Alberto Pazos di que fronte ao modelo fracasado das alcaldesas da Coruña e Santiago hai unha Xunta que “constrúe vivenda e aporta solucións”

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, contrapuxo hoxe na Coruña os dous modelos radicalmente opostos que existen en Galicia para facer fronte ao grave problema da vivenda: o da Xunta de Galicia, baseado en “construír vivenda e aportar solucións, fronte ao modelo que escenifican as alcaldesas da Coruña e de Santiago de “construír escusas e relato” para xustificar o seu fracaso.

Pazos, que estivo acompañado do portavoz municipal do PP, Miguel Lorenzo, afeou o encontro mantido hoxe por las alcaldesas da Coruña e Santiago, ao que tachou de ser un “cumio” cuxo único obxectivo é o de buscar escusas e botar culpas: “Son dúas alcaldesas que coinciden en sinalar un culpable externo ao fracaso das súas políticas de vivenda”. “Oxalá –engadiu- remate a política de escusas e se sumen á das solucións e investimentos pola que aposta o PPdeG”.

 

A este respecto, o representante popular referiuse á declaración de zonas tensionadas, a cal considerou un exemplo da desastrosa xestión neste ámbito de ambas as dúas rexedoras. Neste punto, fixo fincapé nos resultados que tivo nas cidades. Así, incidiu nos resultados desta política: aumento dos prezos do aluguer e redución da oferta en máis dun 50% no último ano, tal e como aconteceu na cidade coruñesa. E sinalou que a solución pasa por “políticas máis serias e compromisos orzamentarios”.

“SOLUCIÓN MOI ESCASA” FRONTE AOS FEITOS DA XUNTA

Asemade, Alberto Pazos cualificou de “solución moi escasa” a medida do Goberno central de destinar 5,11 millóns de euros vinculados a estas zonas na Coruña e Santiago, unha contía, tal e como explicou Pazos, coa que só se poderían financiar menos de 30 vivendas públicas, entre Santiago e A Coruña: “O lóxico sería recapacitar e tomar medidas alternativas, pero, lonxe diso, o que se pretende é crear polémicas absurdas e estériles arredor dunha suposta aportación do Estado, da que a Xunta aínda non recibiu nin un só euro”.

Fronte a isto, Alberto Pazos puxo en valor a política de feitos do Goberno galego, recordando que ten en marcha na Coruña máis de 1.000 VPP cun investimento de 200 millóns, converténdoa na urbe galega con máis vivenda pública en marcha.

INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA ESIXIR RECURSOS REAIS

Pazos anunciou que o Grupo Popular vai presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia. O obxectivo será instar á Xunta a reclamar ao Goberno central un incremento substancial e xusto dos recursos públicos, demandar lealdade institucional ao Ministerio evitando polémicas artificiais e blindar por lei a avaliación con datos oficiais dos efectos destas zonas tensionadas para evitar que sigan asfixiando o mercado.

O portavoz popular concluíu lembrando que o modelo do PPdeG na Xunta é cuantificable e con feitos, destinando en 2026 un total de 350 millóns de euros ás políticas de vivenda (un 63% máis para construción) e coa meta clara de duplicar o parque público ata acadar as 8.000 vivendas en 2028 e as 10.000 en 2030.

UNHA MEDIDA INEFICAZ

Pola súa banda, o portavoz municipal do PP da Coruña sumouse ás críticas cara á xestión local e cuestionou as demandas da alcaldesa coruñesa. Afeoulle que, en materia de vivenda, non fixera nada nos últimos sete anos e que, o pouco feito, tan só serviu para agravar o problema, aprobando medidas populistas que son un fracaso coma a zona tensionada ou acumulando atraso tras atraso en todas as actuacións municipais.

Para o representante local, o único que fixo a alcaldesa foi empeorar o mercado de aluguer coa zona tensionada, que retirou inmobles do mercado, aumentou a demanda e subiu os prezos. Ao seu xuízo, o problema da vivenda solucionarase derrogando a lei estatal de vivenda e a zona tensionada na cidade, ao que se comprometeu cando sexa o seu próximo Alcalde, construíndo máis vivendas públicas, seguindo o modelo que está a liderar a Xunta, axilizando as licenzas municipais dende o Concello para reactivar o sector e convocando axudas directas para a rehabilitación de inmobles e a instalación de ascensores.

O Parlamento galego aproba a iniciativa do PPdeG para reclamar máis vivenda pública en Vigo e máis colaboración do Concello

A Comisión 2ª do Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa do PPdeG para reclamar unha maior implicación das distintas administracións na resposta ao problema da vivenda en Vigo.

A deputada autonómica Patricia García destacou que a Xunta está a facer unha aposta decidida pola vivenda pública na cidade, con máis de 900 vivendas en distintas fases de desenvolvemento en San Paio de Navia, ademais da preparación de novo solo residencial no Ofimático e Ramón Nieto para futuras promocións.

“Navia é a demostración de que cando hai planificación, investimento e xestión, as vivendas se poden facer. Hai solo, hai obras e hai promocións en marcha”, sinalou.

