Candia destaca que os orzamentos da Xunta avalan o modelo de cidade de Lugo, con investimentos en infraestruturas e nas persoas

Elena Candia destacou que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 avalan o modelo de cidade que impulsa o goberno local, baseado en dous eixes fundamentais: as infraestruturas e o investimento nas persoas.

Candia puxo o foco no traballo desenvolvido polo goberno municipal para desbloquear proxectos, impulsar a súa tramitación e avanzar cara á súa materialización “conseguimos desbloquear proxectos que aparecían de maneira consecutiva en exercicios orzamentarios anteriores que pola inacción do goberno anterior non avanzaban”.

Neste sentido, citou actuacións como as obras de ampliación da protectora de animais, o parque canino de Fontiñas, o inicio das obras da Serra de Meira, o avance do proxecto de abastecemento e saneamento de Esperante así como os pasos dados para impulsar o futuro centro de saúde do Sagrado Corazón onde se prevén 600.000 euros para contratar o seu proxecto nos terreos xa son propiedade municipal.

INFRAESTRUTURAS PARA QUE LUGO AVANCE
Os orzamentos da Xunta prevén 7,9 millóns de euros para o corredor Nadela-Sarria; un investimento de 2 millóns de euros tamén en 2027 para avanzar, dende o consenso, na rolda Leste; así como 516.176 euros para Serra de Meira (Plan Paradai), entre outros.

No ámbito das infraestruturas e dos servizos municipais, tamén destacan os 248.200 euros destinados á protectora de animais entre 2026 e 2027 e a partida de 1,2 millóns de euros para a ampliación do Anxo Carro. A estas actuacións súmase o proxecto de abastecemento e saneamento na N-540, en Esperante cunha partida de 126.993€.

INVESTIMENTOS NAS PERSOAS E NOS SERVIZOS PÚBLICOS
A sanidade, a educación e a atención social constitúen outro dos eixes dos investimentos previstos para Lugo. Ademais dos 600.000 euros para contratar o proxecto do futuro centro de saúde do Sagrado Corazón, os orzamentos inclúen máis de 1,6 millóns de euros para a segunda fase do acelerador lineal do HULA e 870.000 euros para a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa.

No barrio da Residencia, está previsto reforzar os servizos sanitarios coa incorporación de recursos de saúde mental ao edificio que actualmente está sen uso, ampliando así a atención neste ámbito. Esta actuación permitirá aproveitar un espazo existente para achegar novos servizos á veciñanza.

En educación, prevese investir 1,3 millóns de euros para continuar as obras de rehabilitación integral no CEIP de Nadela, 483.400 euros para a ampliación do IES Muralla Romana e 180.000 euros para o CIFP As Mercedes. A estas actuacións súmanse a gratuidade das escolas infantís, da que se benefician máis de 1.300 nenos e nenas na cidade (investimento duns 3 m€); e os 4,7 millóns de euros destinados á acreditación de excelencia do Campus Terra no período 2025-2029.

O investimento social inclúe máis de 9 millóns de euros para o Bono Coidado no Fogar para un total de 1.800 beneficiarios; 3,34 millóns para o Servizo de Axuda no Fogar e un millón de euros para continuar as obras nas residencias públicas das Gándaras e da Milagrosa.

MÁIS OPORTUNIDADES DE EMPREGO E ACCESO Á VIVENDA
O impulso á actividade económica recolle tamén 100.000 euros para a ampliación do polígono das Gándaras que contará con máis de 2 millóns de m² de superficie.

A Xunta inviste 60 M€ para vivenda de nova construción, 1,6 M€ en solo residencial.  Lugo é a terceira gran cidade de Galicia onde se desenvolven máis Vivenda de Protección Publica  con máis de 600. Ademais está previsto que neste ano se aprobe definitivamente o PIA do Sagrado Corazón ao que se destinan 1,9 M€.

Candia incidiu en que o modelo de cidade combina o impulso das infraestruturas co investimento nas persoas, pero tamén coa xestión necesaria para que os proxectos avancen. “O goberno local continuará traballando para desbloquear actuacións, completar os trámites pendentes e converter os compromisos en melloras concretas para Lugo e a súa veciñanza”, conclúe.

Rubén Lorenzo pon en valor o compromiso da Xunta con Bergantiños e a Costa da Morte nos Orzamentos de 2027

O deputado do Partido Popular na provincia de A Coruña, Rubén Lorenzo, pon en valor o compromiso da Xunta de Galicia con Bergantiños e coa Costa da Morte a través dos Orzamentos autonómicos para 2027, unhas contas que están xa en tramitación no Parlamento de Galicia e que incorporan investimentos relevantes para mellorar as infraestruturas, impulsar a actividade económica e dar resposta ás necesidades da cidadanía.

O proxecto orzamentario recolle actuacións de especial importancia para Carballo, que combina investimentos estratéxicos para o seu desenvolvemento industrial e viario con novas dotacións en ámbitos fundamentais como a vivenda pública e a sanidade.

Carballo: infraestruturas, vivenda e sanidade
Entre as principais partidas previstas para Carballo Rubén Lorenzo destacou os 3 millóns de euros para avanzar na variante, unha infraestrutura fundamental para mellorar a mobilidade, facilitar a conexión do polígono industrial coas principais vías de comunicación e reducir o tráfico de paso polo núcleo urbano.

A esta actuación, dixo, súmanse os 4,63 millóns de euros destinados á ampliación do polígono industrial de Bértoa, unha aposta polo fortalecemento do tecido empresarial, a creación de emprego e a capacidade de Carballo para atraer novos proxectos económicos.

No ámbito residencial, a Xunta impulsa a construción de 79 vivendas de promoción pública en Carballo, cun investimento de 12,5 millóns de euros, unha actuación especialmente relevante para ampliar a oferta de vivenda e facilitar o acceso a un fogar, particularmente entre as persoas e familias que máis dificultades atopan no mercado residencial.
En materia sanitaria, os Orzamentos inclúen 600.000 euros para o proxecto do futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Carballo, un paso importante

O compromiso da Xunta esténdese ao conxunto do territorio, con investimentos que buscan mellorar as comunicacións, reforzar a actividade empresarial e avanzar na prestación de servizos públicos.

No ámbito das infraestruturas viarias, destaca a consignación de 7,58 millóns de euros para avanzar na vía de altas prestacións entre Baio e Berdoias, unha actuación estratéxica para mellorar as conexións da Costa da Morte.

O impulso ao solo empresarial tamén chega a outros concellos da comarca, con 1 millón de euros para o polígono industrial de Coristanco e 64.000 euros para o polígono de Nantón, en Cabana de Bergantiños. Estas partidas contribúen a ampliar as posibilidades de implantación empresarial e a favorecer a creación de actividade económica e emprego no territorio.

Saneamento, depuración e prevención de inundacións

Os Orzamentos recollen igualmente investimentos en infraestruturas hidráulicas e ambientais, fundamentais para mellorar a calidade de vida da veciñanza e avanzar na protección do territorio.

