Paula Prado defende o “impulso industrial” do Goberno galego coa chegada de SAIC, fronte ao “negacionismo” do BNG e as “medallas” do PSOE

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu o impulso da potencialidade industrial e da economía galega que realiza o presidente Alfonso Rueda e o Goberno galego, no contexto da elección de Galicia por parte do primeiro produtor chinés de automóbiles, SAIC, para o seu desembarco en Europa. Pola contra, lamentou a postura do PSOE e o BNG, xa que os socialistas “cólganse a medalla, loan a Sánchez e aseguran que isto é grazas ao Goberno central”, mentres que os independentistas galegos se manteñen no seu “negacionismo industrial” e no “non ao futuro de Galicia”.

Así o manifestou durante unha rolda de prensa na sede autonómica, na que puxo en valor que SAIC elixa Ferrol e As Pontes para levantar a súa fábrica de coches eléctricos de MG, o que supón unha “excelente nova” para a nosa comunidade e para todos os galegos e galegas, “mostra da capacidade de Galicia para aproveitar oportunidades e atraer investimentos industriais internacionais á nosa terra”, dixo.

Neste sentido, lembrou que esta operación suporá 2.300 empregos, 120.000 vehículos ao ano e 200 millóns de euros de investimento. “É un exemplo máis de que en Galicia se traballa co foco posto en seguir medrando e impulsando a economía galega”, salientou Prado, lamentando que o que debería ser motivo de orgullo para todos, non o é para partidos como o PSdeG e o BNG.

A “LETRA PEQUENA” DO BNG: UNHA ESCUSA PARA SACAR A PANCARTA

“Non son capaces de aplaudir o desembarco deste xigante chinés no noso territorio, porque están máis preocupados en atacar ao Goberno autonómico que en mirar polo ben de Galicia e a súa cidadanía”, subliñou. Neste sentido, lembrou os argumentos do BNG para criticar o desembarco de SAIC, amparándose en que “tiñan que ler a letra pequena”. Para a número dous dos populares galegos, este argumento é “unha escusa para opoñerse, para montar algunha plataforma e para sacar a pancarta”. Así, afeou que o seu brazo sindical, a CIG, pida un novo modelo industrial para Galicia mentres lidera protestas contra calquera parque eólico que se instale no noso territorio.

Tamén criticou a postura do líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, por “estar ao servizo do líder”, Pedro Sánchez, e por utilizar a cogobernanza co Executivo central “para poñerse medallas”, cando a colaboración institucional “debería ser normal, e non nada extraordinario”. Neste sentido, puxo o exemplo da reforma de financiación autonómica, que o Goberno de Sánchez quere poñer en marcha sen beneficiar a Galicia, e co “si” que clama Besteiro.

FINANCIACIÓN: “O QUE É DE TODOS, FÁLASE ENTRE TODOS”

“Por sorte, contamos cun Goberno autonómico que mira polos intereses dos galegos e galegas e por iso a Xunta se nega a participar nas reunións bilaterais que propón o Goberno de España”, xustificou Prado, lembrando as palabras do presidente Alfonso Rueda sobre esta cuestión: “O que é de todos, fálase entre todos”.

Explicou que coa reforma do financiamento proposta, Galicia só obtería o 2,8% dos recursos, cando contamos co 6% da poboación de España. “Non queremos ser máis que ninguén, pero menos tampouco. O Goberno central tense que sentar a falar coas Comunidades Autónomas para consensuar un modelo equitativo”, esixiu a secretaria xeral do PPdeG.

Para Prado, esta reforma está pactada co independentismo catalán porque del “depende o sillón de Sánchez na Moncloa”.

Tamén lamentou a postura da líder do BNG, Ana Pontón, que en Galicia “acostuma ao non a todo”, pero en Madrid “todo o consente, e din si a Pedro Sánchez”. Afeou aos nacionalistas galegos a súa “dobre vara de medir”, xa que admiten que seguirán cogobernando con Sánchez mentres non haxa unha condena por financiación ilegal, pero obvian a gravidade dos casos de política nacional, como son Begoña Gómez, David Sánchez, Koldo e Ábalos, Plus Ultra e imputación de Zapatero, Leire Díez e trama da SEPI, financiación irregular e caixa B do PSOE, fiscal Xeral do Estado, trama de Hidrocarburos ou o Caso Tito Berni.

