Santiago, 26 de abril de 2022.- O deputado popular Diego Calvo criticou duramente a actitude do BNG e o PSdeG en todo o relativo ao debate parlamentario da Lei de mellora do ciclo integral da auga. Asegurou que acudiron ao pleno “a mentir” e a “rebentar o debate” sen ter lido este texto lexislativo. “Non se pode vir aquí a dicir non porque non, a contradicirse varias veces nunha mesma intervención e a acusar á Xunta de asumir competencias municipais e de non asumilas ao mesmo tempo”, asegurou.
Durante a súa intervención, salientou que a lei nace co único obxectivo de axudar aos concellos nas súas competencias en materia de abastecemento, saneamento e depuración da auga, coa fin de dotar de marco legal e normativo a algo que xa está a facer a Xunta de Galicia coa meirande parte dos concellos de Galicia.
“Aínda que nacionalistas e socialistas menten e falan só de investimentos nalgúns concellos, a verdade é que a Xunta asume obras hidráulicas en toda a comunidade, empezando por Pontevedra, a única cidade que non xestiona a súa propia depuradora; e seguindo por Vilagarcía, onde se invisten 22 millóns para reducir nun 97 por cento os vertidos á ría; en Viveiro, con 8 millóns para ampliar un 50 por cento a capacidade da depuradora; en Cabanas e Pontedeume, con 9 millóns para mellorar o saneamento; ou en Rianxo, cun investimento de 14 millóns destinado a diversas actuacións en depuración e saneamento municipal”, concretou.
UNHA ADHESIÓN VOLUNTARIA
Diego Calvo lembrou tamén que a adhesión ás cuestións incluídas no novo texto lexislativo é totalmente voluntaria, e que ningún concello se verá na obriga de sumarse. “Veremos cantos dos 28 municipios que ven como agora xestiona a Xunta a súa depuradora deciden asumir eles esa responsabilidade”, ironizou o popular ante as críticas do BNG de que a administración autonómica só busca incrementar os seus ingresos.
“Menten cando din que a Xunta impón algo aos concellos, e menten tamén cando din que imos subir taxas, porque saben perfectamente que os que cobran aos veciños son os concellos”, apuntou Calvo, e lembrou como subiron os importes en todo o relativo á xestión da auga en puntos como Carballo ou Tomiño, ambos gobernados polo BNG.
“Non todo vale, e non poden vir aquí a mentir sen ningún pudor. Sigan así e seguirán onde están, onde levan xa moitos anos: na oposición”, espetoulles aos voceiros tanto do PSdeG como do BNG, aos que acusou de “sentirse a gusto só detrás dunha pancarta e protestando sen argumentos”.
PLANIFICACIÓN E TRANSPARENCIA
Finalmente, Diego Calvo tamén afeou aos grupos da oposición a súa falta de talante no debate, onde criticaron unha suposta falta de transparencia cando “poucos textos lexislativos foron tan explicados, tan debatidos e, ademais, obxecto de dúas ampliacións dos prazos para formular alegacións e suxestións”. De feito, lembrou que foi precisamente unha alegación impulsada pola Deputación da Pontevedra a que deixa “máis desprotexidos aos concellos” ao negarse a asumir unha parte económica dos investimentos en infraestruturas que sexan necesarios acometer para a correcta xestión do ciclo da auga.
En canto á suposta falta de planificación, criticada tamén pola oposición, Calvo lembrou que existen numerosas normativas en Galicia relacionadas co tratamento da auga, e que os técnicos de Augas de Galicia coñecen perfectamente o territorio, teñen estudadas as necesidades dos municipios e as súas instalacións e, por tanto, fixeron de xeito impecable o seu traballo para a redacción dun texto que, insistiu, “só pretende facilitar aos municipios de Galicia algo tan importante e tan técnico e ás veces tan complicado como é a xestión do ciclo integral da auga”.