Alfonso Rueda e a “forza do PPdeG” arroupan a Alberto Núñez Feijóo como o político “forte, honrado e motivado” que liderará o cambio “imprescindible e inaprazable” en España

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, defende a forza do partido en Galicia cunha mobilización “impresionante” no Multiusos Fontes do Sar, “xusto cando máis o precisamos neste país”, poñendo en valor este gran mitin dentro dunha campaña de Eleccións Xerais na que “os galegos e galegas iremos a por todo”, dixo, pedindo de novo o apoio para Alberto Núñez Feijóo para que dende a súa terra “sexamos o motor do cambio”. Así, definiuno como un político “forte, honrado e motivado” que “está no seu mellor momento”, polo que lanzou unha mensaxe para o resto de españois, asegurándolles que “non se van arrepentir de votalo”, porque será bo para Galicia e para España. Para Rueda, o cambio necesario é, ademais, “imprescindible e inaprazable”.

Así o manifestou no mitin celebrado esta mañá en Santiago de Compostela e encabezado polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, no que tamén interveu o secretario xeral do PP, Miguel Tellado; o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a número dous ao Congreso pola Coruña, Fabiola García. Estiveron acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, así como outros cargos do partido, militancia e simpatizantes das catro provincias galegas, ademais doutros representantes e apoios trasladados desde toda España para arroupar ao líder do PP nacional.

“A Galicia non ten que vir ninguén a presentar a Alberto Núñez Feijóo, porque o coñecemos nas duras e nas maduras”, sinalou durante a súa intervención o presidente do PP autonómico. Tamén lamentou os oito anos de Goberno de Sánchez e os seus socios, baseado na “indecencia, na corrupción e nas mentiras” que, ademais, tamén fixo dano a Galicia, sendo “incompetentes e inxustos” coas preocupacións e necesidades dos galegos e galegas.

Rueda insistiu na necesidade dun Goberno que “coñeza a nosa xente, o noso rural, e que valore Galicia. Porque pedimos lealdade e compromiso”. Así, insistiu na súa xa tradicional mensaxe para criticar os acordos de Sánchez con outras comunidades autónomas que lle son máis útiles: “Non pedimos máis que ninguén, pero non imos deixar que nos quiten as cousas para darllas aos demais”, dixo.

A PEOR SUCURSAL DE SÁNCHEZ, EN GALICIA

Tamén fixo referencia aos radicalismos e aos partidos que deron o seu apoio a Sánchez durante estes oito anos de goberno, como o caso do BNG. “En Galicia temos a peor sucursal do PSOE en toda España”, subliñou, en referencia á UPG, “os que mandan no BNG”, que, en realidade, “son os máis bravos no Parlamento”, mentres no Congreso, “o seu único candidato é o máis manso”, afeando que apoiaron ao sanchismo a cambio de nada para Galicia.

Neste sentido, tamén mencionou “aos que veñen a levantar muros” a unha Galicia á que “non lle gusta crispación”. Así, defendeu que na nosa terra “somos galegos e españois, con orgullo e sen complexos”, polo que insta a que ninguén “nos faga elixir”.

Co Multiusos Fontes do Sar cheo, auguroulle a Alberto Núñez Feijóo que o acto en Galicia lle dea “forza” para o que resta de campaña. “Alberto Núñez Feijóo está no seu mellor momento”, reivindicou, mentres as gradas lle amosaron o seu apoio con aplausos e con cánticos de “Oa, oa, Feijóo a la Moncloa” ou “Feijóo, presidente”.

DIEGO CALVO: “ESTÁ EN XOGO O FUTURO DE ESPAÑA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, apelou á mobilización e á unidade do partido, xa que “está en xogo moito máis ca un cambio de Goberno: está en xogo o futuro de España”. Calvo destacou a importancia dunha cita electoral na que os cidadáns terán a oportunidade de apostar por un proxecto de estabilidade, confianza e xestión fronte ao desgaste do Goberno de Pedro Sánchez.

O dirixente popular reivindicou a figura de Alberto Núñez Feijóo como “un valor seguro que os galegos coñecemos ben”, lembrando a súa traxectoria e a súa capacidade de xestión á fronte da Xunta de Galicia. Así, amosouse convencido de que Feijóo representa a alternativa que necesita o país para recuperar a estabilidade institucional, a confianza e a atención aos problemas reais dos cidadáns.

