O PPdeG reclama ao Goberno central que elimine a cita previa obrigatoria na Seguridade Social e garanta unha atención digna aos cidadáns do rural

O PPdeG reclamou hoxe ao Goberno de Pedro Sánchez que elimine definitivamente a obrigatoriedade da cita previa nas oficinas da Seguridade Social das zonas rurais e garanta unha atención presencial directa, accesible e de calidade a todos os cidadáns, sen diferencias entre territorios, criticando que a cita previa só sexa obrigatoria nos municipios do rural.

Así fixeron esta reclamación en Celanova a deputada nacional Ana Vázquez e o senador Francisco José Fernández, acompañados pola secretaria da xestora local do PP nesta vila, Ana Antorrena, ante unha das oficinas da Seguridade Social que aínda mantén a obrigatoriedade da cita previa.

Os representantes populares denunciaron que o Executivo continúa facendo caso omiso ao mandato do Congreso dos Deputados, que o pasado 28 de maio aprobou, por 186 votos a favor e 159 abstencións, unha Proposición non de lei do Grupo Popular para eliminar a cita previa como requisito exclusivo de acceso ás oficinas da Administración Xeral do Estado.

“Pasaron máis de dous meses dende que o Congreso lle ordenou ao Goberno central garantir unha atención presencial con ou sen cita previa, pero nada cambiou”, advertiron. Como exemplo, sinalaron que a propia páxina oficial da Seguridade Social continúa indicando que no centro comarcal do Instituto Nacional da Seguridade Social de Celanova a atención préstase con “cita previa obrigatoria”.

Para os populares galegos, esta situación resulta especialmente grave nunha provincia como Ourense, caracterizada polo envellecemento da poboación, a dispersión territorial e o elevado número de persoas que viven no medio rural. “Non se pode obrigar a unha persoa maior a realizar por internet os trámites para solicitar unha pensión, unha prestación de viuvez ou unha incapacidade. A Administración ten que estar ao servizo dos cidadáns e non converterse nun labirinto que os deixa desamparados”, subliñaron.

UNHA INICIATIVA ESPECÍFICA PARA A SEGURIDADE SOCIAL

Ante a falta de resposta do Executivo, o Grupo Parlamentario Popular presentou unha nova Proposición non de lei centrada especificamente na atención prestada polo Instituto Nacional da Seguridade Social e pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

A iniciativa reclama suprimir o carácter obrigatorio e xeneralizado da cita previa, permitindo que os cidadáns poidan acudir directamente ás oficinas. A cita manteríase como unha opción voluntaria para aquelas persoas que prefiran reservar previamente o día e a hora da súa atención. O PP propón tamén establecer un prazo máximo de dez días hábiles para conseguir cita nos trámites esenciais, especialmente nas solicitudes de pensións de xubilación, incapacidade permanente, viuvez e orfandade, así como nas prestacións por nacemento e coidado de menores.

Ademais, pide habilitar canles de atención prioritaria para os colectivos máis vulnerables, entre eles as persoas maiores de 65 anos, con discapacidade e os residentes nos municipios rurais. En todos estes casos deberá garantirse a atención presencial sen necesidade de realizar previamente ningunha xestión telemática. A proposta complétase coa cobertura inmediata das vacantes existentes nos cadros de persoal da Seguridade Social e coa aprobación dunha oferta extraordinaria de emprego público que permita recuperar os niveis de atención anteriores á pandemia.

O GOBERNO OCULTA OS DATOS DE OURENSE

Ana Vázquez lembrou que o pasado 28 de abril, xunto con outros deputados do Grupo Popular, formulou unha batería de preguntas parlamentarias para coñecer os tempos medios de resolución das diferentes prestacións da Seguridade Social na provincia de Ourense dende 2017, os prazos para recoñecer o complemento por fenda de xénero ou maternidade e o número de expedientes pendentes de resolución.

Porén, na súa resposta do 10 de xuño, o Goberno non facilitou ningún dos datos solicitados sobre Ourense. Limitouse a reproducir os prazos máximos establecidos legalmente: 90 días para as pensións de xubilación, 135 para as prestacións de incapacidade permanente, 90 para as de viuvez e supervivencia, 30 para incapacidade temporal e maternidade e seis meses para o ingreso mínimo vital.

“O Goberno non respondeu a unha soa das preguntas formuladas nin explicou cantos ourensáns están esperando pola resolución dos seus expedientes. Esa opacidade confirma a súa falta de interese por solucionar un problema que afecta directamente a pensionistas, familias, autónomos e traballadores”, criticou Vázquez.

