O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, por unanimidade instar ao Goberno central a que desenvolva un “mapa completo” da conectividade real en Galicia, no que se inclúan as principais infraestruturas de comunicación terrestres, para garantir, así, a igualdade de oportunidades en todo o territorio.
Durante a súa intervención na Comisión 3ª, o deputado do Grupo Parlamentario Popular, Julio García Comesaña, defendeu que a proposición non de lei “non pide nada extraordinario; pide, simplemente, que o Estado asuma a súa responsabilidade, que coñeza a realidade e que actúe para corrixir as deficiencias existentes”.
Tal e como sinalou, as telecomunicacións son competencia exclusiva do Estado, polo que é ao Goberno central a quen lle corresponden cuestións clave, como a planificación do despregamento de redes, a regulación dos operadores, a asignación do espectro radioeléctrico ou a definición das condicións de acceso aos servizos. E lamentou a falta de previsións por parte do Goberno central de novas actuacións de despregamento de fibra óptica e que o programa de axudas Redes 5G muy rurales está “afastado” da situación actual.
Referiuse á complexidade xeográfica da nosa Comunidade, marcada pola dispersión da poboación: “Mentres o Goberno central fala de cobertura case total, a realidade segue sendo moi distinta”. Neste punto, apuntou aos últimos datos publicados nos que se fai referencia a preto de 120.000 fogares galegos que continúan con cobertura baixa ou inexistente. Mencionou o caso da provincia de Lugo, onde hai case 30.000 vivendas sen acceso á fibra óptica.
Así, salientou como prioridades reforzar a coordinación entre administracións, garantir a transparencia na planificación dos despregamentos e asegurar que os programas estatais se executen con eficacia e adaptación á realidade territorial.
“GALICIA SI FIXO O SEU TRABALLO”
García Comesaña destacou o labor desenvolvido polo Goberno galego nesta materia: “Galicia si fixo o seu traballo”.
Así, recordou a implantación da fibra óptica en zonas empresariais e a núcleos onde antes non existía ningún tipo de conexión, o impulso de redes de máis de 100Mbps en pequenas poboacións ou a posta en marcha de plans de banda larga. Neste mesmo punto, salientou o investimento de máis de 10,6M€ para levar cobertura móbil a 210 núcleos, beneficiando a máis de 5.000 persoas en zonas illadas.