Por último, asegurou que o PP da provincia da Coruña vai implicarse ao máximo nesta campaña, mobilizando todos os seus equipos e chegando a cada concello, vila e parroquia.

Tamén interveu no mitin a número dous ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, que lembrou que a súa etapa como responsable da área de Política Social e Igualdade do Goberno galego ensinoulle a poñer en valor ás persoas máis vulnerables.

8.000 PERSOAS AMOSARON O SEU APOIO AO “SUPERHEROE” FEIJÓO

O Multiusos Fontes do Sar acolleu unha mobilización masiva de apoio ao presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo. Un total de 8.000 asistentes, chegados de toda Galicia, achegáronse a Santiago de Compostela para darlle o seu apoio a un galego que aspira a ser o presidente que o Goberno de España precisa e merece. Baixo o lema “O cambio necesario”, miles de simpatizantes e afiliados apoiaron a candidatura de Alberto Núñez Feijóo para desaloxar a Pedro Sánchez da Moncloa o próximo 29 de novembro.

Durante o acto, tamén se proxectaron varios vídeos, como a peza audiovisual estreada no inicio da campaña no que un Feijóo convertido en superheroe de cómic protagoniza unha batalla épica contra un adversario que encheu de “escuridade” España. Tamén se visualizou un emotivo vídeo no que a nai de Feijóo falou dos aspectos máis persoais do seu fillo, ao que desexou a maior das sortes de cara ao 29 de novembro.

Alfonso Rueda anima aos galegos e galegas a “encher as urnas de futuro” dándolle o voto á “reconstrución nacional” de Núñez Feijóo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide o voto para o Partido Popular e Alberto Núñez Feijóo, “a única persoa capaz de emprender a reconstrución nacional”, como “ben saben” os galegos e galegas. Para Rueda, hoxe comeza a conta atrás para “o cambio necesario”, tras oito anos de desgoberno do sanchismo e os seus socios -como o BNG-, polo que anima a que Galicia sexa “o motor de cambio”, “enchendo as urnas de futuro para España” o próximo 29 de novembro nas Eleccións Xerais.

Así o manifestou o líder do PPdeG no tradicional acto de inicio de campaña electoral, que se celebrou no hotel Eurostars San Lázaro de Santiago de Compostela, xunto ao secretario xeral do PP nacional e cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Tellado. No acto tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e o presidente do PP de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea. Tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e outros cargos e representantes do partido.

O presidente do PPdeG pediu aos seus unha “marcha máis” nestas dúas semanas de traballo intenso e ilusionante de campaña, co obxectivo de “non confiarse”, xa que cada voto conta e as eleccións “só se gañan nas urnas”. Para Rueda, é fundamental o cambio da man de Alberto Núñez Feijóo, xa que “España merece algo mellor”, e chama aos galegos e galegas a “non fallar”, para que a vitoria do líder nacional do PP sexa con maioría sólida e ampla.

De Alberto Núñez Feijóo valora a súa experiencia, o seu compromiso inquebrantable co país e o proxecto de reconstrución nacional para todos os españois. “Vainos o futuro nisto”, sinalou Rueda.

O presidente dos populares galegos reivindica que España “non merece” un Goberno coma o de Sánchez e os seus socios, lembrando os casos de Koldo e Ábalos, a falta de orzamentos xerais, a desprotección e abandono das fronteiras en Ceuta ou o feito de que este Goberno central se blinda os pluses a directivos de Adif mentres o sistema ferroviario “fai augas” en todo o país.

“España merece algo mellor. Un Goberno de reconstrución, de esperanza. Un Goberno con Alberto Núñez Feijóo como presidente”, concluíu Rueda. Na mesma liña interveu Miguel Tellado, quen tamén pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo e agradeceu a acollida e o apoio que sempre ten en Galicia.

DIEGO CALVO: “É O MOMENTO DE ESTAR NA RÚA”

Pola súa banda, o presidente do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, cualificou como “decisivas” as xornadas de campaña, polo que aspira que os populares “percorramos toda a provincia, para estar en cada concello, en cada comarca e para chegar a todos os galegos e galegas”. Para Calvo, é o momento de estar na rúa e trasladar a mensaxe do Partido Popular, cunha campaña que, sinala, “debemos afrontar coa máxima ilusión, responsabilidade e intensidade”.