Pola súa banda, Francisco José Fernández incidiu na necesidade de reforzar os cadros de persoal da Seguridade Social para garantir unha atención pública áxil e eficaz, mentres que Ana Antorrena puxo o foco nas dificultades que a obrigatoriedade da cita previa provoca entre os veciños e veciñas de Celanova e da súa contorna, especialmente entre as persoas maiores e quen reside nos municipios rurais da comarca.

Os representantes populares insistiron en que a dixitalización debe servir para facilitar a relación coa Administración, pero nunca para excluír a quen non dispón de medios ou coñecementos tecnolóxicos. “A cita previa pode seguir existindo como instrumento voluntario de organización, pero non pode ser unha porta pechada. Os cidadáns teñen dereito a ser atendidos e o Goberno ten a obriga de poñer os medios humanos e materiais necesarios para facelo posible”, concluíron.

José Crespo e Juan Bayón denuncian o «desprezo» do Goberno de Pedro Sánchez ante o caos e as graves deficiencias do sistema ferroviario que afecta á provincia de Pontevedra

O senador José Crespo e o deputado nacional Juan Bayón, compareceron hoxe diante da estación de trens de Pontevedra para denunciar o «desprezo» do Goberno de Pedro Sánchez ante o caos e as graves deficiencias do sistema ferroviario que afecta á provincia de Pontevedra.

Ambos populares detallaron as iniciativas parlamentarias presentadas tanto no Congreso como no Senado para esixir solucións inmediatas ante a falta de investimentos, o caos no servizo de proximidade,os prezos abusivos no verán  e a falta de prevención de incendios.

Os populares sinalaron que Pontevedra, como receptor principal de visitantes no verán, está a sufrir as consecuencias do sistema de prezos dinámicos de RENFE. «Se entramos hoxe na aplicación de RENFE, a maioría de trens están cheos e os poucos billetes que quedan para ir a Madrid rondan os 100 euros», denunciou Bayón.

Esta falta de prazas e prezos desorbitados débense, en gran medida, á nula competencia ferroviaria en Galicia, provocada pola decisión do Goberno de excluír á comunidade da migración ao ancho de vía internacional.

Galicia, excluída do ancho estándar europeo

 José Crespo censurou o informe remitido polo Goberno central a Bruxelas en xullo de 2026 sobre a migración ao ancho de vía estándar europeo (1.435 mm). Este documento ignora por completo a singularidade de Galicia, onde conviven o ancho ibérico e o internacional na alta velocidade, e descarta o cambio nas vías convencionais do Corredor Atlántico.

«O Goberno de Sánchez volve perpetrar un grave agravio comparativo con Galicia», adiantou Crespo. «Máis do 80% da nosa rede opera en ancho ibérico. Excluírnos deste plan supón limitar a chegada de novos operadores, frear a competitividade e prexudicar directamente aos usuarios do transporte de viaxeiros e mercadorías». Ante este «novo desprezo», anunciaran novas iniciativas lexislativas para esixir os criterios técnicos deste descarte.

Caos nas proximidades: atrasos e prezos máis altos

Pola súa parte, Juan Andrés Bayón centrouse  no «día a día insostible» que sofren os usuarios do tren en Galicia. Bayón denunciou os continuos e sistemáticos atrasos que lles afectan aos trens de media distancia e proximidade, a insuficiencia de frecuencias para cubrir a demanda real e a incomprensible subida dos prezos dos billetes nun momento de clamorosa perda de calidade do servizo. Para Bayón, o Goberno de España «está a estrangular a mobilidade sostible en Galicia mentres mira para outro lado».

Lembrou o historial recente de colapsos na liña Vigo-Madrid, como o caos do pasado 24 de xuño cun atraso de 500 minutos, ou as graves incidencias por fallos na catenaria os días 2 e 8 de xullo.

 «A falta de mantemento nas vías e no material rodante provoca múltiples fallos», sinalou, recordando que a provincia de Pontevedra rexistraba en febreiro 18 limitacións de velocidade nas liñas AVE e 17 na rede convencional por mor do mal estado das infraestruturas. Por iso, no mes de xuño os deputados do PP volveron presentar unha pregunta escrita ao Goberno para esixir responsabilidades de cara á campaña estival.

