O PPdeG traslada ao Congreso dos Deputados a solicitude de transferencia das competencias de meteoroloxía a Galicia

 

O PPdeG traslada ao Congreso dos Deputados a solicitude de transferencia das competencias en materia de meteoroloxía concretas para unha máis precisa xestión das alertas derivadas dos avisos meteorolóxicos en Galicia co fin de contar cun sistema meteorolóxico “con capacidades de alta precisión e adaptado ás características particulares da Comunidade”.

Logo de que o pasado mes de decembro o Parlamento de Galicia aprobase esta demanda e á espera de que o Goberno central faga efectivo o traspaso desta competencia, os deputados galegos na Cámara Baixa veñen de rexistrar unha proposición non de lei coa que afondan na importancia desta demanda “para garantir a seguridade e a resiliencia da poboación galega e os seus sectores produtivos”.

No texto da iniciativa explican que, aparte de existir precedentes de comunidades autónomas que xa teñen avanzado no seu autogoberno no relativo ás competencias sobre meteoroloxía e emerxencias, como é o caso do País Vasco e Cataluña, Galicia conta ademais con “rasgos xeográficos e climáticos particulares” polo que é preciso contar cunha rede de medición de parámetros meteorolóxicos máis completa e precisa no territorio.

Fan referencia así á súa extensión costeira, ao seu clima proclive a precipitacións intensas e ventos de alta velocidade, á influencia das mareas en núcleos poboacionais e industriais, e a como a combinación de todos estes factores afecta de xeito particular ás numerosas áreas rurais espalladas por todo o territorio.

“A especificidade climática de Galicia demanda un sistema meteorolóxico con capacidades de alta precisión e adaptado ás súas características particulares”, argumentan sinalando que a creación do organismo autonómico Meteogalicia derivou precisamente da “insuficiencia” da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para responder a estas necesidades específicas.

Desde a súa posta en funcionamento, destacan, MeteoGalicia consolidouse como “un referente na observación e predición climática” que conta cunha rede de radares avanzados e precisos cubrindo todo o territorio –en total, 160 estacións meteorolóxicas fronte ás 52 da Aemet– e que, grazas á súa proximidade e ao seu coñecemento do terreo, proporciona avisos máis axustados ás realidades locais e que melloran así as alertas temperás para a prevención dos riscos.

“A pesar da súa demostrada eficacia, Meteogalicia desprega de maneira limitada a súa capacidade por unha supeditación ao sistema estatal. Algo que restrinxe a súa capacidade para desenvolver todo o seu potencial”, conclúe a iniciativa dos populares e polo cal instan ao Goberno central a adoptar as seguintes medidas:

Reforzar e mellorar a colaboración xa existente coa Xunta de Galicia para que MeteoGalicia ostente competencias suficientes que permitan equiparar os efectos xurídicos dos avisos meteorolóxicos propios cos da Aemet, respectando e compartindo as competencias do Goberno central nesta materia en todo o territorio do Estado.
Garantir un incremento do investimento na rede de observación e predición meteorolóxica autonómica, con especial énfase na mellora de infraestruturas como radares, estacións meteorolóxicas e sistemas de modelización climática.
Transferir á Comunidade Autónoma de Galicia os recursos persoais e materiais precisos, en virtude da delimitación das competencias estatais e autonómicas, no marco dunha política de xestión de riscos climáticos adaptada á realidade territorial e climatolóxica galega.

 

O PPdeG pon en valor as políticas que permiten que Galicia siga medrando e trazando un futuro próspero, innovador e con máis emprego

 

O Partido Popular de Galicia pon en valor a estabilidade e a boa xestión do Goberno galego no que se refire ás súas políticas de emprego, permitindo que a nosa Comunidade siga medrando e trazando un futuro próspero, innovador e con cada vez máis postos de traballo.

En declaracións aos medios esta mañá, a secretaria xeral dos populares galegos asegurou que “a Galicia que funciona exemplifícase con datos” e, neste sentido, apuntou que a nosa Comunidade foi a que rexistrou un maior crecemento do PIB per cápita nos últimos 15 anos e que o pasado ano se pechou coa cifra de paro máis baixa nun mes de decembro de toda a serie histórica.

“Así é como facemos país, creando emprego e sendo un polo de atracción para novos inversores”, concluíu Paula Prado no marco da reunión da Comisión de Emprego do PPdeG celebrada na Bodega Viña Costeira de Ribadavia e que encabezou acompañada polo responsable de Emprego no Goberno galego, José González, e o coordinador desta área no partido, Pablo Fernández.

