Rueda asegura que o Goberno galego fixo e seguirá facendo nos Orzamentos un “esforzo especial” pola provincia de Lugo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que o Goberno da Xunta de Galicia fixo este ano nos Orzamentos un “esforzo importante e especial” pola provincia de Lugo e avoga por seguilo facendo, para “acabar as infraestruturas que están empezadas, atender sectores que aquí son fundamentais como o agro e o mar ou prestar servizos sociais”.

Así o manifestou este mediodía ante os máis de 700 asistentes á tradicional pulpada de San Froilán organizada polo PP da provincia de Lugo, acompañado da presidenta provincial e portavoz local, Elena Candia.

Entre outros investimentos, Rueda salientou o plan de choque dotado con 90 millóns de euros para reducir a lista de espera na valoración da dependencia, pero lamentou que o Goberno central queira paralizar este avance e recorrera ante o Tribunal Constitucional a nova regulación autonómica. “Sánchez non é capaz de aprobar uns Presupostos, pero si de estar pendente de criticar que sexamos rápidos nas valoracións, algo que a xente nos pide”, sinalou.

Fronte a isto, dixo o presidente, “non hai outra receita que seguir unidos, defendendo aquilo no que cremos e que pensamos que fai progresar o país”, ademais de “seguir dicindo que non estamos de acordo con todo o que pasa en España”.

Así mesmo, sobre os socialistas lamentou que o líder do PSOE galego, Xosé Ramón Gómez Besteiro, “estivo dicindo que Lugo era a provincia peor tratada nos Orzamentos, pero dixo o mesmo de Ourense, A Coruña e Pontevedra”. “Non conta a verdade en ningún sitio”, resumiu Rueda.

Dirixíndose aos presentes e falando da posibilidade dunha convocatoria de eleccións xerais, pediulles estar “preparados” e “unidos” para “estar fortes como partido” e “para darlle todo o impulso a quen ten que cambiar todo o que está pasando en España: Alberto Núñez Feijóo”.

“Poderémolo conseguir se contamos con Lugo, a provincia que sempre lle dá ao Partido Popular os mellores resultados de España. Hai que dicirlle aos que prefiren comer chistorras que aquí en Lugo teñen moi pouco sitio para pasalo ben”, ironizou o líder dos populares galegos, que enxalzou o “equipazo” do PP provincial.

Por último, fixo dous recoñecementos: por unha banda, a Elena Candia, á que pediu seguir sendo a mesma que “non dá un balón por perdido” e, por outro lado, tanto aos profesionais como á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, polo seu traballo durante os lumes do pasado verán.

CANDIA: “DEPENDEMOS DE NÓS MESMOS PARA LOGRAR O CAMBIO POLÍTICO QUE O CONCELLO E A DEPUTACIÓN PRECISAN”

Pola súa parte, a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, subliñou durante a súa intervención que “dependemos de nós mesmos para lograr o cambio político que o Concello e a Deputación precisan”.

Candia tamén lembrou que “temos demostrado que somos a forza política que ten capacidade para chegar a acordos” e tamén que “sabe xestionar, resolvendo problemas e liderando proxectos”. Nese sentido, remarcou que “a Xunta de Galicia é a única administración que goberna para todos” e puntualizou que “volve situar a Lugo como a provincia con máis investimento por habitante” (5.754 M€).

“En fronte temos un PSOE sen liderado, pouco empático e centrado no seu revanchismo sectario”, segundo asegurou a dirixente provincial, e “un BNG radicalizado que practica o caciquismo e cuestionable na xestión”.

En relación ao Goberno central insistiu, unha vez máis, en que “o Executivo de Sánchez, coa complicidade do PSOE e o BNG, castiga aos lucenses sen infraestruturas, sen orzamentos e impedindo o desenvolvemento industrial do noso territorio”. Polo tanto, “é o momento de erguerse con forza para facer que marchen das institucións que gobernan, pero para o que nunca gañaron”.

Para rematar, Candia tamén tivo palabras de agradecemento para os asistentes “por achegarse a compartir esta xornada todos xuntos”.

Alfonso Rueda destaca a Feira L de Lugo como “un exemplo fantástico do potencial gastronómico e económico da provincia”

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a quinta edición da Feira L de Lugo, unha cita gastronómica que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e que reúne o mellor da distribución, a hostalaría e a restauración da comunidade.