Entre as partidas destacadas figuran:
Malpica: 1.139.000 euros para actuacións de saneamento.
Laxe: 1,3 millóns de euros para o saneamento de Traba.
Cee: 703.155 euros para a estación depuradora de augas residuais da ría de Corcubión.
Ponteceso: 701.599 euros para actuacións de prevención do risco de inundacións.

A estas intervencións súmanse actuacións de mellora e conservación nos portos da Costa da Morte, entre eles os de Caión, Corcubión, Corme, Laxe, Malpica e Muxía. Entre as partidas individualizadas destaca a destinada á construción dunha nave para o almacenamento de aparellos de pesca no porto de Laxe, cun investimento de 235.000 euros.

Investimentos que miran ao futuro

Para o Partido Popular, o proxecto de Orzamentos evidencia a importancia que a Xunta concede a Bergantiños e á Costa da Morte, cunha planificación que combina grandes infraestruturas con actuacións que repercuten directamente na vida diaria das persoas.

A mellora das comunicacións, o desenvolvemento do solo industrial, o acceso á vivenda, o reforzo dos servizos sanitarios e as actuacións de saneamento e prevención de inundacións conforman unha aposta polo desenvolvemento equilibrado do territorio e pola creación de novas oportunidades.

“Con estas partidas, a Xunta evidencia que a súa aposta pola Costa da Morte non se limita ás infraestruturas viarias ou ao desenvolvemento industrial, senón que abrangue tamén servizos públicos esenciais como a educación, contribuíndo a mellorar as instalacións e as condicións nas que se desenvolve a actividade educativa”, dixo Lorenzo.

O PP destaca, ademais, a importancia de que estas partidas continúen avanzando durante a tramitación parlamentaria e se traduzan en proxectos executados, infraestruturas útiles e servizos que respondan ás demandas da cidadanía.

Os Orzamentos da Xunta para 2027 supoñen os investimentos, a planificación e o compromiso institucional, que Bergantiños e a Costa da Morte necesitan, incorporan actuacións relevantes nesa dirección e ofrecen unha base para seguir avanzando no desenvolvemento económico e social das nosas comarcas

Carmen Pomar destaca a aposta da Xunta pola comarca de Santiago con 34,5 millóns de euros para impulsar 695 vivendas públicas

A deputada do Partido Popular pola provincia de A Coruña, Carmen Pomar defendeu hoxe que os investimentos previstos pola Xunta de Galicia nos orzamentos autonómicos de 2027 para a comarca de Sanatigo de Compostela responden ás necesidades fundamentais da cidadanía, como o acceso á vivenda, a mellora das infraestruturas sanitarias e educativas e o reforzo das comunicacións.

Pomar salientou especialmente os 34,55 millóns de euros destinados a impulsar 695 vivendas públicas en Santiago, Ames e Teo, un investimento, dixo, que permitirá avanzar na ampliación da oferta residencial na capital galega e na súa área metropolitana.

Do total previsto, Santiago contará con 9,35 millóns de euros para 410 vivendas; O Milladoiro, en Ames, disporá de 18,7 millóns para 219 vivendas, e Teo contará con 6,5 millóns para avanzar na construción doutras 66.

Para Carmen Pomar, estas actuacións reflicten a importancia de manter a vivenda entre as prioridades do investimento público e de impulsar medidas que permitan ampliar progresivamente as posibilidades de acceso a un fogar.

“A vivenda é unha das principais preocupacións de moitas familias, especialmente das persoas mozas. Por iso, é importante que os orzamentos contemplen investimentos concretos para impulsar novas promocións públicas en Santiago e nos municipios da súa contorna. O reto é que estes recursos se traduzan en vivendas e en oportunidades reais para a cidadanía”, sinala.

 

MÁIS INVESTIMENTOS EN SANIDADE E EDUCACIÓN

A dirixente popular tamén puxo en valor os recursos previstos para continuar as actuacións no Hospital Clínico Universitario de Santiago e completar o equipamento do Centro de Protonterapia de Galicia.

As contas autonómicas, explicou, contemplan 4,58 millóns de euros para a ampliación do CHUS en 2027 e outros 8,9 millóns para completar o equipamento do centro de protonterapia, dúas actuacións relevantes para as infraestruturas sanitarias de Santiago.

No ámbito educativo, destacan os 12 millóns de euros previstos para a nova Facultade de Farmacia, xunto coas partidas destinadas a mellorar centros educativos e avanzar na renovación das instalacións.

“Santiago precisa seguir reforzando os seus servizos públicos e as súas infraestruturas. Os investimentos en sanidade e educación repercuten directamente na calidade de vida dos veciños e contribúen a manter o papel da cidade como referente sanitario, universitario e científico de Galicia”, afirmo Pomar.

IMPULSO A INNOVACIÓN E ÁS COMUNICACIÓNS

A deputada autonómicas referiuse tamén á dotación de 37,93 millóns de euros para a Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), vinculada ao desenvolvemento da supercomputación, a intelixencia artificial e outras tecnoloxías avanzadas.

A estas actuacións súmanse os investimentos previstos para continuar as obras da autovía Santiago-A Estrada, avanzar na conexión Santiago-Noia e mellorar a estrada AC-406 entre Portomouro e Santa Comba.

Na opinión de Pomar, estas actuacións contribúen a reforzar as conexións entre Santiago e a súa contorna, mellorar a mobilidade e favorecer o desenvolvemento económico dos municipios.

“Santiago e a súa área metropolitana precisan infraestruturas que acompañen o seu crecemento, faciliten os desprazamentos e xeren novas oportunidades. A vivenda, a sanidade, a educación, a innovación e as comunicacións son ámbitos esenciais para o futuro da nosa comarca”, sostivo.

Por último, Carmen Pomar considerou que as contas autonómicas deben valorarse tamén pola súa capacidade para dar resposta ás necesidades da cidadanía e converter as partidas orzamentarias en proxectos concretos.

“Estamos a falar de investimentos que afectan a cuestións fundamentais para as familias e para o desenvolvemento de Santiago. Agora é importante que as actuacións previstas avancen conforme aos prazos establecidos e que a cidadanía poida comprobar os seus resultados”, concluíu.

O PPdeG reafirmase como “o motor do cambio” para que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente de España

O Partido Popular de Galicia reafirmouse como o “motor do cambio” para que Alberto Núñez Feijóo chegue á presidencia do Goberno de España. “A 40 días das Eleccións Xerais, Galicia ten que ser clave para comezar unha nova etapa da man do PP en España”, remarcou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, hoxe no Porto da Coruña xunto co portavoz e vicesecretario de Cultura e Deporte do Partido Popular, Borja Sémper, e o portavoz e presidente do PP da Coruña, Miguel Lorenzo. Con este encontro, os populares coruñeses aproveitaron para dar a coñecer ao dirixente nacional o proxecto da fachada marítima como dinamizador cultural, como por exemplo, as exposicións da Fundación MOP.