Patricia García contrapuxo esta actuación coa do Concello de Vigo, ao que reclamou que empregue as competencias e os recursos dos que dispón.

“O Concello ten competencias en urbanismo e na promoción e xestión de vivenda protexida. O que non pode facer é pasar a pelota á Xunta mentres os anos pasan e as familias seguen esperando”, afirmou.
A parlamentaria popular puxo como exemplo a creación de EMVIGO, a empresa municipal de vivenda, e reclamou que deixe de ser “un instrumento sobre o papel” para converterse nunha ferramenta efectiva para construír vivenda pública.
“Se o Concello pode crear unha empresa municipal de vivenda, tamén pode facer política municipal de vivenda. O que lle pedimos é que pase dos anuncios aos feitos”, destacou.
A deputada lembrou tamén que a Xunta non se limita á construción de novas vivendas, senón que está a impulsar actuacións de rehabilitación, especialmente no Casco Vello, e a planificar novos desenvolvementos para incrementar o parque de vivenda protexida da cidade.
“A Xunta está construíndo vivenda, preparando solo e rehabilitando. Agora queremos que o Concello faga a súa parte”, resumiu.
Patricia García insistiu en que o problema da vivenda require a colaboración de todas as administracións, pero advertiu de que “colaborar non significa que a Xunta teña que facer tamén o traballo do Concello”.

“Non necesitamos máis escusas nin máis anuncios. Necesitamos vivendas. A Xunta está facendo a súa parte; agora tócalle ao Concello de Vigo facer a súa”, concluíu.

O Parlamento aproba a iniciativa do PPdeG para reclamar ao Goberno central os 10 millóns de euros comprometidos para renovar a rede de abastecemento de Monforte

O Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa do PPdeG pola que se insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España o cumprimento do paquete de medidas anunciado o 17 de decembro de 2024 para o ciclo da auga e, en particular, a execución das inversións comprometidas para mellorar o abastecemento da cidade de Monforte de Lemos.

A deputada autonómica do PPdeG Katy Varela sinalou que se trata dunha actuación “fundamental para Monforte”, ante o estado da rede de abastecemento e as incidencias que, segundo denuncia, afectan de maneira recorrente á veciñanza.

“Estamos a falar dun servizo público esencial. O abastecemento e o saneamento da auga son competencias municipais, pero iso non significa que os concellos teñan que afrontar en solitario investimentos de enorme complexidade e envergadura. Precisamente por iso é necesaria a colaboración entre administracións e, neste caso, o cumprimento dos compromisos anunciados polo Goberno de España”.

Varela lembrou que o 17 de decembro de 2024 o Consello de Ministros anunciou un paquete de 752 millóns de euros para actuacións relacionadas co ciclo da auga en distintas comunidades autónomas, no que se incluía unha actuación de 10 millóns de euros para a renovación da rede de abastecemento de Monforte de Lemos.

“O problema é que case dous anos despois seguimos sen coñecer avances concretos que permitan aos veciños saber cando se vai executar esa inversión”, afirmou a deputada popular. “Unha infraestrutura destas características non pode quedar nun anuncio. Os monfortinos necesitan solucións e unha planificación clara, con prazos e execución efectiva”.

UNHA REDE QUE PRECISA ACTUACIÓNS

A parlamentaria do PPdeG subliñou que a situación da rede de abastecemento de Monforte fai especialmente necesaria esta actuación, tanto para reducir as avarías e interrupcións no subministro como para avanzar na renovación das tubaxes de fibrocemento.

“Non estamos falando simplemente de cambiar unhas tubaxes. Estamos falando de garantir un servizo básico, de reducir as perdas e avarías e de que os veciños poidan dispoñer dun abastecemento adecuado e fiable”, explicou.

Varela tamén reclamou ao Concello de Monforte que exerza as súas competencias e traballe coordinadamente co resto das administracións para que as actuacións necesarias poidan materializarse.

“Os concellos teñen unha responsabilidade fundamental na prestación do abastecemento e saneamento, pero cando son necesarias actuacións millonarias é imprescindible a cooperación institucional. O que non pode ocorrer é que os anuncios queden no papel mentres os problemas continúan afectando á veciñanza”, engadiu.

A XUNTA, “PREPARADA PARA COLABORAR”

Katy Varela destacou igualmente que a Xunta de Galicia leva anos desenvolvendo políticas de planificación e investimento vinculadas á garantía do abastecemento e á mellora da eficiencia das redes municipais.

Neste sentido, lembrou o papel de Augas de Galicia e as medidas contempladas no Plan especial da seca, actualizado en 2022, así como os programas destinados a mellorar a eficiencia das redes municipais, as estacións potabilizadoras, os depósitos e a dixitalización dos sistemas de xestión da auga.

“A Xunta está a planificar con antelación, a traballar cos concellos e a mobilizar recursos para mellorar a eficiencia e a garantía do abastecemento. Agora é necesario que o Goberno de España cumpra tamén cos compromisos que anunciou para Monforte”, afirmou.

