O PPdeG celebra que “Galicia goberna o seu litoral” logo da “histórica” transferencia das competencias de xestión sobre a franxa costeira

O Partido Popular de Galicia celebra o “fito histórico” acadado polo Goberno de Alfonso Rueda ao conseguir a transferencia á Comunidade das competencias sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre por parte do Estado: “Xa podemos dicir que Galicia goberna o seu litoral”.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha visita que realizou ao concello de Outes acompañada polo alcalde Fran Calo e o secretario xeral provincial, Evaristo Ben. Unha visita na que subliñou a importancia do acordo asinado onte entre o presidente Rueda e o Goberno central, especialmente tendo en conta o camiño percorrido ata este momento.

“Logo de aprobar a Lei do litoral de Galicia, levamos un ano e medio traballando nesta liña a pesar de contar con non poucos atrancos por parte dun PSOE e un BNG que non nolo puxeron fácil”, afirmou recordando a quen houbo quen asegurou que esta reivindicación era “pouco menos que unha declaración de independencia” e o posterior recurso estatal á norma autonómica no Tribunal Constitucional.

De aí que a secretaria xeral do PPdeG quixera poñer en valor a perseveranza do Goberno galego “traballando día tras día e sen cesar” para conseguir este fito histórico que suporá un antes e un despois para “a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa de toda España”.

“O noso litoral non podía seguir sendo xestionado desde un despacho da Castellana, porque son moitas as empresas e particulares que dependen desta xestión directa”, apuntou na mesma liña que o alcalde, quen pola súa banda exemplificou esta problemática coas implicacións que ten para Outes.

Fran Calo incidiu en que “os veciños e veciñas que viven ao carón do mar necesitan seguridade xurídica no relativo a cuestións particulares e profesionais”. É o caso de empresas ubicadas en dominio público marítimo-terrestre, como na zona do Freixo, e que “non podían levar a cabo as súas actividades en condicións” ou a “particulares que non podían edificar na súa parcela a pesar de cumprir todos os parámetros urbanísticos”.

Cuestións de gran relevancia en municipios costeiros como o de Outes e tantos outros na nosa Comunidade. De aí a importancia de que a xestión do dominio público marítimo-terrestre “se faga desde Galicia e para Galicia”, xa que, tal e como concluíu Paula Prado, “para Galicia o mar é riqueza, emprego e vida e os galegos e galegas queremos poder vivir do mar e no mar”.

“NON QUEREMOS SER MÁIS, PERO TAMPOUCO MENOS”

A secretaria xeral do PPdeG avanzou que, unha vez conseguida a transferencia da xestión do litoral, Galicia seguirá reivindicando o traspaso doutras competencias estatais como a da xestión da AP-9 ou a homologación de títulos estranxeiros.

“Seguiremos insistindo para que o Goberno de Sánchez lle dea a Galicia o que está dando a outros territorios, como Cataluña ou o País Vasco. Porque non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco queremos ser menos”, indicou apuntando que estas reivindicacións estarán moi presentes no próximo Debate sobre o Estado da Autonomía.

Pola súa banda, o alcalde aproveitou a ocasión para agradecer ao partido que escollera o seu concello, e máis concretamente a praia de Broña, para conmemorar un día tan importante “para os veciños de Outes, para a xente da comarca do Barbanza e para todos os galegos”, xa que o acordo de onte supón “a culminación dun traballo de anos” e que “por fin poidamos xestionar o noso propio litoral”.

Fran Calo recordou o compromiso amosado polo presidente Rueda neste sentido na visita que realizou ao concello en 2023. Un compromiso que, insistiu, hoxe é unha realidade grazas ao “traballo e o esforzo” do Goberno galego.

Paula Prado destaca a aposta do PPdeG pola remuda xeracional para que o rural galego teña moito presente e aínda máis futuro

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destaca a aposta da súa formación pola remuda xeracional no sector agrogandeiro para garantir que o rural galego siga tendo moito presente e aínda máis futuro.

