Carmen Pomar e Adrián Villa cargan contra a alcadesa de Santiago por mentir e esixen explicacións urxentes polas VTCs ilegais

A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar, acompañada do concelleiro do PP, Adrián Villa, esixiron hoxe á alcaldesa de Santiago “unha explicación urxente sobre a contratación dunha empresa privada para o traslado dos asistentes á Asamblea de Cidades Patrimonio da Humanidade, desprezando os servizos dos taxistas da cidade a pesar de ter ameazado con multas ás empresas que ousaran facer transportes urbanos”.

Carmen Pomar e Adrián Villa reuníronse con representantes do colectivo de taxistas de Santiago a fin de coñecer de primeira man as súas preocupacións e problemas para desenvolver o seu traballo nesta cidade, así como as medidas que consideran necesario poñer en marcha para mellorar a prestación deste servizo, tanto a composteláns como a visitantes.

FALTA DE TRANSPARENCIA E COHERENCIA

No encontro, os taxistas amosaron o seu malestar pola falta de transparencia e coherencia por parte da alcaldesa de Santiago á hora de dar unha explicación sobre a contratación de 29 desprazamentos por parte dun servizo privado. “O problema non só é que a alcaldesa fuxe de dar unha resposta ás preguntas que están enriba da mesa, senón que ao mesmo tempo está a mentir para intentar xustificar esta contratación”, sinalou Carmen Pomar.

A deputada popular lamentou “o caos do servizo de transporte público que sofren a diario os composteláns e os turistas, derivado dunha incompetencia manifesta por parte dos responsables municipais”. En concreto, salientou que ante esta situación “os taxistas atópanse desbordados en moitos momentos do día pola demanda de servizo existente, sen que o Concello sexa capaz de dar unha solución máis que ameazar con sancionar a todas as empresas privadas que ousaran facer transportes urbanos”.

Pola súa banda, Adrián Villa sinalou que non é de recibo que a alcadesa “pase meses dicindo que as VTCs son ilegais, mentres ela mesma as estaba contratando”. E preguntouse se, “agora que todos sabemos que houbo 29 traxectos ilegais, e que a competencia para sancionar é do Concello, a alcaldesa vai a emitir unha infracción contra a propia Acaldía”.

O PPdeG afirma que a celebración en Ribadavia da Asemblea da Rede de Xuderías situará a este concello como un referente na recuperación do patrimonio sefardí en toda España

Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Víctor Baladrón, acompañados do alcalde de Ribadavia, César Fernández, visitaron esta mañá o Museo Sefardí e destacaron a súa importancia como símbolo de memoria e da identidade deste municipio ourensán. Así mesmo, destacaron a oportunidade que suporá para este concello a celebración no mes de xuño da Asemblea Anual da Rede de Xudarías, “un encontro que debe servir de promoción de Ribadavia e situalo como referente na recuperación do patrimonio sefardí en toda España.

Miguel Viso e Víctor Baladrón lembraron que a rehabilitación do Museo Sefardí na Praza Maior de Ribadavia, edificio que tamén alberga a Oficina de Turismo, contou cunha axuda da Xunta de Galicia que se achegou aos 50.000 euros.

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

“É unha satisfacción comprobar como os investimentos da Xunta se transforman en proxectos reais que melloran o noso patrimonio e fortalecen a identidade das nosas vilas”, manifestou o deputado popular Miguel Viso, quen situou a reapertura do Museo Sefardí de Ribadavia como “un exemplo claro de como a colaboración institucional dá froitos concretos”. “Non só rehabilitamos un edificio, senón que recuperamos un espazo que representa a memoria viva da nosa historia e que ten un enorme potencial cultural e turístico para toda a comarca”, dixo.

Pola súa banda, Víctor Baladrón puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa historia e a cultura, e sinalou que este museo “non é só unha infraestrutura cultural: é unha ponte co pasado, un lugar que nos convida a lembrar e a comprender mellor a nosa historia compartida”.

Os deputados populares felicitaron ao alcalde de Ribadavia pola súa designación este ano 2025 como Presidente da Rede de Xuderías de España, “unha oportunidade para que esta vila fortaleza as súas relacións históricas e culturais con outras cidades con legado sefardí”.

Neste sentido, subliñaron que a próxima celebración en Ribadavia do Asemblea Anual da Rede de Xuderías, conmemorando o 30 aniversario desta organización, “será o marco perfecto para afondar nas relacións con outras cidades, abrir novas vías de colaboración e situar a este concello ourensá como un destino de referencia dentro do itinerario sefardí”.

