O PPdeG pídelle ao secretario xeral do PSdeG “responsabilidade e seriedade” á hora de falar da extensión do cribado de cancro de mama en Galicia. Neste senso, a portavoz da área de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, lémbralle ao responsable socialista que “Galicia é referencia nos programas de cribado de cancro de mama”. “Menos titulares –engadiu- e máis rigor”.
Tal e como recordou, foi a evidencia científica acadada na nosa Comunidade, cos resultados da ampliación do cribado ata os 74 que xa vén aplicando desde hai anos, o que levou ao Ministerio a apostar pola ampliación do cribado ata esa idade. Asemade, Encarna Amigo lembrou que a proposta de ampliación do cribado de cancro de mama desde os 45 anos, realizada no seo da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, “está pendente de ser tratada e, no seu caso, de ser aprobada definitivamente, polo Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde”.
E explicou que, unha vez aprobada de forma definitiva, o Goberno central deberá tramitar a norma que modifique a carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde, a través dunha Orde Ministerial que, previsiblemente, “tardará meses en ser publicada no Boletín Oficial do Estado”. Será, pois, a partir dese momento cando as comunidades autónomas dispoñan de 3 anos para implantar o cribado desde os 45 anos. Polo que instou a Besteiro a “non confundir nin a xerar expectativas que hoxe non teñen aínda respaldo normativo”.
Do mesmo xeito, remarcou que a Xunta xa a está a ofrecer cribado de cancro de mama a mulleres desde os 35 anos, en caso de que participen nas primeiras fases do proxecto Xenoma Galicia, que son de invitación aleatoria. No marco deste proxecto, estratifícase o risco a través de análises xenéticas.
Por outra banda, a ampliación da idade do cribado de cancro de mama aos 74 anos xa se levou a cabo de forma pioneira, en Galicia, no ano 2023, tal e como destacou o propio Ministerio de Sanidade. Foi, apuntou, unha decisión baseada na evidencia científica, tendo en conta os beneficios a un número moi importante de mulleres e da que non derivaban determinados efectos non desexados dos cribados, como os falsos positivos ou o sobrediagnóstico.
A Xunta tamén está a apostar pola medicina personalizada e por iso Galicia está a liderar o proxecto de investigación Mamo Risk, que está baseado na personalización do risco en función de factores de risco (ser fumadora, non ter fillos, etc.) ou factores de protección (non fumar, ter sido nai…). Desta forma, a idade será un criterio a ter en conta pero non o único.
Polo tanto, a nosa Comunidade é referente na abordaxe do cancro, comezando pola detección precoz, e seguirá mellorando as prestacións en base a criterios técnicos, baseados na evidencia científica e garantindo a resposta sanitaria que precisan as persoas participantes nos cribados. “Galicia toma decisións baseándose na evidencia científica”, dixo Encarna Amigo, quen contrapuxo a política sanitaria seria do Goberno galego coa propaganda do PSdeG.