Paula Prado critica o falso pacifismo do BNG e defende que o PPdeG “non cala ante ningunha guerra”

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, criticou, hoxe, o falso pacifismo do BNG: “Se o agresor é Rusia, Irán ou réximes aliados ideoloxicamente, o ton cambia, son mansiños”. “Veñen aquí a erixirse en defensores da paz –engadiu-, pero a paz non pode ser selectiva”. Así, para Paula Prado, hai dous modelos antagónicos, o do PPdeG, “que non cala ante ningunha guerra”, e o do BNG, que “di non, dependendo da cor política dos agresores”.

Durante o debate dunha moción do BNG sobre a postura do Goberno galego ante a escaldada belicista e militarista no mundo, a deputada popular referiuse á situación política de Cuba, Venezuela e Nicaragua e lamentou que os nacionalistas se mobilicen e condenen determinados conflitos políticos, sempre e cando este “encaixa no seu relato ideolóxico”. Neste punto, recordou que o BNG non condenou o “pucherazo venezolano”, un proceso electoral, dixo, que foi alterado e cun réxime que “roubou as eleccións” a Edmundo González Urrutia, recoñecido como presidente electo por gran parte da comunidade internacional. “O pacifismo do BNG é chamar fascista a María Corina Machado, premio Nobel da Paz”, sinalou.

“Están vostedes pola paz ou pola guerra?”, preguntou Paula Prado, ante a negativa do BNG a apoiar, en distintas ocasións no Parlamento de Galicia, declaracións institucionais de condena á invasión rusa en Ucraína, ao réxime dos aiatolás en Irán, á acción terrorista levada a cabo por Hamás en Israel, así como tamén, “a declaración institucional pola paz en Gaza, en setembro de 2025”. Asemade, afeou a “tibieza” do BNG ante crises humanitarias como as de Sudán, Iemen, Somalia, Congo ou Haití. Así, para Paula Prado o problema é “esixir democracia só a uns, mentres se relativizan ou silencian as ditaduras de esquerdas”.

Instou ao BNG a quitarse a “careta de falsos moderados”, cando manteñen reunións cos herdeiros de ETA ou do Sinn Fein e mesmo homenaxean a persoas que foron o brazo militar de UPG-ETA, como Moncho Reboiras. E aproveitou para lamentar os actos vandálicos contra a súa estatua e contrapuxo a postura do BNG, quen aínda non condenou o ataque contra o busto de Manuel Fraga.

Para rematar, Paula Prado criticou o silencio dos nacionalistas e a falta de autocrítica dos socialistas, tras coñecerse a imputación do ex presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero: “Ante o goberno máis corrupto da historia de España, son os da procesión dos caladiños e os da cabeza baixa”.