Esta tarde visitou a 41ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) no concello de Cospeito acompañada polo alcalde Armando Castosa, o senador José Manuel Barreiro, e outros representantes do PP na comarca.

Unha visita na que puido comprobar de primeira man o traballo incansable, o compromiso coa excelencia e o amor pola terra que hai detrás de cada un dos exemplares. O cal, en opinión da número dous dos populares galegos, confirma que os gandeiros de Galicia son o motor que impulsa o rural creando emprego, xerando riqueza e mantendo viva a súa contorna.

Consciente disto, o presidente Alfonso Rueda comprometeuse nas eleccións a adoptar unha serie de medidas específicas para este sector que, a día de hoxe, xa pasaron do dito ao feito. É o caso do aumento da porcentaxe de axudas que concede a Xunta para os seguros agrarios, o impulso da incorporación das persoas mozas ás gandarías ou o establecemento de axudas para a recría en pureza das razas autóctonas en perigo de extinción.

Paula Prado subliñou así mesmo a importancia do sector nunha provincia como a de Lugo, que, tal e como apuntou, debe estar aberta a calquera tipo de investimentos que xeren emprego, actividade económica, riqueza e contribúan a un futuro máis verde e sostible para Galicia no seu conxunto.

Paula Prado: “O PPdeG representa á Galicia que goberna fronte ao independentismo e o socialismo que bloquean”

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, subliña a importancia que ten para os concellos galegos o feito de contar con gobernos estables na medida en que isto contribúe a fortalecer “a Galicia que goberna” fronte ao “bloqueo” do independentismo e o socialismo.

Así o manifestou esta mañá en declaracións aos medios antes de participar nunha reunión de traballo na sede do PP de Oleiros con representantes do partido na área metropolitana da Coruña. Unha reunión na que tamén participaron o vicesecretario de Organización e Territorio do PP na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Jesús Fernández Rosende.

A número dous dos populares galegos remarcou a importancia deses gobernos estables precisamente nunha área onde “brillan pola súa ausencia”, tal e como se puido comprobar esta semana en Cambre. Por sorte, apuntou, os veciños e veciñas si poden contar coa estabilidade un Goberno como o de Alfonso Rueda, que está facendo realidade o novo complexo hospitalario da Coruña (Chuac).

“Máis de 500 millóns de euros de inversión para renovar e ampliar edificios sanitarios, construír novos accesos e aparcamentos ou mesmo poñer en marcha unha gardería infantil”, explicou poñendo en valor que o Chuac “ano tras ano recolle premios como un dos mellores hospitais públicos de Galicia e de España”.

Algo que é posible, tal e como engadiu, grazas “á Galicia que goberna, que lidera e é referente grazas á súa aposta por medidas arriscadas e o seu investimento en infraestruturas, en tecnoloxía e en reforzo do persoal” e a pesar do “alarmismo” dos partidos da oposición.

“Como en tantos temas, o PSOE e o BNG só saben alarmar e ao final acaban dándose de fronte coa realidade”, asegurou ao tempo que afeaba ao socialismo a súa “submisión a un Pedro Sánchez que leva 6 ministros de Sanidade en 7 anos e ningún foi quen de tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias”.

Do mesmo xeito, definía ao BNG como “o partido do ‘non’ a todo” sinalando que os independentistas galegos “son incapaces de apoiar calquera medida da Xunta, nin en Galicia nin en Madrid, pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta”.

Fronte a todo isto, concluíu, o PPdeG “seguirá dedicándose a gobernar, en Galicia e, en dous anos, espero que en máis concellos desta área metropolitana”.