A número dous dos populares galegos insistiu en que Galicia ten que traballar arreo de cara ao 29N. Primeiro, “porque Alberto Núñez Feijóo o merece”, recordando que foi presidente da Xunta moitos anos, “sabe o que é estar á fronte dun goberno serio e rigoroso e porque afrontou o reto que supón dar a batalla a Sánchez”. E segundo, “Galicia merece algo mellor, un trato xusto”, dixo confiando no “proxecto do Partido Popular, que nos colocará onde debemos estar”, con mellores infraestruturas, servizos, máis colaboración e, “en definitiva, atender todos os asuntos pendentes que temos co Goberno central”.

Ademais, “o Goberno de Sánchez leva causado moito dano a Galicia”. Paula Prado asegura que “o sanchismo castiga o noso territorio constantemente con recortes en numerosos eidos” como infraestruturas, dependencia ou vivenda, entre outros, e por iso esta cita electoral “é tan importante, porque temos a oportunidade de deixar atrás os recortes a Galicia e elixir entre decencia ou delincuencia”. “Nós témolo claro: eliximos decencia”.

Desta situación tamén é cómplice, sinala, o BNG. “Din defender a Galicia e o único que defenden son os seus intereses partidistas”, definindo aos independentistas e nacionalistas galegos como os do “non a Galicia e si a Sánchez a cambio de nada”. “Se quixeran de verdade a Galicia romperían de pleno co sanchismo, pero a realidade é que o seu amor por Galicia non é real, sendo moi bravos aquí e moi mansos en Madrid”, incide. A solución para rematar con esta situación pasa por impulsar a Feijóo á Presidencia e sacar da Moncloa a Sánchez e aos seus socios.

Neste sentido, Prado lamentou que a socialista Inés Rey sexa “desas alcaldesas que miran máis polo sanchismo que polos coruñeses”. “No PPdeG somos de ofrecerlle aos galegos e galegas os mellores gobernos”, explicou a secretaria xeral sobre a importancia de poñer fin ao Goberno de Sánchez, pero tamén aos dos alcaldes que miran cara outro lado e non se preocupan das necesidades reais da cidadanía. Por iso, está segura de que Miguel Lorenzo, co seu proxecto,  será en maio de 2027 o próximo alcalde da cidade para devolverlle todo o que lle quita o Goberno socialista.

MIGUEL LORENZO: “A CIDADE NECESITA OUTRA FORMA DE GOBERNAR”

Pola súa parte, o portavoz e presidente do PP da cidade da Coruña insistiu en que para impulsar os grandes proxectos de cidade é necesaria “a colaboración entre todas as administracións”, pero na Coruña “temos un goberno municipal de Inés Rey que non sabe xestionar e a quen abandonou ata os seus socios”, e un goberno estatal que “non cumpriu nada do que nos prometeu Pedro Sánchez”. Afirma que Pedro Sánchez “non fixo ningunha vivenda, non fixo os accesos por estrada, non hai estación de tren nin alta velocidade real e non hai ampliación de Alvedro nin melloras para a aterraxe”

Neste sentido, contrapón o modelo do Goberno central co do Goberno galego, a “única Administración que inviste na cidade”, como reflicten os 260 M€ na Coruña en 2027, un 80% máis que os de 2026, para construír vivendas, seguir facendo o novo hospital, coidar á infancia e mocidade, así como aos máis maiores ou para mellorar a mobilidade.

Lorenzo lamenta que Inés Rey “non inaugurará ningunha obra do Estado na cidade nos seus 8 anos de goberno co seu silencio cómplice e o do BNG e non podemos seguir así”. “Os coruñeses e os españois” falarán o  29 de novembro e “estou seguro” que apostarán por Alberto Núñez Feijóo e o Partido Popular “para mirar o futuro con ilusión”.

“A Coruña necesita outra forma de gobernar en María Pita que que achegue solucións aos seus problemas como vivenda, mobilidade, seguridade, limpeza, etc.”, engade, facendo fincapé en que tamén é preciso o cambio “en Moncloa da man de Alberto Núñez Feijóo, “que coñece de primeira man as necesidades da cidade, que achegará solucións aos problemas dos coruñeses porque xa demostrou que inviste na nosa cidade e en quen podo confiar na súa palabra e na súa honradez”.

BORJA SÉMPER: “O PP OCUPARASE DOS PROBLEMAS REAIS DA CIDADANÍA CON DETERMINACIÓN”

O popular Borja Sémper puxo en valor o traballo do PPdeG e do Goberno galego, afirmando que intenta “aprender de Galicia, porque é unha referencia para todo o PP nacional, pola súa maneira transversal de entender a sociedade”. Neste sentido, afirmou que España “precisa parecerse a esta xestión”, recordando que Alberto Núñez Feijóo onte firmou un contrato cos españois, co obxectivo de recuperar “o valor da palabra dada”. “O que se di vaise facer , e en Galicia sábeno porque no 2019 se fixo e tivo o respaldo dos galegos”, engadiu.

O portavoz do Partido Popular destacou que de todas as anomalías que levamos vivido ao longo destes oito anos, ademais de poder criticalas, tamén “nos levamos unha aprendizaxe, do que supón cando un político en lugar de unir aos españois, os divide e levantan muros entre persoas que pensan diferente”. “Estamos ante un Goberno que se preocupa máis dos problemas dos políticos que dos dos españois, e isto non pode ser”, dixo Sémper, reafirmando que o PP “se ocupará dos problemas reais da cidadanía con determinación”.

A candidata Ana Méndez Gil salienta uns Orzamentos da Xunta “moi positivos” que reforzan os investimentos e compromisos con Ourense

A candidata á Alcaldía e portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Ourense, Ana Méndez Gil, fai unha valoración “moi positiva” dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, que recollen unha cifra global de 399,11 millóns de euros para a cidade, un 8,76 % máis que no exercicio anterior.

A candidata popular destaca tamén que Ourense é a provincia galega con maior investimento por habitante nos Orzamentos da Xunta para 2027, un dato que considera especialmente relevante e que, na súa opinión, pon de manifesto a atención que o Goberno autonómico presta ás necesidades do territorio.

Neste sentido, Méndez Gil considera que estas contas reflicten a continuidade dos compromisos do Goberno galego con Ourense e destaca tanto os recursos destinados a proxectos xa iniciados como as novas actuacións previstas en diferentes ámbitos.

“Estes orzamentos son unha mostra do compromiso de Alfonso Rueda e do seu Goberno coa nosa cidade. Valoramos moi positivamente que Ourense siga contando con investimentos en ámbitos fundamentais para o seu presente e o seu futuro, como a sanidade, a vivenda, a educación, a atención aos nosos maiores e as infraestruturas”, sinala a portavoz popular.

