Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para continuar desenvolvendo o Plan Emprega Xuventude
O Galicia conta con mellores datos sobre emprego xuvenil que a media do Estado cunha taxa de paro de menores de trinta anos é 3,6 puntos porcentuais inferior aos datos do resto do Estado segundo os datos da EPA.
Durante o último ano, o paro rexistrado descendeu nun 31,67% en Galicia, mentres que a súa vez hai que destacar que as afiliacións entre a poboación máis nova aumentou nun 7,31% na súa evolución anual.
Pese a ter mellores datos que a media nacional é importante seguir incidindo en políticas en prol da mocidade, máis en concreto en medidas que permitan á xuventude acceder a un emprego de calidade.
É necesario lembrar que probablemente a xente nova é un dos sectores poboacionais que máis dificultades atopan á hora de acceder ao mercado laboral.
Por iso é importante seguir a desenvolver medidas e plans que axuden á mocidade a impulsar a súa inserción laboral mediante a aplicación de plans formativos e a promoción de prácticas en empresas.
A Xunta de Galicia ten na mocidade un obxectivo prioritario para a acción das súas políticas laborais, que tratan de darlle un futuro á xuventude mediante un acceso ao emprego de calidade.
Por iso, o Plan Emprega Xuventude ten unha finalidade principal, que non é outra que seguir impulsando o emprego estable e indefinido entre a mocidade galega.
Seguir facendo fincapé é importante para a retención do talento e da aceleración do acceso da mocidade a súa primeira experiencia profesional mediante a aplicación das políticas activas de emprego.
Ante o problema do desemprego na mocidade, é vital un traballo conxunto entre as diferentes Administracións así como co tecido produtivo, como garante para a consolidación das condicións que permitan absorber o talento mozo e fomentar que aqueles que se formaron en Galicia poidan seguir traballando e desenvolvendo o seu futuro laboral na nosa comunidade.
Desde a Xunta de Galicia estase a promover dentro do ámbito laboral, novos modelos de traxectoria profesional e a traballar contra a discriminación laboral de xénero desde as primeiras etapas da vida profesional.
Un compromiso que ten que axustar a oferta do mercado laboral á demanda da estrutura produtiva galega; un feito fundamental en especial para a mocidade con títulos de formación profesional e a poboación maior de 25 anos menos cualificada.
É importante destacar o Plan Emprega Xuventude, que conta cunha dotación no 2022 de 51,8 millóns de euros, serve para abordar estes desafíos.
Un plan que dispón de programas específicos para o apoio á formación, como poden ser os obradoiros de emprego para persoas mozas; con programas para a mellora da empregabilidade, o programa Galicia Emprega; medidas para a xeración de emprego no eido da investigación e a tecnoloxía; ou de incentivos á contratación da mocidade galega.
Por todo o exposto, O Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Comisión.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo o Plan Emprega Xuventude actual, nomeadamente no referente á posta en marcha dos programas de impulso á contratación e á inserción laboral do colectivo xuvenil”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002617