministro á Comunidade Valenciana cando o presidente era un socialista”, rematou.

O Parlamento galego demanda ao Goberno central que dea maior flexibilidade ás comunidades autónomas para adaptar os fondos para políticas activas de emprego ás súas necesidades

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que modifique, de acordo coas comunidades autónomas, as condicións de asignación e utilización de fondos finalistas en materia de políticas activas de emprego, outorgándolle ás autonomías unha maior flexibilidade para adaptalos ás necesidades e particularidades dos seus mercados laborais.

A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, demandou “unha acción coordinada” de todas as administracións para facilitar a incorporación e formación continua dos traballadores no mercado laboral, lamentando “a rixidez nas directrices de aplicación dos fondos finalistas que o Goberno de España envía ás comunidades autónomas para mellorar as competencias e a empregabilidade dos traballadores”.

En concreto, indicou que esta rixidez “limita a capacidade da Xunta para adaptalos ás necesidades propias de Galicia e ás circunstancias cambiantes do mercado laboral coa axilidade que se require”.

PARTICULARIDADES E SINGULARIDADE DE GALICIA

Diante desta situación, a portavoz popular solicitou “unha maior flexibilidade neses fondos e que o Goberno central escoite ás comunidades autónomas, porque a súa maior proximidade ás persoas traballadoras e ás empresas permite coñecer e atender dun modo máis áxil e directo as súas necesidades”. En concreto, pediu que “se teñan en conta as particularidades e singularidade de Galicia á hora de fixar os criterios de reparto deses fondos finalistas estatais”.

Noelia Pérez cuestionou “por que España, liderando o paro da Unión Europea, ten postos sen cubrir no mercado laboral?”, ante o que respondeu como “causas deste desaxuste os cambios sociais, a burocracia para a incorporación de persoal, os desincentivos á incorporación ao mercado laboral, o envellecemento da poboación e a falta de remuda xeracional, e a importante desconexión existente entre a oferta e a demanda de traballo”.

Así, explicou que “este problema para atopar traballadores está a alcanzar a practicamente todas as ramas de actividade e todos os sectores económicos, porque xa existen vacantes sen cubrir en actividades profesionais científicas e técnicas, máis tamén no comercio, na construción ou na hostalería”.

“Este desequilibrio está a ameazar a produtividade das empresas, afectando de maneira significativa ás pequenas e medianas empresas, e aos autónomos, que levan moito tempo denunciando a falta de consonancia entre as habilidades e competencias da poboación activa e as necesidades reais das empresas”, indicou.

Neste sentido, a portavoz popular considerou necesario “promover a formación continuada, para que tanto persoas empregadas como desempregadas poidan adquirir novas habilidades adaptadas aos cambios no mercado laboral, porque neste momento a aprendizaxe constante converteuse nunha necesidade vital para manterse competitivo en termos laborais”.

“O Goberno galego é consciente desta situación e por este motivo destinará o vindeiro ano 72 millóns de euros para abordar este problema estrutural”, salientou Noelia Pérez.

O PPdeG pide a BNG e PSdeG que abandonen o seu discurso catastrofista e pesimista sobre o sector agrogandeiro galego

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, pediu hoxe no Pleno do Parlamento galego a BNG e PSdeG que “abandonen o seu discurso catastrofista e pesimista sobre o sector agrogandeiro galego” e animounos “a defender e promover o noso rural, e construír un futuro no que a súa xente se sinta valorada, apoiada e, sobre todo, orgullosa de vivir e traballar na súa terra”.

No debate dunha iniciativa sobre a política de control da transmisión da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) no gando galego, Miguel Viso subliñou que “Galicia foi pioneira ao habilitar, a comezos de 2024, un sistema de indemnizacións por animais falecidos, calculándose os baremos en función do Real Decreto 389/2011 que establece as compensacións por sacrificio en programas nacionais para enfermidades como a lingua azul, tuberculose e outras patoloxías”.

“A Xunta ampliará estas subvencións para 2024 e as explotacións que xa recibiran indemnizacións recibirán agora a diferenza con respecto aos novos importes establecidos, onde a compensación por morte de bovinos poderá alcanzar os 1.500 euros por animal”, apuntou. Así mesmo, Viso engadiu que ofreceranse axudas para tratamentos veterinarios e desinsectantes a todas as explotacións afectadas.

O portavoz popular manifestou que “esta é a axuda máis ambiciosa das convocadas polas comunidades autónomas, xa que cubrirá o censo completo de bovinos de cada explotación e non só os afectados pola enfermidade”.

O Grupo Popular critica que a Fegamp estea a dilatar o proceso de integración das unidades municipais de drogodependencias no Sergas

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) estea a dilatar o proceso para a integración no Servizo Galego de Saúde das unidades asistenciais de atención á drogodependencia xestionadas polos concellos. Neste sentido, avogou por intensificar o traballo da comisión mixta creada para levar adiante este proceso, de xeito que se materialice ao longo desde ano 2024 a plena integración orgánica e funcional destes servizos.

Encarna Amigo explicou que en Galicia existen 13 unidades asistenciais de drogodependencias de titularidade municipal, situadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía.