Entre as principais previsións destacan os 27 millóns de euros destinados ás obras e ao equipamento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, coa previsión de finalizar en 2027 o novo edificio de hospitalización. En materia de vivenda, recóllense máis de 4,9 millóns de euros para rematar o edificio de vivenda protexida de Cambedo de Raia e máis de 2 millóns de euros para o
desenvolvemento de solo residencial destinado a vivenda protexida na zona do Vinteún.

No ámbito social, a candidata fai fincapé na previsión de poñer en funcionamento en 2027 a nova residencia de maiores impulsada pola Fundación Amancio Ortega, que contará con 120 prazas, así como nos recursos destinados á atención á dependencia, ao Servizo de Axuda no Fogar e á conciliación das familias.

“Detrás destas cifras hai actuacións que repercuten directamente na vida dos ourensáns. Falamos de mellorar a atención sanitaria, facilitar o acceso á vivenda, reforzar os coidados dos nosos maiores e o apoio ás familias, e seguir creando oportunidades na nosa cidade”, afirma Ana Méndez Gil.

No ámbito das infraestruturas, a voceira destaca tamén os 2,5 millóns de euros destinados á ronda Leste de Ourense, concretamente ao treito Bemposta–N-525, unha partida que se incrementa un 66 % respecto ao exercicio anterior. A maiores, os orzamentos contemplan un millón de euros para o viario de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Por último, a portavoz e candiata popular salienta as partidas destinadas á mellora das comunicacións, á rehabilitación de centros educativos, ao apoio á actividade económica, á mobilidade, ao deporte e á conservación do patrimonio cultural.

“Cada ano o Goberno galego cumpre con Ourense nos seus orzamentos. Temos claro que as actuacións previstas continuarán avanzando e que os investimentos se traducirán en melloras reais para os veciños e veciñas da nosa cidade”, conclúe.

Verea aplaude as 400 vivendas públicas e a gratuidade das escolas infantís como exemplo “do Santiago que quero”

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, puxo en valor as máis de 400 vivendas de promoción pública que impulsa a Xunta de Galicia na cidade e a gratuidade das escolas infantís, da que se benefician preto de 2.000 nenos e nenas composteláns, como dous exemplos concretos “do Santiago que quero: unha cidade na que formar unha familia, atopar unha vivenda e construír un futuro non sexa unha carreira de obstáculos”.

Verea sinalou que “o importante non é falar de millóns de euros, senón do que eses investimentos significan para a vida das persoas. Que unha parella nova poida acceder a unha vivenda, que unha familia non teña que pagar pola escola infantil dos seus fillos ou que un mozo atope un bo emprego sen ter que marchar da súa cidade. Ese é o Santiago polo que quero traballar”.

En materia de vivenda, o líder popular destacou a necesidade de seguir incrementando a oferta para facilitar o acceso a un fogar, especialmente entre os mozos e as familias. “Santiago non pode resignarse a que os seus fillos teñan que marchar porque non atopan onde vivir. Temos que ser capaces de ofrecerlles oportunidades para quedar, para independizarse e para desenvolver aquí o seu proxecto de vida”, afirmou.

Neste sentido, tamén puxo en valor a gratuidade das escolas infantís como unha medida que facilita a conciliación e alivia a economía familiar. “Quero unha cidade que acompañe ás familias, que lles poña as cousas fáciles e que entenda que apoiar a quen decide ter fillos é tamén apostar polo futuro de Santiago”, sinalou.

Unha cidade que transforme o talento en oportunidades

Verea destacou tamén o potencial da fábrica europea de intelixencia artificial e do novo CESGA para impulsar a actividade económica e o emprego cualificado na cidade.

“Temos unha universidade de referencia, investigadores extraordinarios e un enorme talento que non sempre somos capaces de reter. Temos que aproveitar todo ese potencial, atraer empresas e investimentos e ofrecer aos nosos mozos oportunidades profesionais sen ter que marchar”, explicou.

O líder popular insistiu en que Santiago debe aspirar a consolidarse como unha cidade de referencia en innovación e novas tecnoloxías, aproveitando a súa condición de capital universitaria e científica.

Verea tamén se referiu aos investimentos previstos en educación e sanidade, como a ampliación do CEIP Cardeal Quiroga Palacios, a reforma do CEE A Barcia, a mellora das urxencias do Hospital Clínico e a posta en funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia.
“Queremos que os nosos fillos estuden nas mellores condicións, que as familias conten con bos servizos públicos e que as persoas maiores reciban a atención que necesitan. Unha cidade que coide das persoas en todas as etapas da súa vida”, sinalou.

Finalmente, Verea destacou que o financiamento autonómico da capitalidade se incrementou un 30 % no que vai de lexislatura, fronte ao 14,3 % de crecemento do orzamento global da Xunta, e defendeu a necesidade de que Santiago conte cos recursos necesarios para exercer plenamente a súa condición de capital de Galicia.

“Santiago ten todo para ser unha cidade de referencia. Temos talento, temos potencial e temos oportunidades. O que necesitamos é ambición, capacidade de xestión e un proxecto que permita aproveitar todo iso para mellorar a vida dos composteláns”, concluíu.

Luisa Sánchez destaca a aposta da Xunta pola recuperación da ETEA, con preto de 12 millóns de euros para urbanizar o entorno e o Campus do Mar

A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, destacou a aposta da Xunta de Galicia pola recuperación da ETEA, materializada na consignación de 11,72 millóns de euros nos orzamentos autonómicos do 2027 para continuar coa urbanización dos distintos ámbitos e para construción do novo Centro de Investigacións Mariñas no edificio Siemens. “Comprobamos que o Goberno galego reafirma o seu compromiso con Vigo, apostando pola ETEA, e tamén por seguir construíndo máis vivenda e reforzando as partidas en educación, coa construción do IES Domingo Villar en Navia, en sanidade, infraestruturas ou política social”, apuntou.

Durante unha comparecencia ante os medios de comunicación na Praza de Armas da ETEA, a líder local do PP subliñou a contía histórica destinada a Vigo polo Executivo autonómico nos orzamentos do vindeiro ano.

Entre eles, destacou a firme aposta do Executivo pola “recuperación” da ETEA, que se ratifica coa consignación de 5,6 millóns de euros para rematar a urbanización do ámbito PS-6 (2,55 M€) –no que se edificará posteriormente a residencia de maiores comprometida pola Fundación Amancio Ortega– e para a urbanización do ámbito PS-1 (3,1M€), que afecta aos viais e á Praza de Armas. A esta cantidade se suman outros 6,12 millóns de euros para la construción do novo Centro de Investigacións Mariñas (CIM) no edificio Siemens, unha dotación integrada dentro do plan de Infraestruturas Universitarias da Consellería de Educación.

“É un impulso á reordenación deste lugar e un novo motivo de orgullo para os veciños de Teis xa que este é un proxecto largamente agardado por Vigo dende que fai case 18 anos o Goberno cedeu os terreos para abrilos á cidadanía e erixir neles o Campus do Mar”, lembrou.

