O Parlamento aproba o Plan de normalización para que o galego sexa “unha causa compartida” fronte ás “trincheiras” partidarias

“Se algo nos ensina a historia é que cando fomos capaces de poñer a lingua por riba das siglas, Galicia avanzou. E cando convertemos a lingua nunha arma política, Galicia perde”, dixo hoxe o portavoz da área de Lingua do Grupo Parlamentario Popular, José Luis Ferro, tras a aprobación no Parlamento de Galicia do novo Plan xeral de normalización da lingua galega.

O parlamentario defendeu os froitos dunha política lingüística baseada en chegar a acordos. Neste punto, referiuse aos plans de 1983 e de 2004 como exemplos de consenso en cuestións fundamentais, grazas a que, tal e como recordou Ferro, “por riba das diferenzas partidarias, a lingua galega era unha cuestión de país”. E sinalou que, 22 anos despois da aprobación do último plan, o PPdeG mantén a mesma vontade: “Queremos un plan que poida ser asumido polo maior número posible de galegos”.

Nesta mesma liña, avogou por unha política lingüística que non divida, exclúa nin afaste, e que non converta o galego nunha bandeira partidaria. Aproveitou para pór en valor o proceso de escoita que o Goberno galego tivo ao longo de todo o proceso de elaboración, con 11 comisións de traballo, máis de 130 expertos implicados, máis de 400 contactos con particulares, entidades e institucións, así como tamén as máis de 1.400 achegas recollidas e analizadas.

 

CREAR MÁIS OPORTUNIDADES, GAÑAR MÁIS GALEGOFALANTES
Para o parlamentario popular, defender o galego significa conseguir que máis persoas o utilicen, que máis familias o transmitan, que máis mozos o empreguen, que máis empresas e ferramentas tecnolóxicas o incorporen, que máis persoas que chegan a Galicia o fagan seu ou que máis medios de comunicación o usen. Porque, tal e como incidiu, “este desafío” non se resolve dividindo a sociedade entre bos e malos galegos, como pretende o BNG, senón “creando oportunidades” para falalo.

“O galego non precisa propietarios, precisa aliados”, indicou. “Porque cando alguén intenta apropiarse da lingua –continuou-, exclúe e, cando exclúe, perde”. Asemade, apuntou a que hai unha diferenza entre “criticar para mellorar e criticar para impedir”, “entre formular propostas e deslexitimar o proceso” e “entre discrepar dun Goberno e negarse a colaborar” nunha cuestión que debería transcender a eles.

Durante a súa intervención, afeou a postura dos nacionalistas galegos, que din defender o galego e reclaman consenso e diálogo, pero que, cando chega o momento de construír un instrumento común para o futuro da lingua, néganse a participar no proceso: “O que fan é o que, precisamente, non axuda á lingua”. Segundo Ferro, tras “abandonar o espazo de diálogo”, perderon unha oportunidade para poñer a Galicia por diante das siglas, porque iso é “facer política e facer país”.

Tras a aprobación deste novo plan, ábrese unha nova etapa para que a lingua volva ser “causa compartida e deixe de ser trincheira”. Por iso, destacou a necesidade de “traballar máis para que haxa máis galegofalantes”.

O PPdeG di que mentres o Executivo central fai “política coa vivenda”, o Goberno de Alfonso Rueda “fai vivenda”

O portavoz da área de Vivenda e Urbanismo do Grupo Parlamentario Popular, Moisés Rodríguez, dixo que todos os anuncios e apostas do Executivo de Pedro Sánchez en materia de vivenda remataron “nunha estafa”: “Mentiron co número de vivendas que porían no mercado, co decreto sobre os desafiuzamentos e, tamén, coa Lei de vivenda”.

Para o parlamentario popular, a declaración de zonas tensionadas é “a maior expresión da hipocrisía” por non ser a solución ao problema da vivenda, xa que, tal e como se viu nas cidades onde se aplicou, provocou a caída da oferta. Neste senso, referiuse aos datos da Coruña: nun ano, máis dun 52 % menos de contratos de aluguer. E apuntou que menos vivenda no mercado significa máis dificultades para quen busca alugueiro.