“O noso obxectivo é claro: conseguir que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España. Queremos que a súa voz, o seu proxecto e as súas propostas estean presentes en toda a provincia da Coruña”, sinalou, polo que pide aos cidadáns que confíen no proxecto popular. “Cada voto conta, cada apoio importa e cada conversa pode ser decisiva”, engadiu.

Calvo aspira a que a provincia da Coruña “estea á altura”, e pide a todos os galegos e galegas que dean a súa confianza a Alberto Núñez Feijóo para “abrir unha nova etapa política en España”, onde A Coruña “ten moito que dicir nese futuro”.

BORJA VEREA: “SANTIAGO VAI SER A PUNTA DE LANZA DA VITORIA DE ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

Por último, o presidente do PP de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea, agradeceu a elección da capital de Galicia para un momento tan importante como o inicio da campaña electoral en Galicia. Para Verea, é “un acerto, porque Santiago vai ser a punta de lanza da vitoria de Alberto Núñez Feijóo”.

Verea definiu a Feijóo como “o mellor candidato”, destacando, entre outros valores, a honestidade, a solvencia, e o rigor. “Temos un candidato que sabe gañar, temos as mellores ideas e representamos o cambio necesario”, apuntou.

O portavoz do PP local tamén se dirixiu a todos os santiagueses e santiaguesas, lembrando que despois das Eleccións Xerais chegará o reto das municipais, onde se elixirá ao próximo alcalde de Santiago. “Non vai haber ningún presidente do Goberno que se preocupe e vaia apoiar máis a Santiago que Alberto Nuñez Feijóo”, concluíu.

Paula Prado lamenta a folga xeral “contra a oposición” cun carácter “electoral e partidista” e en defensa do Goberno que máis dano lle ten causado a Galicia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, critica á esquerda que convocou hoxe unha folga xeral “insólita”, xa que se trata da primeira vez que se fai contra a oposición e non contra o Goberno. Para Prado, trátase dunha convocatoria “electoral e partidista que non pensan nos traballadores”, fronte a un Partido Popular “que si se esforza e pensa na veciñanza”. Neste sentido, identifica aos manifestantes como “defensores do Goberno que máis dano lle ten causado a Galicia” nestes oito anos de xestión de Sánchez e os seus socios do BNG. “O Grove, Galicia e España merecen un cambio o próximo 29N con Alberto Núñez Feijóo”, engade.

Así o manifestou durante un paseo polo Grove, acompañada polo cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, e a portavoz do PP local, Carolina Otero. Durante a visita á vila, lamentou a “parálise e falta de xestión” por mor de “gobernos de perdedores” coma o do Grove, “esgotado como o Executivo sanchista”. Pola contra, puxo en valor o “gran equipo” do PP local, que fai “oposición valente e forte”, sen ceder aquí tampouco a “folgas electoralistas e intereses persoais”.

“Hoxe os sindicatos e os satélites dos partidos de esquerda tamén están apoiando esta convocatoria”, dixo, sinalando ao BNG como “cómplice dende hai oito anos do Goberno sanchista”. Ao mesmo tempo, a núemro dous dos populares galegos lembrou que apoiar ao BNG o próximo 29N sería o mesmo que apoiar ao PSOE.

Prado sinalou que “mentres tanto, no PP somos o partido dos traballadores, que hoxe non se mobilizan porque significaría apoiar ao Goberno corrupto”, que non construíu nin unha soa vivenda e que encareceu o custo da vida en España coma nunca antes, remarcando que o PP está ao carón dos “traballadores, e o dereito ao traballo é tan importante como o dereito á folga”, criticando que os piquetes impidan a moitos galegos e galegas ir a traballar.

Por último, defendeu que o único capaz de liderar a reconstrución nacional é o Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo, cun programa “do cambio necesario”, que “refará o que desfixo o sanchismo e os seus socios”.

Paula Prado pon en valor os “grandes equipos” do PP da comarca de Sarria, aos que pide un “esforzo” para sumarse ao “cambio necesario” en España

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, xunto ao candidato ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, e a presidenta do PP local, Carmen José López, participaron hoxe nunha reunión de alcaldes e portavoces da comarca de Sarria. A número dous dos populares galegos e directora da campaña do PPdeG ás Eleccións Xerais reivindicou aos populares da comarca como un “gran equipo”, ao que lles pediu un “plus de esforzo” de cara ao reto electoral do próximo 29 de novembro.