“Hai orzamento, hai vontade e tamén existe xa un convenio firmado, dende o pasado mes de febreiro, para poñerse a traballar”, destacou Luisa Sánchez, que fixo referencia á “foto paripé” protagonizada entón por Abel Caballero, David Regades e o entón reitor da Universidade de Vigo, sen que estivese invitada a conselleira de Infraestruturas, que firmou de forma telemática.

Dende entón, o desenvolvemento do PS-1, para o que a Xunta comprometeu 10 millóns de euros, segue bloqueado por parte de Caballero, sendo “un máis dos moitos proxectos paralizados por un alcalde que pensa máis en si mesmo e no seu interese electoralista que na súa cidade”, lamentou.

APOSTA POR SEGUIR LIDERANDO A CONSTRUCION DE VIVENDA
A presidenta local do PP celebrou que os orzamentos da Xunta ratifican a súa vontade de seguir liderando a construción en materia de vivenda, cunha consignación de 96 millóns de euros para Vigo, o que supón “o maior investimento en vivenda nunha cidade galega para o vindeiro ano”. Desa contía, 76,28 son para continuar erixindo vivendas de promoción pública (un 23,7 máis que este ano) e 7,4 son para o desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida.

Ademais do impulso á vivenda, o compromiso da Xunta cos grandes proxectos de Vigo demóstrase cunha partida de 1,5 millóns de euros para as obras de reforma do Teatro Fraga, 300.000 euros para cofinanciar o túnel de Elduayen, 300.000 euros para as novas pistas de atletismo de Balaídos e os 14,35 millóns para seguir levantando o IES Domingo Villar, en Navia, que é o primeiro centro educativo de Galicia construído integramente baixo o plan de nova arquitectura pedagóxica.

A aposta pola educación refléxase tamén na contía de 1,5 millóns de euros para rehabilitar o colexio Vicente Risco, mentres que no ámbito da sanidade reformaranse as Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro (1,6M€), haberá melloras no hospital Meixoeiro (2,4M€), a reforma da unidade Maxilofacial (1,01M€) ou a obra da Unidade de Reprodución Asistida (1,01M€), entre outros.

A Xunta incrementa un 18 % o investimento en Ferrol e comarca, con máis de 161,7 millóns de euros nos orzamentos

O presidente do Partido Popular de Ferrol, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha valoración dos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027. “Ferrolterra recibirá máis de 161,7 millóns de euros para a construción de vivenda pública, proxectos de transformación urbana, solo industrial, melloras en infraestruturas sanitarias, deportivas e en centros educativos, é un firme compromiso coa nosa comarca”.

Os orzamentos da Xunta para o 2027 superan os 15.100 millóns de euros, crecen un 6,4 % máis que en 2026, e serán os décimo oitavos consecutivos aprobados en tempo e forma. Estes orzamentos inclúen novas rebaixas fiscais para familias, empresas e acceso á vivenda.

O presidente dos populares afirmou que “a Xunta cumpre, Ferrol cumpre, nós estamos a elaborar os quintos orzamentos do noso mandato”, e contrapuxo esta planificación á situación do Goberno central, que leva anos cun orzamento prorrogado.

Así mesmo destacou que a Xunta reafirma o seu compromiso con Ferrol a través duns orzamentos que manteñen o esforzo investidor na cidade. Tras 17 exercicios orzamentarios consecutivos co PP á fronte do Goberno galego, “este investimento busca impulsar o crecemento de Ferrol e contribuír ao seu desenvolvemento económico e social”, asegura.

MÁIS VIVENDA PÚBLICA E REXENERACIÓN URBANA
A Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola construción de vivenda pública en Ferrol, fronte á ausencia de investimento do Estado nesta materia na cidade. “Mentres o Goberno central non destina fondos á promoción de vivenda pública en Ferrol, o Goberno galego impulsa a construción de 353 novos fogares e incrementa os recursos destinados a facilitar o acceso á vivenda e á recuperación urbana”, afirmou.

A través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destínanse 37,7 millóns de euros á construción de vivendas de promoción pública no Bertón, cun incremento dun millón de euros no orzamento destinado á vivenda na urbe. Actualmente no Bertón están xa 172 fogares en plena construción, mentres que os 181 restantes se atopan en fase de licitación.

Tamén o veciño Concello de Narón verá incrementado o parque de vivienda pública. Os orzamentos da Xunta aportan de 7,7 millóns para a construción de 105 vivendas de promoción pública. Ademais, neste municipio, a Xunta está a executar as obras para transformar en 14 vivendas os locais sen uso de titularidade autonómica que ocupaban a primeira planta do inmoble emprazado na rúa Ponte Pielas. Así mesmo, proxecta outras 91 VPP que se van construír nunha parcela cedida polo Concello de Narón na Avenida 3 de abril.

O convenio de rehabilitación urbana de Ferrol mobiliza 3,26 millóns de euros para favorecer a rexeneración de barrios históricos, ámbitos declarados Ben de Interese Cultural (BIC) e zonas situadas no Camiño de Santiago.

Pola súa banda, o programa Rexurbe, fundamental para a recuperación do casco histórico, aporta 2,9 millóns para seguir avanzando na rehabilitación de vivendas e na revitalización de A Magdalena e Ferrol Vello, consolidando nova poboación a través de alugeiros sociais. Este ano entregáronse xa as chaves de cinco VPP trala rehabilitación de dous inmobles no marco deste programa.

“A Xunta demostra con investimentos concretos a súa aposta, un ano máis, pola vivenda pública e pola transformación de Ferrol, mentres o Goberno do Estado so fala en titulares”, apuntou.

A MAIOR TRANSFORMACIÓN URBANA EN DÉCADAS
Grazas ao esforzo inversor da Xunta, Ferrol avanza na súa transformación urbana, será o seu maior cambio en décadas. Novamente, Abrir Ferrol ao mar, a Cidade do Deporte, o convenio de rexeneración urbana e o saneamento na zona rural reciben un espaldarazo de 10,5 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas consolida o seu compromiso coa cidade e o convenio Abrir Ferrol ao Mar aumenta un 120 % o seu orzamento. Así pásase dunha inversión de 1,6 millóns de euros en 2026 a 3,52 millóns de euros en 2027. “Este ano rematará a fase 1 Ferrol Vello-Arsenal-Magdalena, a fase de Esteiro estará lista en 2027 e antes de finalizar o 2026 comezarán as obras no barrio de Caranza, isto son feitos”, afirmou o tamén alcalde de Ferrol.

A Consellería de Deportes continúa a súa aposta co proxecto da Cidade do Deporte, cun investimento de 3,2 millóns de euros. “Os deportistas e clubes da cidade merecen unhas instalacións de primeira, como eles, e xuntos compartiremos logros e victorias nas novas instalacións”, destacou.