Durante o seu percorrido polos distintos stands e actividades do evento, Rueda cualificou a feira como “fantástica” e puxo en valor o seu papel como escaparate da calidade e da innovación do sector alimentario galego. “Para comer, Lugo, sen ningunha dúbida”, asegurou o presidente popular durante a posterior tradicional pulpada organizada polo PP de Lugo.

Nas súas redes sociais, Rueda expresou tamén a súa satisfacción por participar nun encontro que, segundo destacou, “reúne o mellor da distribución, a hostalaría e a restauración. Un sector esencial que xera emprego, dinamiza a economía e promove o produto galego e a Galicia Calidade”.

O PPdeG asegura que os Orzamentos de 2026 permiten dar “solucións reais a problemas reais” e destaca o avance no compromiso de duplicar o parque público de vivenda de Galicia

O Partido Popular de Galicia reivindica que os Orzamentos de 2026 van permitir dar “solucións reais a problemas reais” e pon como exemplo a cuestión da vivenda, na que o Goberno galego seguirá avanzando o próximo ano co obxectivo de dobrar o parque público residencial da Comunidade nesta lexislatura.

“O presidente Alfonso Rueda comprometeuse a poñer en marcha 4.000 vivendas públicas ao longo desta lexislatura e, só en ano e medio, xa están en marcha preto de 3.000”, asegurou neste sentido a secretaria xeral Paula Prado concretando que na cidade da Coruña xa están en marcha máis de 200 vivendas públicas en diferentes fases.

En declaracións aos medios precisamente na cidade herculina, a número dous dos populares galegos contrapuxo estas políticas “efectivas” fronte á “ineficacia” dunha Lei de Vivenda estatal que, na súa opinión, só serviu “para fomentar a okupación, para provocar inseguridade xurídica e para desalentar que haxa máis vivendas dispoñibles no mercado”.

Paula Prado quixo poñer en valor así o compromiso do Goberno galego á hora de ofrecer solucións ao problema da vivenda, asegurando que se medidas como estas son posibles é grazas ao feito de que Galicia volverá contar “por 17º ano consecutivo” cuns Orzamentos “aprobados en tempo e forma”.

“A min resúltame gracioso que o delegado do Goberno fale de ‘continuismo’ nestes Orzamentos ou que Ana Pontón diga que son ‘rutinarios’ cando Pedro Sánchez leva desde 2022 cuns Presupostos prorrogados e sen aprobar uns novos”, afeou a secretaria xeral do PPdeG lamentando que os independentistas galegos sexan “tan bravos en Galicia e tan mansos en Madrid” á hora de criticar esta situación.

Nesta liña criticou ademais ao BNG que as súas únicas solucións para os problemas dos galegos e galegas sexan “as que lle ditan a UPG nos seus documentos e ás que lles propón Bildu nas súas reunións no País Vasco”. Unhas solucións que, tal e como indicou, se reducen a “manifestarse contra todo” e “empregar á CIG para instigar a conflitividade social tamén nas aulas”.

Referiuse así ao feito de que o sindicato independentista estea a enviar aos centros escolares galegos “unhas cartas para invitar ao profesorado a que empregue unha serie de materiais nesa liña co obxectivo de adoutrinar aos nenos e nenas”. De aí que quixera afirmar con rotundidade que o PPdeG “non vai consentir ningún adoutrinamento nas aulas”.

O PAPEL DOS CONCELLOS NAS SOLUCIÓNS AO PROBLEMA DA VIVENDA

Pola súa banda, a presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcaldesa de Jerez, María José García-Pelayo, pediu ao Goberno central que aposte polo consenso e teña en conta aos concellos na elaboración do Plan Estatal de Vivenda para así “facer un plan acorde ás necesidades dos cidadáns”.

Non en balde, subliñou, serán os concellos os encargados de executar ese plan. Polo que sería lóxico que participasen no seu proceso de redacción e elaboración, ao igual que as comunidades autónomas. Estas son, como asegurou, “as outras aliadas para que o plan saia adiante co consenso de todos”.