A número dous do PPdeG salientou así mesmo que a provincia de Ourense é tamén un exemplo neste sentido, xa que o descenso do paro mensual na provincia foi o segundo máis pronunciado de todas as provincias españolas e, na última década, o paro descendeu en Ourense case nun 50%.

Algo que, na súa opinión, non é casualidade, senón que é froito da estabilidade que aportan os gobernos do Partido Popular – tanto na Xunta, como na Deputación ou en concellos como Ribadavia – e que contrasta coa inestabilidade dos “pactos de pelexas” entre PSOE e BNG.

AVANCE NA TRAMITACIÓN DA NOVA LEI DE COOPERATIVAS

Pola súa banda, o responsable de Emprego do Goberno galego, José González, avanzou que este ano se cumprirá o compromiso electoral de rematar a tramitación da nova Lei de cooperativas de Galicia. Unha norma adaptada á realidade actual e futura da nosa Comunidade e que ten como obxectivo a axilización da creación de novas entidades e a consolidación das xa existentes dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas.

Engadiu que o compromiso da Xunta coa economía social se plasma no orzamento destinado a este eido en 2025, que ascende a 44,8 millóns de euros (case un 2,8% máis que o ano pasado).

O titular de Emprego enmarcou as accións a prol da consolidación deste ecosistema na segunda Estratexia da economía social, unha planificación con horizonte 2027 coa que se aspira a xerar 4.000 empregos e a crear 400 entidades, posicionándose nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.

No campo específico do cooperativismo, recordou que o último Consello da Xunta de 2024 avaliou tanto o programa Aprol Economía Social —para fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais— como a convocatoria única do certame Cooperativismo no ensino e dos Premios á cooperación, neste último caso co fin de avanzar na difusión dos valores deste modelo empresarial solidario e pegado ao territorio.

As cifras, salientou, avalan o apoio autonómico ao cooperativismo, cun aumento dunhas 500 entidades desde 2020 ata chegar agora a preto de 2.000 cooperativas activas en toda Galicia (case 250 na provincia en Ourense) entre as que o sector agrario —dixo— é un claro referente. No marco da súa contribución á creación de actividade económica e emprego, destacou que a provincia ourensá pechou decembro con cifras históricas de paro, con bos datos tanto de emprendemento como de recorte nas listas de desemprego.

AS COOPERATIVAS CONSTRÚEN UN MUNDO MELLOR

O alcalde de Ribadavia, César González, quixo agradecer ao partido que escollera o seu concello para celebrar esta reunión que tivo por obxectivo analizar e realizar propostas no marco do Ano Internacional das Cooperativas declarado este 2025 pola ONU baixo o lema “As cooperativas constrúen un mundo mellor”.

Neste sentido quixo poñer en valor á Bodega Viña Costeira como “unha institución senlleira do cooperativismo galego” que, grazas ao seu vínculo co territorio e a súa aposta pola comarca do Ribeiro, exemplifica “os bos resultados que se acadan coa combinación da nosa xente e a nosa terra”.

O PPdeG márcase como propósito do novo ano “seguir traballando pola Galicia que funciona e facer realidade os compromisos adquiridos”

 

O PPdeG márcase como propósito para este novo ano e logo do apoio maioritario recibido polos galegos e galegas no 2024 “seguir traballando por cumprir a palabra dada, facendo realidade os compromisos adquiridos e blindando a Galicia que funciona co presidente Alfonso Rueda á fronte”.

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que reivindicou que “grazas á normalidade excepcional da que desfruta Galicia, o ano iníciase cuns Orzamentos aprobados e en vigor desde o 1 de xaneiro”.

“Iso é o que permite seguir ofrecendo solucións aos problemas reais dos galegos e galegas en cuestións fundamentais como a conciliación, a igualdade, a educación, a vivenda, a sanidade ou a loita contra a violencia de xénero”, explicou ao tempo que contrapoñía esta situación coa prórroga –por segundo ano consecutivo– dos Presupostos Xerais do Estado do 2023.

Tildando de “parálise” o balance da xestión de Pedro Sánchez, ao que afeou o cerco de corrupción ao seu redor, a número dous dos populares galegos prognosticou un 2025 no que todo apunta que continuarán os agravios constantes do Goberno central coa nosa Comunidade.

