O PPdeG defenderá esta semana no Senado o acordo unánime do Parlamento de Galicia para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia. Os populares proporán varias emendas para recuperar a proposta orixinal, na que se garanten todos os recursos económicos necesarios para a súa xestión.
Así o reclamaron hoxe na reunión da ponencia da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible sobre a Proposición de Lei Orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade. Os senadores galegos Nidia Arévalo, José Manuel Barreiro e José Manuel Rey Varela lamentan que o “pacto da traizón” executado por PSOE, BNG e Sumar no Congreso dos Deputados rachase o consenso acadado na Cámara galega, con consecuencias “desastrosas”, de 4.000 millóns de euros de custo, para a nosa Comunidade.
O PPdeG insiste en que o texto “rebaixado” ao que deu luz verde o PSOE no Congreso, co inestimable apoio dos nacionalistas e independentistas galegos, conleva condicións “inviables” para Galicia nos ámbitos financeiro, político e xurídico. Entre outras, non está garantido que o Estado asuma os custos asociados á transferencia, como o mantemento das bonificacións das peaxes, os investimentos comprometidos ou a indemnización á concesionaria en caso de que a Unión Europea así o ditamine.
Os populares remarcan que, ademais de dotarse á transferencia desta infraestrutura crítica para Galicia dos recursos económicos necesarios para a súa xestión, é “innegociable” que se manteñan todos os compromisos adquiridos ata agora. Por conseguinte, reclaman recuperar o texto orixinal e aparcar as modificacións, feitas de costas ao consenso acadado por todas as forzas parlamentarias galegas, que xera unha “enorme incertidume”.
O PPdeG reivindica que está a ser o único garante de que se preserve a transferencia da AP-9 nas condicións que se acordaron antes de que o texto quedase “completamente destrozado”. Unha fidelidade que contrasta co desleixo doutros partidos que quedan “absolutamente desacreditados” para arrogarse calquera defensa dos intereses de Galicia, ao impoñer unha factura de 4.000 millóns de euros ás arcas da Comunidade co obxectivo de aforrarlla a Pedro Sánchez.
SEMANA NO SENADO
Tras a celebración hoxe da ponencia, mañá debaterase na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible as emendas do Partido Popular para recuperar a proposta orixinal da transferencia da AP-9, e que culminará o xoves coa votación desta lei no pleno do Senado. Os populares galegos insisten en que o “único obxectivo é respectar o acordado por unanimidade no Parlamento de Galicia antes de que PSOE e BNG pactasen -xunto con Sumar- un pacto de traidores”.