O PPdeG afirma que a Xunta iniciará despois do verán as obras de construción dos departamentos para usuarios no porto de Sanxenxo

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo, Raúl Santamaría, Loli Hermelo e Manuel Santos, acompañados da tamén deputada e concelleira en Sanxenxo, María Deza, visitaron esta mañá o porto desta localidade para informar do compromiso da Xunta de iniciar os traballos de construción dos 14 departamentos para usuarios unha vez pase o verán. “O obxectivo é evitar os prexuízos que este tipo de obras poden ocasionar aos milleiros de turistas e visitantes que cada ano pasan por este municipio”, indicaron.

Os deputados populares lembraron que esta obra no porto de Sanxenxo, cun investimento superior aos 500.000 euros, permitirá a instalación de dúas liñas de edificacións (de 10 e 4 unidades, respectivamente) destinadas ao almacenamento de pertreitos de pesca para os profesionais da pesca.

Ademais, a obra inclúe a urbanización de todo o espazo próximo, substituíndo os actuais bolardos por un parterre e unha zona de aparcadoiro para os usuarios dos propios departamentos.

Alberto Pazos demanda á oposición colaboración e aportacións para conformar o perfil profesional da persoa que ocupará a Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, demandou hoxe aos grupos da oposición colaboración e aportacións para conformar o perfil profesional da persoa que ocupara a Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Porén, lamentou que o BNG pretenda “boicotear e dilatar” o procedemento aberto coa súa solicitude de ampliación en 15 días do prazo establecido pola Mesa do Parlamento galego, “cando xa perdín a conta dos anos que levan pedindo o cese ou dimisión do actual director da actual CRTVG e cando xa pasaron dous meses desde a aprobación da Lei de medios públicos de comunicación audiovisual para que nos fixeran chegar ás súas propostas”.

Alberto Pazos lembrou que esta semana mantivo unha primeira toma de contacto cos grupos da oposición para intentar consensuar un perfil profesional da persoa que ocupe a Dirección Xeral da nova Corporación audiovisual. “Queremos que esa persoa poida saír elixida co maior apoio posible deste Parlamento e para iso precisamos saber a opinión dos demais grupos parlamentarios sobre o perfil que consideran máis idóneo”, indicou.

DESCABEZAR A CRTVG SEN ALTERNATIVA

Deste xeito, agradeceu as aportacións feitas nun primeiro momento polo representante do Grupo Mixto e, no día de onte, polo BNG, sobre o que amosou a súa sorpresa porque “solicite agora unha ampliación en 15 días do prazo establecido pola Mesa do Parlamento para o rexistro por parte dos grupos parlamentarios das persoas que optarán á Dirección Xeral, coa escusa de poder negociar a nova Dirección da radio e televisión públicas”.

“Sorprende, en primeiro lugar, porque xa perdín a conta dos anos que levan pedindo o cese ou dimisión do actual director da actual CRTVG e criticando a súa situación de interinidade, o que demostra que o seu único obxectivo era descabezar a Corporación a toda costa, sen ter sequera un posible substituto ou substituta que poñer enriba da mesa para superar esta situación; pero é que, ademais, hai case dous meses que se aprobou a nova Lei, tempo máis que suficiente para que o BNG nos fixera chegar as súas propostas para sometelas a valoración”, indicou.

Alberto Pazos manifestou que “a única xustificación que se nos ocorre para esta solicitude de ampliación do prazo é que o BNG está máis preocupado por boicotear e poñer trabas no desenvolvemento da Lei, que en colaborar na elección do mellor profesional para dirixir a nova Corporación de Servizos Audiovisuais”.

Así mesmo, amosou a súa sorpresa porque o BNG esixa que a persoa que ocupe a Dirección Xeral sexa independente, cunha contrastada traxectoria profesional no xornalismo ou no audiovisual, ou con formación en materia de xénero, algo que xa está recollido expresamente na propia Lei que os nacionalistas votaron en contra”. Do mesmo xeito, anotou que “a lei tamén inclúe outros aspectos sobre a Corporación que agora piden, como gran novidade, os nacionalistas, como a misión de servizo público da Corporación; o seu pluralismo social e político; ou a blindaxe da produción propia”.

