Alberto Pazos afirma que o Debate de Investidura “permitirá confirmar que o único proxecto serio e solvente para a Galicia do futuro é o de Alfonso Rueda e do Partido Popular”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que o Debate de Investidura que se celebrará a vindeira semana “permitirá confirmar, unha vez máis, que o único proxecto serio e solvente para a Galicia do futuro é o de Alfonso Rueda e do Partido Popular, capaz de manter a estabilidade política da que felizmente gozamos na Comunidade galega nos últimos anos”.

Segundo se acordou esta mañá na reunión da Xunta de Portavoces, a sesión de investidura dará comezo o vindeiro martes, 9 de abril, ás 9.30 da mañá co discurso do candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda.

Unha vez rematada esta intervención e transcorridas 48 horas, o xoves 11 de abril terán lugar as intervencións dos portavoces dos distintos grupos parlamentarios, de menor a maior, por un tempo máximo de 35 minutos. A continuación, volverá tomar a palabra o candidato a Presidente para responder, sen límite de tempo, a todos os portavoces parlamentarios, que terán unha nova quenda de intervencións de 10 minutos cada un antes da intervención de peche de Alfonso Rueda.

TOMA DE POSESIÓN O SÁBADO, 13 DE ABRIL

Finalmente, terá lugar a votación coa que Alfonso Rueda será elixido Presidente da Xunta de Galicia, “gracias ao apoio do Grupo Popular e dos milleiros de galegos que o pasado 18 de febreiro volveron confiar no Partido Popular de Galicia e no proxecto encabezado por Alfonso Rueda para os vindeiros catro anos”, lembrou Alberto Pazos. Posteriormente, o Presidente do Parlamento dará traslado desta elección ao Rei, para que o sábado, 13 de abril, teña lugar a toma de posesión do novo Presidente da Xunta no Parlamento de Galicia.

O portavoz popular manifestou que este debate “permitirá confirmar, unha vez máis, que o único proxecto serio e solvente para Galicia é o de Alfonso Rueda e o do PPdeG”. “Porque, enfronte, xa estamos vendo o que hai: un BNG ansioso de novidades e presentando propostas antigas e totalmente desfasadas, que xa foron obxecto dun completo estudo neste Parlamento e que todos os expertos rexeitaron porque consideran que sería prexudicial para Galicia e os galegos; e pola parte socialista, e a falta de mellores ideas, volven tirar do seu comodín: o rescate da memoria histórica e a súa aplicación en Galicia, unha cuestión que é competencia estatal, no que o Goberno galego está sendo totalmente colaborador e para o que se precisan investimentos que o Goberno de Pedro Sánchez non pon enriba da mesa”, indicou Alberto Pazos.

“O tempo de contrastar proxectos xa pasou e os galegos xa ditaron o seu veredicto o pasado 18 de febreiro, polo que estamos nun tempo novo no que todos os grupos deberían asumir os resultados dese contraste de proxectos e cal é a representación que a sociedade galega nos concedeu a cada un”, concluíu o portavoz popular.

Alfonso Rueda asume a candidatura á Presidencia da Xunta con responsabilidade e coa ilusión por traballar polo futuro de Galicia: “Comprométome a ser o presidente de todos os galegos”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, recibiu hoxe a proposta do presidente do Parlamento de Galicia para presentarse como candidato á Presidencia da Xunta de Galicia asegurando que asume este encargo con responsabilidade e ilusión: “Comprométome a ser o presidente de todos os galegos e a traballar polas moitas oportunidades que Galicia ten por diante”.

En declaracións aos medios de comunicación logo de reunirse con Miguel Santalices, o líder dos populares galegos admitiu a responsabilidade que supón para el “aspirar ao máximo ao que se pode aspirar na vida política” e afirmou contar coa ilusión “que o cargo require para facelo ben”.

“Teño aínda moitas máis ganas de asumir esta responsabilidade logo da confianza obtida nas eleccións do 18 de febreiro e, se obteño o apoio do Parlamento, ofrezo a cambio todo o meu traballo en beneficio tanto das persoas que nos votaron como das que non”, explicou.

Comprometeuse así mesmo a dar cumprimento ao programa electoral co que concorreu ás eleccións “con responsabilidade, con sentidiño, con man tendida e co convencemento de que Galicia, especialmente nestes momentos tan convulsos a nivel nacional, ten moito que dicir”.

“Temos moitas reivindicacións, moitas cousas por conseguir e temos claro tamén que non queremos ser máis que ninguén. Por iso traballarei desde o primeiro momento para non ser tampouco menos que ninguén e que non se nos prive daquilo que merecemos”, engadiu.

Alfonso Rueda subliñou que Galicia ten “moito que dicir” no contexto nacional e moitas oportunidades por diante polas que hai que loitar. “Ese foi o meu compromiso cando me presentei ás eleccións e ese é o compromiso que quero cumprir como presidente da Xunta de Galicia”, concluíu neste sentido.