“En nome de todos os concellos, pido que non se perda a oportunidade de facer un plan ambicioso e que dea resposta ás necesidades da cidadanía”, manifestou ao tempo que volvía reclamar que se permita aos concellos o uso dos seus remanentes orzamentarios e para que así poidan contar con máis fondos dispoñibles para destinar a solucionar problemas dos seus veciños como pode ser a vivenda.

MEDIDAS REAIS E EFECTIVAS FRONTE ÁS MENTIRAS E O POPULISMO

O líder local do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, invitou á alcaldesa Inés Rey a “seguir o exemplo da Xunta” se realmente quere “aplicar medidas reais e efectivas en materia de vivenda”, deixando así a un lado “as políticas da mentira, como a das vivendas da Sareb, e as medidas ineficaces como a zona tensionada”.

O presidente dos populares na cidade denunciou o fracaso dunha medida “populista” como foi a declaración de zona tensionada e que, como explicou, só serviu “para empeorar o problema que pretendía solucionar”. Algo que exemplificou no feito de que “os alugueiros subiron entre os meses de agosto e setembro un 8% e un 12% só no que vai de outubro” e “en setembro bateuse o recórd negativo de firmas de alugueiros, cun 20% menos”.

No lado contrario están, como como asegurou, “as realidades, os investimentos e a execución” do Goberno de Alfonso Rueda, que nos seus Orzamentos para 2026 inclúe 15 millóns de euros para construír máis vivendas públicas en Xuxán e outras zonas da cidade, así como o desenvolvemento de solo en Monte Mero, onde se prevé a construción de máis de 4.000 vivendas”.

“Esta é a realidade da nosa cidade: o presidente Alfonso Rueda é o único que inviste en vivenda na nosa cidade fronte ás mentiras e as medidas populistas de Pedro Sánchez e a alcaldesa Inés Rey”, concluíu.

O PPdeG afea ao PSOE que as súas emendas á lei da AP-9 “van na dirección contraria á vontade dos galegos”

O PPdeG advertiu hoxe que as emendas do PSOE á proposición de lei orgánica de traspaso da AP-9 a Galicia van “na dirección contraria á vontade dos galegos e galegas” e “rachan coa postura unánime que ata en catro ocasións manifestou o Parlamento autonómico”.

A través do seu deputado nacional e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible no Congreso, Celso Delgado, os populares afirman que albergaban “esperanzas” de que o PSOE “cambiara a súa postura”, pero, pola contra, lamentan que “finalmente mantivo os argumentos que xa utilizou na pasada lexislatura, opoñéndose frontalmente á transferencia da titularidade da AP-9”.

“O socialismo, cun dobre discurso en Galicia e en Madrid, négase a traspasar a titularidade da autopista e pide que se manteña na Rede de Carreteras do Estado”, lamentan desde o PPdeG ao tempo que critican tamén a Sumar que “a través das súas emendas pretende colar dúas disposicións que nada teñen que ver con esta importante cuestión”.

Por último, os populares lamentan que isto sexa a “confirmación” de que “a influencia e o servilismo do BNG co Goberno de Sánchez unha vez máis non serviu para nada”.

“Os seus acordos de investidura seguen sendo papel mollado e esta vez viuse como os seus socios presentaron emendas desnaturalizando a transferencia. Desde o PPdeG continuaremos loitando por unha AP-9 galega e sen peaxes”, conclúe Delgado.

Paula Prado participa na reunión de alcaldes e portavoces do partido na comarca da Montaña lucense

Os deputados do Grupo Provincial Popular puxeron fin ás xuntanzas cos alcaldes e voceiros do PP de todos os concellos da provincia cos representantes dos municipios da Montaña, unha reunión na que quedou clara unha mensaxe: “manteremos a presión sobre o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo de todas as formas posibles ata acadar un trato igualitario para todos os lucenses, independentemente do municipio no que vivan”.

Nesta xuntanza, ademais dos deputados Antonio Ameijide, José Pardo, Francisco Balado e Jesús Núñez, tamén estiveron presentes a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e representantes de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín e Triacastela.

Todos os representantes dos concellos presentes destacaron “a gran necesidade” de que a Deputación de Lugo “colabore de forma igualitaria” con todos os municipios da provincia porque “o que están a facer PSOE e BNG dende o goberno provincial é dar cartos ilimitados aos seus afíns, afogando e case asfixiando a máis da metade de veciños da provincia e aumentando as desigualdades entre concellos”.