NON PERMANENTE A GALICIA

Alberto Pazos tamén se referiu á sesión plenaria celebrada esta semana para criticar que o BNG “volveu quedarse so co seu non permanente a Galicia e aos galegos, neste caso votando en contra de da rebaixa da protección ao lobo ao norte do río Douro e da defensa da actividade industrial e da xeración de emprego, en concreto en contra do proxecto de explotación da mina de litio en Doade”.

“Comeza a ser preocupante esta deriva negacionista na que está sumido o BNG, a primeira forza da oposición en Galicia á que o único que lle preocupa é opoñerse a calquera proxecto que supoña beneficio para Galicia, co agravante de que están a demostrar unha carencia total de proxecto de país, con propostas que poidan poñer enriba da mesa como alternativa ao seu negacionismo sistemático”, sinalou.

Ademais, o portavoz popular manifestou que coa “incrible e delirante proposición non de lei que defenderon, demostraron que seguen ancorados no pasado, submisos ao que ordenen os comandantes e comandantas da UPG, e vivindo no seu mundo irreal con reminiscencias aos seus principios ideolóxicos marxistas e leninistas que aínda defenden”.

O Grupo Popular pide que Galicia “se independice do non a todo para salvala desa ofensiva expansionista que se propaga por todo o territorio”

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que, “mentres o BNG pide a independencia de Galicia para salvala da ofensiva imperialista, nós pedimos que Galicia se independice do non a todo para salvala desta ofensiva expansionista que se propaga por todo o noso territorio”.

Paula Prado demandou que Galicia “se independice do non a ENCE en Pontevedra, do non a Finsa en Padrón, do non a Foresa en Caldas, do non a Cortizo en Coirós, do non a Altri en Palas de Rei ou do non a Alcoa en San Cibrao”, así como do “non á minaría en Touro, en Doade ou en Lousame; do non ao turismo; do non a combater a contaminación por nitratos; do non ao bilingüismo; do no á caza; do non á Policía Nacional e á Garda Civil; do non ao Xacobeo; do non á eólica mariña; do non á pesca de arrastre; ou do non á acuicultura”.

Máis en concreto, sobre a iniciativa defendida hoxe polo BNG no Pleno, a viceportavoz popular criticou que “pretenden que os máis de 3.500 galegos e galegas que traballan nas empresas vinculadas ao sector da defensa en Galicia queden sen emprego só porque así estarían combatendo o imperialismo”. “E, de paso, dicir non a que, nun contexto como o actual, poidamos brindar carga de traballo a outras 150 empresas e crear 5.000 novos empregos, porque os nacionalistas galegos son os do non a Delta Vigo, a Navantia, a Nervión, a Cimalab, a Ucalsa, a Urovesa e a tantas empresas que fan de Galicia a cuarta comunidade con maior peso neste sector”, manifestou.

Paula Prado cualificou a iniciativa defendida hoxe polo BNG no Pleno de “puramente ideolóxica dun partido que pretende impoñernos o relato distópico dun mundo no que aínda segue en pé o muro de Berlín”, porque “a día de hoxe segue sen condenar a invasión ilegal de Rusia sobre Ucraína e continúa negando a soberanía do pobo ucraíno, e tamén se negou neste Parlamento a condenar as accións terroristas de Hamás na franxa de Gaza”.

O Grupo Popular apoia o uso do galego no Parlamento Europeo

O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Pleno do Parlamento de Galicia da proposición non de lei a través da que se apoia o uso do galego no Parlamento Europeo, instando aos órganos con capacidade de decisión na materia á toma en consideración da habilitación do uso do galego na Cámara europea. Porén, o deputado popular José Luís Ferro avogou porque “este uso do galego non supoña un custo para o Estado español e os gastos sexan asumidos polo propio Parlamento Europeo, do mesmo xeito que fan coas 24 linguas que se usan hoxe en día alí”.

José Luís Ferro lembrou que “o galego xa ten a día de hoxe un alto recoñecemento en Europa, porque non é unha lingua descoñecida no Parlamento Europeo e pódese usar en pé de igualdade con respecto ás outras linguas cooficiais de España”.

Neste sentido, apuntou que “o recoñecemento do galego como lingua oficial suporía un custo para o Estado español de máis de 40 millóns de euros anuais”, polo que criticou aos socialistas galegos por “xustificar que o Goberno central asuma este custo pero non se manifesten en relación a determinados proxectos estratéxicos para a nosa lingua que están á espera do financiamento comprometido polo Goberno de Pedro Sánchez”.