Alberto Pazos afirma, ao propor a Alfonso Rueda como candidato á Presidencia da Xunta, que “convertémonos no instrumento desa gran maioría de galegos que respaldaron o proxecto do PPdeG”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe, ao trasladar ao Presidente do Parlamento de Galicia a proposta para que Alfonso Rueda sexa o candidato á Presidencia da Xunta no debate de investidura que terá lugar a vindeira semana, que “convertémonos no instrumento desa gran maioría de galegos que o pasado 18 de febreiro respaldaron cos seus votos o proxecto do Partido Popular de Galicia, liderado polo propio Alfonso Rueda”.

Alberto Pazos incidiu que “os votos dos galegos decidiron que o grupo maioritario deste Parlamento fora o Grupo Popular” e sinalou que, “como non podía ser doutra forma, trasladamos ao Presidente da Cámara a nosa vontade e disposición para que Alfonso Rueda sexa o candidato a Presidente da Xunta” na sesión de investidura que se celebrará os vindeiros días 9 e 11 de abril.

Neste sentido, amosou a vontade para que a investidura “se produza canto antes e se poida formar novo Goberno galego, de xeito que nos poidamos volver a poñer a traballar polo benestar dos galegos, ao que nos queremos dedicar canto antes”.

A preguntas dos xornalistas, o portavoz popular insistiu que “está fóra de lugar” as dúbidas respecto dos prazos nos que se vai realizar a sesión de investidura, porque “se están cumprindo escrupulosamente os tempos recollidos na lexislación vixente e no Regulamento do Parlamento de Galicia”. Así, Pazos afirmou que “introducir outro tipo de variables é ridículo” e apuntou que “non sei se alguén tiña algún calendario alternativo que plantexar, pero, desde logo, nos órganos que corresponden non o fixo saber”.

Alberto Pazos avoga porque nesta XII Lexislatura “Galicia siga sendo unha referencia de estabilidade e serenidade, afastada do barullo que vive a política estatal pola debilidade do Goberno de Sánchez”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, avogou hoxe, ao remate da reunión de constitución da Xunta de Portavoces nesta XII Lexislatura no Parlamento galego, porque Galicia “siga sendo unha referencia de estabilidade e serenidade, afastados do barullo e a inestabilidade que está a vivir a política a nivel estatal, consecuencia dun Goberno de Pedro Sánchez débil e totalmente manexado ao seu antollo polo independentismo catalán e vasco”.

Alberto Pazos informou que a Xunta de Portavoces fixou en 17 o número de deputados que integrarán as distintas comisións parlamentarias, “respectando a máxima proporcionalidade co reparto de escanos saído das pasadas eleccións autonómicas”. En concreto, as comisións estarán formada por 9 deputados do PPdeG, 5 do BNG, 2 do PSdeG e 1 de Democracia Ourensana.

Así mesmo, acordouse que a constitución das distintas comisións parlamentarias terá lugar o vindeiro luns, 1 de abril, cumprindo estritamente os prazos marcados no Regulamento do Parlamento de Galicia

Respecto da Deputación Permanente, estará integrada por 23 membros, dos que 12 serán do PPdeG, 7 do BNG, 3 do PSdeG e 1 de Democracia Ourensana, ademais do Presidente do Parlamento, que é membro nato.

Outro dos puntos abordados na Xunta de Portavoces de hoxe foi o calendario das sesións de investidura do Presidente da Xunta e de apertura da lexislatura. En concreto, o debate de investidura dará comezo o vindeiro martes 9 de abril, coa intervención do candidato á Presidencia da Xunta para presentar o seu programa de Goberno; as intervencións dos portavoces dos distintos grupos parlamentarios e o debate posterior terá lugar o xoves, 11 de abril; e, ao remate desta xornada, celebrarase a votación da que sairá elixido o Presidente da Xunta. Como remate de todo este procedemento, a toma de posesión do novo Presidente da Xunta terá lugar o vindeiro sábado, 13 de abril; e a sesión solemne de apertura desta XII Lexislatura celebrarase o martes, 16 de abril.

ILUSIÓN E RESPONSABILIDADE

Alberto Pazos manifestou que desde o Grupo Popular “afrontamos con ilusión e moita responsabilidade esta nova lexislatura, na que temos por diante catro anos nos que desenvolver o ambicioso programa electoral co que Alfonso Rueda e o PPdeG conseguiron revalidar cunha maioría absoluta a confianza dos galegos”. “Unha confianza que imos traballar para non defraudar as expectativas xeradas, coñecedores do moito que se xoga Galicia nestes anos a nivel económico e social, pero, sobre todo, para seguir sendo unha referencia de estabilidade e serenidade, afastados do barullo e a inestabilidade que está a vivir a política a nivel estatal, consecuencia dun Goberno de Pedro Sánchez débil e totalmente manexado ao seu antollo polo independentismo catalán e vasco”, indicou.