Así o manifestou a secretaria xeral durante a reunión de traballo celebrada no Hotel Alfonso IX, onde se puxo en valor o traballo diario sobre o terreo de alcaldes e portavoces, ademais da súa necesaria implicación para contribuír a que Galicia sexa “o motor do cambio necesario” en España, co obxectivo de que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno central.

Paula Prado ve na parálise da variante de Caldas un exemplo da política de recortes de Sánchez e os seus socios con Galicia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, urxe un Goberno de España que mire “polas necesidades dos veciños de Caldas”, lamentando que non teñan resposta aínda sobre o proxecto da variante oeste, do que tería que estar publicado no BOE a súa paralización dende marzo e en proceso de redacción un novo estudo, “e en novembro seguimos esperando”, sinalou, lamentando que isto supón graves prexuízos para a veciñanza deste concello e do de Portas.

Para Prado, os intereses partidistas da esquerda están detrás desta parálise. A número dous dos populares galegos, ve nesta situación un “exemplo máis de como trata Sánchez a Galicia”, castigada e somerxida nunha política de recortes nos que “as infraestruturas están abandonadas”, polo que o cambio “só é posible da man do PP e de Alberto Núñez Feijóo”.

Así o manifestou durante un paseo por Caldas de Reis, xunto ao cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, e o presidente do PP local, Fernando Pérez, ademais doutros cargos do partido e candidatos da provincia. Durante o seu paseo polo mercadiño do municipio, insistiu en que a parálise da variante oeste é froito dun Goberno sanchista “de palabras e promesas, incapaz de executar nada”.

Por iso, Prado defendeu o gran cambio, da man do Partido Popular, para que a veciñanza de Caldas e do resto de Galicia obteña, por fin, “verdade, valores, xestión, rigor e responsabilidade”.

“Estamos cansos de corrupción, de traxedias e de ver como se leva prexudicado a Galicia durante oito anos, da man de Sánchez e os seus socios a España”, dixo Prado. Neste punto, lembrou que o independentismo galego do BNG foi “incapaz de romper con Sánchez” en todo este tempo, pese aos danos que lle leva causado a Galicia. “O BNG é tan culpable de que Caldas non teña en marcha un novo proxecto da variante oeste ou de que os agravios a Galicia sexan constantes como o é Pedro Sánchez, porque son o mesmo perro con distinto colar”, engadiu.

Prado fixo un chamamento a que o 29N a cidadanía “coloque a Galicia no lugar que lle corresponde”, apostando polo proxecto do PP. “Con Alberto Núñez Feijóo na Presidencia do Goberno, Galicia recuperará todos aqueles proxectos que Sánchez lle arrebatou nestes oito anos”, sinalou.

JULIO GARCÍA COMESAÑA RECLAMA “DEIXAR DE PERDER O TEMPO”

Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, enmarcou o fallido proxecto na “política de castigo” do Goberno de Sánchez á provincia de Pontevedra, posto que o estudo informativo da variante oeste saíu publicado ás agochadas en pleno verán, fíxose de costas aos veciños e o trazado prioritario fendía o territorio, causaba graves afeccións nas parroquias de Saiar, Bemil, Santa María e Godos e derrubaba máis dunha decena de casas.

O candidato popular concretou que o percorrido proposto cancelouse pola presión veciñal e polo traballo do PP de Caldas tras a presentación de máis de 3.000 alegacións, pero lembrou que aínda hai que estar alerta, posto que o PSOE leva oito meses negándose a confirmar oficialmente a anulación do mesmo a través da correspondente publicación no BOE, como piden os afectados e o PP.

Por iso, Comesaña reclamou que “deixen de perder o tempo”, xa que esta actuación leva oito meses paralizada na súa tramitación, e insistiu en que debe cancelarse xa este trazado tan lesivo e comezar de inmediato coa redacción dun novo estudo informativo centrado no percorrido acordado unanimemente polo pleno de Caldas no ano 2008. O candidato pontevedrés asegurou confiar en que esta situación remate da man de Alberto Núñez Feijóo tras o 29N.