O PPdeG contrapón “a Galicia que goberna” de Alfonso Rueda coa “Galicia que bloquea” da esquerda do “non a todo por sistema”

O Partido Popular de Galicia contrapón “a Galicia que goberna” liderada polo presidente Alfonso Rueda coa “Galicia que bloquea” promovida por unha esquerda especializada no “non a todo” e que se opón por sistema a calquera iniciativa de futuro na nosa Comunidad.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que focalizou estas críticas nun “Bloque Negacionista Galego” ao que cualificou de “destrutivo” e “tóxico” e que “por moito que intente branquearse, nunca foi un partido de goberno”. Neste sentido, rebautizou á líder do independentismo galego como Ana ‘Nonnón’.

“Pretenden disfrazarse como un movemento transversal de contestación social e argumentar os seus posicionamentos cando en realidade son un movemento político radical e o seu único argumento é o ‘non’ a todo por sistema”, explicou poñendo como exemplo a negativa de Ana Pontón a Altri, á mina de litio de Doade, á enerxía verde e a todas as medidas para mellorar a nosa Sanidade pública.

Por isto, asegurou, o PPdeG seguirá “desenmascarando ao partido do ‘non’ e a unha Ana Pontón que leva dúas décadas negándose a calquera proxecto” e, pola contra, continuará dicindo ‘si’ á “Galicia que goberna” con Alfonso Rueda á fronte e que defenderán no Parlamento, no Senado, no Parlamento Europeo e “onde faga falta”.

“Galicia goberna fronte a unha oposición que desde o día despois das eleccións só tratou de paralizar e porque os galegos elixiron a estabilidade do PPdeG fronte ao ‘non a todo’ e o bloqueo”, concluíu poñendo en valor a un Goberno que galego que “semana tras semana se reúne sen liortas nin estridencias e para traballar en novas medidas para os galegos e galegas”.

Destacou, entre estas medidas, a consolidación da matrícula gratuíta para estudantes universitarios e de ensinanzas artísticas superiores, que arrancou este curso con case 2.000 beneficiarios e que, tal e como anunciou o presidente Rueda este luns, se manterá o vindeiro ano académico.

Algo que, unido á conxelación das taxas nos másteres —entre os máis baratos de España—, permitirá un aforro estimado de preto de 20 millóns de euros ao ano ás familias galegas.

O PPdeG acusa ao Goberno de Sánchez de “asaltar” a autonomía dos concellos ao “bloquear” o uso de remanentes orzamentarios

Os representantes do Partido Popular de Galicia na Fegamp solicitan a convocatoria dunha sesión extraordinaria do organismo na que se “dea voz aos concellos” e se consensúe unha reclamación unánime dirixida ao Goberno central para que lles permita dar uso dos remanentes orzamentarios do ano 2024.

Así o solicitaron na reunión da Executiva que se tivo lugar esta semana e na que o seu voceiro, Ángel Moldes, criticou que “o Goberno de Sánchez está bloqueando uns cartos que son dos veciños e que os concellos poderíamos investir en mellorarlle a vida ou en proxectos que consideremos necesarios”.

“Debemos ter autonomía para decidir onde investir os recursos que obtivemos por facer unha boa xestión económica”, demanda apuntando a que a negativa do Goberno central a permitir o uso dos remanentes é un “dobre castigo” tanto para os concellos como para os veciños.

De aí que desde o PPdeG soliciten ao presidente da Fegamp, o socialista Alberto Varela, que “canto antes” convoque unha xuntanza para “dar voz a todos os concellos galegos con independencia da súa cor política” e facer unha fronte común ante “este asalto á autonomía das corporacións locais”.

Os populares galegos subliñan o importante custo económico que está supoñendo para os concellos o feito de que o Goberno de España non teña aprobados uns Presupostos Xerais do Estado para este ano, ao que se engaden as dificultades de financiamento que están a experimentar as administracións locais.

O uso dos remanentes orzamentarios, polo tanto, sería unha opción viable para poder empregar “estes cartos que xa están nos concellos, que son dos veciños e que non se poden destinar a mellorar os servizos públicos municipais”. Xa que, recordan, a día de hoxe, o superávit só se podería utilizar para amortizar débeda “e para nada máis”.