“Este debería ser o ano no que, por exemplo, se puxera fin aos problemas ferroviarios ou se fixeran afectivos os traspasos de diferentes competencias. En cambio, empezamos o 2025 con máis problemas ferroviarios, cunha nova subida nas peaxes da AP-9 e a AP-53 e novamente cun bloqueo por parte do PSOE –coa complicidade do BNG– ao traspaso da principal autoestrada de Galicia”, apuntou.

Este agravio é o que levará ao PPdeG a, neste novo ano, continuar “reivindicando a dignidade de Galicia fronte a un socialismo galego que antepón sempre a Sánchez fronte aos intereses dos galegos e fronte a un partido independentista como o BNG, que, como xa fixera cos seus bulos sobre os pélets, segue dedicándose a asustar á xente e prexudicando aos sectores que din defender”.

“Se fixeramos caso ao falso alarmismo dos nacionalistas galegos, hoxe non circularíamos por unha AP-9 que anos atrás definían como ‘navallada a Galicia’, nin contaríamos con empresas tan importantes como Alcoa ou Ence”, concluíu subliñando a compatibilidade entre industria e respecto ao medio ambiente.

A ESQUERDA E VENEZUELA

Paula Prado anunciou que esta tarde tanto ela mesma como unha ampla representación do partido participarán nas mobilizacións que terán lugar nas cidades galegas en defensa da liberdade e da democracia en Venezuela: “O pobo venezolano encherá de esperanza as rúas do mesmo xeito que encheu as urnas de votos pola liberdade e contra a tiranía”.

“Os demócratas temos que seguir ao seu carón e facelo con convicción”, remarcou lamentando que o PSOE galego siga sen esixir a Sánchez que dea a voz de alarma e apelando á necesidade de que “España defenda desde o Goberno do Estado a democracia e a liberdade”.

Do mesmo xeito, criticou con dureza o comunicado asinado esta semana polo BNG e no que non só se fala da ditadura de Maduro como “un modelo político e social”, senón que se fai un chamamento a “solidarizarse coa Revolución Bolivariana”.

Tanto a socialistas como aos nacionalistas invitounos a sumarse ao apoio e a solidariedade amosadas hoxe polo PPdeG coa familia de Carlos Correa, o activista de orixe galego detido en Venezuela nos últimos días. Neste sentido, Paula Prado, pediu abertamente ao Goberno de España que traballe pola súa liberación.

O PPdeG insta ao Goberno central a permitir o uso dos remanentes orzamentarios por parte dos concellos para mellorar os servizos municipais

 

O Partido Popular de Galicia solicita á Fegamp que intermedie co Goberno central para defender aos concellos permitíndolles utilizar o superávit orzamentario de 2024 de xeito autónomo e co fin de financiar aqueles servizos públicos que teñan maior necesidade en cada caso.

Unha medida coa que, en opinión do voceiro dos populares galegos no organismo que representa aos municipios e provincias de Galicia, Ángel Moldes, se contribuiría tamén a “paliar os problemas de financiamento que acusa, de xeito xeneralizado, a administración local”.

“Trátase dunha medida fundamental para os concellos tendo en conta, ademais, o incremento xeneralizado dos custes na prestación de servizos. Uns custes que, nalgúns casos, están provocando un aumento das taxas e dos impostos municipais á veciñanza para poder facerlles fronte”, explica.

Foi durante a última Xunta Directiva da Fegamp na que se recolleu a preocupación que comparten todos os alcaldes e alcaldesas polo uso que van poder facer do superávit orzamentario. Unha incógnita que está condicionando nalgúns casos incluso a elaboración dos orzamentos municipais do ano 2025. “É urxente e necesario que escoiten a voz dos alcaldes e tomen medidas ao respecto”, apunta Moldes neste sentido.

Cómpre recordar que durante os exercicios 2020, 2021, 2022 e 2023 o Goberno central suspendeu as regras fiscais en España. Pero esta medida non se fixo extensible ao 2024, no que, en caso de que non se regule algo distinto ao respecto, se aplicaría o artigo 32 da LOEPSF relativo ao destino do superávit orzamentario.

Ángel Moldes recorda que as regras fiscais limitan o gasto do diñeiro que sobra cada exercicio aos concellos e que, polo tanto, “falamos duns cartos que son da veciñanza e que deberían destinarse á prestación de servizos”.