Neste momento están en obras, o complexo polideportivo Javier Gómez Noya (450.000 euros) e o pavillón de Santa Mariña (246.944,18 euros), mentres continúan os traballos en Fimo (5,7 millóns de euros), na cuberta do estadio municipal de A Malata (3,7 millóns de euros) e na Cidade Náutica de A Cabana (1,7 millóns de euros). Nas próximas semanas iniciaranse as actuacións na Casa do Deporte (188.142,90 euros) e no Ensanche A (311.808,41 euros). E xa están operativos os campos de fútbol de Caranza e da Gándara.

O deporte ferrolán recibirá, ademais, 275.000 euros reservados á actividade dos clubs de base.

En relación o saneamento na zona rural, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da un gran pulo o ano que vén a estas obras xa iniciadas, cun investimento de 3,7 millóns de euros para completar a Fase 1A, e poder comezar a seguinte fase.

Augas de Galicia destinará 3,83 millóns de euros a sufragar outros gastos correntes ligados, fundamentalmente, á explotación de diferentes instalacións hidráulicas xa existentes.

MÁIS SOLO INDUSTRIAL E INVESTIMENTOS ESTRATÉXICOS
Ferrol contará cun novo parque empresarial en Mandiá para dar resposta á demanda de solo industrial das empresas e favorecer a implantación de novas actividades económicas.

“Ferrol gañará 1,6 millóns de metros cadrados de superficie. Necesitamos seguir medrando e diversificando a oferta industrial da cidade e da comarca”, salientou Rey Varela. Esta nova área empresarial complementará as infraestruturas existentes e as posibilidades de desenvolvemento vinculadas ao porto exterior, reforzando o potencial industrial e loxístico de Ferrol e da súa contorna.

A estes investimentos súmanse outras actuacións estratéxicas para impulsar a actividade económica e mellorar a competitividade da cidade. A Consellería de Economía e Industria destinará 2,6 millóns de euros á mellora da eficiencia enerxética no CIS da Cabana.

Pola súa banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración prevé destinar 230.000 euros ao Centro de Formación Ocupacional, situado na avenida do Mar, en Caranza, e outros 120.000 euros ao Polo de Emprendemento de Ferrol, co obxectivo de reforzar a formación para o emprego e apoiar a creación de novas iniciativas empresariais.

A estas partidas súmanse 2,72 millóns de euros en axudas a autónomos e emprendedores e 5,4 millóns para plans de formación para o emprego.

MOBILIDADE URBANA
O investimento da Dirección Xeral de Mobilidade na cidade aumenta un 12,4% respecto a 2026 e ronda os 4,3 millóns de euros.

Así mobilízanse 100.000 euros para a integración da estación de autobuses na Estación Intermodal de Ferrol á espera de que ADIF firme o convenio. “Somos a única das sete grandes cidades de Galicia que segue esperando pola firma do convenio, esperamos que o próximo Goberno do Estado firme este documento”, solicitou Rey Varela.

Tamén se duplica a política tarifaria dos plans de transporte en Ferrol, acadando os 877.600 euros.

O servizo galego de apoio á mobilidade persoal, o transporte escolar e o servizo integrado de transporte medran un 5,5% e alcanzan os 2,8 millóns de euros. Os mozos ferroláns poderán beneficiarse das bonificacións á tarxeta TMG Xente Nova, que medran un 3,75% e pasan de 306.900 a 318.400 euros e as axudas á adquisición de bicicletas con pedaleo asistido suben o 42,9% ata os 40.000 euros.

A través da Consellería de Planificación de Infraestruturas, darase un impulso á VAC Costa Norte cun investimento de 3,15 millóns de euros.

OS NOSOS MAIORES E AS FAMILIAS
O benestar das persoas, a atención aos maiores e o apoio ás familias constitúen unha prioridade para a Xunta de Galicia e para o Goberno de Ferrol. Os orzamentos autonómicos reforzan este compromiso con investimentos destinados a mellorar os servizos de atención á dependencia, ampliar os recursos asistenciais e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

No ámbito da atención ás persoas dependentes, a Xunta destina 2,32 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Ferrol. Mentres que para o programa de Xantar na casa habilítase unha partida de 175.000 euros.

A estas medidas súmase o investimento de máis de 3 millóns para o funcionamento da residencia pública autonómica cedida pola Fundación Amancio Ortega, que xa acolleu os seus primeiros usuarios hai unhas semanas. O centro incorpora 120 novas prazas públicas e supón, ademais, a creación de 110 postos de traballo directos, reforzando tanto a rede de atención residencial como o emprego na cidade.

O Bono Coidado no Fogar contará cunha dotación de 7,3 millóns en Galicia, un 55 % máis que no exercicio anterior para chegar a aproximadamente 1.460 beneficiarios. Esta iniciativa contribúe a apoiar economicamente ás familias que asumen o coidado dos seus maiores e persoas dependentes no ámbito doméstico.

O apoio ás familias e á conciliación é outro dos eixes fundamentais destas políticas. Galicia manterá por quinto ano consecutivo a gratuidade das escolas infantís, unha medida da que se benefician 32.000 nenos e nenas en toda a comunidade, preto de 900 deles en Ferrol. O investimento destinado a esta iniciativa na cidade ascende a 2,2 millóns de euros.

Por outra banda, o Bono Concilia contará este ano cunha dotación de 2,6 millóns de euros e permitirá apoiar preto de 200 familias ferrolás na atención puntual dos seus fillos e fillas, ofrecendo recursos para compatibilizar as responsabilidades familiares e laborais.

A Xunta reforza tamén as políticas de apoio ás persoas en situación de dependencia, cun incremento do 20 % no investimento destinado aos bonos de dependencia en Galicia, ata alcanzar os 8,5 millóns de euros en Ferrol. As axudas aos maiores e á discapacidade suman 15,8 millóns de euros.

MÁIS INVESTIMENTO NA ATENCIÓN SANITARIA
A sanidade é un prioridade. Un exercicio máis segue o esforzo inversor para modernizar e de dotar de máis e mellores servizos á nosa área sanitaria. Así dende a Consellería de Sanidade destínanse 17,14 millóns de euros ao Complexo Hospitalario de Ferrol para o remate das obras en curso da fase 1 do Plan director e para o proxecto e inicio das obras da Fase previa final, traballando, así, simultaneamente nas dúas fases e avanzando nunha obra complexa que se está a levar a cabo compatibilizándoa coa actividade asistencial do hospital.

Ademais, contémplase crédito para a humanización de espazos hospitalarios, para a que se reservan 470.000 euros aos que se suman 4,4 millóns de euros para a dotación de equipamento destinado a aquelas zonas do hospital nas que van rematando obras. Así mesmo, destaca o crédito consignado para a adquisición de 10 vehículos para diversos servizos desta área sanitaria 330.000 euros.

Entre obra e equipamento, o orzamento consignado para o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol ascende a máis de 22,4 millóns de euros.