“A única certeza é que o Goberno de Sánchez pasará á historia por ser o máis corrupto da historia de España. Historia da que tamén forman parte os seus socios, no Goberno e en moitas cidades, como é o BNG”, sentenciou.

“PREFIREN O DELITO Á ALTERNANCIA POLÍTICA”

En canto aos casos de corrupción, fixo fincapé nas “cloacas do socialismo, que extorsionan e perseguen a xuíces e fiscais, cun sicariato montado nos cinco días de reflexión do “One” para ameazar e asasinar civilmente a aqueles que estaban investigando a súa familia e ao seu círculo máis próximo”. Criticou que os independentistas galegos “prefiran o delito a alternancia política, por medo a que o PP gañe as eleccións”.

Igualmente, incidiu na investigación ao expresidente Zapatero, presunto “cabecilla” dunha organización criminal nunha trama internacional de tráfico de influencias e branqueo de capitais. “Hai algo máis indecente que enriquecerse coa pobreza?”, preguntouse a secretaria xeral dos populares galegos, aludindo ás bolsas de comida en Venezuela ou ao presunto cobro ás familias de presos políticos en Venezuela.

“Non podemos, nin imos aceptar, leccións destes partidos políticos, porque só hai unha explicación para quen non condena estas tramas de corrupción: están dentro da mesma trama”, puntualizou Paula Prado, que fronte a isto puxo en valor ao PPdeG como o partido que traballa por Galicia, “con seriedade e rigor, mirando polo futuro de todos os galegos e galegas”.

O Parlamento apoia impulsar a candidatura de Lugo como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública

O Parlamento de Galicia aprobou, sen votos en contra, impulsar a candidatura de Lugo para albergar a sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública. Así, a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, dixo, hoxe, que a cidade “representa unha candidatura extraordinariamente sólida”.

Neste punto, puxo en valor os “méritos máis que suficientes” de Lugo para acoller esta institución e apuntou que conta cun ecosistema sanitario e investigador de referencia, un hospital moderno e consolidado, un Centro Integral de Saúde de última xeración e cun recurso singular e de enorme prestixio como é o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia. Así mesmo, salientou que esta candidatura se sustenta en capacidades reais, infraestruturas xa operativas, profesionais altamente cualificados e unha traxectoria consolidada en saúde pública “que poucas outras cidades poden presentar”.

Do mesmo xeito, incidiu en que a nosa Comunidade é hoxe un referente en programas de prevención e detección precoz, vacinación, cribados poboacionais e en políticas de promoción da saúde. “Esta experiencia acumulada constitúe un aval extraordinario para albergar esta institución”, indicou Encarna Amigo.

Tal e como remarcou, esta axencia suporía un motor de emprego cualificado, innovación e desenvolvemento para Lugo e para Galicia, ademais dunha oportunidade para que a nosa Comunidade continúe gañando peso nas políticas públicas de saúde.

Encarna Amigo afeou “a falta absoluta de planificación” do Goberno central e o procedemento “caótico” que está a seguir para a constitución desta axencia. Por iso, fixo fincapé en que a iniciativa do Grupo Popular avoga pola unidade institucional e a suma de esforzos entre administracións –municipal, autonómica e estatal-, co fin de presentar unha proposta que garanta a plena dispoñibilidade das instalacións necesarias, a asunción dos compromisos económicos e técnicos e a dotación das infraestruturas, servizos e persoal.

O GOBERNO CENTRAL INCUMPRE COA DEPENDENCIA
Por outra banda, o Parlamento apoiou por unanimidade a demanda do Grupo Popular de incrementar o número de persoas dependentes atendidas ata acadar, este mesmo ano, a cifra de 100.000 persoas con prestacións ou servizos efectivos –Galicia rematou o primeiro trimestre de 2026 con 93.892 persoas dependentes atendidas e unha ratio de atención do 99,4%-.