Finalmente, o voceiro municipal do PP, Fernando Pérez, quixo agradecer o traballo dos deputados no Congreso e no Parlamento galego durante os últimos quince meses para visibilizar os enormes problemas que causaría esta variante oeste e para conseguir a súa paralización, aínda que polo momento sexa só de palabra, e amosouse confiado en que o futuro goberno de Alberto Núñez Feijóo “escoitará a Caldas e impulsará a variante que Caldas necesita”.

Paula Prado defende a “estabilidade” do modelo popular fronte a “experimentos” e “coalicións de perdedores” como en Cambados e no Goberno central

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindica a estabilidade do partido fronte aos “gobernos de experimentos” doutras formacións, como no caso de Cambados, cun tripartito no que a líder do PP local, Sabela Fole, exerce unha oposición “valente e seria”. Así o manifestou durante un mitin neste concello, no que sinalou que estas coalicións representan “a peor cara da política”, fronte ao “cambio necesario” que merece España e que virá, insiste, da man de Alberto Núñez Feijóo.

A número dous dos populares galegos apostou por Cambados e Galicia como “motor de cambio” para o 29N, no mitin no que participou xunto ao presidente de honra do PPdeG e expresidente do Goberno de España, Mariano Rajoy. Na cita tamén interveu o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, e a portavoz do PP de Cambados, Sabela Fole. Neste sentido, Prado agradeceu a Mariano Rajoy a súa implicación con Galicia e o seu apoio constante.

“En Cambados vemos as consecuencias deses gobernos de socios e cómplices, deses gobernos que só pensan no sillón e fan que a veciñanza perda proxectos e servizos”, sinalou Prado, lembrando que Sánchez goberna no país grazas a socios coma o BNG, que “levan sosténdoo oito anos, sen pedir explicacións e sen pedir nada a cambio para Galicia”.

Para a número dous dos populares galegos, hai que evitar que se produzan “coalicións de perdedores” como as de Cambados ou as do propio Goberno central, polo que anima aos populares a realizar un “plus de esforzo” para que o cambio en España sexa posible a partir do 29 de novembro.

Ademais, tamén fixo referencia a que despois do reto das Eleccións Xerais, tamén virá o reto dos comicios municipais, polo que “o que ocorra o 29N, tamén nos marcará o rumbo para que vilas tan fermosas como Cambados poidan volver a funcionar”.

Prado insiste en que 29N será o momento de elixir “entre decencia ou delincuencia”, lembrando que o PSOE representa a segunda opción. “Sánchez mente e amaña. A súa corrupción parece non ter fin”, dixo, lembrando as traxedias ferroviarias, a invasión de Ceuta, o caso das xoias de Zapatero ou os novos rexistros da UCO na casa de Ábalos.

Prado insistiu en que “o autor ten cómplices”, en referencia ao independentismo galego, que en oito anos de Goberno “non foi capaz de pedir explicacións nin de reclamar un trato xusto para Galicia”. Por iso, insiste, PSOE e BNG “son o mesmo perro con distinto colar”, fronte a única opción “válida e útil” para os galegos e galegas, o Partido Popular.

“Alberto Núñez Feijóo cumprirá, xestionará e reconstruirá. Feijóo representa a decencia, o rigor e a capacidade de xestión”, concluíu.

GARCÍA COMESAÑA DEFENDE Á XENTE TRABALLADORA DE CAMBADOS

Na súa intervención, o cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, cualificou a Cambados como unha terra de xente traballadora, autónomos, comerciantes, mariñeiros produtores de viño e familias e dirixiuse a eles para pedirlles a confianza en Alberto Núñez Feijóo e o PP para deseñar un futuro cunha fiscalidade máis xusta e con medidas reais e efectivas contra a disparada inflación, de apoio aos sectores produtivos e para favorecer o acceso a unha vivenda.

“Mentres as familias teñen cada vez máis dificultades para chegar a finais de mes, o Goberno de Sánchez está a asfixiar á xente a impostos”, aseverou o candidato popular, antes de concretar que nos últimos sete anos a recadación tributaria na nosa provincia medrou un 70% “sen que iso se nótase na calidade de vida, no estado da estradas, nos investimentos e en absolutamente nada, porque Cambados e a provincia están totalmente abandonados polo PSOE”.

