O PPdeG defende esta semana no Senado o acordo unánime do Parlamento galego para a transferencia da AP-9 a Galicia

O PPdeG defenderá esta semana no Senado o acordo unánime do Parlamento de Galicia para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia. Os populares proporán varias emendas para recuperar a proposta orixinal, na que se garanten todos os recursos económicos necesarios para a súa xestión.

Así o reclamaron hoxe na reunión da ponencia da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible sobre a Proposición de Lei Orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade. Os senadores galegos Nidia Arévalo, José Manuel Barreiro e José Manuel Rey Varela lamentan que o “pacto da traizón” executado por PSOE, BNG e Sumar no Congreso dos Deputados rachase o consenso acadado na Cámara galega, con consecuencias “desastrosas”, de 4.000 millóns de euros de custo, para a nosa Comunidade.

O PPdeG insiste en que o texto “rebaixado” ao que deu luz verde o PSOE no Congreso, co inestimable apoio dos nacionalistas e independentistas galegos, conleva condicións “inviables” para Galicia nos ámbitos financeiro, político e xurídico. Entre outras, non está garantido que o Estado asuma os custos asociados á transferencia, como o mantemento das bonificacións das peaxes, os investimentos comprometidos ou a indemnización á concesionaria en caso de que a Unión Europea así o ditamine.

Os populares remarcan que, ademais de dotarse á transferencia desta infraestrutura crítica para Galicia dos recursos económicos necesarios para a súa xestión, é “innegociable” que se manteñan todos os compromisos adquiridos ata agora. Por conseguinte, reclaman recuperar o texto orixinal e aparcar as modificacións, feitas de costas ao consenso acadado por todas as forzas parlamentarias galegas, que xera unha “enorme incertidume”.

O PPdeG reivindica que está a ser o único garante de que se preserve a transferencia da AP-9 nas condicións que se acordaron antes de que o texto quedase “completamente destrozado”. Unha fidelidade que contrasta co desleixo doutros partidos que quedan “absolutamente desacreditados” para arrogarse calquera defensa dos intereses de Galicia, ao impoñer unha factura de 4.000 millóns de euros ás arcas da Comunidade co obxectivo de aforrarlla a Pedro Sánchez.

SEMANA NO SENADO

Tras a celebración hoxe da ponencia, mañá debaterase na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible as emendas do Partido Popular para recuperar a proposta orixinal da transferencia da AP-9, e que culminará o xoves coa votación desta lei no pleno do Senado. Os populares galegos insisten en que o “único obxectivo é respectar o acordado por unanimidade no Parlamento de Galicia antes de que PSOE e BNG pactasen -xunto con Sumar- un pacto de traidores”.

O PPdeG destaca que máis dun cento de establecementos da provincia de Lugo ofrecen xa descontos aos maiores de 65 anos

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias e José Luis Novo, puxeron en valor que máis dun cento de establecementos da provincia de Lugo están adheridos ao Carné +65, posto en marcha pola Xunta e que ofrece descontos, vantaxes e beneficios exclusivos ás persoas maiores.

Os parlamentario, acompañados polo responsable de Política Social, Maiores e Migración do Concello de Lugo, Gustavo Díaz Rey, visitaron varios establecementos da capital que ofrecen estes descontos, e lembraron que se trata dunha tarxeta, semellante á que teñen as mozas e mozos de ata 30 anos, da que poden beneficiarse todas as persoas de 65 anos ou máis, empadroadas en Galicia, á hora de acceder a comercios, museos e teatros, así como viaxes e aloxamentos turísticos, ademais de produtos de audición e vista, actividades formativas e outros. Dos preto de 1.000 establecementos adheridos en toda Galicia, máis de 110 atópanse na provincia de Lugo.

Raquel Arias e José Luis Novo remarcaron que este carné é completamente gratuíto e non require de trámites nin de xestións. “É moi sinxelo. As persoas maiores recíbeno por correo nos seus fogares, sen necesidade de activalo. Para empregalo, por exemplo á hora de mercar unhas gafas, simplemente teñen que presentalo no momento de facer o pagamento, e o propio establecemento encárgase de aplicar o desconto de maneira directa”, indicaron.

Así mesmo, fixeron un chamamento para que todas e todos os lucenses que xa cumpriran os 65 anos se animen a presentar o Carné +65. “Cun pequeno xesto, como é sacar o carné do peto, poden optar a descontos do 10%, 20% e ata o 30%, que sumados no día a día, poden supoñer unha diferenza considerable ao final de mes. Que non deixen de facelo por descoñecemento ou por temor a non saber empregalo”, sinalaron.

OUTRAS INICIATIVAS EN PROL DAS PERSOAS MAIORES

O Carné +65 é unha das iniciativas desenvolvidas polo Goberno galego para contribuír a que as persoas maiores desfruten desta etapa das súas vidas. Outros programas que se reeditan este ano son Benestar en Balnearios, ao que poden optar persoas maiores de 60 anos e pensionistas maiores de 55, con estadías de 10 días e 9 noites en réxime de pensión completa, a escoller entre 15 balnearios de Galicia; e Xuntos polo Nadal, que fai posible que as persoas maiores que estean soas poidan pasar estas datas acompañadas doutras persoas na mesma situación, de xeito gratuíto.