Neste sentido, asegurou que “nós estamos abertos a estudar e negociar todas aquelas propostas que se nos fagan chegar e que sexan positivas para toda a sociedade galega”, pero lamentou que “xa estamos comprobando que o talante moderado que o BNG amosou durante a campaña rematou xustamente o día das eleccións, cando viu que os galegos volvían confiar maioritariamente no PPdeG e en Alfonso Rueda”.

“Non esperaron nin á constitución do Parlamento para intentar sumarse ao barullo existente a nivel nacional pedindo comisións de investigación sobre a compra de material sanitario durante a pandemia en Galicia, a pesar de que xa existen dous informes de fiscalización do Consello de Contas sobre este asunto, ou sobre supostas anomalías en contratos da Xunta con empresas”, manifestou.

O portavoz popular criticou que o BNG “foi máis aló estes días dando un xiro de 180 graos sobre o proxecto industrial que a empresa Altri quere levar adiante en Palas de Rei: despois de apoiar en dúas ocasións a posta en marcha deste proxecto en 2022 e 2023, agora se posicionan en contra sen consultar nin informarse directamente coa empresa ou con técnicos especializados na materia sobre as cuestións que poden resultar máis polémicas deste proxecto”.

ESTRITOS CONTROIS AMBIENTAIS

“Desde o Grupo Popular imos seguir apoiando calquera proxecto empresarial que xere riqueza e postos de traballo en Galicia, sempre respectando e cumprindo cos máis estritos controis medioambientais, tanto europeos como galegos”, indicou Alberto Pazos, quen lembrou que “falamos dun proxecto que suporá un investimento superior aos 900 millóns de euros, dará traballo a 2.500 persoas e está sendo sometido a unha tramitación ambiental absolutamente garantista, tal e como marca a figura dos Proxectos de Industrias Estratéxicos”.

Ademais, o portavoz popular demandou ao Goberno de Pedro Sánchez que “cumpra coa palabra dada e lle asigne os fondos necesarios e axilice toda a tramitación ante a Unión Europea como xa teñen feito con outros proxectos industriais como o de Arcelor Mittal”.

O PPdeG proporá a Miguel Santalices como presidente do Parlamento de Galicia na XII Lexislatura

Miguel Santalices, Elena Candia e Ethel Vázquez serán os tres deputados que optarán por parte do PPdeG, mañá luns, a formar parte da Mesa do Parlamento de Galicia na XII Lexislatura que dá comezo.

Na Sesión constitutiva do Parlamento, os populares galegos proporán a Miguel Santalices, elixido deputado pola provincia de Ourense, como presidente da Cámara, un posto que xa ostentou nas dúas últimas lexislaturas (X e XI) e tamén no último tramo da IX, desde o 26 de xaneiro de 2016.

Santalices, nacido en Bande en 1955 e licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, é deputado autonómico desde o ano 1997. No Parlamento fora o portavoz popular de Sanidade e presidente da Comisión do ramo, ademais de ser vicepresidente primeiro ata ser elixido presidente.

Pola súa banda, Elena Candia, elixida pola provincia de Lugo, é a proposta do PPdeG como vicepresidenta primeira do Parlamento galego, lugar que ocupou na segunda metade da anterior lexislatura, desde maio de 2022. Ata ese momento exercía como vicevoceira do Grupo Parlamentario Popular.

Candia (Mondoñedo, 1978), licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña, foi alcaldesa de Mondoñedo entre 2015 e 2020 e presidenta da Deputación de Lugo (2015). A nivel orgánico, desde 2016 é a presidenta provincial do PP de Lugo e desde 2023 é tamén voceira do grupo municipal do PP na cidade de Lugo.

ETHEL VÁZQUEZ, NOVA INCORPORACIÓN Á MESA

Así mesmo, o Partido Popular de Galicia proporá este luns a Ethel Vázquez, elixida como deputada pola provincia Coruña e actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, como secretaria primeira da Mesa do Parlamento.

Ethel Vázquez naceu en Santiago de Compostela en 1972 e é enxeñeira técnica superior de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Tras rematar os estudos superiores, en 1996 comezou a súa traxectoria profesional na empresa privada, ata que, en 2003, se incorporou ao organismo autónomo Augas de Galicia.

Asumiu presidencia de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) da Xunta en abril de 2009, cargo que exerceu ata ser nomeada directora xeral de Infraestruturas en setembro de 2010. En abril de 2011 asumiu a presidencia da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia e en xaneiro de 2012 foi nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas.

Desde 2014 a 2015 foi conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; e desde outubro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleira de Infraestruturas e Vivenda, momento no que pasou a ostentar o cargo de conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que mantivo ata a actualidade.