Iniciativa sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España para que defenda o sector do arrastre de fondo dos ataques que
está a sufrir por parte da Comisión Europea
Recentemente os eurodiputados do Grupo do Partido Popular Europeo, Gabriel Mato e Francisco Millán Mon, remitiron unha misiva ao comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, no que lle trasladaban a preocupación do sector do arrastre de fondo, pola persecución á que se senten sometidos pola Comisión Europea, ao ser considerada “a actividade máis prexudicial para o fondo do mar”.
As recentes declaracións da Comisión, con motivo da Conferencia sobre o futuro dos mares e da reunión coas ONG que reclaman á UE a eliminación progresiva das prácticas pesqueiras destrutivas, foron percibidas polo sector como unha confirmación da súa intención, expresada xa indirectamente na proposta de Estratexia da UE sobre Biodiversidade para 2030: prohibir o arrastre de fondo.
Javier Garat, presidente da Europêche, tamén lle enviou unha carta na que solicitaba debater os obxectivos fixados no Ocean Action Plan para conservar os recursos pesqueiros e protexer os ecosistemas mariños, tras a súa participación na elaboración da folla de ruta e na consulta pública, na que deixou constancia dos avances realizados pola frota pesqueira, especialmente o sector de arrastre.
O arrastre de fondo é unha das artes de pesca máis comúns e reguladas en Europa. É a única forma viable de capturar moitas das especies clave que se consumen na rexión, alimentos saudables de alta calidade, capturados case todas co rendemento máximo sostible e estando moitas delas certificadas polo Marine Stewardship Council.
As flotas afectadas xa sufriron perdas de ingresos, debido ao aumento dos custos, ao impacto da Covid-19 e aos elevados prezos dos combustibles. Asemade, a drástica redución do seu esforzo pesqueiro xa tivo duras repercusións sociais, sendo a súa posible prohibición catastrófica para comunidades costeiras enteiras. Cómpre recordar que este sector representa o 35% da capacidade de pesca europea total e o 38% dos ingresos xerados pola flota europea; datos significativos que non poden ser descoidados.
Con todo, a actividade pesqueira é relativamente pequena no que se refire ao conxunto da economía como para ser considerada a orixe da destrución dos ecosistemas mariños, feito que deriva da falta de consideración doutras fontes de presión e degradación.
Unha situación ante a que Galicia considera que o sector precisa políticas pesqueiras que funcionen e lles proporcionen certeza, á vez que garantan a sustentabilidade dos ecosistemas mariños por igual. Prohibir unha arte de pesca baseada en emocións e na falta de xustificación científica non sería xusto nin equilibrado.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1. Que rexeite publicamente os ataques que o sector do arrastre de fondo está a sufrir por parte da Comisión Europea.
2. Que defenda a importancia deste sector no conxunto do sector pesqueiro e da economía marítima europea.
3. Que solicite ao comisario de Medio Ambiente que teña en conta as opinións do sector e os datos cuantitativos da súa representación sobre o total da flota pesqueira europea”.