O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se insta ao Goberno central a adoptar de maneira urxente medidas que garantan unha adecuada dotación de recursos humanos e materiais na Coruña, ante a crecente preocupación cidadá pola seguridade.
A través desta iniciativa, os populares fanse eco das alertas de distintas organizacións profesionais, como a Confederación Española de Policía, que denuncian un aumento acumulado da criminalidade superior ao 19% na cidade entre os anos 2019 e 2025, coincidindo coa xestión do ministro Fernando Grande-Marlaska. A deputada popular Nazareth Cendán cualificou de especialmente alarmantes os datos oficiais do Ministerio do Interior, que reflicten que os homicidios e asasinatos –consumados ou en grao de tentativa- se dispararon en máis dun 215 % neste período, mentres que as pelexas rueiras con armas ou obxectos contundentes medraron arredor dun 70 %.
Durante a súa intervención, puxo o foco con especial gravidade nos delitos contra a liberdade sexual, que pasaron de 64 a 102 casos, salientando o incremento do 1.100% nas agresións sexuais con penetración, que pasaron de dous casos a 24 en seis anos. Ante este escenario, a deputada popular considerou imprescindible potenciar a prevención, a vixilancia e a investigación.
Nesta mesma liña, Nazareth Cendán avanzou que as estatísticas de delitos do primeiro semestre deste ano na Coruña arroxan datos preocupantes, ante a suba da criminalidade: un 34 % máis de lesións e pelexas, un 35 % máis de roubos con violencia, un 40 % máis de tráfico de drogas ou un 60 % máis de roubos en domicilios. Estes datos, segundo incidiu a deputada popular, confirman “o fracaso da competencia política de Pedro Sánchez fronte á violencia na rúa”.
UNHA SOLUCIÓN PARA AS PRECARIAS CONDICIÓNS DE TRABALLO
E afeou que o Executivo central continúe a negarlle á Policía Nacional o recoñecemento de profesión de risco. “Despois de oito anos, a violencia nas rúas acomodouse en máximos históricos ao non recibir unha contestación lexislativa nin policial adecuada”, engadiu Nazareth Cendán, para continuar sinalando que “O Goberno de Pedro Sánchez converteu a agresión, o risco e o abandono institucional en condicións normalizadas do traballo policial de toda España
Tras denunciar as precarias condicións de traballo ás que se enfrontan os axentes na Coruña, urxiu unha solución á falta de persoal e dotar de medios ás comisarías. Neste punto, criticou o estado obsoleto de infraestruturas loxísticas como o Cuartel policial de Lonzas. E reclamou a creación de novas unidades especializadas para combater con contundencia a delincuencia actual, incluíndo a contorna dixital e os ciberdelitos.
Para rematar, advertiu de que a escaseza de efectivos. Por iso, a iniciativa insta ao Executivo central a presentar un informe urxente de necesidades de persoal e a establecer unha coordinación permanente co Concello da Coruña e o resto de administracións para avaliar de xeito continuo a evolución da seguridade na cidade.