Deste xeito, os deputados populares adquiriron o compromiso de “incrementar a presión” sobre o goberno de José Tomé “ata acadar unha igualdade real”. “Non dicimos que a colaboración que están a realizar cos concellos que eles deciden non se faga, o que defendemos é que se colabore con todos os municipios porque todos teñen necesidades semellantes e recursos, tanto económicos como humanos, moi limitados”, afirmaron.

APOIO DA SECRETARIA XERAL DO PPDEG

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, agradeceu o traballo que “están a realizar todos os representantes do PP nos diferentes concellos” e afirmou que “o traballo que están a realizar nos seus municipios, a pesar de todos os atrancos que poñen dende o goberno da Deputación de Lugo está a ser bo”, polo que os convidou “a seguir traballando para recuperar en dous anos o goberno da Deputación de Lugo e así acadar a igualdade que PSOE e BNG negan a todos os lucenses”.

MANTEMENTO DAS ESTRADAS E ATENCIÓN DAS COMPETENCIAS

Outra das reclamacións realizadas polos representantes do PP nos concellos da zona sur foi o estado de mantemento da rede viaria provincial. “O mantemento é mínimo ou nulo na maioría dos concellos” o que dá lugar a que as vías de titularidade da Deputación sexan “perigosas” a pesar de que son estradas que teñen que vertebrar a comunicación entre os municipios.

Os deputados populares recordan que a rede viaria provincial “é a máis extensa de España e é unha realidade grazas a gobernos do PP á fronte da Deputación que a crearon con moitos menos medios dos que dispoñen PSOE e BNG para o seu mantemento” e que “os dous plans anunciados por José Tomé non foron máis que parches que nada solucionaron xa que os problemas seguen latentes, enquistándose cada día máis”.

Ademais, a colaboración cos Concellos “é outro debe no haber do goberno de PSOE e BNG” que se nega a colaborar en competencias propias, como a recollida de animais ou o ciclo da auga.

O PPdeG celebra o avance no Congreso do debate sobre o traspaso da AP-9 a Galicia despois da “insistencia ata a saciedade” dos populares

O PPdeG celebra o paso adiante que deu hoxe no Congreso dos Deputados a proposición de lei orgánica para a transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 a Galicia, despois da “enorme presión” e a “insistencia ata a saciedade” dos populares galegos.

Despois de 60 prórrogas —45 nesta lexislatura—, a Mesa do Congreso acordou pechar o prazo de presentación de emendas ao articulado por parte dos grupos parlamentarios, que se coñecerán mañá. En total, foron case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dera inicio a tramitación desta proposición.

“Desde o PPdeG celebramos este avance, e queremos deixar claro que este paso foi posible grazas á enorme presión exercida desde o primeiro día polo noso partido, tanto no Congreso como noutras institucións. Insistimos ata a saciedade para que se puxera fin ao que consideramos un auténtico atropelo democrático”, expresou hoxe, en declaracións remitidas aos medios, o deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

Delgado lamenta o tempo perdido por “un boicot orquestrado” polo Goberno de Pedro Sánchez e de Óscar Puente, coa colaboración do PSOE e Sumar e coa condescendencia do BNG. “Foi a presión exercida a que obrigou ao Excutivo central a dar este paso”, engadiu sobre a transferencia da autoestrada á nosa Comunidade, que foi demandada catro veces de forma unánime polo Parlamento autonómico.

“É imprescindible que a, partir de agora, a tramitación desta iniciativa non volva ser adiada polo Goberno de Sánchez nin polos grupos que o sustentan. É fundamental actuar con dilixencia. Desde o PPdeG manterémonos vixiantes e esixentes, ata lograr o que todos ansiamos desde o primeiro día: que a proposición de lei orgánica se tramite e que a AP-9 sexa finalmente transferida a Galicia”, rematan os populares.

O Partido Popular non emitiu ningunha emenda ao articulado, respectando o texto unánime do Parlamento de Galicia.