Comesaña engadiu que España precisa “a xestión e atención aos cidadáns” que representa Alberto Núñez Feijóo e advertiu de que o 29 de novembro “temos unha oportunidade extraordinaria que temos que aproveitar co voso traballo e implicación no proxecto do PP”.

SABELA FOLE: “IMOS DEIXAR ESTE CICLO NEGRO ATRÁS”

Pola súa banda, a presidenta do PP de Cambados, Sabela Fole, comparou os gobernos de Sánchez e do alcalde, Samuel Lago, sinalando que “en ambos casos estamos ante executivos multipartitos nos que se atenden os seus propios intereses persoais antes que os reais da xente e que se caracterizan por unha xestión desastrosa”. “No noso concello sufrimos o dobre que o resto, porque aguantamos a Sánchez e a Lago, pero nos próximos sete meses imos deixar este ciclo negro atrás con gobernos do PP en España e Cambados”, concluíu.

Alfonso Rueda celebra coa comunidade venezolana de toda Galicia a Feira da Chinita en Ourense

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, celebrou coa comunidade venezolana residente en Galicia a súa X Feira da Chinita, un encontro que se celebra tradicionalmente no Campo da Feira de Ourense e que congrega ao longo do día a milleiros de asistentes. O líder dos populares galegos aproveitou para coñecer de primeira man e felicitar aos emprendedores de diversos sectores que instalaron os seus postos nesta festa, así como para darlles a coñecer o proxecto do Partido Popular, comprometido coas demandas e necesidades da comunidade venezolana.

Acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a presidenta da Xunta Xestora do PP de Ourense e candidata á Alcaldía, Ana Méndez, percorreu os diferentes postos e desfrutou da variada gastronomía venezolana que se instalou no recinto feiral. O presidente tamén se reuniu con representantes de diversas asociacións da comunidade venezolana repartidas por toda Galicia, que se trasladaron a esta festa en Ourense para compartir unha xornada de diálogo e desfrute.

Alfonso Rueda reivindica a “política útil” do Partido Popular para o 29N fronte aos “escándalos” do Goberno de Sánchez

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe en Lalín a “política útil” do Partido Popular, con “xestión, seriedade, responsabilidade e compromiso”, fronte aos “escándalos constantes” do Goberno de Sánchez. Por iso, o líder dos populares galegos tildou a candidatura ao Congreso e Senado da provincia de Pontevedra -así como Coruña, Lugo e Ourense- como o “motor do cambio” para que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente de España o 29N, unha “oportunidade importantísima par ao futuro do país”.

Así o manifestou durante o tradicional xantar e magosto do PP de Lalín, no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, exercendo de anfitrión o alcalde de Lalín e candidato ao Senado pola provincia, José Crespo. Na cita, que contou con máis de 1.500 asistentes, tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Julio García Comesaña, e a cabeza de lista ao Senado por Pontevedra, Nidia Arévalo, así como outros cargos do partido.

Rueda, que aplaudiu a capacidade de unión e traballo do Partido Popular de Lalín, fixo fincapé na importancia de trasladar o modelo galego a España, con gobernos “que se preocupan por resolver os problemas reais da cidadanía”. “Veño dun retiro do Goberno galego no que estivemos traballando por acadar oportunidades, mellorar os servizos públicos e seguir avanzando para ofrecer o mellor de nós aos galegos e galegas”, sinalou o presidente do PPdeG, contrapondo esta forma de “facer as cousas” ás do Goberno de Sánchez, o que “ten que acabarse xa”.

Neste sentido, pediu desde Lalín, “onde son as grandes vitorias”, seguir traballando porque Alberto Núñez Feijóo “acade un gran resultado en Galicia”, asegurando que co equipo que hai en Lalín, na provincia e en toda Galicia “Alberto Núñez Feijóo será o próximo presidente de España”. “Con esforzo e coa confianza que depositades en nós, seguiremos facendo política útil e reivindicando en España ás necesidades dos galegos e galegas”, concluíu.

LUIS LÓPEZ: “O PROXECTO POPULAR SEGUE A MEDRAR”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, puxo en valor a histórica capacidade de convocatoria do alcalde, José Crespo, ao reunir a máis de 1.500 persoas. López sinalou que este xantar duplica o milleiro de asistentes de 2018 e demostra que o proxecto popular segue a medrar para revalidar a Alcaldía nas eleccións de maio. “O mérito non é só reconquistar o goberno, senón quedarse, cumprir o prometido e repetir elección tras elección. Mentres Crespo reúne a “tantísima xente”, outros non enchen nin o salón das súas casas”, afirmou. Luis López definiu o concello como “o quilómetro cero de Crespo” e destacou a súa paixón e insistencia para conseguir investimentos.