“Os concellos non somos os culpables da débeda pública, polo que é inxusto que sexamos nós os que debamos asumir de xeito directo estas consecuencias con limitacións de gasto dun diñeiro que é da veciñanza e tendo en conta, a maiores, os problemas de financiamento que sufrimos”, conclúe.

O PPdeG esixe ao Goberno central claridade nos seus plans sobre Muface e garantías na continuidade da atención sanitaria aos mutualistas

 

O Partido Popular de Galicia esixe ao Goberno central unha postura clara sobre os seus plans de futuro para Muface e sobre a atención sanitaria aos mutualistas de xeito que se garanta a súa continuidade asistencial e, de ser necesario, tamén a súa integración progresiva na sanidade pública.

Unha demanda que se produce logo dunha reunión entre deputados do PPdeG no Congreso e representantes do sindicato CSIF na que se abordou a preocupación dos 1,5 millóns de funcionarios que agora están en Muface –máis de 58.000 só en Galicia– polo futuro da súa asistencia sanitaria. Especialmente logo do fracaso que supuxo a primeira licitación efectuada polo Goberno.

“Os prazos vanse rematando e o Goberno central, como en tantas outras cousas, segue sen ter unha postura común e clara sobre esta situación tan complexa”, sostén a deputada Marta González ao tempo que demanda unha maior vontade de negociación coas aseguradoras “para garantir que os empregados públicos reciban a atención sanitaria que demandan”.

Ante isto, os populares galegos trasladaron ao sindicato maioritario de funcionarios o seu compromiso coa defensa, a continuidade e o fortalecemento do modelo de Muface. De aí a súa esixencia dunha solución definitiva por parte do Goberno central que poña fin á incerteza e á intranquilidade de milleiros de empregados públicos que ven perigar a súa asistencia sanitaria.

IMPACTO NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA

Cómpre recordar que, ante a falta de información e planificación do Goberno central, o Goberno galego realizou un informe sobre o impacto que suporía dar atención aos 58.000 asegurados de Muface no sistema sanitario público de Galicia.

As principais conclusións deste informe apuntan a un aumento do gasto sanitario de case 170 millóns de euros ao ano e a un incremento da actividade asistencial actual de entre un 2 e un 3%. Tamén aumentarían en 11,4 días a lista de espera cirúrxica e en 4,3 días a de consulta co especialista.

De aí que desde o PPdeG consideren necesario máis información, máis planificación e máis coordinación por parte do Ministerio de Sanidade. Especialmente ante a posible incorporación ao Sergas destes mutualistas, que, apuntan, deberá ser progresiva e escalonada para non colapsar algúns servizos e garantir a continuidade asistencial.

Paula Prado considera que a mensaxe de Alfonso Rueda é “un chamamento a seguir facendo entre todos que Galicia funcione sen poñerse límites e sen aceptar limitacións”

 

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, considera que a mensaxe de Fin de Ano transmitida hoxe polo presidente Alfonso Rueda constitúe “un chamamento a seguir facendo entre todos que Galicia funcione sen poñerse límites e sen aceptar limitacións”.

“Logo de escoitar ao presidente Rueda, queda claro que 2024 foi o ano no que os galegos e galegas blindaron o sentidiño e a estabilidade que nos fan excepcionais e que, polo tanto, 2025 será un ano no que Galicia seguirá funcionando”, explica.

A número dous dos populares galegos reivindica así a aposta do seu partido pola Galicia que funciona “fronte aqueles que aínda non asumiron o resultado das urnas e seguen paralizados por liortas internas e sometementos partidistas”.

O discurso pronunciado polo presidente Rueda é, na súa opinión, a constatación de que os galegos e galegas contan e seguirán contando cun Goberno centrado na consolidación dunha educación pública gratuíta desde a escola infantil ata a universidade, na creación de emprego, na protección do medio ambiente e na tarefa de facilitar o acceso á vivenda. Ao tempo que segue traballando ademais para preservar a nosa Comunidade como “unha terra aberta na que non sobra ninguén e todos son ben recibidos”.

“Como comprobamos coas propias palabras do presidente, o Goberno galego ten clara a súa prioridade para este 2025: seguir mellorando a vida da xente desde a serenidade e a responsabilidade, sen compracencia e sen conformismos, con traballo e cumprindo a palabra dada”, conclúe Paula Prado.

