O Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa do PPdeG pola que se insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España o cumprimento do paquete de medidas anunciado o 17 de decembro de 2024 para o ciclo da auga e, en particular, a execución das inversións comprometidas para mellorar o abastecemento da cidade de Monforte de Lemos.
A deputada autonómica do PPdeG Katy Varela sinalou que se trata dunha actuación “fundamental para Monforte”, ante o estado da rede de abastecemento e as incidencias que, segundo denuncia, afectan de maneira recorrente á veciñanza.
“Estamos a falar dun servizo público esencial. O abastecemento e o saneamento da auga son competencias municipais, pero iso non significa que os concellos teñan que afrontar en solitario investimentos de enorme complexidade e envergadura. Precisamente por iso é necesaria a colaboración entre administracións e, neste caso, o cumprimento dos compromisos anunciados polo Goberno de España”.
Varela lembrou que o 17 de decembro de 2024 o Consello de Ministros anunciou un paquete de 752 millóns de euros para actuacións relacionadas co ciclo da auga en distintas comunidades autónomas, no que se incluía unha actuación de 10 millóns de euros para a renovación da rede de abastecemento de Monforte de Lemos.
“O problema é que case dous anos despois seguimos sen coñecer avances concretos que permitan aos veciños saber cando se vai executar esa inversión”, afirmou a deputada popular. “Unha infraestrutura destas características non pode quedar nun anuncio. Os monfortinos necesitan solucións e unha planificación clara, con prazos e execución efectiva”.
UNHA REDE QUE PRECISA ACTUACIÓNS
A parlamentaria do PPdeG subliñou que a situación da rede de abastecemento de Monforte fai especialmente necesaria esta actuación, tanto para reducir as avarías e interrupcións no subministro como para avanzar na renovación das tubaxes de fibrocemento.
“Non estamos falando simplemente de cambiar unhas tubaxes. Estamos falando de garantir un servizo básico, de reducir as perdas e avarías e de que os veciños poidan dispoñer dun abastecemento adecuado e fiable”, explicou.
Varela tamén reclamou ao Concello de Monforte que exerza as súas competencias e traballe coordinadamente co resto das administracións para que as actuacións necesarias poidan materializarse.
“Os concellos teñen unha responsabilidade fundamental na prestación do abastecemento e saneamento, pero cando son necesarias actuacións millonarias é imprescindible a cooperación institucional. O que non pode ocorrer é que os anuncios queden no papel mentres os problemas continúan afectando á veciñanza”, engadiu.
A XUNTA, “PREPARADA PARA COLABORAR”
Katy Varela destacou igualmente que a Xunta de Galicia leva anos desenvolvendo políticas de planificación e investimento vinculadas á garantía do abastecemento e á mellora da eficiencia das redes municipais.
Neste sentido, lembrou o papel de Augas de Galicia e as medidas contempladas no Plan especial da seca, actualizado en 2022, así como os programas destinados a mellorar a eficiencia das redes municipais, as estacións potabilizadoras, os depósitos e a dixitalización dos sistemas de xestión da auga.
“A Xunta está a planificar con antelación, a traballar cos concellos e a mobilizar recursos para mellorar a eficiencia e a garantía do abastecemento. Agora é necesario que o Goberno de España cumpra tamén cos compromisos que anunciou para Monforte”, afirmou.
A deputada popular incidiu en que a cooperación entre administracións debe estar por riba de calquera consideración partidista. “Aos veciños de Monforte dálles igual que administración achegue os fondos. O que queren é que se arranxe a rede, que se reduzan as avarías e que se garanta un servizo básico. As administracións temos que estar á altura desa demanda”, concluíu.