Paula Prado defende unha “moción de impulso” en Lugo, cun plan de rescate e Elena Candia á fronte

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende a iniciativa dos populares lucenses, con Elena Candia á fronte, como unha “moción de impulso” baseada nun “plan de rescate” para que Lugo saia da “inestabilidade” xerada polo goberno de PSOE e BNG. Así o manifestou durante unha rolda de prensa na sede autonómica do partido, onde defendeu a moción de censura impulsada polos populares no Concello de Lugo, xunto con María Reigosa, co obxectivo de “mellorar a situación da cidade e dos lucenses”.

A número dous dos populares galegos criticou a “hipocrisía sen límite” da esquerda por acusar ao PP de “corrupción política baseada no transfuguismo” dunha concelleira do PSOE, que foi nas listas lideradas por Lara Méndez. No caso do Concello de Noia, cando o PP gobernaba sendo a lista máis votada, BNG e PSOE apoiados por un tránsfuga do PP, accederon á alcaldía.

Ademais, puxo en valor a iniciativa de Elena Candia, que xa confirmou que a súa prioridade é Lugo, fronte a Lara Méndez, a alcaldesa socialista que perdeu as eleccións “e tardou sete meses en deixar a alcaldía para ir ao Parlamento de Galicia”. “Lara Méndez tivo a oportunidade entre elixir entre Lugo e o Parlamento e optou por deixar aos seus veciños. Candia escolle Lugo e aos lucenses, que dentro dun ano valorarán moi positivamente esta moción”, subliñou Prado.

Por outra banda, Prado recordou que o PP de Lugo gañou as eleccións de 2023, quedando a moi poucos votos da maioría absoluta, con 12 concelleiros. Agora contan co apoio dunha concelleira máis, acadando os 13.

Igualmente, criticou que a oposición acuse ao PP de “aproveitarse das desgraciadas mortes acontecidas nas filas socialistas”, cando a realidade é que “os únicos que empregaron isto foron os propios socialistas”. Lembrou que o pasado mes de marzo saíu á luz unha fotografía do alcalde de Lugo e concelleiros do PSOE nunha comida cunha camiseta que puña: “Se o barco afunde, convertémolo en submarino”, coincidindo coa ausencia dunha edil socialista no pleno celebrado ese mesmo día por enfermidade. “Nós si que non imos entrar nese fango”, asegurou Prado.

Tamén lamentou a mobilización do PSOE noutras provincias, como o caso da Coruña: a alcaldesa Inés Rey chamou aos seus militantes a participar na concentrase este venres diante do Concello de Lugo para mostrar o seu rexeitamento á moción de censura, ofrecendo incluso organizar o desprazamento. “A única alcaldesa condenada en Galicia por transfuguismo ofrece autobuses para encher Lugo con militantes de toda a comunidade”, afeou Prado.

Do mesmo xeito, puxo en valor a iniciativa de María Reigosa que “se sente cómoda” traballando co PP de Lugo para favorecer os intereses da veciñanza. Fixo fincapé nas acusacións da oposición polo posible acceso dunha praza de funcionaria “a medida” para Reigosa, recordando que a propia edil dixo que non se presentaría e que, en todo caso, estaría no seu dereito, sen que concorra ningunha ilegalidade.

A secretaria xeral do PPdeG destacou o plan de acción de 45 medidas do PP de Lugo para reverter a situación da cidade. Entre as iniciativas, atópanse a creación dunhas 350 prazas de aparcamento, o Plan de rehabilitación para a zona norte e a eliminación de tramos de carril bici, entre outras.

DEFENSA DUN MODELO DE XESTIÓN DAS BAIXAS LABORAIS

Na rolda de prensa a Paula Prado tamén abordou a recente medida impulsada polo Goberno galego para abordar un plan contra o absentismo laboral. “É unha decisión difícil, pero un Goberno responsable debe afrontar os problemas do seu pobo e é evidente que neste campo existe un problema”, sinalou.