Con respecto aos investimentos en Atención primaria, destaca a dotación de crédito para a licitación do proxecto do novo centro de saúde no barrio de San Xoán, 600.000 euros. “Estamos a ultimar a tramitación administrativa para a sinatura do convenio a través do que dende o Concello de Ferrol poremos á disposición a parcela, para a construción desta infraestrutura sanitaria que dará servizo a máis de 10.200 veciños e veciñas dos barrios de San Xoán Bertón, Catabois e Santa Icía”, avanzou Rey Varela.

Ao igual que nas restantes áreas sanitarias de Galicia, o orzamento do 2027 prevé importes que se destinarán á área para continuar a dotación de equipamento para os centros de atención primaria e hospitalaria, así como para actuacións TIC, nas que se inclúe o mantemento de equipamento e programas existentes e o desenvolvemento de novas actuacións.

En canto á mellora da atención aos ferroláns, desde a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes contémplase 500.000 euros para as obras de eficiencia enerxética no Tribunal de Instancia de Ferrol e 1,3 millóns de euros para a asistencia xurídica gratuíta, ademais de 200.000 euros para a posta en marcha do rexistro único no edificio administrativo de Ferrol

MÁIS RECURSOS PARA A EDUCACIÓN E O CAMPUS INDUSTRIAL
O orzamento do 2027 continúa mellorando as infraestruturas educativas de Ferrol, cun investimento previsto de 3,15 millóns de euros para distintas actuacións. Entre elas destacan 600.000 euros destinados á construción dunha pista cuberta no IES Ricardo Carvalho Calero e 700.000 euros para unha nova pista cuberta no IES Concepción Arenal. Tamén consignaranse 701.000 euros en 2027 para a rehabilitación integral do CIFP Leixa, un proxecto cun investimento total de 1,85 millóns de euros. As actuacións complétanse con diferentes tipos de melloras no CIFP Ferrolterra, IES Catabois, CEIP Plurilingüe Juan de Lángara e no CEE Terra de Ferrol.

O compromiso coa formación e o coñecemento esténdese tamén ao ámbito universitario e á innovación industrial. O Consello da Xunta celebrado onte aprobou investir 13 millóns de euros na construción do novo Centro de Investigación e Innovación da Industria Intelixente (EI3) en Ferrol, cunha partida de 1,28 millóns de euros prevista para 2027.

Ademais, mantense a dotación de 6,64 millóns de euros para o período 2024-2028 destinada á acreditación de excelencia do Campus Industrial da Universidade da Coruña. A estas actuacións súmanse 726.700 euros para o centro mixto de investigación UDC-Navantia-Stgo Deseño e Multimedia, S.L., denominado O estaleiro do futuro, que conta cun investimento total de 1,6 millóns de euros.

“Estes investimentos reforzarán a modernización dos centros educativos, a excelencia universitaria e a investigación, consolidando Ferrol como un referente na formación especializada e na innovación vinculada ao seu tecido industrial”, subliñou Rey Varela.

Pola súa parte, a Consellería de Cultura colaborará coa musealización del Centro Cultural Torrente Ballester, xa en obras, cunha partida de 230.000 euros. “Ferrol contará no 2027 co seu primer museo como cidade, que albergará o rico e variado patrimonio artístico co que contamos e que queremos compartir cos ferroláns e os visitantes”, avanzou o rexedor.

Os orzamentos contemplan outras inversións na comarca como a mellora do sistema de abastecemento de Ares (765.228 euros); nova Edar de Cariño (3 millóns); rehabilitación integral do CPI Atios en Valdoviño (1.375.000 euros); posición da pasarela portuaria de Mugardos (363.000 euros) e a mellora e acondicionamento das naves das antigas conserveiras de Cariño cun investimento plurianual de 500.000 euros, entre outras.

“Ferrol e a comarca está moi presente no orzamento do 2027 da Xunta de Galicia”, afirmou José Manuel Rey Varela, “estas cifras son un compromiso real que nos permite ofrecer vivendas de promoción pública, novas instalacións deportivas, novos espazos para o ocio e disfrute grazas a Abrir Ferrol ao mar, as primeiras viviendas do rural conectadas ao saneamento e solo industrial para facer de Ferrol unha cidade con máis oportunidades, máis emprego e máis futuro, capaz de atraer investimentos, fixar poboación e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza”.

Domínguez califica de “excelentes” os orzamentos da Xunta con Pontevedra

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, debullou hoxe os Orzamentos que a Xunta de Galicia ten previsto investir no concello de Pontevedra no ano 2027. Acompañado pola secretaria xeral dos populares locales, Pepa Pardo, Domínguez celebrou que a administración galega destine á capital da provincia un investimento total de 406,35 millóns de euros, que supón un incremento do 16,49% con respecto aos orzamentos deste ano 2026.

Ademais, Domínguez destacou a seriedade e a correcta planificación da Xunta de Galicia que se demostra con “estes orzamentos, que se presentan en tempo e forma, cousa que botamos en falta nos últimos catro anos do Goberno de Pedro Sánchez”. O líder do PP de Pontevedra considera que “estes orzamentos son un exemplo de que a Xunta de Galicia está conectada á realidade da cidade de Pontevedra e que o presidente Rueda cumple con Pontevedra”.

Entre os máis de 400 millóns de euros que a Xunta de Galicia compromete para a cidade de Pontevedra, o presidente local do Partido Popular destaca os 1,2 millóns de euros que Portos de Galicia reserva na anualidade de 2027 para o inicio do proxecto de dragaxe do río Lérez en Pontevedra, dentro dun proxect “complexo que é unha aposta de Rueda coa súa cidade” e que ascende na súa totalidade a 12 millóns de euros.

Tamén destaca para Domínguez os 250.000 euros que a Xunta compromete para o futuro Centro de Alto Rendemento (CAR) de Galicia, ubicado en San Andrés de Xeve, e que conta cunha partida de 250.000 euros para a redacción do proxecto de interese estratéxico.

Seguindo en materia deportiva, as reformas e melloras do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, CGTD, contarán o vindeiro 2027 con preto dun millón de euros, que se suman aos preto de 383.000 euros comprometidos para axudas e patrocinios a clubs pontevedreses dentro dun total de investimento en deportes que reserva unha cifra próxima a 1,6 millóns de euros.

Por último, na consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cabe destacar que a Xustiza incrementa os seus recursos para 2027 na Cidade do Lérez e conta con 20,6 millóns de euros, deles preto de 4 millóns de euros están destinados á asistencia xurídica gratuíta.

En materia de Mobilidade, Pontevedra ten reservados máis de 333.000 euros directos para actuacións na estación de autobuses, mellora de paradas e accesibilidade na rede autonómica, mentres a política tarifaria dos plans de transporte increméntase un 103,1% con respecto a 2026, ata roldar o 1,1 millón de euros. O investimento da Dirección Xeral de Mobilidade na cidade aumenta un 9,8% respecto a 2026 e sitúase próximo aos 9,6 millóns de euros, mentres a política tarifaria dos plans de transporte increméntanse máis do dobre: +103,1% para roldar os 1,1 millóns de euros.