O PPdeG dá as badaladas de Fin de Ano por primeira vez na súa historia cun toque de humor

 

O Partido Popular de Galicia estrease dando por primeira vez na súa historia as tradicionais badaladas de Fin de Ano, as súas particulares ‘camPPanadas’, e desexando un feliz 2025, cun toque de humor e con Ana Vázquez, Raúl Santamaría e Avelino Souto como protagonistas.

A través dun vídeo estreado hoxe nas redes sociais do partido, os populares galegos botan man de tres dos seus rostros máis televisivos: o deputado autonómico e exconcursante de ‘Reacción en Cadena’, Raúl Santamaría; a deputada nacional e colaboradora en ‘Todo es mentira’, Ana Vázquez; e o coordinador de Medio Rural do partido, Avelino Souto, quen ao longo deste ano se fixo cada vez máis coñecido polas súas intervencións ‘estelares’ nos plenos municipais de Lalín.

Uns protagonistas que representan á súa vez ás mulleres e á mocidade galegas: dous sectores da sociedade que foron clave na vitoria electoral do PPdeG o pasado 18 de febreiro apoiando maioritariamente a Alfonso Rueda.

No vídeo os espectadores atoparanse aos tres políticos aproveitando os momentos previos ás badaladas para emular un concurso televisivo no que Ana Vázquez é a encargada de descifrar palabras a través das pistas que lle van ofrecendo os seus compañeiros. Unha dinámica na que saen a relucir temas que marcaron o ano 2024.

Finalmente, cun escenario tan emblemático como a Praza do Obradoiro de fondo, chega o momento da conta atrás e os protagonistas retransmiten as ‘camPPanadas’, cumprindo coa tradición das 12 uvas desexando un feliz ano 2025 a todos os galegos e galegas, á vez que dedican varias das badaladas aos presidentes Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, a Galicia ou a España, entre outros.

O PPdeG pide ao Goberno central “máis transparencia, menos mentiras cos prazos e a maior axilidade” coa autovía A-54 entre Santiago e Lugo

 

O Partido Popular de Galicia pide ao Goberno de Pedro Sánchez “máis transparencia cos seus proxectos, menos mentiras cos prazos e a maior axilidade” en relación á autovía A-54, que une Santiago de Compostela e Lugo, para que “sexa unha realidade canto antes”.

Nunha visita a Melide, o deputado e portavoz de Infraestruturas do PPdeG no Parlamento galego, Roberto Rodríguez, acompañado da voceira local e exalcaldesa, Dalia García, trasladou esta petición, lamentando que o Goberno central veña amosando reiteradamente que os compromisos con Galicia en materia de infraestruturas non están entre as súas prioridades.

“Os veciños e veciñas de Melide e desta comarca levan moitos anos agardando por unha infraestrutura esencial, a autovía A-54, que o Goberno de Sánchez xa comprometera para o Xacobeo 2021-2022, pero remata este ano 2024 sen ser unha realidade e no ano 2025 tampouco o vai ser”, sinalou Rodríguez.

Nese sentido, emprazou ironicamente aos galegos a volver a incluír tamén esta vía na carta aos Reis Magos, “á que sempre teñen que recorrer os galegos e galegas cando se trata das súas infraestruturas”.

“UN TRÁFICO MOITO MAIOR DO RECOMENDABLE”

O último atraso da A-54 é o da apertura do tramo entre Melide e Palas de Rei, previsto nas últimas intencións do Goberno central para antes de que rematara o presente ano. Un tramo que, non obstante, e tal como denunciaron Roberto Rodríguez e Dalia García, non vai evitar o paso polos núcleos de Melide e tampouco de Arzúa, pola falta de previsión do Executivo de Sánchez.

Este foi un dos motivos da visita do deputado a este concello da provincia da Coruña, onde os seus veciños e veciñas temen polo “colapso” e pola “falta de seguridade viaria” que se vai producir en canto se abra o novo tramo, ao acumularse no centro da vila “un tráfico moito maior do recomendable”.

“Porque mentres non remate o seguinte último treito, ata Arzúa, o centro de Melide e a rotonda principal da N-547 neste concello van estar aínda máis colapsados do normal, con graves problemas para condutores e viandantes”, explicou.

“Avogamos para que esta infraestrutura, a A-54, fundamental para esta comarca, para a provincia de Lugo e para o resto de Galicia, sexa unha realidade canto antes. Todos desexamos poder viaxar de Santiago a Lugo e de Lugo a Santiago de forma rápida e segura”, concluíu Roberto Rodríguez.

