O eurodeputado do PPdeG Francisco Millán Mon, membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, reclama ao Consello 7.290 millóns de euros para o sector pesqueiro e acuícola no próximo Marco Financeiro.
Así o manifestou esta mañá tralo debate, no pleno do Parlamento Europeo, sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, en presenza do Comisario de Orzamentos, Piotr Serafin, e do Ministro de Estado irlandés para Asuntos Europeos, Thomas Byrne. Neste debate, o ministro anunciou que a Presidencia irlandesa presentará a súa proposta de cifras para o Marco Financeiro (a chamada negotiating box) este sábado.
Millán Mon subliña que a negociación entra agora nunha “fase decisiva” e advertiu de que o resultado será determinante para o futuro do sector pesqueiro e acuícola europeo. “A pesca non pode afrontar os retos de descarbonización, modernización e renovación da frota, o relevo xeracional ou a perda de rendibilidade, sen os recursos necesarios”, sinalou.
O eurodeputado galego lembrou que o Parlamento Europeo rexeita a redución drástica do financiamento proposta inicialmente pola Comisión Europea e defende, pola contra, a citada dotación de 7.290 millóns de euros para a pesca e a acuicultura no próximo Marco Financeiro.
“Agora debemos manter esta ambición na negociación co Consello”, afirmou Millán Mon, que advertiu de que algúns Estados membros están presionando para reducir o orzamento europeo, “en especial, as dotacións das políticas tradicionais: agricultura, pesca e cohesión”.
Neste sentido, o eurodeputado popular apelou á Presidencia irlandesa do Consello: “Espero que resista estas presións e reflicta adecuadamente a importancia estratéxica da pesca e a acuicultura na nova negotiating box”, manifestou.
Millán Mon destacou que o debate sobre o financiamento da pesca é esencial para Galicia. “Trátase da prosperidade do sector pesqueiro, da cadea mar-industria e das comunidades costeiras dependentes, como Galicia. Trátase tamén da seguridade alimentaria de Europa”, sinalou. Neste sentido, concluíu engadindo que “hoxe precisamente en Vigo estase a ver a relevancia do sector transformador e de toda a cadea mar-industria coa celebración da feira Conxemar”.