O servizo galego de apoio á mobilidade persoal, o transporte escolar e o servizo integrado de transporte medran en Pontevedra un 4,6% ata case os 3,8 millóns de euros, as bonificacións da tarxeta TMG Xente Nova para os mozos e mozas de Pontevedra medran un 3,75% e superan os 2,5 millóns de euros e as axudas para adquirir bicicletas con pedaleo asistido suben na cidade do Lérez pasan de 35.000 a 50.000 euros, un 42,9% máis. Pola súa banda, as actuacións en paradas e estacións de autobuses en Pontevedra aumentan un 59,1% ata os 262.000 euros e a mellora da accesibilidade en paradas un 45,1% para superar os 71.000 euros.

Por parte de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a actuación máis importante está prevista en Valdecorvos, e permitirá seguir avanzando nos traballos para facer fronte aos riscos de inundación derivados do cambio climático. O orzamento para 2027 é de 1 millón de euros, dentro dun custo total previsto de 4 millón de euros. A actuación de Valdecorvos é unha obra clave para a cidade de Pontevedra porque se trata da creación dunha área de inundación controlada para laminar o caudal do río en caso de choivas intensas e, ademais, será unha das primeiras intervencións deste tipo programadas que se executará en Galicia. A Xunta aposta por un tema moi importante para Pontevedra e, sobre todo, para os veciños, para que “por fin poidan ter esa ansiada tranquilidade que esperan”.

En materia de Política Social e Igualdade, a Xunta de Galicia destina máis de 7,3 millóns de euros ao Bono Coidado no Fogar na cidade de Pontevedra, para un total de aproximadamente 1.460 beneficiarios, mentres que investirá máis de 2,6 millóns de euros para a suba do prezo da hora do SAF a 17 euros na cidade de Pontevedra, para un total de, aproximadamente, 110 beneficiarios.

Por quinto ano consecutivo, a Xunta de Galicia mantén a gratuidade nas escolas infantís, beneficiándose un total de 32.000 nenos e nenas de toda Galicia, dos que aproximadamente 1.100 son da cidade de Pontevedra, o que supón un investimento de máis de 2,1millóns de euros na vila do Lérez. Por outra banda, a través do Bono Concilia, está previsto que se beneficien unhas 300 familias na cidade de Pontevedra. Tamén se incrementa nun 20% o investimento previsto en bonos de dependencia en Galicia, cun investimento de 9M€ na cidade de Pontevedra.

As obras de restauración da finca do Pazo de Lourizán teñen comprometidos 6 millóns de euros para o inicio dos traballos no 2027. Este orzamento da consellería de Economía e Industria pretende revitalizar un dos elementos máis importantes do patrimonio histórico de Galicia, mostra de que o Goberno Galego busca continuar impulsando e dando valor á investigación e á industria forestal galega. “Dende fai tempo considerabamos necesaria a súa restauración. É un proxectos que vai modificar sen dúbida a cidade de Pontevedra”, indica o líder do PP de Pontevedra.

“Se algo preocupa aos pontevedreses neste momento é a vivenda e Alfonso Rueda ten a capacidade de identificar o problema e de tratar de solucionalo”, apunta Domínguez. En materia de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a Xunta de Galicia continúa a apostar pola vivenda pública na cidade de Pontevedra e a maior mostra é que se duplica o investimento para construción de vivenda pública na cidade, acadando os 29,1 millóns de euros comprometidos para 2027, cando neste 2026 a cifra era de 14,22 millóns de euros. Tamén se incrementa o investimento para desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida con 4,6 millóns de euros.

Nos orzamentos de 2027, a Xunta de Galicia duplica o investimento para solo residencial e construción de vivenda pública en toda a comunidade galega, pasando de 177,73 millóns de euros a máis de 360 millóns de euros. Pontevedra é concretamente un exemplo do firme compromiso da Xunta en materia de vivenda, con máis de 300 vivendas públicas protexidas e sendo a cidade na que recentemente se entregaron as chaves para unha promoción de 74 VPP.

A Xunta de Galicia tamén referenda a súa aposta pola conectividade en Pontevedra cunha partida de 1 millón de euros para a Variante de Alba (o cuádruple do 2026), que mellorará a conexión norte do concello de Pontevedra, unha cifra que permitirá avanzar coa tramitación do proxecto construtivo no ano 2027.

Con respecto ao Novo Hospital Montecelo, a Consellería de Sanidade compromete un importe 11 millóns de euros para a finalización dos remates da obra do novo hospital, así como para a licitación da cafetería e do aparcadoiro. Tamén están consignados preto de 38 millóns de euros para a fase final do equipamento do Novo Montecelo: adquisición de equipos correspondentes aos plans de necesidades dos novos servizos, equipos de laboratorios, salas de diagnóstico e mobiliario xeral de áreas administrativas ou de espera de pacientes.

Nos orzamentos de 2027 tamén se prevén 5,75 millóns de euros para equipamento TIC do Novo Montecelo, ademais do previsto para outras actuacións TIC na área sanitaria. Por outra banda tamén se contempla unha partida de 405.0000 euros para a dotación do hospital de día de adultos e infanto-xuvenil, no marco do recollido no Plan Estratéxico de Saúde Mental. En total, entre obra e equipamento, o orzamento consignado para o Hospital Público Montecelo ascende a 55,2 millóns de euros.

Este orzamento de 2027 prevé a finalización da primeira fase e posta en servizo completa do Novo Hospital Montecelo no vindeiro ano co impulso do aparcadoiro e a cafetería. Tamén contempla o reforzo dos recursos destinados á atención á saúde mental e, ao mesmo tempo, o orzamento previsto para a área garante o incremento retributivo para o persoal e mantén a dotación para a prestación farmacéutica así como a ortoprotésica para toda a poboación da área.

Pola súa banda, a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fará tamén unha firme aposta por Pontevedra ao incluír 1,5 millóns de euros nos seus orzamentos de 2027 para actuar no convento de Santa Clara, “para que este proxecto avance co apoio e respaldo da Xunta de Galicia”. Un ano máis, a Consellería de Cultura volverá apoiar unha nova edición de Culturgal cunha achega de 90.000 euros.

En materia de Emprego, Comercio e Emigración, Pontevedra ten unha estimación de investimento dos Bonos comercio na cidade de 200.000 euros mentres que o impacto do apoio ao emprendemento na cidade de 170.000 euros. Por outra banda, hai unha estimación do impacto das axudas aos autónomos na cidade de 1,5 millóns de euros e a previsión do impacto das políticas formativas para o emprego na cidade de 13,9 millóns de euros. Por último, a estimación do impacto do apoio á economía social na cidade será de 1,31 millóns de euros.