“Dáme a impresión de que apoiar o uso do galego na Unión Europea non é froito da súa preocupación pola nosa lingua, senón que é consecuencia da súa preocupación por manterse non poder custe o que custe”, indicou o deputado popular, quen cuestionou aos socialistas galegos se “son os únicos que non se dan de conta que están a ser chantaxeados polos independentistas cataláns e de que cambian constantemente de opinión para adaptarse aos seus socios independentistas de goberno?”.

Ferro lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez incumpre os seus deberes orzamentarios con respecto á nosa lingua, mentres os socialistas e nacionalistas galegos calan e aceptan con submisión”, ante o que avanzou que “seremos nós os que seguiremos reclamando eses importantes fondos para o galego e a súa promoción”.

O Parlamento de Galicia pide recoñecer a importancia das materias primas fundamentais e estratéxicas para reforzar a autonomía e reducir a dependencia do exterior

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co único voto en contra do BNG, a través da que se insta á Xunta a recoñecer a importancia das materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas para reforzar a autonomía estratéxica e reducir a dependencia do exterior. Neste sentido, demándase que o proxecto da mina de Doade se tramite consonte á normativa actual, incluídas as esixencias do Regulamento europeo de materias críticas, e sen ningún menoscabo ambiental, de tal xeito que unicamente o proxecto poida ser aprobado se cumpre con toda a normativa, especialmente a medioambiental, avogando por non posicionarse a favor ou en contra deste proxecto mineiro en tanto non haxa un pronunciamento dos técnicos competentes na materia.

O portavoz popular, Alberto Pazos, lembrou que “a mina de litio de Doade, no concello de Beariz, vén de ser declarada de interese estratéxico europeo, o que lle permitiría beneficiarse de financiamento europeo e de maior axilidade na obtención de permisos”. “Un proxecto mineiro enfocado á extracción de litio considerado de interese estratéxico para Europa, e que conta co beneplácito das autoridades europeas, do Goberno de España, do Goberno galego e dos concellos afectados, pero que conta coa frontal oposición dos de sempre, os do non”, sinalou.

“Un proxecto que prevé xerar 320 postos de traballo e dinamizar economicamente unha comarca que vén sufrindo unha perda continuada de poboación desde hai décadas e, polo tanto, necesitada de proxectos que faciliten a fixación de poboación a través de novas oportunidades de emprego”, indicou o portavoz popular.

LONXE DE POSICIONAMENTOS IDEOLÓXICOS

A iniciativa aprobada hoxe no Pleno fai un pronunciamento favorable ao recoñecemento da importancia das materias primas estratéxicas, á tramitación con plenas garantías legais e medioambientais e a evitar prexuízos e respectar o traballo dos técnicos. “Son pronunciamentos alonxados de posicionamentos ideolóxicos, que buscan simplemente unha tramitación sosegada, garantista, baseada en informes técnicos e sen presións políticas ou sociais sen máis base que o prexuízo e o descoñecemento”, dixo Alberto Pazos.

Neste sentido, recordou que este proxecto da mina de Doade “non iniciou a súa tramitación e só conta cun permiso de investigación”, ademais de lembrar que “o anterior proxecto de explotación foi denegado por non cumprir os requisitos medioambientais e os mesmo técnicos que denegaron ese proxecto van avaliar este novo proxecto, polo que merecen o mesmo respecto”.

“Galicia non é unha colonia, senón unha comunidade autónoma madura, con institucións maduras, que aspira a decidir o seu futuro sen máis límite que a lei e contando cos recursos e o financiamento que en xustiza nos corresponden”, rematou o portavoz popular, para incidir que a Comunidade galega “non é unha reserva natural na que a preservación da contorna impide calquera actividade económica”.

O Parlamento galego apoia a rebaixa do nivel de protección do lobo e restablecer o equilibrio entre a preservación da especie e as actividades gandeiras

O Pleno do Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha iniciativa do Grupo Popular que votou en contra o BNG, manifestar o seu apoio á rebaixa do nivel de protección do lobo e, deste xeito, restablecer o equilibrio entre a preservación desta especie e as actividades gandeiras desenvolvidas no rural. Asemade, pídese ao Goberno central que apoie ás comunidades autónomas no desenvolvemento das accións oportunas e que sexan precisas para a xestión do lobo e coas que defender os intereses dos gandeiros.