MÁIS DE 4 MILLÓNS DE EUROS PARA O FINANCIAMENTO

“A Xunta traballa no obxectivo de facer efectivo o traspaso destas unidades no menor tempo posible e cumprir a folla de ruta acordada no seo da comisión mixta de traspaso, integrada por representantes da Administración autonómica e municipal”, sinalou a portavoz popular, quen afirmou que para iso “resulta imprescindible que se cumpran os prazos establecidos e se poidan constituír as ponencias técnicas especializadas no seo da comisión”.

Respecto do financiamento destes servizos, Encarna Amigo subliñou que a Xunta lévao facendo desde o ano 2014 e nos orzamentos para 2025 figura unha partida de máis de catro millóns de euros para o financiamento destas unidades de adiccións e drogodependencias.

Ademais, Amigo dixo que “o Sergas está a reemprazar as xubilacións e vacantes dos profesionais destas unidades con persoal propio, polo que tamén está financiando desta maneira o seu correcto funcionamento, a pesar das dificultades que existen para atopar e contratar profesionais”.

O Grupo Popular salienta que os orzamentos da Xunta para 2025 achegarán aos concellos galegos a cifra récord de 641 millóns de euros

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que os concellos galegos recibirán no 2025 a cantidade récord de 641 millóns de euros dos orzamentos da Xunta. “Ao mesmo tempo, o Goberno de Pedro Sánchez impón aos concellos máis cargas, como a suba da taxa do lixo, a xestión da retirada do amianto ou a Lei de benestar animal”, apuntou.

Paula Prado cuestionou que o BNG “estea a pedir máis fondos para os concellos galegos cando alí onde gobernan son incapaces de executar os seus propios orzamentos e de levar a cabo os investimentos previstos”. En concreto, sinalou que na Deputación de A Coruña o nivel de execución orzamentaria é de apenas un 9 por cento; na Deputación de Lugo, o nivel de execución é de pouco máis dun 27 por cento; e nos concellos do BNG o nivel de execución orzamentaria apenas supera o 50 por cento e, incluso, deixan cartos sen gastar, como acontece no caso de Ribeira ou Santiago.

INCREMENTO DOS FONDOS DUN 38%

Diante desta situación, a viceportavoz popular subliñou que o Goberno galego “apoia aos 313 concellos galegos na súa demanda dun financiamento municipal máis xusto e acorde cos servizos que prestan. “Proba disto é que desde 2009 os fondos autonómicos para os concellos se incrementaron un 38 por cento e no 2023 os concellos recibiron máis de 600 millóns de euros do Goberno galego, unha cifra que se incrementará ata os 641 millóns en 2025”, explicou.

Para rematar, Prado considerou “curioso que BNG e PSdeG critiquen ao Goberno galego por apoiar economicamente aos concellos, ao mesmo tempo que calan cando o Goberno de Pedro Sánchez lles impón máis cargas, como a suba da taxa do lixo ou os novos gastos derivados da xestión da retirada do amianto ou a aplicación da Lei do benestar animal”.

“Ademais, mentres o Goberno galego, a pesar de ser unha competencia municipal, fai unha aportación ao servizo de axuda no fogar de 12 euros por hora, o Goberno central pon só 2,5 euros cada hora”, rematou.

O Grupo Popular tende a man á oposición para chegar a un pacto e a procura de consenso na nova Lei dos medios públicos de comunicación de Galicia

A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar amosou hoxe “a nosa man tendida aos grupos da oposición para chegar a un pacto e a procura de consenso na tramitación da nova lei de servizo de medios públicos de comunicación de Galicia, unha vez inicie a súa tramitación democrática neste Parlamento galego”.

Carmen Pomar lembrou que a Xunta está a tramitar o anteproxecto de Lei de Servizos de Medios Públicos de comunicación audiovisual de Galicia, “unha lei que xurde para axustarse á nova lexislación estatal e europea, así como aos cambios tecnolóxicos e ás mudanzas no patrón de consumo audiovisual”. En concreto, dixo que esta iniciativa lexislativa é “transparente, participativo, plural e con sincera vocación de consenso na elección do director ou directora xeral da Corporación”.

BLÍNDASE A PLURALIDADE

Así mesmo, apuntou que esta Lei “mantén a elección dos integrantes do Consello de Administración, propostos polos grupos parlamentarios, por maioría cualificada de dous terzos do Parlamento de Galicia”. De non acadarse esa maioría, a votación repetirase nun prazo dun mes e abondará a elección por maioría de tres quintos, co que “blíndase a pluralidade do Consello de Administración e a súa elección por maioría reforzada”.

“Mentres en Galicia vese blindada a pluralidade e a elección do Consello de Administración por maioría reforzada, o Consello de Administración de RTVE poderá elixirse só por maioría absoluta das Cortes, cun reparto que prima ao PSOE e aos seus apoios no Congreso, de onde sairán 11 membros fronte aos 4 do Senado”, concretou a deputada popular.

Por último, Carmen Pomar incidiu en que “queremos, buscamos e alentamos o consenso na tramitación desta nova Lei galega, e está por ver que tanto BNG como PSdeG compartan este mesmo obxectivo, porque teñen convertido á CRTVG nunha ferramenta de confrontación permanente coa que atizar á Xunta”.