Os populares sinalaronh  o engano do ministro Óscar Puente arredor do estudo  para o despregamento do núcleo de cercanías e trens de proximidade en Galicia. O Ministerio encargou este proxecto en decembro de 2024. O propio ministro Puente comprometeuse no Congreso (o 10 de setembro de 2025) e no Senado (o 2 de decembro de 2025) a que o informe estaría concluído e presentado antes de rematar o ano 2025.

«Estamos en agosto de 2026 e o estudo leva máis de 30 meses en redacción. O ministro Puente incumpriu unha vez máis a súa palabra con Galicia», recriminou Bayón. Os populares desvelaron que no pasado mes de xuño recibiron unha nova resposta evasiva do Goberno onde se reiteraba que o mapa ferroviario de proximidade «ia estar listo», pero sen concretar ningunha data. Esta parálise choca coas reiteradas demandas da Xunta de Galicia, que esixe unha rede de proximidade para vertebrar a mobilidade cotiá dos galegos.

O «plantón» de Óscar Puente ás Comunidades

Crespo cualificará tamén de «falta de respecto institucional sen precedentes» a ausencia do ministro de Transportes, Óscar Puente, na Conferencia Sectorial celebrada o pasado 28 de xullo. «Despois de catro anos sen convocarse, o ministro escóndese e non se digna a aparecer no órgano de cooperación autonómica, deixando plantados a todos os gobernos autonómicos e enviando no seu lugar ao secretario de Estado. É unha mostra evidente da súa nula vontade de diálogo», criticou.

Urxencia en desbroces para previr incendios nas vías

Outro dos eixes centrais da denuncia foi seguridade ambiental. Crespo esixiu a execución urxente e periódica do Plan de prevención contra incendios de ADIF, instando á limpeza e retirada de biomasa nas marxes das vías. 

Desde o pasado 22 de xuño, rexistráronse 10 incendios forestais preto das vías na provincia de Ourense. O caso máis grave ocorreu o 13 de xullo, con 8 lumes simultáneos en concellos como Maside ou Amoeiro tras o paso dun tren de mercadorías, o que obrigou a cortar a circulación durante 10 horas.

Existen antecedentes xudiciais que xa condenaron a ADIF e Renfe (como o caso de Boborás en 2015) por mor da acumulación de vexetación seca, ademais dos incidentes e cortes sufridos en agosto de 2025 e xuño de 2026.

O PPdeG solicita un plan de simplificación lexislativa específico para o sector pesqueiro

O PPdeG vén de solicitar un plan de simplificación específica para o sector marítimo-pesqueiro.

A través dunha proposición non de lei, o Grupo Parlamentario Popular demanda un marco regulador máis áxil e xusto que reforce a soberanía alimentaria, garanta a viabilidade socioeconómica e preserve o tecido produtivo das comunidades costeiras galegas. Tal e como explicou a deputada popular Nazareth Cendán, esta iniciativa xorde no marco do proceso actual que a UE está a desenvolver desde febreiro de 2025 cos chamados paquetes ómnibus, propostas dirixidas a reducir os custos administrativos e as obrigas de presentación de información para as empresas.

Neste senso, apuntou que “a simplificación no eido do mar debe ir moito máis aló da mera redución de informes burocráticos”. É que, tal e como sinalou, o sector enfróntase a diferentes desafíos regulatorios que ameazan de forma directa a súa viabilidade económica, tales como os elevados custos de cumprimento, os peches de caladoiros, a presión fiscal e as ineficiencias administrativas que lastran a súa operatividade diaria.

Por este motivo, a iniciativa do Grupo Popular, que recolle unha demanda do sector, avoga porque a Comisión Europea execute “unha revisión práctica, profunda e exhaustiva” de todas as políticas con impacto na pesca –o Regulamento de Control ou a Lei de restauración da natureza-, esixindo que a lexislación sexa proporcionada, coherente e eficaz permitindo que o sector prospere e garantindo, ao mesmo tempo, o cumprimento dos obxectivos de sustentabilidade da Unión Europea. Para a parlamentaria popular, dispor dun marco regulador máis sinxelo, no que a UE simplifique determinadas normas e leis, é clave para impulsar a competitividade a longo prazo.

Así mesmo, Nazareth Cendán defendeu que as administracións das rexións altamente dependentes da pesca, como Galicia, conten cunha participación directa no proceso de toma de decisións en Bruxelas. “O obxectivo final é acadar un marco normativo xusto e áxil que preserve o tecido produtivo e o futuro socioeconómico de todas as comunidades costeiras galegas fronte á competencia de terceiros Estados”, finalizou.