Alfonso Rueda sitúa á Estrada como exemplo de que os concellos “tamén están chamados a facer cousas grandes por Galicia” con liderados como o de Gonzalo Louzao

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, situou hoxe á Estrada como exemplo de que os concellos “tamén están chamados a facer cousas grandes por Galicia” se contan á súa fronte con líderes que, como Gonzalo Louzao, saiban “aproveitar as oportunidades e facelas realidade desde a colaboración, o traballo, a unión e a positividade”.

Así o manifestou esta mañá ante o milleiro de asistentes ao Congreso Local do PP desta vila e no que Louzao foi elixido como novo presidente do partido en sustitución de José López Campos. Un relevo “feito perfectamente” e que, en opinión do presidente, foi posible grazas á combinación dun partido “cada vez máis grande e unido” e dun líder “co atrevemento e as condicións necesarias para converterse no mellor substituto posible para un gran alcalde”.

“Quédome moi tranquilo porque sei que na Estrada aínda hai moitas oportunidades por aproveitar e que en Gonzalo Louzao atoparemos sempre a alguén disposto a colaborar para que todo o que ten que vir sexa unha realidade”, asegurou o líder dos populares galegos tendéndolle a man e ofrecéndolle toda a súa colaboración ao novo presidente local para que o concello “siga avanzando”.

Neste sentido, Rueda avanzou que en cuestión de meses a autovía AG-59 “será unha realidade” e que con iso farase posible “a vertebración definitiva” de toda unha comarca que “demandaba” e “necesitaba” esta infraestrutura. De feito, un dos seus tramos xa está próximo á súa apertura e o seguinte avanza a bo ritmo.

“Os veciños da Estrada déronme un gran apoio nas eleccións autonómicas e eu teño que cumprir os compromisos adquiridos a cambio desa confianza”, subliñou o presidente reivindicando a aposta do seu Goberno por este concello en proxectos xa consolidados como a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e noutros que aínda están por vir.

Puxo en valor así a recente inauguración do novo edificio xudicial, que “é o primeiro que se fai en Galicia acorde aos requirimentos da Xustiza moderna”; así como a consolidación dun centro de saúde que “é unha referencia do modelo de sanidade pública que queremos para toda Galicia”.

Anunciou ademais a futura ampliación do polígono industrial da vila para “responder á potencia económica” das empresas instaladas nel e subliñou o seu compromiso de poñer en marcha novas vivendas públicas e asumibles “para que a xente que decide non vivir nas grandes cidades poida ter a oportunidade de instalarse na Estrada e facer que esta vila siga consolidándose como un lugar de oportunidades”.

UN NOVO PERÍODO CUN PROXECTO INTELIXENTE E BEN DEFINIDO

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou a “transición exemplar” da agrupación local, que pecha así a “era” do presidente saínte, José López Campos –ao que definiu como “un político modélico cunha xestión exemplar que converteu A Estrada pesimista nunha Estrada orgullosa”– e abre o período de Gonzalo Louzao. Un novo período, que, augurou, “vai durar moitos anos porque ten un proxecto intelixente e ben definido”.

López lembrou que Louzao leva só ano e medio ao fronte da alcaldía, “aínda que parecen vinte polo seu aplomo e capacidade de traballo”. Unhas virtudes que, na súa opinión, non só quedan acreditadas neste tempo á fronte do Concello, senón que tamén “van beneficiar agora ao PP da Estrada ao asumir a súa presidencia cun equipo unido, amplo e moi preparado”.

“Este concello é un exemplo de como facer as cousas porque fíxose fácil algo moi difícil, que é saber dar o relevo, e isto permítenos abrir hoxe dous camiños: o dunha Presidencia forte para o partido e o dunha Alcaldía, a maior beneficio de todos os estradenses, para moitos anos”, rematou o presidente provincial.

O PPdeG reúne aos seus alcaldes e portavoces na comarca de Santiago

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, celebrou estes días, acompañado da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo seu homólogo na provincia, Evaristo Ben, unha reunión comarcal con alcaldes e portavoces da comarca de Santiago.

No encontro, que se enmarca dentro dunha serie de reunións que a dirección popular levará a cabo nas próximas semanas por distintos puntos da provincia, o líder provincial aproveitou para coñecer de primeira man os problemas e as necesidades que existen nestes concellos.