Deixou claro que as baixas laborais “son un dereito de todos os traballadores”, e o traballo do Goberno do presidente Alfonso Rueda está a traballar nunha xestión e control das incapacidades máis eficiente. “É evidente que hai que atallar esta situación, mentres a oposición tenta botar abaixo o traballo de quen se preocupa polos galegos”, dixo.

Así, amosou cifras relevantes como que a peche de marzo se revisaron máis de 126.000 procesos de baixa laboral que deu como resultado a alta de 30.100 persoas. Ademais, a afectación das baixas situase en Galicia por riba dos 2.200 M€. Cada día non van a traballar ao redor de 70.000 persoas na nosa comunidade.

“O absentismo laboral é unha realidade con notables consecuencias sociais e severo impacto na produtividade. Abordalo, polo tanto, require rigor e tamén a responsabilidade de todos, incluíndo tamén a propia administración do Estado”, puntualizou.

Fixo referencia a que o problema das baixas laborais tamén afecta ao Goberno central, criticando que “non é capaz de poñerse de acordo nin entre ministerios”. Afeou as declaracións de Yolanda Díaz, que antes de coñecer o plan do Goberno galego xa asegurou que Galicia “está a invadir competencias” e as palabras do secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez, que falou de que “se están perseguindo a traballadores enfermos”. En contraposición, o PPdeG “está ao carón da xente”.

O Parlamento insta ao Goberno central a que desenvolva un “mapa completo e non teórico” da conectividade real de Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, por unanimidade instar ao Goberno central a que desenvolva un “mapa completo” da conectividade real en Galicia, no que se inclúan as principais infraestruturas de comunicación terrestres, para garantir, así, a igualdade de oportunidades en todo o territorio.

Durante a súa intervención na Comisión 3ª, o deputado do Grupo Parlamentario Popular, Julio García Comesaña, defendeu que a proposición non de lei “non pide nada extraordinario; pide, simplemente, que o Estado asuma a súa responsabilidade, que coñeza a realidade e que actúe para corrixir as deficiencias existentes”.

Tal e como sinalou, as telecomunicacións son competencia exclusiva do Estado, polo que é ao Goberno central a quen lle corresponden cuestións clave, como a planificación do despregamento de redes, a regulación dos operadores, a asignación do espectro radioeléctrico ou a definición das condicións de acceso aos servizos. E lamentou a falta de previsións por parte do Goberno central de novas actuacións de despregamento de fibra óptica e que o programa de axudas Redes 5G muy rurales está “afastado” da situación actual.

Referiuse á complexidade xeográfica da nosa Comunidade, marcada pola dispersión da poboación: “Mentres o Goberno central fala de cobertura case total, a realidade segue sendo moi distinta”. Neste punto, apuntou aos últimos datos publicados nos que se fai referencia a preto de 120.000 fogares galegos que continúan con cobertura baixa ou inexistente. Mencionou o caso da provincia de Lugo, onde hai case 30.000 vivendas sen acceso á fibra óptica.

Así, salientou como prioridades reforzar a coordinación entre administracións, garantir a transparencia na planificación dos despregamentos e asegurar que os programas estatais se executen con eficacia e adaptación á realidade territorial.

“GALICIA SI FIXO O SEU TRABALLO”
García Comesaña destacou o labor desenvolvido polo Goberno galego nesta materia: “Galicia si fixo o seu traballo”.

Así, recordou a implantación da fibra óptica en zonas empresariais e a núcleos onde antes non existía ningún tipo de conexión, o impulso de redes de máis de 100Mbps en pequenas poboacións ou a posta en marcha de plans de banda larga. Neste mesmo punto, salientou o investimento de máis de 10,6M€ para levar cobertura móbil a 210 núcleos, beneficiando a máis de 5.000 persoas en zonas illadas.

O PPdeG destaca o impacto positivo do Bono Activa Comercio en Ourense, ao beneficiar a máis de 1.000 establecementos e xerar máis de 6.000 vendas

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Campero e José Luis Ferro, destacaron o impacto positivo do programa Bono Activa Comercio na provincia de Ourense, onde, en 2025, beneficiou a máis de 1.000 establecementos, xerou máis de 60.000 vendas e acadou máis de 3,48M€ en actividade comercial.

