José Luis Novo Teijeiro será deputado do Grupo Parlamentario Popular, tras a toma de posesión como alcaldesa de Lugo de Elena Candia

Tras a toma de posesión de Elena Candia como alcaldesa de Lugo e a súa renuncia á acta de deputada no Parlamento de Galicia, José Luis Novo Teijeiro pasará a incorporarse ao Grupo Parlamentario Popular. Así, o informou, hoxe, o portavoz popular, Alberto Pazos, quen destacou a “súa dilatada experiencia no municipalismo e o seu coñecemento do ámbito rural”. Na actualidade, Novo Teijeiro mantén unha participación activa no partido como membro da Xunta directiva do PP de Lugo e da Comisión de pequenos concellos do PPdeG.

Alberto Pazos aproveitou para agradecerlle a Elena Candia todo o “labor impecable” desenvolvido como vicepresidenta e parlamentaria, ao longo destes seis anos; e puxo en valor o seu compromiso por Lugo, ao antepoñer o ben da súa veciñanza a calquera outra aspiración persoal: “Quen podía escoller Lugo, escolleu un escano no Parlamento e quen, como Elena, podía quedarse no Parlamento, escolleu exercer as súas responsabilidades en Lugo”.

Segundo apuntou, remata un ciclo político esgotado en Lugo e comeza o tempo da “política útil e a pé de rúa”, sen barreiras entre o despacho e a veciñanza, que é o que a cidade reclamaba desde hai un tempo. “Ábrese unha nova etapa de xestión e ilusión”, dixo Alberto Pazos, ao poñer de manifesto que a nova rexedora non perdeu nin un minuto en presentar a estrutura do novo goberno municipal e un proxecto de cidade con medio cento de medidas concretas. “Lugo –engadiu- gaña unha grande alcaldesa”.

A VOLTA AO CLIMA TRANQUILO
Por outra banda, o portavoz popular avogou por retomar o clima tranquilo e deixar atrás as escenas de crispación –con ataques persoais, insultos ou descualificacións- que se viviron nas últimas semanas, tanto dentro como fóra do Parlamento, e que “en nada contribúen á imaxe da boa política nin do prestixio das nosas institucións”; así como tamén, onte, ás portas do concello de Lugo, onde se viviron momentos de gran tensión e se superaron os límites do respecto e da provocación.

No referido ao pleno desta última semana, considerou de “lamentable” os ataques verbais contra Elena Candia e mentiras vertidas sobre a deputada popular Paula Mouzo, a quen o BNG “acusou en falso” de ausentarse nos debates sobre temas do seu concello: “Sabiamos do nerviosismo do BNG en Galicia, pero parece que aínda o hai máis en Camariñas”.

“Cando as ideas se substitúen pola mentira e a ofensa persoal –sinalou-, non só perde quen a pronuncia, senón que se resinte a calidade do noso sistema democrático”. Por todo isto, instou aos grupos da oposición a que non tarden “nin un minuto máis en pedir desculpas e, sobre todo, en rectificar actitudes”. E rematou facendo, de novo, un chamamento a “rebaixar o ambiente irrespirable das últimas semanas”.