A deputada popular incidiu en que a cooperación entre administracións debe estar por riba de calquera consideración partidista. “Aos veciños de Monforte dálles igual que administración achegue os fondos. O que queren é que se arranxe a rede, que se reduzan as avarías e que se garanta un servizo básico. As administracións temos que estar á altura desa demanda”, concluíu.

O PP reivindica para Lugo “conexións en tempos competitivos e a recuperación de frecuencias ferroviarias”

O Partido Popular reivindica que “Lugo recupere as frecuencias ferroviarias”. Así o manifestou a presidenta provincial e alcaldesa da cidade, Elena Candia, en rolda de prensa acompañada polos deputados populares no Congreso -Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades- e membros do goberno municipal – Antonio Ameijide e Cristina Sanz-.

 

Candia fixo referencia ao “incumprimento de prazos” anunciados polo propio Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible para a posta en funcionamento da nova estación de tren no mes de xuño. “É innegable que as obras están practicamente rematadas, pero aínda non hai data de apertura”. Con todo, subliñou que “o realmente importante para a cidade de Lugo é que haxa frecuencias, que se recupere o tren-hotel a Barcelona e que teñamos acceso á alta velocidade que nos permita conectarnos coa Meseta en tempos competitivos”.

 

A popular avanzou que “a nosa reivindicación non vai rematar aí: necesitamos que Lugo non quede desconectada porque a competitividade realmente está nas frecuencias e na alta velocidade e non imos parar ata conseguilo”.

 

O deputado nacional Francisco Conde advertiu dun “retroceso” en materia ferroviaria na provincia de Lugo co Goberno de Sánchez á vista de que “dispoñemos de menos servizos e peores horarios”. Así, os representantes no Congreso presentaron iniciativas para esixir explicacións ante o deterioro dos servizos ferroviarias da provincia e, máis concretamente, sobre as frecuencias Lugo-Madrid e a desaparición do tren-hotel a Barcelona.

 

Conde incide en que “a realidade da cidade de Lugo é que, a pesar dun investimento de máis de 600 millóns de euros nunha nova estación, non hai ningunha posibilidade de ter AVE e, aínda por riba, cada vez temos menos frecuencias e menos servizos. Esta falta de conectividade pon aos lucenses en inferioridade de condicións”, subliña. É por iso polo que os populares reclaman máis frecuencias, mellores servizos e a recuperación das conexións perdidas con Madrid e Barcelona.

 

O popular engade que “imos seguir esixindo que o Goberno de Sánchez, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, volva ao compromiso de conectar a cidade de Lugo co AVE e retorne a oferta de servizos e frecuencias que tiñamos antes da pandemia” cando os servizos nocturnos permitían a conectividade con Madrid e Barcelona. No caso de Madrid, os servizos actuais “impiden que un lucense poida estar máis de oito horas nunha viaxe de ida e volta”.

INCUMPRIMENTOS DO GOBERNO DE SÁNCHEZ

Os deputados censuran “o incumprimento do Goberno de Sánchez” en relación á “progresiva e paulatina recuperación dos servizos” suprimidos durante a pandemia. “A consecuencia é unha provincia cada vez máis illada, con menos alternativas para desprazarse e con horarios que dificultan gravemente a actividade laboral e persoal dos lucenses”.

Lugo contaba, en setembro de 2019, con catro saídas diarias cara a Madrid, incluído un servizo nocturno que saía ás 22:14 horas e chegaba ás 7:08 horas. Esta conexión, que permitía viaxar durante a noite e aproveitar toda a xornada na capital, desapareceu igual que o tren-hotel nocturno a Barcelona.

A alternativa actual para chegar a primeira hora a Madrid, froito dun cambio de horarios non dun incremento de servizos, é que os lucenses madruguen ás 5:18 para dispoñer de menos de 8 horas de tempo útil en Madrid nunha viaxe de ida e volta”, toda vez que o último tren de volta desde Madrid sae ás 18:06 horas. Ademais, o regreso pode alcanzar as 5 horas e 22 minutos, ao incluír unha espera de ata 1 hora e 20 minutos en Ourense.

Lugo tampouco dispón de conexión con Barcelona. O tren-hotel Galicia foi suspendido en 2019 e continúa sen ser recuperado. Máis de seis anos despois, os populares esixen saber que estudos de demanda realizou o Goberno e por que non cumpriu o compromiso de recuperar estas conexións. “Xa non estamos ante unha situación excepcional provocada pola pandemia. Estamos ante anos de incumprimentos”, sinalan.

O deterioro dos servizos é especialmente grave tendo en conta que, a pesar do investimento millonario no corredor Monforte-Sarria-Lugo; as estacións de Sarria e Monforte continúan pendentes de recepción por ADIF e acumulando deficiencias, mentres Lugo segue sen contar con alta velocidade.

Os populares defenden que as infraestruturas teñen que servir para mellorar a vida dos cidadáns e cren que non é razoable investir centos de millóns de euros en infraestruturas e que, ao mesmo tempo, Lugo perda servizos e teña peores horarios. De feito, “a nosa provincia queda sen AVE por decisión do Goberno de Sánchez”, lembran.