Alberto Pazos reivindica ao PP como un partido que “leva a pesca no seu ADN” e defende que o sector do mar galego “merece un Goberno central mellor”

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, reivindicou hoxe que en Galicia a cadea mar-industria é máis unha forma de entender a vida que un sector económico e por iso urxiu a todas as institucións a involucrarse no establecemento dun novo paradigma que garanta a partes iguais a protección medioambiental e a supervivencia da xente do mar.

Así o manifestou na súa intervención na mesa redonda ‘O reto agroalimentario: menos trabas para un sector estratéxico’, celebrada na 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla e na que aproveitou para subliñar que ninguén ten máis interese en preservar os recursos mariños que aqueles que viven destes recursos.

“Certas institucións deben deixar de tratar ás xentes do mar como unha ameaza medioambiental e asumir que son un elemento esencial na conservación dos nosos mares”, afirmou contrapoñendo os avances por parte da Comisión Europea nesta liña co desleixo do Goberno central cara ao sector.

Recordou así que, mentres a Comisión Europea conta cun comisario específico de Pesca e Océanos logo de que a presidenta Ursula von der Leyen adquirira este compromiso na súa visita a Galicia o pasado ano, o Goberno de España continúa tomando medidas claramente prexudiciais para o sector.

Alberto Pazos amosou deste xeito a súa incomprensión ante a negativa do Goberno central a rebaixar o IVE do peixe e das conservas, así como ante a súa decisión de impoñer un menor consumo de peixe nos menús escolares. “O único que pedimos é que o Goberno de España sexa o noso aliado e non o noso inimigo”, concluíu facendo referencia tamén ao esforzo que están a facer as comunidades autónomas para mellorar a calidade das súas augas e renovar as súas frotas e tripulacións.

AS MALAS ARTES DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ

“En Galicia coñecemos ben as malas artes e os bulos deste Goberno”, sinalou o portavoz dos populares galegos no Pazo do Hórreo recordando o acontecido en plena campaña electoral das autonómicas cando o buque Toconao perdeu parte da súa carga de pélets e os seus restos chegaron ás costas galegas.

Un episodio no que, na súa opinión, o Goberno de Sánchez actuou con deslealdade e irresponsabilidade na medida en que ocultou información ao Executivo galego durante semanas e enviou ás súas hostes a desprestixiar o peixe e o marisco galegos con bulos que puxeron en grave risco a economía de moitas familias.

“Creo que o sector do mar merece un Goberno central mellor”, concluíu trasladando a súa esperanza de que “moi pronto” España contará cun novo Goberno liderado por un partido que leva a pesca no seu ADN, porque, apuntou, xa o din as súas propias siglas: “PP: Partido da Pesca”.

O PPdeG pon de exemplo a “política que serve” de Galicia como “un espello” da que debería exercer o Goberno de Sánchez

Os representantes do PPdeG, á súa chegada á 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla, puxeron de exemplo hoxe a “política que serve” de Galicia como “un espello” da que debería exercer o Goberno de Pedro Sánchez.

“Imos seguir demostrando que a Galicia que goberna é un exemplo para o resto de España”, sentenciou a secretaria xeral, Paula Prado, que encabeza a delegación de máis de medio cento de parlamentarios do PPdeG, “o partido galego maioritario no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.

Prado lembrou que o Partido Popular revalidou hai pouco máis dun ano a maioría absoluta, baixo o liderado de Alfonso Rueda, e hoxe Galicia “segue sendo un espello no que o Goberno central debería mirarse cada día”.

“Podemos mirarlle aos ollos aos galegos e ás galegas porque cumprimos co que se nos esixe. Este 2025, a nosa Comunidade suma xa 16 anos consecutivos cos Orzamentos aprobados en tempo e forma, e faino sen sobresaltos, sen estridencias e sen liortas; sendo un exemplo”, subliñou.