Para iso, a deputada Dolores Hermelo reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez o financiamento que lle corresponde a Galicia e que, tal e como denunciou, está a reducir ano tras ano: do 40% que achegaba en 2023 –por debaixo do 50% que lle corresponde por lei-, en 2025 baixou ata o 32,9%. “Cada ano, máis obrigas para Galicia e menos compromiso do Goberno central”, apuntou, para continuar recordando que a débeda acumulada coa nosa Comunidade supera xa os 3.000M€.

Tras destacar “o esforzo sen precedentes” da Xunta de Galicia, a parlamentaria popular lamentou “o silencio” dos grupos da oposición ao agravio de Pedro Sánchez con Galicia en materia de dependencia. “Pedímoslle que decida de que lado quere estar: dos prexuízos partidistas ou do lado dos dependentes”, finalizou.

APOIO AOS TRABALLADORES DE NESTLÉ
Por último, o voto favorable do Grupo Popular fixo posible un acordo unánime na Cámara en apoio aos traballadores da planta de Nestlé, en Pontecesures, e ás accións a pór en marcha en relación ao ERE anunciado pola factoría. Así, o Grupo Popular avoga por desenvolver un plan de apoio á industria agroalimentaria galega, orientado á fixación da actividade produtiva no rural e á defensa da cadea de valor.

O PPdeG pídelle ao secretario xeral do PSdeG responsabilidade e seriedade á hora de falar da extensión do cribado de cancro de mama

O PPdeG pídelle ao secretario xeral do PSdeG “responsabilidade e seriedade” á hora de falar da extensión do cribado de cancro de mama en Galicia. Neste senso, a portavoz da área de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, lémbralle ao responsable socialista que “Galicia é referencia nos programas de cribado de cancro de mama”. “Menos titulares –engadiu- e máis rigor”.

Tal e como recordou, foi a evidencia científica acadada na nosa Comunidade, cos resultados da ampliación do cribado ata os 74 que xa vén aplicando desde hai anos, o que levou ao Ministerio a apostar pola ampliación do cribado ata esa idade. Asemade, Encarna Amigo lembrou que a proposta de ampliación do cribado de cancro de mama desde os 45 anos, realizada no seo da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, “está pendente de ser tratada e, no seu caso, de ser aprobada definitivamente, polo Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde”.

E explicou que, unha vez aprobada de forma definitiva, o Goberno central deberá tramitar a norma que modifique a carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, a través dunha Orde Ministerial que, previsiblemente, “tardará meses en ser publicada no Boletín Oficial do Estado”. Será, pois, a partir dese momento cando as comunidades autónomas dispoñan de 3 anos para implantar o cribado desde os 45 anos. Polo que instou a Besteiro a “non confundir nin a xerar expectativas que hoxe non teñen aínda respaldo normativo”.

Do mesmo xeito, remarcou que a Xunta xa a está a ofrecer cribado de cancro de mama a mulleres desde os 35 anos, en caso de que participen nas primeiras fases do proxecto Xenoma Galicia, que son de invitación aleatoria. No marco deste proxecto, estratifícase o risco a través de análises xenéticas.

Por outra banda, a ampliación da idade do cribado de cancro de mama aos 74 anos xa se levou a cabo de forma pioneira, en Galicia, no ano 2023, tal e como destacou o propio Ministerio de Sanidade. Foi, apuntou, unha decisión baseada na evidencia científica, tendo en conta os beneficios a un número moi importante de mulleres e da que non derivaban determinados efectos non desexados dos cribados, como os falsos positivos ou o sobrediagnóstico.

A Xunta tamén está a apostar pola medicina personalizada e por iso Galicia está a liderar o proxecto de investigación Mamo Risk, que está baseado na personalización do risco en función de factores de risco (ser fumadora, non ter fillos, etc.) ou factores de protección (non fumar, ter sido nai…). Desta forma, a idade será un criterio a ter en conta pero non o único.

Polo tanto, a nosa Comunidade é referente na abordaxe do cancro, comezando pola detección precoz, e seguirá mellorando as prestacións en base a criterios técnicos, baseados na evidencia científica e garantindo a resposta sanitaria que precisan as persoas participantes nos cribados. “Galicia toma decisións baseándose na evidencia científica”, dixo Encarna Amigo, quen contrapuxo a política sanitaria seria do Goberno galego coa propaganda do PSdeG.