O presidente provincial tamén pediu unha participación masiva nas eleccións do 29 de novembro para lograr un cambio de rumbo en España. López asegurou que Alberto Núñez Feijóo é “o único candidato ao que non hai que explicarlle que é Lalín nin o que precisa”, fronte a un Pedro Sánchez que “necesita un mapa e a axuda da Intelixencia Artificial” para situar o municipio.

“Isto vai de abrir unha etapa de tranquilidade, verdade e xestión fronte ao espectáculo e o enfrontamento”, sinalou o presidente provincial. “O 29N temos a oportunidade de ter a un amigo de Lalín e comendador do Cocido á fronte do Goberno de España”, concluíu.

JOSÉ CRESPO: “O CAMBIO QUE NECESITA ESPAÑA POR FIN VAI CHEGAR”

Por último, o alcalde de Lalín e candidato ao Senado, José Crespo, destacou durante a celebración do magosto popular a fortaleza, a unidade e a capacidade de mobilización da familia do Partido Popular de Lalín, “unha das máis numerosas de Galicia”.

Crespo agradeceu a implicación de afiliados, simpatizantes e colaboradores, e insistiu na importancia de seguir traballando para trasladar á veciñanza as propostas do Partido Popular e a necesidade dun cambio político en España. “Hoxe estamos aquí para celebrar un magosto, pero de momento non hai nada máis que celebrar. Temos por diante días de moito traballo, nos que debemos seguir amosando que o cambio que necesita España por fin vai chegar”, subliñou.

Crespo puxo tamén en valor a estreita vinculación de Alberto Núñez Feijóo con Lalín, asegurando que “Feijóo coñece mellor que ninguén Lalín, sabe perfectamente o que necesita este concello e sempre demostrou o seu compromiso cos lalinenses”. Neste sentido, destacou a importancia de manter unha interlocución directa con quen coñece de primeira man as necesidades do noso concello e agradeceu a confianza depositada nel para continuar formando parte das listas ao Senado, unha decisión que considera “unha oportunidade para Lalín e para seguir defendendo os intereses dos seus veciños”, afirmou.

Paula Prado reivindica no magosto do PP de Verín a unión dos populares como “motor de cambio” para os próximos retos electorais

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, participou hoxe en Verín no magosto dos populares locais, no que puxo en valor a “unión” e a “forza” do PPdeG como “gran motor de cambio” para que o próximo 29 de novembro o presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, se converta no presidente do Goberno de España. Así llo trasladou a afiliados, simpatizantes e veciñanza verinesa.

Acompañada polo presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor; o candidato do PP á Alcaldía de Verín, Víctor Baladrón, e a presidenta da Xunta Xestora local, Luisa Valladares, compartiu cos veciños e veciñas esta tradicional festa na que aproveitou para defender que o PP de Verín “estará á altura” dos seguintes retos electorais, xa que despois das Eleccións Xerais, compre “estar listos e coa maquinaria de sempre engraxada” de cara ás Municipais.

Paula Prado participa no tradicional magosto das Curuxeiras, en Ourense, e reitera o apoio do PP ás preocupacións da veciñanza deste núcleo rural

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, participou hoxe no tradicional magosto das Curuxeiras de Ourense, organizado pola asociación veciñal As Laxas, onde felicitou á veciñanza pola súa unión e pola intensa actividade social e cultural que promoven na contorna, ademais de reiterar o apoio do Partido Popular coas necesidades deste núcleo rural.

Acompañou á veciñanza neste magosto ao que tamén asistiron a presidenta da Xunta Xestora do PP local e candidata á Alcaldía da cidade, Ana Méndez, e outros cargos do partido, entre os que participaron candidatos e candidatas ao Congreso e Senado pola provincia de Ourense nas eleccións do 29N. Durante o encontro, os populares puideron escoitar de primeira man as necesidades da veciñanza deste núcleo rural da cidade e dar a coñecer o proxecto do Partido Popular para a reconstrución de España a partir do 29N da man de Alberto Núñez Feijóo.