Non obstante, Prado lamentou que mentres Galicia cumpre cos galegos, “hai moito que o Goberno de Sánchez non cumpre con todos os españois”: “Vivimos nun país onde funcionar cos Presupostos Xerais prorrogados é o normal e onde dar privilexios a algunhas comunidades autónomas é a forma de perpetuarse no poder, un país onde o presidente e os seus ministros están cercados pola corrupción e non teñen apoio dos seus socios, pero son incapaces de botarse a un lado”.

Por este motivo, a número dous do PPdeG sinalou que “é o momento de que Sánchez e os seus deixen de mirar cara ao independentismo e miren cara a comunidades como Galicia” e tamén é o momento de cumprir cos traspasos de competencias comprometidos, as transferencias de fondos europeos para proxectos estratéxicos ou as melloras en infraestruturas”.

E, se iso non é así, dixo, “debe deixar pasar a un gran presidente como vai ser Alberto Núñez Feijóo”, porque “el si vai saber representar, como dicimos no Partido Popular, a verdadeira política que serve, a mesma coa que Galicia xa goberna”.

Paula Prado: “O BNG foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que o BNG “foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia” e censura que o independentismo galego leve décadas “envelenando a política galega” cuns postulados propios de “quen nunca tivo aspiración de gobernar, senón que só busca destruír e intoxicar”.

Facendo un repaso ao pasado recente e tirando de hemeroteca, a número dous dos populares galegos recordou o oposición do “Bloque Negacionista Galego” a Alcoa, a Sogama, a Citröen, á OTAN, á AP-9, a Finsa, ao bilingüismo, á caza, ás minas de Touro e san Fiz, a Inditex, a Ence, ás conserveiras, ás granxas extensivas, á Garda Civil e á Policía Nacional, aos eólicos e a Altri.

“Pensaron nalgún momento no dano que lle fixeron a Galicia en xeral e ao emprego dos galegos e galegas en particular? Non. O único no que pensaron foi e segue sendo no rédito electoral que poden obter e en como afondar na súa estratexia de oposición”, concluíu asegurando que “non todo vale e moito menos o ‘non’ a todo”.

A secretaria xeral do PPdeG centrou precisamente a súa intervención no ‘non’ da esquerda ao proxecto de Altri. Unha negativa que, tal e como recordou, non se daba no pasado: “Hai tres anos presentamos no Parlamento unha iniciativa coa que buscabamos que todos os partidos políticos nos uníramos na defensa da instalación desta planta na provincia de Lugo e foi aprobada por unanimidade do PPdeG, o PSdeG e o BNG. Con 70 votos a favor e cero en contra”.

No debate desa iniciativa a deputada socialista Patricia Otero reclamaba ao Goberno galego que “se asegure de que Altri se instala na nosa comarca” e comprometíase a “traballar entre todos para conseguir que os fondos Next Generation cheguen a este proxecto que é fundamental”. Pola súa banda, Daniel Castro, deputado do BNG, afirmaba: “Calquera proxecto que cumpra toda a lexislación, que se instale en calquera parte do país… Nós seremos os primeiros en alegrarnos”.

Esta non sería a única iniciativa polo PSOE e o BNG neste sentido, pero, tal e como defendeu Paula Prado, unha vez pasaron as eleccións e agora que ese mesmo proxecto está cada vez máis preto de ser unha realidade, a esquerda “volve aos bulos e aos cambios de opinión”. Por iso pídelle a ambos que “expliquen por que en tan pouco tempo pasaron de apoiar a Altri a querer boicotear a súa instalación”.

“No PPdeG, en cambio, dixemos, dicimos e seguiremos dicindo ‘si’ a esta e a todas aquelas iniciativas que fagan que Galicia prospere”, remarcou explicando que “a Galicia que goberna é sinónimo dunha Galicia que aproveita e xera oportunidades, que desenvolve todo o seu potencial e avanza cara o futuro sen medo nin límites”.

