A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, cualifica ao presidente do PP de Santiago e candidato á Alcaldía, Borja Verea, como “a única alternativa posible” para gobernar na capital de Galicia fronte ao mandato “esgotado” do BNG. Para a número dous dos populares, o seu proxecto de cidade representa todo o que representan os gobernos populares: tranquilidade, unidade, xestión e futuro e, por iso, “Borja Verea é o alcalde que Santiago merece e necesita”.
Así o manifestou durante a III Romaría Popular do PP de Santiago, unha cita, dixo, “xa consolidada” e que amosa “o gran equipo” que é o PPdeG fronte a outros partidos que prefiren “ruído, algarada e confrontación”. No encontro, que se celebrou no Seminario Menor de Belvís, tamén participou o presidente do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, e exerceu como anfitrión o propio Borja Verea, xunto cos concelleiros populares e outros representantes do partido santiagués.
“O BNG dixo que ían transformar Santiago e logo de dous anos de Goberno, a capital de Galicia non pode estar peor”, sinalou Prado, citando asuntos como a suciedade, o transporte, turismofobia ou falta de diálogo cos veciños. Neste sentido, valorou a Borja Verea como o candidato “idóneo”, xa que é unha persoa “moi formada, fíxose coa cidade e é respectado polos santiagueses”.
Por outra banda, puxo en valor o Goberno galego de Alfonso Rueda con iniciativas como a construción de vivenda, o acordo histórico para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou as medidas sanitarias fronte ao “caos” xerado polo Estatuto Marco promovido polo Goberno de Sánchez e apoiado polos seus socios do BNG.
Para a secretaria xeral dos populares galegos, o Goberno galego “segue construíndo fogares mentres outros partidos se dedican a intentar aprobar decretos improvisados, vender fume ou xogar coas cifras de construción das vivendas que o Goberno galego si constrúe”. Así, apunta que o Executivo autonómico é máis “de chaves en man” e o BNG “de non á Galicia e non á vivenda”. Tamén lembrou que, en materia de vivenda, o goberno nacionalista de Santiago denegou licencias de obra coa escusa de que non constaba interese público. “Para o BNG, a vivenda pública non é de interese para os galegos e galegas”, lamenta Prado, que incide en que o problema de vivenda “non se soluciona con ruído e acampadas, senón con medidas reais”.
DIEGO CALVO: “SANTIAGO TEN UN PROBLEMA, QUE SE CHAMA BNG”
Pola súa parte, Diego Calvo destacou que Santiago de Compostela ten un “problema”. Un problema que se chama Goretti Sanmartín e BNG e que se apelida Partido Socialista”. Un problema, dixo, que ten á cidade “secuestrada” e refén dos enfrontamentos produto dun desgoberno que os veciños non merecen.
Fronte a esta situación, o presidente provincial destacou que o que necesita Santiago é “máis Borja Verea, máis Partido Popular e máis xestión. Santiago non pode resignarse, non pode resignarse ao bloque e non pode resignarse á confrontación”.
Por último, Calvo indicou que a “conta atrás” comezou e animou a todos a “sumar, traballar xuntos e tender pontes” para que o cambio que necesita Santiago chegue o próximo mes de maio.
BORJA VEREA: “IMOS SERVIR AS MESAS PARA VÓS, QUE SEMPRE ESTADES SEN PEDIR NADA A CAMBIO”
Borja Verea destacou o carácter especial desta Romaría, xa que, nesta ocasión, son os concelleiros, deputados e os altos cargos do partido os que se encargan de cociñar e servir as mesas. “Imos servir as mesas para vós, porque sempre é ao revés. Sempre estades vós axudando, sen pedir nada a cambio. Pero hoxe queremos que vexades que estamos aquí tamén para vós”, sinalou. Neste sentido, pediu aos asistentes “paciencia por se hai algún erro”, lembrando que “todos os que estamos hoxe aquí cociñando e servindo somos voluntarios”.
Durante a súa intervención, Verea puxo tamén o foco no incremento da participación de afiliados e simpatizantes na III edición desta cita, destacando que “somos cada vez máis para o cambio que está a punto de chegar” e que isto “nótase nas rúas, no traballo, nos amigos…”. Unha forza que, segundo Verea, medra arredor dun proxecto preparado para asumir a responsabilidade de gobernar Santiago: “Estamos preparados para gobernar. Somos un equipo con experiencia e todos compartimos un mesmo sentimento, que sentimos Santiago”. “Os santiagueses están esperando a que por fin chegue este cambio, e que poidamos por fin gobernar a nosa cidade”, concluíu.
Verea afirmou que “queda un último esforzo, quedan pouco máis de seis meses” e que hai que “seguir suando a camiseta, porque estamos moi cerca”. “Os santiagueses están esperando aí e esta forza que estamos sentindo hoxe aquí vai ser imparable en maio”, concluíu no seu discurso.