O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, afirmou que “a convivencia entre a gandería e o lobo non é unha utopía inalcanzable, e mostra disto foi que non hai tanto en Galicia era unha realidade”. Porén, apuntou que a inclusión do lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre) derivou que o número de manadas en Galicia aumentara un 37 por cento nos últimos anos e que esta especie estea presente de forma xeneralizada en todo o territorio, ao cubrir máis do 91 por cento da superficie galega, sen contar as grandes cidades e o Baixo Miño.

MAIOR ESFORZO ORZAMENTARIO

“Este incremento de manadas e a imposibilidade de adoptar medidas de control sobre a especie foron as que contribuíron a que só desde a inclusión do lobo no Lespre os avisos por danos en Galicia aumentasen un 77 por cento e o número de reses afectadas se incrementase un 57 por cento, o que supón unha media de 10 animais domésticos atacados ao día”, explicou.

Gonzalo Trenor manifestou que esta situación “provocou que a Xunta tivese que facer un maior esforzo orzamentario, tanto en axudas para paliar os danos causados polo lobo como na adopción de medidas de prevención, como a contratación de pastores, o uso de cans pastores, a instalación de valados ou pastores eléctricos”.

Pero a situación mudou coa recente aprobación no Congreso dunha rebaixa á protección do lobo ao norte do río Douro, unha iniciativa que corrixía a errada decisión adoptada polo Goberno de Pedro Sánchez en 2021 ao incluír a esta especie no Lespre de xeito unilateral e sen aval científico. “Unha decisión que se mantivo malia que a Comisión Europea e o Convenio de Berna se mostraron favorables a rebaixar a protección da especie, ao entender que se atopa nun bo estado de conservación”, lembrou.

RESTABLECER O EQUILIBRIO

“Galicia foi unha das comunidades que liderou a demanda para retirar do Lespre ao lobo, sempre da man das principais organizacións agrarias, coa pretensión de adoptar medidas de control do lobo e restablecer o equilibrio entre a protección da especie e das actividades gandeiras desenvolvidas no rural”, destacou o portavoz popular.

Para rematar, Gonzalo Trenor manifestou que “a caza do lobo vai seguir estando prohibida, con carácter xeral, pero os cambios introducidos na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética na tempada 2024-25 supoñen incluílo na relación de especies sobre as que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandería coa debida xustificación”.

O Grupo Popular afirma que a Xunta está a traballar con transparencia e anticipación para abordar con rigor e responsabilidade a declaración de zonas vulnerables a nitratos

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta está a traballar con transparencia e anticipación para promover unha resposta coordinada cos concellos e entidades privadas co obxectivo de abordar con rigor e responsabilidade a declaración de zonas vulnerables a nitratos.

Miguel Viso lembrou que “a Administración xeral é a que determina as masas de auga afectadas por nitratos, elaborando os respectivos mapas en base aos datos dos organismos de cuncas hidrográficas”. “Posteriormente, corresponde á administración autonómica é a que debería facer a declaración das zonas vulnerables das masas afectadas, que en todo caso aínda están en fase de avaliación no proceso de discriminación da compoñente agraria do conxunto de nitratos detectados”, indicou.

Diante desta situación, o portavoz popular indicou que “a Consellería do Medio Rural xa iniciou unha serie de encontros con alcaldes, asociacións profesionais, cooperativas, empresas de distribución e industria, co obxectivo de abordar con rigor e responsabilidade a cuestión da sustentabilidade ambiental da gandaría galega e as súas perspectivas de futuro”. En concreto, explicou que “nestes encontros estase a analizar a situación da concentración de nitratos nas augas como paso previo e necesario para a declaración oficial das zonas vulnerables, conforme marca a normativa estatal”.

Alberto Pazos mantén a primeira toma de contacto cos grupos da oposición para consensuar o perfil profesional da persoa candidata á Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, mantivo esta mañá no Parlamento de Galicia unha primeira toma de contacto con representantes dos grupos parlamentarios da oposición para concretar aspectos sobre o perfil profesional da persoa candidata á Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), unha vez que no día de onte o Grupo Popular solicitou o inicio do procedemento para a súa elección.

Alberto Pazos trasladou a disposición do Grupo Popular de consensuar cos grupos da oposición o perfil da persoa que se faga cargo da dirección da CSAG, seguindo o mesmo espírito que mantivo durante a tramitación da recentemente aprobada Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital. En concreto, Pazos avogou porque a elección desta persoa pivote sobre principios como a experiencia, o coñecemento do sector audiovisual e a súa valía profesional.