INTERPARLAMENTARIA DO PARTIDO POPULAR EN SEVILLA

A secretaria xeral do partido aproveitou para anunciar que Galicia estará “moi ben representada” esta fin de semana na Interparlamentaria que o Partido Popular celebra en Sevilla, á que asistirán máis de medio cento de representantes do PPdeG.

Con Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado á cabeza, a representación galega tamén inclúe ao voceiro do partido no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, que intervirá o sábado nunha mesa redonda, e á propia Paula Prado. Todos eles demostrarán que o PPdeG é “o partido galego maioritario no Parlamento, no Congreso dos Deputados, no Senado e no Parlamento Europeo”.

O PPdeG denuncia que “as ameazas, o alboroto e as manifestacións” da esquerda “van en contra do futuro de Galicia e do emprego da mocidade”

O Partido Popular de Galicia denuncia que “as ameazas, o alboroto e as manifestacións” protagonizadas pola esquerda “van en contra do futuro de Galicia” na medida en que se opoñen á posibilidade de ofrecer oportunidades de emprego á mocidade galega e fixar poboación no rural.

A través da súa secretaria xeral, Paula Prado, os populares galegos reiteran o seu apoio a todas aquelas empresas que queiran asentarse en Galicia “para xerar riqueza no territorio, fixar poboación no rural e ofrecer oportunidades de futuro para a nosa terra e para que a nosa mocidade non teña que ir traballar a outros lugares”.

Referíndose ao caso concreto do proxecto que Altri pretende poñer en marcha en Palas de Rei, inciden en que este proxecto conta cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable “avalada coa rigorosidade, a transparencia e a seriedade dos 34 informes elaborados por 42 técnicos do Goberno galego”.

“Os galegos e galegas poden estar tranquilos”, traslada a número dous do PPdeG ao tempo que rexeita “as ameazas, o alboroto, as manifestacións e o ruído” dun PSOE e dun BNG que “sempre estiveron a favor de Altri e só cambiaron de opinión unha vez celebradas as eleccións autonómicas”.

Paula Prado só entende este cambio de postura como “unha vinganza por perder as eleccións” e lamenta que “os partidos do non” estean “negándolle un futuro a Galicia e impedindo que se asenten proxectos industriais que permitirían crear emprego e fixar poboación”.

Candia: “O PP está gobernando en Viveiro porque gañou as eleccións e porque, cando ten que defender os intereses dun territorio, ten capacidade para negociar e chegar a acordos”

O Partido Popular de Viveiro compartiu este domingo un encontro de confraternidade no que interviron a alcaldesa, Mariña Gueimunde, a presidenta do PP da provincia, Elena Candia, e o portavoz do Grupo Popular no Congreso, Miguel Tellado, e que contou coa participación de deputados en distintas cámaras parlamentarias coma o viveirense Jaime De Olano, senadores, alcaldes e portavoces da comarca.

Candia incidiu en que “o Partido Popular está gobernando porque gañou as eleccións limpamente e porque, cando ten que defender os intereses dun territorio, ten capacidade para negociar e chegar a acordos. E fíxoo de forma legal, transparente e honesta”.

A dirixente popular destacou o traballo de Mariña Gueimunde, “unha muller valente, decidida, que coñece a administración e que quere a Viveiro”, e o seu equipo. Tamén tivo palabras para PSOE e BNG: “están acostumados a gobernar cando perden as eleccións, o que non entenden é que se pode gobernar cando se gañan as eleccións”.

Elena Candia recoñeceu o apoio de todos, o traballo de “tódolos voceiros que fixeron posible chegar ata onde estamos hoxe” e do anterior alcalde popular, César Aja, xa que “os grandes servizos e infraestruturas de Viveiro levan o selo do noso proxecto”.

Gueimunde, pola súa banda, lembrou que “fai uns días asumimos con valentía e compromiso a responsabilidade de gobernar a nosa cidade” despois de obter “fai dous anos o apoio e confianza dos cidadáns”. Coa chegada á alcaldía trala moción de censura, “isto non acaba aquí, senón que comeza e todos temos que implicarnos neste camiño. Traballando xuntos alcanzaremos obxectivos maiores para que o cambio iniciado sexa tanxible”.