Durante unha visita á libraría Galaica, de Xinzo de Limia, os deputados autonómicos puxeron en valor o papel dinamizador desta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, e dirixida a incentivar o consumo e a brindarlle apoio directo aos pequenos e medianos negocios. Así, remarcaron que o Goberno galego continuará apostando por políticas activas que impulsen o comercio de proximidade e promovan o desenvolvemento económico e social equilibrado do territorio.

José Luis Ferro sinalou que este tipo de iniciativas “demostran que cando se apoia ao comercio local con medidas útiles e directas, os resultados chegan: máis actividade, máis emprego e máis vida nas nosas vilas”.

A BOA ACOLLIDA DO PROGRAMA EN XINZO DE LIMIA

Tal e como salientaron, o Bono Activa Comercio, tamén, tivo unha boa acollida en Xinzo de Limia. Así, puxeron en valor as máis de 5.600 operacións realizadas, que mobilizaron máis de 335.000€.

Segundo dixo Cristina Campero, “o Bono Activa Comercio é unha ferramenta eficaz para apoiar ao pequeno comercio, pero, tamén, para fomentar hábitos culturais como a lectura, reforzando así dous piares fundamentais da nosa sociedade”. Os deputados do Grupo Popular subliñaron, especialmente, a importancia do sector do libro dentro deste programa, xa que representa un elemento clave, non só desde o punto de vista económico, senón tamén cultural e social.

Así, coincidindo co Día do Libro, remarcaron o labor de apoio e reforzo do no sector editorial e libreiro, reforzando tanto as feiras do libro en Galicia como a súa proxección exterior.

O PPdeG destaca a boa acollida do Bono Coidado na provincia de Lugo, que beneficia a máis de 7.600 persoas dependentes

O PPdeG destacou a boa acollida que o Bono Coidado no Fogar está a ter na provincia de Lugo e o cal beneficia xa a 7.651 persoas en situación de dependencia, tras dous anos en vigor.

Durante unha xuntanza con veciños de Rubián, no concello de Bóveda, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias e Enrique Barreiro, puxeron en valor esta axuda, impulsada polo Goberno galego, que consiste nunha achega de 5.000€ ao ano para todos os dependentes que son atendidos nas súas casas, por un familiar ou unha persoa da súa contorna, con independencia do grado de dependencia recoñecido ou da renda.

Tal e como sinalaron, o Goberno de Alfonso Rueda reforzou, neste ano, do Bono Coidado con 179M€ –un 52% máis que o ano pasado-.

3.000M€ DE DÉBEDA ACUMULADA EN MATERIA DE DEPENDENCIA

Por outra banda, a portavoz de Política Social, Raquel Arias, contrapuxo o compromiso da Xunta en materia de dependencia co desleixo do Goberno central. Así, fronte ao investimento de 845M€ que o Goberno galego destina á atención á dependencia e á mellora dos servizos sociosanitarios –un 17% máis que no 2025-; “o Executivo de Pedro Sánchez volve reducir esta achega”. Segundo os datos de 2025, a Administración central diminuíu a súa contribución ata o 32,9%; uns datos moi afastados do 50% que lle obriga a lei. Deste xeito, a débeda que acumula con Galicia nesta materia chega aos 3.000M€.

Asemade, Enrique Barreiro puxo en valor os 10.000 galegos máis que, nesta lexislatura, recibirán o Bono Coidado, tal e como anunciou o presidente Rueda no pasado Debate de política xeral. Neste senso, salientou o remate, neste primeiro semestre, as 20.000 persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar e o remate, neste primeiro semestre do ano, da primeira fase do Plan de residencias e centros de día, que permitirá a apertura de 24.

A provincia de Lugo conta, na actualidade, con máis de 16.680 dependentes atendidos.