Ademais, Calvo insistiu na importancia de seguir traballando a pé de rúa con todos os veciños co obxectivo de afrontar con garantías os comicios locais que terán lugar en menos de dous anos. Unha cita na que os populares esperan recuperar varias das alcaldías da comarca, así como reforzar aquelas en as que gobernan na actualidade.

O PPdeG celebra que cada vez haxa máis mulleres emprendedoras e líderes “contribuíndo a construír unha Galicia mellor” desde o rural

O PPdeG eríxese como “o partido das mulleres e do rural” celebrando que cada vez haxa máis mulleres “protagonistas” no eido do liderado e do emprendemento “contribuíndo a construír unha Galicia mellor” desde o rural.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral Paula Prado na visita que realizou ao concello de Agolada para conmemorar o Día da Muller Rural. Unha visita na que estivo acompañada polo coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, e a líder local do partido, Carmen Seijas.

“Este día é para dar as grazas a todas esas mulleres que fixeron tanto polo rural galego e para poñer en valor que cada vez hai máis mulleres facendo Galicia no rural”, asegurou reivindicando que o PPdeG é “o partido con máis mulleres que gobernan e a maioría delas en pequenos concellos”.

En total, os populares galegos contan a día de hoxe con 31 alcaldesas, sendo Mariola Sampedro a última en facerse co bastón de mando esta mesma semana en Ribeira. Trátase dunha cifra superior a do PSOE e do BNG e da que chama a atención que “case todas elas teñen unha confianza maioritaria dos seus veciños que supera o 60% de voto”.

Paula Prado trasladou o seu desexo de que nas próximas eleccións a portavoz do PP de Agolada, Carmen Seijas, ao igual que outras voceiras, poida sumarse tamén a esa listaxe e así “impulsar desde o seu Concello, ao igual que fai o presidente Alfonso Rueda desde o Goberno galego, as medidas de promoción da igualdade que caracterizan aos gobernos do PPdeG”.

En contraposición, criticou que o BNG teña o “atrevemento” de chamar “fascista” a unha muller que recibiu un Premio Nobel da Paz —a venezolana María Corina Machado— e que o PSOE se convertera no “partido menos feminista da historia” e protagonice “escándalos cada semana”.

UN PROXECTO VIVO E CON MULLERES PROTAGONISTAS

A visita tivo lugar no ‘Merendeiro do Arnego’, un negocio de hostalaría fundado en 1976 e rexentado por tres xeracións de mulleres: Irene (avoa), Sandra (nai) e Alba (filla). Todas elas son, en opinión de Paula Prado, “un exemplo do labor das mulleres galegas e do emprendemento das mulleres no rural”.

“Este ‘Merendeiro’, como o PPdeG, é un proxecto que se parece a todos os galegos e galegas e que constrúe, coma nós, unha Galicia mellor”, asegurou avogando por “unha Galicia na que o rural siga vivo, a remuda xeracional sexa unha realidade e as mulleres sigan sendo protagonistas”.

O PPdeG esixe unha rectificación ao BNG por cualificar a María Corina Machado de “fascista”

O Partido Popular de Galicia condena as palabras e pide unha rectificación ao BNG despois de que hoxe, no Parlamento, tildara en dúas ocasións de “fascista” á opositora venezolana María Corina Machado, recentemente nomeada como Premio Nobel da Paz 2025.

O independentismo galego asegurou que Machado “chama a invadir ao seu propio país” e “que se quedaron cos recursos dos venezolanos”, unhas afirmacións que en opinión do PPdeG son absolutamente inaceptables.

Os populares galegos lamentan que Ana Pontón estivera ausente do hemiciclo na primeira das intervencións e non levantara a vista do móbil na segunda, do mesmo xeito que tampouco se atreveu a sentarse con Bildu a semana pasada na reunión que mantivo a súa formación cos herdeiros de ETA, pero, sinalan desde o PPdeG, por moito que se esconda, a ideoloxía radical do BNG é tamén a súa.

O PP de Galicia non pode esperar nada dun partido, socio do PSOE de Pedro Sánchez, que chama fascista a un Premio Nobel da Paz e que di que o seu lado da Historia é o que lideran Nicolás Maduro ou Vladimir Putin.