Pola súa banda, desde o PP de Melide, Dalia García e o resto dos concelleiros piden ao alcalde, José Manuel Pérez, que “tamén sexa transparente”, non faga caso omiso ás peticións dos seus veciños e dea a cara ante o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. “Necesitamos canto antes un plan de tráfico organizado porque se non, o noso concello seguirá colapsado”, lamentou a voceira local.

Alfonso Rueda ve ao Partido Popular preparado na provincia de Pontevedra para un 2025 aínda mellor que os anos anteriores

 

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que ve ao Partido Popular preparado en Pontevedra para un 2025 aínda mellor que os anos anteriores, tanto a nivel provincial como local.

Na Xunta Directiva Provincial que tivo lugar nesta ocasión no Pazo da Golpelleira, en Vilagarcía de Arousa, o líder dos populares galegos subliñou que o partido está preparado na Deputación, con Luis López á fronte, que leva dous anos exemplo de como facer as cousas ben; preparado nos concellos gobernados polo PP, xa 27 en toda a provincia, que levan ao ámbito local o mellor dos valores populares; e preparado nos grupos municipais na oposición, para loitar polos veciños.

Nese sentido, Rueda salientou que o PPdeG ten un plan, reflectido nuns Orzamentos autonómicos xa aprobados en tempo e forma, e que recollen cuestións tan importantes como a aposta de Galicia pola vivenda, co obxectivo de duplicar o parque público; pola sanidade, con máis de 5.400 M€; e por medidas pioneiras como a gratuidade das matrículas universitarias. Unha aposta que se estende a toda a provincia e tamén moi especialmente á comarca do Salnés que visitou hoxe.

Este PPdeG que ofrece feitos, e non palabras, foi protagonista dun 2024 cun saldo claramente positivo, que comezou en febreiro cunha gran vitoria electoral e continuou en xuño coas europeas, ademais doutros moitos logros, nos que a provincia de Pontevedra foi fundamental.

Por último, Rueda quixo facer fincapé no excelente traballo que está realizando o grupo municipal do PP en Vilagarcía, demostrando que partido foi o que gañou as eleccións locais e cal é a opción preferida polos veciños. Un partido, ademais, con concelleiros que tamén traballan polo municipio desde o Parlamento e o Congreso.

“TRABALLANDO UNIDOS, ACADAMOS OBXECTIVOS”

Pola súa banda, o presidente provincial de Pontevedra, Luis López, animou aos asistentes a seguir traballando no vindeiro ano, tal e como fixeron neste 2024.

“Temos 27 concellos da provincia gobernados polo PP, gobernamos na Deputación e gobernamos na Xunta, e iso é unha mostra de que traballando unidos, imos acadando os nosos obxectivos. Moitas gracias e a seguir traballando para ter unha Galicia aínda mellor”, indicou o líder provincial.

Paula Prado ve representada no discurso do Rei á “Galicia real” que os galegos elixiron o 18 de febreiro “e seguen apoiando con firmeza”

 

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que no discurso que ofreceu a pasada noite o Rei Felipe VI veu representada á “Galicia real” que os galegos e galegas elixiron maioritariamente o 18 de febreiro, nas eleccións autonómicas, e que segundo as últimas enquisas publicadas “seguen apoiando con firmeza”.

“Desde o PPdeG imos seguir impulsando esa Galicia na que cre a gran maioría, para que o noso futuro siga soando ben”, subliñou.

Nun ano no que houbo partidos que apoiaron o veto ao Rei na toma de posesión da nova presidenta de México e outros que seguiron alimentando a desigualdade entre territorios, lembrou Paula Prado, os populares galegos defenden “a Galicia real que é leal á Constitución, que cre na fortaleza do modelo autonómico, e que simbolizan á perfección os presidentes Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo”.

Na súa opinión, neste 2024 no que Felipe VI visitou Galicia máis que nunca, e no que a nosa Comunidade acolleu en Marín á Princesa Leonor, o monarca “demostrou que é o Rei que os galegos e galegas merecemos e necesitamos”.

“Conseguiu unha vez máis representar co seu discurso aos que compartimos os valores de unidade, concordia e respecto”, concluíu Prado, e sinalou que o PPdeG celebra tamén “a súa reivindicación do ben común como principio reitor na política”, así como “a súa defensa da Constitución”.