Os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia Nicole Grueira e Enrique Barreiro destacaron os 585.000 euros que o Goberno galego dirixe a seis concellos da provincia para acometer obras de eficiencia enerxética en infraestruturas de titularidade municipal.
Os parlamentarios comprobaron, recentemente, o avance das obras de acondicionamento do local social (antiga escola parroquial) de Cirio, en Pol, para as que a Xunta concedeu unha axuda de preto de 98.000 euros. A deputada popular e portavoz do PP de Pol, Nicole Grueira, cualificou de “importante investimento” grazas ao cal é posible o arranxo deste local tan relevante para a actividade e dinamización social da parroquia. A voceira municipal puxo en valor este apoio como “exemplo de compromiso co noso municipio”.
Unido a este, son outros cinco os municipios beneficiarios destas convocatoria de axudas de carácter plurianual (2025-2026) en réxime de concorrencia competitiva e cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027: Burela, Cervantes, Navia de Suarna, Outeiro de Rei e Portomarín.
Os deputados lembraron que estas achegas permiten mellorar a eficiencia enerxética, polo que contribúen á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e a mitigar os efectos do cambio climático ao mesmo tempo que “melloran as condicións de infraestruturas empregadas polos veciños e veciñas”.
Os populares salientaron, polo tanto, o apoio continuo da Xunta co desenvolvemento dos concellos de toda a provincia e de toda Galicia. De feito, este ano o Fondo de Cooperación Local conta un 12% máis de fondos que o ano anterior e, a través de distintas Consellerías, o Goberno galego dirixe ás administracións locais neste 2026 unha cifra histórica de 670 millóns de euros, 30 millóns máis que no exercicio anterior.