A rexedora popular incidiu en que “a nosa prioridade sendo foi e sempre será o benestar dos viveirenses” polo que dedican “esforzo e traballo” para “mellorar o futuro da nosa comunidade con lealdade e determinación”.

Así, asegurou que “nestes primeiros días analizamos a situación real do Concello para responder con criterio, e non con falsas verdades, ás necesidades que plantexan tanto os veciños como asociacións, etc.”. Ante un “panorama desolador, necesitaremos o apoio inversor que xa reclamei ás administracións, pero tamén o apoio de todos e todas”.

Gueimunde tamén agradeceu o apoio recibido ata agora e recoñeceu “o traballo de todos os afiliados e simpatizantes que traballaron para que este proxecto fora posible” e de “todas as candidaturas populares que intentaron sacar á luz as falso goberno progresista do PSOE, en solitario ou co apoio do BNG, desmantelaron os servizos e mesmo o patrimonio do Concello”.

“Con cabeza e corazón”, como dicía a campaña de Rajoy na que Gueimunde foi candidata ao Senado, “e facendo caso omiso aos desprezos e críticas destrutivas, xuntos podemos facer moita historia en Viveiro”.

CANDIA: “PSOE E BNG, CANDO TEÑEN QUE VOTAR MEDIDAS PARA PALIAR OS PROBLEMAS DA ATENCIÓN SANITARIA, FANO EN CONTRA”
Elena Candia pediu “non facer demagoxia” en relación coa situación sanitaria toda vez que “a realidade é que hai un importante déficit de profesionais”. Nese sentido, ofreceu datos dunha comunidade xestionada polo Partido Socialista como é Asturias: “Luarca 6 médicos e ten 3; Illano unha semana sen médicos; e Santirso que dos 5 días, tivo médico 1 día”.

“Hai que mellorar indubidablemente, pero iso resólvese con medidas valentes no lugar onde hai que adoptalas”; pero PSOE e BNG “cando teñen que posicionarse nas cámaras, votan en contra das medidas que poden paliar o problema”. Candia censura a postura do PSOE e do BNG de “canto peor, mellor”.

De feito, nacionalistas e socialistas votaron repetidamente en contra de todas as medidas impulsadas polo Goberno galego para a cobertura de prazas vacantes de médicos, tanto nos centros de saúde como nos hospitais comarcais. Ata en dúas ocasións as forzas do malogrado bipartito se puxeron as leis que a Xunta promoveu no Parlamento galego para ofertar prazas máis atractivas desde o punto de vista laboral para os médicos, prazas en propiedade e por concurso de méritos. Unha fórmula que permitiu cubrir moitas vacantes, tanto no hospital de Burela como no centro de saúde de Viveiro.

O portavoz do Partido Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, sinalou que, “se o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego queren demostrar un mínimo de coherencia, teñen unha oportunidade de ouro o vindeiro martes no pleno da Deputación de Lugo de apoiar a nosa proposta para buscar unha solución real ao problema da falta de médicos. Estes problemas pódense solucionar tomando medidas a nivel estatal permitindo, por exemplo, formar máis médicos”.

INDUSTRIA E EMPREGO NO INTERIOR DE GALICIA
Tamén fixo referencia ao proxecto de Altri para pechar na provincia o ciclo dun sector coma o forestal con moita presenza na Mariña: “todos estabamos de acordo en que era un bo proxecto. Incluso os socialistas criticaban que non se asentara na Mariña. O ex alcalde nacionalista de Ribadeo e a ex alcaldesa socialistas de Viveiro pedíano para estes concellos, pero agora PSOE e BNG maniféstanse en contra de que o proxecto sexa unha realidade”.

“Con datos e contando a verdade, como fixemos con Alcoa, seguiremos defendendo que Lugo e o interior teñan industria e un medio de vida para as xeracións futuras”.