RECURSOS INSUFICIENTES
Durante a súa intervención e tras reclamar máis investimentos, Moisés Rodríguez incidiu en que “os recursos do Estado seguen sendo claramente insuficientes”. E é que, tal e como explicou, dos 90 M€ anunciados polo Executivo de Pedro Sánchez en axudas reservadas aos territorios declarados como zonas tensionadas, só 5,5 millóns corresponderían á Coruña e a Santiago de Compostela, unha cifra que non chega nin para financiar 30 vivendas públicas. Pola contra, a Xunta ten prevista a construción de máis de 1.400 vivendas públicas entre as dúas cidades e o desenvolvemento de solo para arredor de 8.000 máis.

Fronte á política de “escaparate” e de intervencionismo Goberno central, sinalou que a Xunta incrementou a oferta de vivenda pública, promove a vivenda protexida, mobiliza solo, rehabilita inmobles e ofrece seguridade e incentivos para incorporar máis vivendas ao mercado: “Mentres uns interveñen no mercado, Galicia constrúe; mentres uns anuncian, Galicia executa; mentres uns fan política coa vivenda, a Xunta fai vivenda”. Moisés Rodríguez aproveitou para recordar os 350 M€ que o Goberno de Alfonso Rueda destina, este ano, a este eido.

Ao abeiro da iniciativa do Grupo Popular, o parlamentario reclamou “máis lealdade institucional e menos polémicas artificiais; un reparto xusto dos fondos e non discrecional, e menos dogmas e máis datos”.

A “CHAPUZA” DE CASA47
Por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou, tamén, a proposición non de lei do Grupo Popular relativa a reclamar a corrección inmediata do portal web Casa47. A iniciativa saíu adiante co voto favorable do Grupo Popular, BNG e de DO, logo dunha transacción que pide incorporar varios puntos con demandas para que as vivendas da Sareb se integren no parque público de vivenda da Xunta.

O programa estatal de vivenda, ao que o portavoz da área de Vivenda de “chapuza”, por presentar prezos inflados, falta de transparencia legal e unha oferta ridícula de só 99 vivendas para toda Galicia. Fronte a este modelo, a Xunta responde con feitos a través das máis de 4.000 novas vivendas de promoción pública en marcha.

Millán Mon reclama ao Consello 7.290 millóns de euros para o sector pesqueiro e acuícola no próximo Marco Financeiro

O eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon, membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, reclama ao Consello 7.290 millóns de euros para o sector pesqueiro e acuícola no próximo Marco Financeiro.

Así o manifestou esta mañá tralo debate, no pleno do Parlamento Europeo, sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, en presenza do Comisario de Orzamentos, Piotr Serafin, e do Ministro de Estado irlandés para Asuntos Europeos, Thomas Byrne. Neste debate, o ministro anunciou que a Presidencia irlandesa presentará a súa proposta de cifras para o Marco Financeiro (a chamada negotiating box) este sábado.

Millán Mon subliña que a negociación entra agora nunha “fase decisiva” e advertiu de que o resultado será determinante para o futuro do sector pesqueiro e acuícola europeo. “A pesca non pode afrontar os retos de descarbonización, modernización e renovación da frota, o relevo xeracional ou a perda de rendibilidade, sen os recursos necesarios”, sinalou.

O eurodeputado galego lembrou que o Parlamento Europeo rexeita a redución drástica do financiamento proposta inicialmente pola Comisión Europea e defende, pola contra, a citada dotación de 7.290 millóns de euros para a pesca e a acuicultura no próximo Marco Financeiro.

“Agora debemos manter esta ambición na negociación co Consello”, afirmou Millán Mon, que advertiu de que algúns Estados membros están presionando para reducir o orzamento europeo, “en especial, as dotacións das políticas tradicionais: agricultura, pesca e cohesión”.

Neste sentido, o eurodeputado popular apelou á Presidencia irlandesa do Consello: “Espero que resista estas presións e reflicta adecuadamente a importancia estratéxica da pesca e a acuicultura na nova negotiating box”, manifestou.

Millán Mon destacou que o debate sobre o financiamento da pesca é esencial para Galicia. “Trátase da prosperidade do sector pesqueiro, da cadea mar-industria e das comunidades costeiras dependentes, como Galicia. Trátase tamén da seguridade alimentaria de Europa”, sinalou. Neste sentido, concluíu engadindo que “hoxe precisamente en Vigo estase a ver a relevancia do sector transformador e de toda a cadea mar-industria coa celebración da feira Conxemar”.