A senadora pontevedresa Pepa Pardo criticou duramente á ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, durante a sesión de control onte ao Goberno no Pleno do Senado. «Gobérnanos unha mafia, Corleone ocupa a Moncloa e vostede é a voceira das cloacas sanchistas, digna afillada do seu padriño, Santos Cerdán», aseverou de forma contundente, lamentando que para a ministra sexa “un honra ser a voceira do Goberno máis corrupto e máis mafioso da historia da democracia”.
Pepa Pardo afeou a Saiz que exerza este papel «ao dedillo e á perfección», sinalando que ten «un suspenso como a copa dun pino en primeiro de Democracia». Pardo lembrou que un Executivo que defende e respecta o Estado de dereito «non fabrica unhas cloacas para triturar policías, xuíces, fiscais, xornalistas incómodos e adversarios políticos», senón que «defende a separación de poderes e a independencia xudicial, non a pisotea para garantir a súa supervivencia».
Acusacións de coacción xudicial e o caso de Begoña Gómez
Durante a súa intervención, Pardo criticou con dureza as recentes declaracións da ministra tras o Consello de Ministros: «Vostede apelaba a un xurado ecuánime que faría xustiza e sentenciaba: ‘facer xustiza é declarar a Begoña Gómez inocente” Coaccionando, que é xerundio, ¿non, señora Saiz?».
A senadora lanzou unha advertencia ao respecto: «E se resulta que lle sae un xurado rebelde que decide non acatar as súas instrucións? Que vai facer?’. Vaille enviar á cloaca para que lle dean un sustiño?. É ese o concepto que ten vostede de Estado de dereito?».
Nesta liña de denuncia sobre as interferencias na xustiza, a senadora popular engadiu que «quen defende o Estado de dereito non presiona a un xurado dicíndolle cal debe ser o seu veredicto» e cualificou como «gravísimo» que se chegue a «tratar con clans do narcotráfico para que eliminen á xuíza que investiga o caso de corrupción do irmán do presidente».
Abandono de Ceuta
No ámbito internacional e fronteirizo, a senadora por Pontevedra subliñou que un Goberno responsable «non desprotexe as súas fronteiras e permite a invasión de Ceuta». Pardo lamentou que a ministra Saiz non dedicase «a metade do que dedicou a defender á señora Gómez ou ao imputado Santos Cerdán a defender a Ceuta e aos ceutís», esixindo ao Executivo que «lles devolvan a liberdade dunha vez por todas».
Propaganda coa vivenda
Finalmente, a senadora pontevedresa acusou ao Executivo central de utilizar o problema da vivenda unicamente con fins propagandísticos para manterse no poder. “8 anos no Goberno e só se dedicaron a dúas vivendas: a de Jéssica e a de Pedro Sánchez na Moncloa», recriminou.
